mércores, 29 de decembro de 2004

Misoxínia

Frase lapidária: "O peor inimigo dunha muller é outra muller; principalmente se se trata da sua mellor amiga".

O autor desta máxima é quen isto escreve, e o receptor, o seu amigo Vapin. Lugar: onte, ao serao, un lugar especialmente acolledor, principalmente a esa hora, A'Tasca, na Cruz, ateigado de xente farta de facer compras e farta tamén do Nadal.
Iso a propósito de contar-lle a Vapin como as amigas da miña sobriña se aniquilan reciproca e incansavelmente entre elas á mínima oportunidade. Vapin e eu concordamos, como tantas veces: nunca vimos, entre varóns, combates buscando a xugular; eliminación do competidor mediante o procedemento da descalificación tramposa, da humillación do amigo para ocupar o seu lugar, como elas fan desde que son nenas.
Será debido á carenza de pene? Que opinaria respeito papá Freud?

Pronto aparecen Nican e Cris, e falamos, entre outras cousas, da planificación do camiño de Santiago que Cris está empeñada en comezar para Febreiro; razóns: a neve, o frio, etc. Ben, penso eu, antes en Febreiro que sensilla, e presiono-as para quedarmos hoxe e irmos tomar unha pizza na Aceña, xa con calendário e roteiro. Aceitan os tres, e hoxe espero que concretemos algo (máis).

Marchan pronto e eu quedo escaso, e, indo para a casa dos meus pais, deteño-me no C. Castelo, na Cova das Meigas, onde inaugura celibato o irmao de Vapin xunto a Ti e outras tres meigas, que lerchan á beira, parece, de esmorecer.
Quedo con eles catro cañas, e, muitos chistes, bobadas, lérias e ironias máis tarde, confirmo a miña teoria freudiana inicial; as meigas rin e bromean e un chega a non perceber de que rin nin con quen ou de que bromean, mentres instalan no fronstispício do ser/estar o lema "O peor inimigo dunha muller..."
Esta vez, sen embargo, nengunha lle dixo a outra que lle sentaban mal os pantalóns que levaba, porque tiña peor tipo que ela.
Non imaxino a Vapin dicendo-me iso a min, e menos diante doutros amigos. A algun varón lle sucedeu algo parecido? Eu creo que non; a táctica dun macho alfa dominante para impoñer-se a outro non é precisamente esta.
Das que están hoxe aqui, sen dúvida a mellor para min no trato é Ti; hai con ela unha afinidade e un entendemento sólidos apesar dos anos que me leva. M. parece que ten mui pouquiña cousa dentro da cabeza, e non me interesa en absoluto; é demasiado previsível, e tan gora como a sua conversación; pola contra, P. é quen máis me atrae pola sua pel tan branca que á mínima contrariedade ou ao escuitar a menor alusión da miña parte se arroiba e arrebola: vai e vén co seu móbil, manda calar para contar algo que logo non conta, ou que se conta ninguén atende, ri de calquer cousa, cora outra vez...
Deixo-as organizando o regreso en coche tras declinar a invitación a levar-me a min, e marcho reconfortado: imaxino a pel suave e branca, morna e mol do ventre de P. Baixo un pouco, ventre e rúa, e chego ao púbis que, estou certo, debe ter os pelos claros e escasos. Por un momento soño esperto que introduzo un dedo na húmida e suave ferida entre as suas pernas.

martes, 28 de decembro de 2004

Discusión

Serve de algo facer regalos cando requeren unha prévia discusión?
É razoável discutir sobre o valor dos regalos, a sua natureza, mesmo a conveniéncia de facé-los ou recebé-los?
Se alguén ten unha resposta, por favor, sirva-se enviar-ma, porque, ou eu toleo, ou xa non hai quen entenda algunhas cousas do máxico Nadal.

luns, 27 de decembro de 2004

Encontros

Sucede cada ano, e este tamén. Ithaca está ateigada de amigos, de coñecidos, de antigas noivas, de fantasmas encerrados en armarios e de sombras doutras épocas que un vai atopando, inesperadamente, ao xirar unha esquina, ao saír dunha tenda, ao entrar nun café, ou como esta mesma mañá, ao entrar nun banco.
Alí estaba A., pertencente á categoría "Sombras": apenas tres intensos encontros nocturnos no interior do coche, moi espaciados nos anos, e entre eles atopármonos pola rúa, descubrir que temos amigos comúns e que andábamos de copas polas mesmas zonas. Chegamos a saudarnos naquela altura con franca naturalidade, como veciños ou colegas do traballo.
Esta mañá non me recoñeceu; en realidade, tampouco me viu. Bastou que nos cruzásemos no BSCH (un lugar estraño para unha erección) e chegou a evocación de feroces manobras no asento traseiro do meu coche unha noite distante, os dous nus, e a sorpresa case aterradora dos poldros que, imperturbables, nos axexaban através dos vidros embazados.

Vacacións

En Ithaca desde o pasado xoves, e sen acceso a ordenador, polo que non dei entrado aquí até hoxe.

