martes, 30 de agosto de 2005

Felicidade




Hereux qui, comme Ullysse,
a fait un beau voyage,
ou comme celui-là qui conquit la toison,
et puis est retourné, plein d'usage et raison,
vivra entre ses parents le reste de son age!
(J. du Bellay)

Asi, pois, a felicidade era isto...

Escena

Para mellor aproveitar a boa tarde, levo para o xardin ao pé da parróquia que me corresponde desde hai unha semana (por certo, a mesma en que meus pais casaron), a novela gráfica en que Giardino pon a Max Friedman na Porta do Oriente. E ali me sento, baixo unha camélia, rodeado de vellos, de nenos e de cans.
Non pasa meia hora cando empeza a soar o móbil (xuro que un destes dias cámbio a horrível sinfonia); sucesivamente Pólis, Ti e (uf!) Zara, que aos poucos minutos aparece, armada cun plátano pelado, dando a merenda a Zidane; esta vez el trai a camiseta de Raúl e mui pouquiñas ganas de portar-se ben, e ela o que os contos chaman cara de poucos amigos.
A guerra logo se desencadea: tras algunhas escaramuzas, o plátano vai parar ao chao, produce-se un conato de bofetón imediatamente abortado, e a seguir, o drama. Zara di-lle ao neno que é tan túzaro coma seu pai; Zidane berra, como resposta, Non fales mal de meu pai, filla de puta, que te mato!!
Pareceu que os vellos, os nenos, os cans, e até os paxaros, se detiveran naqueles segundos terríveis. Zara soubo dicer Imos para a casa, anda, e o neno, como livre dun gran peso, mansamente botou a andar diante dela e por entre a xente que os miraba.
Zara murmurou que nos chamaríamos mañá.
Acordou-me unha frase implacável da miña avoa: Os pais son os ósos en que os fillos afian os dentes.
En canto desapareceron Zara e o fillo, erguin-me e marchei. Mirei o plátano ao pasar: as formigas acudian ao festin.

luns, 29 de agosto de 2005

Verniz

Atenuo a resaca con figos que me trai Fesore, que vén esta vez sen nenas, e que comemos ao roubado nunha terraza das Cortiñas de San Román. A mañá está espléndida, mesmo através dos lentes escuros cos que tento combater a fotofóbia.
Precisaba dunhas poucas horas máis de sono, pero resulta que Fesore marcha mañá e quere que nos vexamos, asi que ducha rápida, carreiras, e a recompensa dos figos, talvez como apoio á terápia: o tema central, no que entramos case sen eu reparar, é o de sempre, e en minutos estou xa a repetir e reenfocar e recontextualizar o fin do meu matrimónio.
Viver en parella é extremamente difícil, concluímos; e figo vai, figo vén, concordamos en que apesar do verniz de independéncia, os da nosa xeración mantemos unha situación de permanente adolescéncia respeito dos pais. Aí está ela, que pasou todo Xullo coa família de Xa, e todo Agosto en Ithaca, con sua mai; ou Vapin, que vive cos pais todo o ano, salvo os meses das vacacións, en que vai para o seu própio apartamento; ou Ti, que vive parede con parede cos seus pais e non consegue que a porta medianeira permaneza un só dia fechada; ou Tenuqui, que ainda onte tivo bronca cos irmaos porque os pais irán pasar vários meses do Inverno con ela alá ou acolá.
Ou eu mesmo, que desde que me instalei en Ithaca vou cada dia xantar á casa dos meus vellos, non vexo o dia en que me poña a cociñar no meu tobo.
O remate dos figos puxo fin á análise; acabamos as augas e fomos á exposición de Murado, aqueles cadros das vellas fotos que atesouran os álbumes en todas as casas, co verniz do tempo encerrando para sempre os retratados: Un paseo familiar pola muralla, a foto da licenciatura, os pais, os amigos, a família no comedor... Asi seremos todos nós algun dia, murmura un dos dous, na enorme sala, vacia, de paredes brancas; non che caiba dúvida que asi será.