O máis evidente, o frío nas rúas (a madrugada do Domingo, camiñando pola Praza Maior con Ti, baixo a neve: "cando daría porque a miña filla estivese aquí e mañá puidese ver isto"), e a calor extrema na casa dos meus pais, como sempre.
A cear en Noiteboa, e a xantar e cear en Nadal viñeron irmá, cuñado e sobriña, pero ou eles me abafaron ou o que me abafou foi ter tanta xente na casa, non sei, pero o Sábado á noite necesitei escapar: con Vapin dúas guinnes no de sempre, e unha chamada ao seu móbil convocounos no Campo Castelo, no lugar en que parecen estar sempre os amigos de Cesp, o irmán de Vapin. Hoxe só algúns: Ti, Estridente, e outra que me dixo o nome varias veces pero que non dei aprendido.
Puxéronse a falar con Vapin da Cea do Amigo Invisible (ultimamente prolifera este tipo de ceas, ao que parece), pondo en común as sospeitas e indagacións sobre os autores anónimos dos regalos, que basicamente consistiron en lencería vermella, pero tamén había un dildo XXL, que por certo lle tocou a quen seguramente ben o agradeceu: Estridente.
Bebemos todos moito, pero eu mantívenme fiel á cervexa, agora loira; alguén subitamente propuxo facermos unha queimada, que se desbotou por saír a prezo de ouro, e todos seguimos bebendo, até aparecer a botella de vodka vermello circulando entre os vasos.

Unha das conversas, que eu seguín de lonxe porque ninguén ma propagaba, xirou á volta da próxima e ao parecer inevitable ruptura do irmán de Vapin con J. Do que escoitei puiden ir construíndo o puzzle, tamén os cualificativos: ciumento, egoísta, exhibicionista, maleducado, radical, tío de esquerdas, intolerante.
O que ningún deles sabe (nin Vapin tampouco) é que desde finais de Outubro eu, que non fun a ningunha das súas ceas de aniversario e amigos invisibles en que me parece que debeu suceder algunha escena entre os dous, eu, digo, sei que isto ía suceder, que o final da relación estaba chegando.
Hoxe parezo ser eu o Amigo Invisible de J. en Ithaca, e tamén ao que parece, o único que aquí lamentará a súa marcha.

martes, 21 de decembro de 2004

Vésperas

Son vésperas, si, vésperas de Nadal.
Espécie de túnel apresurado, cheo de luces, en que hai que tolear un pouco para non tolear de todo.
E seguen a chegar postais, hoxe a de P., desde Ithaca. E pola mañá, no traballo, convite no segundo recreo, un pouco fúnebre; na mesa da Sala, cruasáns, polvoróns e caramelos, e as cuncas de café bocabaixo, á espera dun café que se acabou pronto e cuxos reforzos non chegaban; e arredor da mesa unha parte do claustro tratando de facer bromas que non saían; e enchendo a Sala, por riba da mesa e entre nós, un siléncio por momentos embarazoso.
Todo, en definitiva, un pouco fúnebre.

Pola tarde vou ao garaxe a meter no coche a primeira entrega da equipaxe que levarei a Ithaca. En vez de un panetone hai dous panetoni, pero eu só paguei un; o outro, xunto cunha mancha branca no forro negro da porta que limparei mañá, pertencen a Mário.

Por último, proxectos para as vacacións: esta mesma noite, sen prórroga, darei remate a Nada de Carmen Laforet; esperan A vida que nos mata , de López, e Anxos e demos, de Dan Brown; o primeiro, por curiosidade, o segundo, como quen toma un laxante, que non só de boa literatura vive o home.
Para que conste.

luns, 20 de decembro de 2004

Inesperado

Ningunha novidade esta mañá. Durmín toda a noite coma unha marmota, non porque fose moito senón porque foi un sono profundo, e máis que durase, pero ás 7 erguínme.
Tras almorzar, ducharme, vestirme, facer a cama e coller o lixo, marchei á noite matinal, iso si, sen chegar ao máxico momento en que a torre da igrexa esparexe as metálicas pingas de tempo sobre os tellados e sobre nós, sobre min e sobre os outros acostumados madrugadores que vou atopando, como cada día.
Chego cedo ao instituto, como a min me gusta, con tempo suficiente para follear El País. Sen novidade nas clases, como non sexa que, mentres facíamos unha leitura, ao preguntar eu que significaba a palabra "desmembrado", un alumno respóndeme "quere dicir que lle arrincaron o pene". Na garda de recreo, á maneira de El jardín de los frailes, de M. Azaña, paseei con M. Polinomio polo patio, falando de cousas sen importancia, e logo con Ilu, que me estivo chamando o sábado; conteille a escapada á Comarca.
Tamén falei cousas sen trascendencia con R., os dous camiño da casa (cada un da súa, claro); e como se ve, a miña vida vai transcorrendo nunha intrascendente conversa interrupta con uns e con outros; con R., por exemplo, falo do tempo, do baixo que vai o río e da cea de Nadal de mañá, á que eu non vou ir, farto de tanta conversa intrascendente, non vou pagar por riba horas extra para seguir conversando mentres engulimos linguados e entrecostos.
Na casa nen me deteño: só vou polas chaves do coche, pero ao abrir o buzón atopo un postal natalicio de B.; nela , coma un arume, a dozura amarela dos anos que traballamos xuntos ao pé daquel mar que eu deixei hai catro longos anos; gardo pronto o postal no sobre, non vaia vir a saudade, collo as chaves e baixo outra vez.
Durante a mañá ocorréuseme ir a Carrefour, pero en canto entro no hipermercado comprendo que cometín un error.

domingo, 19 de decembro de 2004

De re domestica

Cando Macer e eu éramos amigos, antes de convertermo-nos en amantes primeiro e en completos descoñecidos despois, a min gustaba-me ler Cosmopolitan, que ela sempre compraba en inglés, e que logo deu en comprar en español para eu podé-la ler mellor. Pois ben, o único que lembro de toda aquela faramallada insulsa e pseudointelectual era unha recomendación dun consultório sobre como lograr a felicidade ou algo semellante.
Abordaba o tema do paso do tempo, e recomendaba facer balance ao final dos anos, de maneira que extraésemos de cada un aqueles acontecementos máis importantes e significativos, que servisen para individualizá-lo. Algo semellante aos anais do romanos.
Falo de todo isto porque esta mañá de domingo, despois de ler na cama un longo treito, mentres pasaba o ferro a unhas camisas, dei en escolmar os acontecementos que servirán para individualizar este ano que comeza a alá ir.
Resulta dificil, non por numerosos, senón por escasos, e só podo tirar en limpo a relación con Polis, o abandono do tabaco e a recuperación dos meus sinais de identidade tras a separación.
Será posível tanta penúria?

sábado, 18 de decembro de 2004

Aburrimento

Levo o día enteiro pagando o cansazo da viaxe de onte para estar cos hobbits.
Xanto calquera cousa que teño conxelada tras pasala polo microondas: un prospecto que trae dentro agoira o final do fritir, e faino case como se anunciase o final do mundo, unha nova época. Tomo unha cervexa. Tras os sucesivos telexornais/telediarios sento na butaca e vexo, por fin até o final despois de varias interrupcións Con la muerte en los talones, de Hitchcock, que me sorprende polas súas cores, estrañamente anacrónicas.
Ocórreseme chamar a Polis; o seu móbil está activo pero ninguén o colle; teño ganas de falar con el, aínda sabendo que despois de colgar reaparecerá a sensación de fastío doutras veces.
Releo o anterior, e penso que podo estar a ser inxusto con Polis, que teño algo contra el ou que proxecto sobre el as miñas propias frustracións.
En realidade non sei se é así; debe tratarse daquela relacion de amor/odio da que falaba Macer; segundo ela, os dous criticámonos e tratámonos con terrible malicia, buscando dar, indo á vea, pero logo resulta que non podemos pasar un sen o outro muito tempo.
Polis abúrreme bastante cando se pon a falar de coñecidos como se falase de Grandes Protagonistas da Historia, e das cousas triviais que lles pasan como se falase do Watergate. Haberá quen pense que me sinto desdeñado e actúo por vinganza: non podo negar que estiven encantado de manter unha relación estable e duradoira con el, que sigo esperando que calquera outro día en que esteamos un pouco máis borrachos ao írmonos para a casa volva suceder.
Pero é certo: os problemas e inquietudes de Polis son bastante aburridos e a súa vida pouco interesante, ou mellor, pouco importante.
Certo que eu tampouco son Indiana Jones, pero polo menos non trato de converter un ourinol en floreiro, se se me entende.
Observo cada vez que o vexo como se vai convertendo nun solteirón, frívolo e case dandy, pendente de cousas verdadeiramente banais, como a última vez, que pasou boa parte da noite laiándose por non dar atopado unha camisa rosa que combinase co traxe que pensa levar a unha boda á que está invitado.
Ocóreseme tamén pensar que, sen decatarse, Polis empeza a parecer gay, un gay maduro, guapo, elegante, educado e single aos 40 anos, non tanto por esas cousas cousas domésticas e insignificantes que lle preocupan e interesan, como polo seu propio aspecto, tan coidado sempre, pero agora, non sei se antes tamén, cun toque case afeminado.

Na comarca

Estiven onte, final e efectivamente, na Terra Media, visitando os meus amigos hobbits.
A meiodia, mentres xantaba, tomei a dobre decisión de non ir buscar a nena e tampouco seguir os planos controladores de Ambece, polo que nen café de meia tarde, nin Bridget Jones con cine-forum, nin ao dia seguinte cea de amigos invisíveis ou o que sexa que fose. Chamo-a e digo-lle que dormirei un pouco e que despois marcharei á Comarca para visitar os meus amigos no seu confortável novo focho. Non lle pareceu mal: ao contrário, enviou-me enerxia positiva.
Dormin talvez demais, pero emerxin renovado e erecto de entre as sabas, o que me fixo perder alguns minutos facendo o natural.
O camiño á Terra Média fixo-se verdadeiramente longo, seguramente pola monotonia da autovia primeiro e a autoestrada a seguir. Fun animando-me máis e máis á medida que me achegaba. Habia meses que non estaba con eles, que non nos visitábamos nin tíñamos máis contacto que o telefónico, o cal non é tampouco nada excepcional. A nosa amizade é xa suficientemente longa como para resistir auséncias, que, por outro lado, foron cíclicas e frecuentes no pasado.
Deixei o coche na Alameda e fun ao novo focho, onde me esperaban; nada comentarei del hoxe, tan só que mo mostraron e eu lle pasei revista como se fai cos museos ou os lugares que se inauguran. Sentamos diante dunhas cervexas e, claro, puxemo-nos a falar das nosas vidas. En realidade tampouco muito: non havia grandes novidades, nin na miña (monótona e vexetal, xa se sabe) nin na deles. Salce volve estar iniciando unha dieta; comentei-lle que sempre a via asi: comezando unha dieta, e Haddock deume a razón; supoño que é un indício de normalidade, de que se atopa ben. Nesta ocasión, ademais, forma parte dunha aposta.
Igual que sucede coas dietas sucede cos proxectos: cada vez que nos vemos teñen algo entre as mans, algo que logo, por unha ou outra razón, non sae adiante, como a vez que ían coller en traspaso un negócio de fotocopiadoras ou cando pensaban levantar unha casa no campo.
Saímos en canto Salce terminou de compoñer-se (mentres, Haddock mostrou-me as últimas figuriñas de chumbo), recollemos a Ena cas dunha amiga (dá-me un bico, anda, que se non cho pido eu non mo dás, dixo desde alá abaixo, cando me viu, esta señorona de 8 anos) e fomos os catro dar un vóltio polo centro da Comarca, que agora está tan próximo do novo focho.
Polos mesmos sítios de sempre, para non variar: os bares da Verdura e a Leña, ateigados de xente. Pronto atopamos máis hobbits amigos, naturalmente vinculados ao mundo do ensino, e pronto non centramos na conversa que máis nos motiva: que se os meus de Diversificación Curricular, que se os meus de cuarto, que se na selectividade do ano pasado, que se... Asi pasamos por riba de calquera diferenza, de modo que cando se nos une alguén que non é ensinante rapidamente o integramos no noso, obrigando-lle a escuitar, dado que pouco nos interesan as opinións de profanos e leigos.
Logo hai quen nos acusa de corporativismo. Que bobada!
Tres cervexas máis tarde imos a un bar alemán, e ceamos codillos, salchicha, pastel de carne, puré de patacas e choucrout. Todo delicioso, salvo o viño, que non era malo, pero estaba quente.
Subitamente decobrin, apesar do ben que se estaba entre os meus amigos hobbits e os seus amigos, que me empezaba a tardar regresar a Atenas, á miña casa.
En canto saímos do alemán, o grupo foi sacudido por certas forzas telúricas e uns e outros, parados no frio da rua, demos en indagar que lles apetecia facer aos demais; noutras palabras: houbo quen falou de irmos tomar unhas copas tras acompañar-mos a Salce e Ena á casa, pero eu dixen que non tiña muita vontade de seguir, que mellor regresaba a Atenas, etc. Por fortuna non me insistiron e a noite na Comarca terminou; marchamos todos, uns para un lado da Alameda, outros para o outro lado e eu, no coche, para Atenas, onde me esperaban a cama fria e a casa vacia.