xoves, 25 de agosto de 2005

Choiva

Ou iso devera ser este orvallo que apenas molla coches e ruas, traendo lembranzas de cousas máis definidas e necesárias. De todos xeitos, ben chegada a auga que apagará os montes e limpará (espero) muitas cousas.
Polo si ou polo non, aproveito o amago atmosférico e enclaustro-me no tobo ainda desorganizado: non sairei esta noite, canso e resacoso despois das duas anteriores en que fixemos cambalear as reservas de cervexa e patacas fritas da Cova. Ademais, sinto-me alleo: contribui a nova casa, pero tamén ter estado lonxe de persoas, costumes e lugares en que me recoñezo, e que novamente, co final do Verao e a chegada do mes-luns, voltarán.
Propósitos para os vindeiros dias: oficiar de árbitro entre T. e sua prima Mer, evitando que me atravese algun dardo enveleñado; visitar a Maite en Brigántia (seguramente despois dos exames); facer a memória do de Limerick (serán duas patadas, ou mellor unha e meia); secuestrar a Vapin para que poña unha pouca de orde no trangallo informático do novo covil; e esquivar a festa na casa de Polis, habida conta a alérxia que me provocou a celebración do Dia do Emigrante nos últimos anos (para compensar-llo será mester convidá-lo á rabada e o tinto de costume na Casa Grande de costume).


Reformular o que hai con Zara ficará pendente, talvez, para a semana próxima. Mentres, cruzarei os dedos para que non telefone.

martes, 23 de agosto de 2005

Gula

Porfin todo en Íthaca: a cama, os livros, as pélis, a roupa, o dormitório da nena, os tarecos da cociña, as esperanzas todas, alguns problemas de instalación (unha lavadora que verque, as paredes dignas dun bunker), e várias caixas de cartón a atravancaren o paso no corredor.
Tamén eu, obviamente.
E un enorme desexo de botar raíces novas que abrollaba esta mañá en canto amañecin, e era tarde: da miña primeira noite aqui erguin-me canso pero enérxico, emprendedor; pendurei alguns cadros, aproveitando os cravos de antigos inquilinos, e tras o almorzo e a ducha deixei tres e retirei o resto tras comprovar que, ademais de estaren demasiado altos, seguian unha liña horizontal, perfeita e implacável.
Envio mensaxes de móbil co novo número a amigos e parentes; tamén a Zara, que inaugura ao pouco a liña para lamentar o fin das vacacións e propoñer-me unha tarde de cine na compaña do señor Wonka e do pequeno Zidane, que esta vez leva a camiseta de Beckham e un dente menos que a última vez que o vin no parque, dez dias atrás; mentres sua mai está no servizo compro-lle pipocas, sen saber que cometo un dos pecados capitais, e sen saber tampouco que acabarei sentindo saudades da miña filla ou o desacougo de quen traizoa, infantilmente.
Cando Zara volta, reñe-nos: a min e a aquel lambón do fillo que, se non segue a dieta que lle impuxo o pediatra, acabará convertido nunha montaña de carne, sebo e colesterol; asi mo explica, arrebolada, e logo durante a película, vendo como rifan os dous por un pouco de millo que ela non lle quere consentir, vendo o gordo neno Hans abafado polo chocolate Wonka, sinto mágoa do pobre Zidane lambeteiro, pero muitas ganas de comer un toblerone que non teño.

martes, 16 de agosto de 2005

Museo

Co tempo xusto de estirar as sabas, malfacendo a miña cama, e de varrer os pelos da bañeira tras a ducha, entran cinco descoñecidos pola casa atónita; en tres quendas, e dirixidos por axentes imobiliários que me converten en guia da miña própia intimidade: son unha parella de noivos, unha rapariga de vintetantos e un matrimónio maduro.
Kaplan ensina o seu museo.
Os visitantes maduros, ademais, interesan-se polos motivos da venda, razón para ter-lles que explicar que marcho trasladado, o que nos leva á miña profesión e á miña orixe extra-ateniense, e daí a que non hai nada como a terra de un e á gloriosa vida dos profesores, esa tropa.
Os noivos casarán pronto, en Outubro; vexo-os tan ilusionados que non desminto a história que tecen sobre a miña vida, e deixo-lles crer que sigo casado e que fomos felices e comemos perdices nesta casa en que xa ven criar os seus cativos loiros, eses que durmirán no cuarto da miña filla, e que talvez serán concibidos no cuarto en que ainda durmo eu.
Brrr.
Farto, escapo.
De camiño ao ciber refago as chaves inúteis sen dar resolvido o seu mistério: nen os duplicados que habia na casa conseguen abrir o portal, e este enigma deixa de interesar-me en canto me dá na cara a escasa brisa que zoa do Barbaña.