venres, 17 de decembro de 2004

Invitación

Non nego que ás veces me comporto como un cativo, principalmente cando estou como agora, enfadado e triste, e con ganas de chorar no ombro (ou sobre as saias) de alguén. Por iso vou dun lado para outro buscando a quen contar o triste que estou.
E, efectivamente, atopo ombros e saias, pero ningun sobre o que descargar a miña pena. Despois da sensación que queda tras a bronca, despois da sensación desagradável de vulnerabilidade, seguramente o peor é o máis concreto: un fin de semana por diante no que non sei que facer.
Non teño vontade de ir a Ithaca. Tampouco me chama nada ir á Comarca para ver a família Hobbit no seu novo focho confortável. Cando vexo a Ambece e lle conto o que sucede, rapidamente me obriga a tomar un café na cafeteria do insti (horrível, angustiosa, dixen-lle a Ilu que me lembrava cando de nenos nos levaban desde a escola ao Instituto de Hixiene e esperábamos en calzoncillos en fila nunha sala vella coma esta).
Ela toma un pincho de tortilla que pediu para min sen preguntar-me, e os dous cadanseu café con leite: esta tarde que estás libre, di, quedamos para tomar algo despois das 6, que teño os nenos na Biblioteca; incluso máis, mañá temos a cea dos "amigos invisíveis"(será certo que dixo isto?!), por que non vés?; eu tatexo que non sei se marcharei para Ithaca ou irei ver os Hobbits, pero ela non se dá por vencida: xa sei, esta noite por que non collemos O diario de Bridget Jones e o vemos na miña casa tomando uns chupitos.
Desbordado e dubitativo, o que lle digo é que o pensarei, que xa llo confirmarei ao meiodia.
Uff.

sábado, 11 de decembro de 2004

Despois

Sigo hibernando/hibernante, no estúdio. Segue a estar a casa fria, pero seguramente fóra subiron as temperaturas porque necesito menos roupa; tirei de enriba a suadeira forrada de feltro e xa só levo unha camiseta e o polar; e o pantalón do chándal, claro. Máis nada: erguin-me con fame, vestin-me un pouco de calquer maneira, e a estas alturas nen calcetins nen calzóns (agora que o penso); tampouco me duchei: hai un momento vin-me no espello do baño e, despeiteado como estou, dou medo. Dá-me igual, non espero a ninguén e pode mesmo que nen sequer baixe o lixo.
A comida fai-se na cociña. Estou decidido, se o corpo mo permite, a render-me unha homenaxe: tres semanas sen fumar; hoxe o cinceiro será conducido con honras e salvas de ordenanza ao cuarto do esquecemento.
Para sempre xamais, espero.

Enfermo, hibernando


Enfermo, si, un pouco tan só, desde onte. Mesmo voltei do traballo, a meia mañá: mal de hardware e de software; doia-me o corpo e tamén o espírito, asi que se impuña ante todo muito descanso. Pero a casa estaba fria e non houbo forma de quecé-la en todo o dia.
Reunin forzas, e antes de enclaustrar-me fun polo ordenador á tenda, onde por enésima vez este ano tiveron que curar-lle o windows e extirparlle troianos e outras tumoracións. Pedin tamén que lle instalasen un antivirus; agora, en lugar da loira que ensinaba as tetas, a cada pouco aparece o aviso de que se detectou tal intruso.
Poño o chándal e por riba non sei cantas armaduras contra o frio. Sento no estúdio e configuro o ordenador, e tomo a decisión de hibernar o fin de semana; cancelo con Ambece o café: chamo-a co móbil e ofrece-me instalar-me na casa dela; declino un pouco abrumado: os robinsóns sobreviviremos na nosa illa a calquera tribulación ou vendaval. Non?

domingo, 12 de setembro de 2004

Na Praza Maior

A unha menos cuarto, e estou sentado na Praza Maior, nun dos bancos á sombra que rodean o templete onde xogan muitos nenos. Nos outros bancos hai vellos sentados , e desde o meu podo ouvir a sua conversa. Penso sen cre-lo moito que algun dia serei coma eles, tamén aqui sentado, e acordo-me do meu avó, de cando me traía á Alameda a escuitar os concertos da banda, igual que agora fago eu coa miña filla.
Afectivamente regresei a Ithaca; tan só me falta regresar fisicamente, algo que intentarei este inverno, solicitando o traslado para aqui por primeira vez . O meu entusiasmo por Ithaca aumentou proporcionalmente ao meu desencanto por Atenas, onde me sinto só e isolado coma un Robinson, e onde tentarei combater o vacio o curso próximo estudando História na Faculdade (desde a semana pasada estou xa matriculado) e estabelecendo unha disciplina doméstica se non férrea si estricta.
Entre os obxectivos previstos para este inverno, ademais do traballo e os estudos de História, está a mellora na forma física. Para lográ-lo devo sen dúvida mellorar a dieta (acabar con estas comidas lamentáveis e reducir o consumo de alcol), deixar de fumar dunha vez e facer algo de exercício.
Espero aceitar a oferta de Ilu e Ambece para irmos camiñar de cando en vez. Onte mesmo, con Nican e a sua irmá, acordei que faríamos o Camiño de Santiago desde o Cebreiro: etapas bisemanais (pola nena) en que Nican nos levaria e nos recolleria. Polo que temos falado, tamén Vapin e Mer se apontan, ainda que evidentemente hai muito que organizar e tratar neste asunto.
Necesito facer cousas: seria lamentável que a única bagaxe destes últimos dous anos sexa tan só a miña ruptura matrimonial.

xoves, 2 de setembro de 2004

Exames

En minutos sairei para o instituto, pero agora, pouco despois das 7'30 da mañá, a casa está tranquila e fóra case nen é dia.
Sensación desagradável de ter dormido pouco, principalmente na pesadez do peito debida ao tabaco, e no leve resíduo de espanto.

mércores, 1 de setembro de 2004

Procuras

Nos últimos días sigo a procurar en que pasar o tempo. Onte pola tarde, para non deixarme vencer polo aborrecimento, e tamén por fuxir de tensións nunha casa, a de meus pais, patas arriba pola limpeza xeral, organizo unha expedición a Carrefour co pretexto de comprar un marco para o cadro de RBK, esa especie de marciana-geisha que cada vez me gusta máis.
Sms a Vapin, que se apunta imediatamente, igual ca min por pasar o tempo; non atopamos nada que nos interesase, así que que non gastamos un céntimo. O hipermercado parece virado só no comezo do curso e o regreso á normalidade despois das vacacións estivais.
Para a miña sorpresa, detémonos na zona de roupa, onde Vapin se puxo a mirar boxers; por certo que me recomendou uns, elásticos, sen costuras, que cualificou de última xeración; dixo que os meus estaban anticuados.
Para seguirmos matando a tarde, levamos o coche ao garaxe e metémonos no Kursal, co saldo de dúas pintas per capita.
Non serán as últimas.

Duas birras despois

Saímos a imos ao centro, para atopar a Ti. Vemo-la case entrando na Praza Maior, coa sua mai; enton Vapin chama-a co móbil e os dous rimo-nos vendo como ela dá unha volta completa tentando localizar-nos. Facemos as mesmas bobadas adolescentes, esta vez co móbil, que facíamos hai máis de 20 anos.
Con Ti (e con M., unha amiga deles que marchará antes) tomamos unhas cañas pola Rua Nova, por suposto nos mesmos lugares aos que levamos indo desde o Neolítico e dos que puidemos ir vendo ao longo dos anos várias transformacións. A maior, sen embargo, é a que afecta a toda a zona: a competéncia da Aceña de Olga, a Milagrosa e o Campo Castelo, e mesmo Rafael Vega, é evidente. Hoxe hai xente (onte mui pouca: era luns), pero non aquelas multitudes de hai dez ou quince anos. Para o meu gusto, mellor asi.
Bromeamos coa posibilidade de irmos comer ou non un cocido, coma outras veces, pero, bromas á parte, acabamos no San Vicente diante dunha táboa de queixos e embutidos. A conversación xirou á volta de dous temas: os consabidos vellos tempos e o matrimónio, ou máis exactamente, o divórcio.
Ti e eu criticamos a actual lei de divórcio (que disque pronto reformarán os socialistas) por pacata e paternalista, pero Vapin dixo que a el lle parecia mui ben como estaba.
Como é de supoñer, enfervoricei-me un pouco; hai algun tempo, ademais, que lle dou voltas á idea de pedir o divórcio en canto se cumpra o ano regulamentar; por aquilo de non deixar as cousas a meias, indiquei; ninguén me soubo dicer que me custará iso.
Vapin mesmo falou de reconciliación, algo que, tras repoñer-me da sorpresa, unha vez máis volvin desbotar.
Por que a Lei obriga a un ano de separación antes do dívórcio? Por se houber reconciliación, para que se mediten as causas e motivos, di Vapin, case pastoralmente.
Absurdo, digo eu; por esa razón deberia transcorrer un ano tamén entre a petición de matrimónio e a cerimónia, dada a inexperiéncia dos contraentes, a emoción do momento, as presións familiares e dos amigos, etc, perante algo que si supón cambios na vida e nos bens das persoas.
Se o divórcio é un error e a parella decide volver casar, nada máis fácil: é muito máis sinxelo casar que descasar.
Vapin non as ten todas consigo.

martes, 31 de agosto de 2004

Regreso

Non falo coa miña filla desde o Domingo pola mañá.
Con iso da praia e o descontrol dos horários de Verán ás veces é difícil localizá-la. Ademais, tamén me entristece cando a chamo e di que non se quere poñer, que está a xogar, ou cando me di ola papi, e a seguir me pasa a algunha das suas primas, que ao parecer sempre queren falar comigo.
Hoxe, que marcho para Atenas (24 horas antes do previsto), tentarei falar con ela de novo.

domingo, 29 de agosto de 2004

Agosto agoniza

Achega-se xa Setembro, o mes-luns, como lle chamo hai xa muitos anos. Onte cheguei de Atenas, e pola tarde tocou-lle a despedida a Tere Holmes, que marcha hoxe para Madrid. Recollin-a na sua casa e fomos tomar café ao Muíño: un vento bastante frio inquietou-nos na terraza, baixo un toldo branco que despois non nos defendeu do sol enfermo e picante.
Tere Holmes non está ben: mal da coluna, da que volverá operar-se en poucos dias, pero tamén mal de ánimo; isto aventuro-o eu, porque ela non parou de falar do ben que o pasou no instituto este curso pasado. Logo resultou que o seu xefe era un impresentável que andaba a escuitar detrás das portas, pero o que non quedou claro para min é se o impresentável era o deste último curso ou o do curso anterior, porque Tere Holmes saltaba deste a aquel sen cesar, e o único que concluin foi que que non hai nada como as franxas horárias (?), que ela se divertiu muitísimo, e que estivo metida en todos os fregaos e problemas posíveis: peleas entre alunas, trapicheos de droga nas aulas, controis de policia na porta do pátio, un profesor de Bioloxia que non podia dar clase porque pasaba a hora escondido baixo da mesa...
En definitiva, un aburrimento.
Cando íamos marchar, a bomba: Tere Holmes deu en lamentar-se de que levaba 10 anos de retraso, que a estas alturas xa teria que estar instalada con piso, gato e praza definitiva (isto dixo, e nesta orde de factores que non altera o producto, e o producto é que ela está desanimada, ainda que non o dixese en ningun momento, e que se balancea lentamente...)
Do Muíño á Aceña de Olga, á cervexaria de San Miguel, onde quedáramos con Vapin, que chegaba de Sanxenxo. A Tere Holmes apetecia-lle un gin tonic (eran as 7'30 do serán), pero ao final pediu tónica soa a suxeréncia miña, e continuou o pranto, frivolidades incluídas: conseguimos convencé-la de que non se depilase até chegar a Madrid (xa sei que soa surrealista contado aqui)para asi estarmos máis tempo xuntos, e seguimos dun tema a outro, esmagadoramente: como levo a miña separación, a pulpada en San Froilán, Valéncia (onde conta atopar praza este curso), internet, o matrimonio...
Daquela propuxen que Vapin e ela casen entre eles, unha contra o outro, para deste modo aforrarmos en regalos, e dixen que tiñan que apurar, que coa perda irremediável de 1 óvulo mensual, e con 40 anos que xa ten, havia que decidir-se xa; ela dixo que levava aforrando óvulos desde decembro; pola medicación, aclarou.
En fin, todo mui mui decadente, que diria Ambece.
Levamos a Tere Holmes á casa para que fixese as maletas e afrontase o dilema da depilación, e Vapin e eu, no meu coche, seguimos para o Kursal. Sentados nas tronas do mostrador, bebemos (creo) catro pintas de Guinnes por gañoto.

mércores, 25 de agosto de 2004

Onte, no Kursal

Pois si, onte no Kursal falamos de que a escapada con Nican e a irmá a Astúrias o pasado mércores foi unha cousa de tolos, ou de ociosos, e de que ainda estamos a sentir a fadiga tantos dias despois . E á fadiga tamén se sumou a viaxe del a Sanxenxo e a miña a Serenou.
Pero o certo é que ten ben pouco sentido facermos unha viaxe a Oviedo de un só dia; tantas horas e kilómetros para isto: visita á Catedral e ruas de arredor, cervexa na bonita praza porticada próxima ao mercado, compra de Carajitos del Profesor ali mesmo, sidra (eles, non eu) na Pumarega, onde logo xantaríamos (ainda que daquela non o soubésemos), café con xelo xunto ao Teatro Campoamor e, xa, ao macrocentro comercial Astur.
Ali, horas para ben pouco, dentro dunha imensidade absolutamente espectacular e mui kich, por suposto consumista e globalizadora.
De regreso paramos en Avilés, onde inesperadamente asistimos ás festas patronais de S. Agostiño e onde ceamos.
Cando me dei deitado eran as 2 da mañá.

mércores, 16 de xuño de 2004

Insómnio

Efectivamente, noite en branco.
Son case as 3 da madrugada cando escrevo isto, farto de dar voltas na cama sen dormir, farto tamén de ler Los pilares de la Tierra no fragor do insómnio, de odiá-lo e de preguntar-me non xa como esta cousa pode vender-se por miles senón como Fonseca ma puido encomendar tan encarecidamente.
O dia, sen embargo, non foi malo, tendo en conta o descontrol natural dos finais de curso.

xoves, 10 de xuño de 2004

Pudor

Tanto desexo de me asomar ao mundo através dunha bitácora, e agora o que sucede é que se presenta diante de min algo que non sei ben se será pudor, pero que se non o é parece-se-lle bastante.

Temor de aparece diante de todos, a contar o que me sucede cada dia, o que penso do que me sucede, o que penso dos outros, o que penso do que penso.

E asi, talvez, un dia arribarei.

mércores, 9 de xuño de 2004

Tristeza

Desde o Domingo, desmoralizado e triste, e hoxe é mércores pola noite. Soa a meianoite no péndulo do salón cando escrevo isto, nun deses arrebatos meus de actividade, tan desconcertantes logo dun da (de todos estes dias en realidade) sen facer practicamente nada. Hoxe, por exemplo, pasei toda a tarde (iso quere dicer de 4 a 9) a navegar por internet, sen rumo fixo, sen esperanza de atopar nada.

É este, supoño, un modo máis de suprimir-me e desaparecer.

Acabo de tomar un lexatin, o primeiro en semanas, pode que meses.

Estou preocupado por pequenas cousas, cousas insignificantes en comparación co grande desastre que é o conxunto da miña vida actual, e ao que sen embargo contribuen a empeorar: o final do curso, a desgana con que espero as vacacións, as tensións cos viciños da comunidade por mor de faramalladas domésticas, as esporádicas pero demoledoras tensións con Lustres...

O Domingo á noite chamou ex profeso para me contar que os seus alunos presentaran unha reclamación contra ela. Pedin-lle que fose breve, e non lle gustou; tampouco que lle dixese que eu non podia dar-lle nengun consello como non fose que consulte co sindicato.

Tampouco eu estou contento con todo isto: nen con que me chamase para conta-me o seu problema, nen coa resposta que lle dei, ainda que provavelmente fose a única resposta que lle podia dar.

E iso por hixiene afectiva. Por salvagardar a miña precária estabilidade emocional. Por temor a que me respondese como costumaba.

En definitiva, porque xa non estamos casados.

O que nos leva a unha estraña situación : coñecemo-nos perfectamente despois de vivermos vários anos xuntos. Temos unha filla.

Pero non somos amigos.

Somos outra cousa.

Tampouco serve a etiqueta de coñecidos.

Somos outra cousa diferente, e hai que aprendé-lo.

Eu non lle vou contando cada problema que teño, nen lle digo que me atopo máis só que nunca, nen lle recordo o absurdo que me sinto en Atenas, o lugar a que vin unicamente para estar con ela, e no que ela agora non está; tampouco que teño proxectado pedir o traslado o próximo curso para Ithaca, ainda que iso seguramente suporá que por cuestións económicas teña que olver viver na casa dos meus pais...

xoves, 29 de abril de 2004

Gris

No traballo desde as 8 e media: tres aulas, unha garda, unha reunión de departamento.
Rutina. Brffff.
Café con Ilu: cóntolle como me atopo (aburrido, triste, só) e a conversa do outro día en Manderley; os proxectos (mellor dito, os non-proxectos) para o Verán.
Ás 11'45 café número dous con R. e Ambece: blablabla sen interés, certamente sen resultados.
Saio para a casa ás 13'30: non me atopei mellor en toda a semana, pero estou mal e tomo un lexatin; é o segundo nestes últimos meses.
Espero que a sesión coa psicóloga me levante un pouco a moral, pero non ha de ser así. Na media hora que dura teño que repetirlle toda a miña historia, punto por punto, ab urbe condita. Parece desinteresada, aborrecida; seguramente eu tamén o estaría de ter que escoitar cada día os problemas dos demais.
A verdade é que me fixo mellor o café con Ilu pola mañá que a terapia da tarde coa arxentina. E o meu ánimo está tan baixo mínimos que nin aproveito para lle preguntar cousas en lunfardo dalgún tango de Malevaje, como outras veces.
Ás 6 estou fóra, pensando non volver máis, e baixo á Rúa do Paseo, que está en obras; renovan o pavimento. Entro na Caixa. Vou, con tal de non regresar pronto á casa, a libraría do Paseo: detéñome nos puzzles, logo nos textos clásicos; reviso a frase da Eneida que me ronda a cabeza desde que pola mañá Ambece me preguntou quen era Dido: "Infandum regina iuves renovare dolorem"; tentado, paseo co volume de Gredos baixo o brazo pola libraría; pero vólvoo á estante: decididamente, teño lecturas na casa para varios anos.
O 3 de Maio é o cumpreanos de Vapin, que está entusiasmado coas películas d'O Señor dos Aneis; como regalo, cómprolle O hobbit en tapa dura.
Tomo algo no Plaza e á casa. Hoxe non tomei nada de alcol: só coca-cola para beber.
Chaman miña mai e Polis: dígolles aos dous (por separado, claro) que irei a Ithaca este sábado.

sábado, 24 de abril de 2004

En Ithaca

Pola mañá, Atenas-Manderley-Ithaca, para recoller a nena. Algo acatarrada: ao pediatra; R. no seu coche; nós no noso. Xarabe que logo comprarei en Ithaca.
Pato vén xantar e logo pasa connosco toda a tarde. Imos ao Parque; veñen tamén os avós.
Sentamos perto do templete da música; demos de comer pan aos patos do estanque, e despois imos aos colúmpios. Vimos un pavo real coa cauda despregada.
A nena quixo ir ao Mapa.
De regreso, entramos no Mirador: collemos a pior mesa, debaixo do televisor durante o partido de fútbol.
Volvemos á casa para cear, e arredor das 10 a nena vai para a cama: tras contar-lle "O conto da serea que o amigo do avó atopou dentro dunha lata de sardiñas Miau", ela queda e eu vou para o Kursal; en 20 minutos chegan Nican e sua irmá, Vapin e Ti, e todos pedimos cervexas e falamos, e alguén, supoño que Ti, porque eu non fun, propón que vaiamos comer cocido ao sítio de sempre na Ruanova.
Morto de sono, pero contento, meto-me na cama ás 3.

luns, 15 de marzo de 2004

Desolación

Ás 7'40 da mañá apaguei a rádio na cociña, como case todas as mañás, para ir-me vestir despois do almorzo. Xustamente a esa horatiñan lugar as explosións nos trens de Madrid, pero delas non tiven notícia até que, sentado na sala de profesores, mentres lia como case todas as mañás El País, a profesora de Química entrou afectadísima contando o que ouvira do atentado na rádio do coche.
Imediatamente se formou unha terrível escena: várias profesoras, que tiñan fillos traballando ou estudando en Madrid, alteradas pola notícia, comezaron a telefonar através dos móbiles, e houbo lágrimas e muita emoción; a tensión habitou definitivamente en todos nós, e iria-se contaxiando pouco a pouco aos demais, como unha mancha de aceite, á medida que avanzaba a mañá.
Ao volver para a sala despois da primeira clase vin como alguén acendera unha rádio para seguir as notícias e o gotexo imparável de víctimas. Nun momento dado alguén me preguntou cantas eran e eu dixen 60, pero daquela entou a xefa de estudos e dixo que escuitara no despacho que ían xa case 80.
As aulas continuaron con normalidade, e, ao menos pola miña parte, sen referéncia algunha ao atentado. Ilu propuxo daquela que fixésemos algun acto de protesta e solidariedade; dixen-lle que estaba de acordo, pero que habia que esperar a ver como se desenvolvian os acontecementos.
A sensación era como de estarmos frotando nun estraño vacio, á espera de que algo novo terminase de instalar-se entre todos; a pregunta de quen puido facé-lo estaba, desde logo, na mente de cada un, e tamén a resposta. Mesmo eu respondin unha vez "quen ha de ser? ETA, está claro". Logo, como se sabe, as cousas habian de cambiar por completo, pero esta pregunta non abandonaria a mente de ninguén nas horas e os dias posteriores, ainda que a sua resposta cambiase, coas consecuéncias que logo isto teria.
Ás 13'20 saín do traballo e, como quedara de pasar pola avogada a pagar o que restaba da minuta da separación, atravesei o rio pola Pasarela e fun en dirección ao Parque. Foi neste ponto onde comecei a ver bandeiras a meia haste: no xardin da Torre, na Subdelegación do Governo, no INSS, na Biblioteca Pública, no Consulado de Portugal...
A avogada estaba, segundo me dixo, afectadísima; os atentados ocorreran en lugares polos que ela e a sua família pasaban con frecuéncia. Paguei-lle e marchei apresurado para a casa, como estaba a facer todo o país e, segundo saberíamos máis tarde, toda Europa e boa parte de mundo.
Queria chegar antes dos informativos de Telecinco e a Galega, que son ás 14'30, pero iso non teria demasiada importáncia porque desde primeiras horas da mañá todas as cadeas de rádio e televisión desmontaran a programación prevista para retransmitiren en directo o suceso.
As imaxes eran tan espantosas que, sen podé-lo evitar, fun quedando sentado na butaca sen decatar-me de quitar as botas nen o abrigo.
Durante horas permanecin diante do televisor, emocionado e con mal corpo, sentindo unha pena tan grande que asomaron aos ollos lágrimas que nen puiden nen quixen evitar vendo o sufrimento das víctimas e as famílias, o traballo dos voluntários, a magnitude daquel desastre horrendo.
Quen seria capaz de poñer-se a correxer exames para as avaliacións do luns e o martes seguintes? Imposível marchar do salón en penumbra, imposível deixar de ver a televisión e de pasar dunha cadea a outra.

Ao dia seguinte, Venres, ás 12 do meiodia, fixemos unha concentración silenciosa no pátio da Anexa; profesores dos dous centros e os alunos respectivos formamos un círculo collidos das maos á volta dunha vela que alguén colocara no centro. Os máis pequenos, cos mandilóns brancos, estaban tan quietos e formais que parecian adultos; logo tamén souben que á miña filla houberon de explicar-lle o que sucedera nos trens, e que ela, igual que todos nós, non o daba entendido.
Pola tarde, sobre a bandeira azul e negra de Nunca Máis que ainda está na reixa do balcón, colguei unha bandeira branca cun lazo negro, un lazo como o que lucin sobre a camisa durante os tres dias que duraria o loito.
Ás 19'00 tivo lugar a manifestación: enorme, desmesurada, que partiu lentamente do lugar acostumado ata a concentración final no Parque; isto na teoria: o avance foi tan lento que cando Ilu e eu demos chegado á altura de Nóvoa Santos e, meio asfixiados pola calor da xente, decidimos adiantar polo Paseo, descubrimos que a xente regresaba xa porque a manifestación terminara. E o final ainda estaba a cruzar a Ponte!
Nunca tanta xente vin nunha manifestación: en nengunha das de Nunca Máis ou contra a guerra ou contra o Decretazo ou no 1º de Maio, en nengunha. Dicia a policia que máis de 60.000 persoas saíran á rua en Atenas. Non sei; só podo dicer que era tal a concentración de xente diante do kiosko onde quedáramos que Ilu e eu estivemos a piques de non nos atoparmos, que para que a pancarta da cabeceira puidese pasar foi necesário que abrise a marcha unha furgoneta da policia municipal, que non se vian máis que cabezas e abrigos enchendo a Ponte e nengun espazo baleiro.
Supermercados, oficinas, bares, tendas, todos fecharon para que clientes e empregados fosen á manifestación, tal e como advertian nos cartaces que se vian en todas as portas.

O Sábado fun a Ithaca pola mañá. Non ía ter a nena este fin de semana, pero necesitaba arexar-me; continuaban afectando-me as imaxes que seguian dando por televisión e tamén as dúvidas da versión sobre a autoria non deixaban de repetir Aznar, Rajoy, Zaplana, Acebes e outros personaxes que, se isto for posível, cada hora que pasaba se volvian máis e máis sinistros.

xoves, 11 de marzo de 2004