En Atenas

Levo en Atenas dia e meio, abafado pola calor e baixo a presión de levantar a casa nun par de dias. Mentres, vou-me desfacendo de papeis e cousas inúteis; é sorprendente a cantidade de cousas que un acumula en pouco tempo, pero ainda o é máis a natureza de muitas delas: folletos de exposicións que nen lembraba ter visitado, xornais atrasados que arrumei á espera de tempo para resolver os crucigramas, negativos, roupa que non poño desde o século pasado (literalmente), e demais flora e fauna.
A casa venta o perigo, diso estou seguro, e ofrece resisténcia: a chave do portal nega-se a abrir, e o Domingo, cando cheguei, houven de esperar case duas horas a que aparecese un viciño que me abrise.
E mentres, xestións e movementos de clausura, e esta mesma tarde, duas imobiliárias revisarán o que pronto estará á venda: sen teléfono, sen gas, sen electricidade, sen auga, e co coche á porta porque xa non teño garaxe, combato o desalento e esa leve tona de tristeza que aboia ao fin de cada etapa.
Ao serao xuntarei-me con Ambece; mañá, con Ilu. Xoves, os homes cargarán nun camión as miñas cousas e encherá o eco os cuartos desta casa en que ás veces fun feliz e ás veces menos; e en Ithaca outra casa espera, atónita, un novo inquilino.
Adiante, pois.

luns, 8 de agosto de 2005

Postal

Pasada a resaca colectiva da estadia en Limerick, comezan a chegar novas dos colegas esparexidos por Galiza: mensaxes de móbil sobretodo, pero tamén documentos por correo electrónico que conteñen nalguns casos até versións de memórias, instáncias e declaracións xuradas para desvergoñadamente plaxiarmos.
Na correspondéncia ordinária, esta mañá chega á casa dos meus pais un postal de Angustiada: unha vista da torre da Catedral de St. Mary e o cemitério que a rodea; como fondo de tan gótica estampa, un ceo encapotado e o metal gris do rio. No reverso, en letra picuda e recargada, manda a breve crónica do regreso con perda de duas maletas que non deu recuperado, e muitas saudades dos nosos paseos polo Alén.
Iso é o que di.

venres, 5 de agosto de 2005

Retorno

De novo en Íthaca, o máis destacado a respeito desta blo é a caréncia dun ordenador desde o que postear; con Ciberália fechado por vacacións, e tras un par de infructuosas e magoantes tentativas polo máis lumpen do lumpen dos ciber que levo coñecido, atopo hoxe este: ar condicionado e pequenos cubículos a trataren de me isolar dos belicosos ciberxogadores que polo momento ainda se manteñen á distáncia.
Mañá fará unha semana que regresei, e o tempo decorre lentamente entre longos paseos coa miña filla e aborrecidas xornadas de limpeza no piso ainda baleiro.
Á espera da mudanza, as intermináveis xestións dun sen-papeis que regulariza situación en Íthaca, e sempre un volva a próxima semana polo certificado de empadroamento, polo carné da biblioteca ou polo disco coas fotos de Irlanda.
Polo demais, a vida social parece limitada á virtualidade do móbil e o correo electrónico. E tan só onte á noite, tras deixar a nena deitada, unha escapada á Cova para atopar un akelarre que Agosto reduciu ao mínimo: Vapin, Ti e Estridente. Mostro-lles as fotos de Irlanda, penosísimas: descrevo para eles a village, a miña vida en Limerick, os colegas do curso, as andanzas por Dublin, a aventura do regreso.
Vapin detén-se na foto que unha xaponesa me tirou no Haf´a´penny xunto a Gingered Paul o Venres pasado, pouco antes de eu coller o bus para o aeroporto. Apesar da invernia e da mala calidade da foto, percebe-se o cabelo en lapas de Paul, que escintila coma un cobre ao sol.
E este cenória é irlandés ou tamén estaba no curso?, pregunta ao fin.
Como lle vou contar a Vapin que con aquel cenória irlandés e baixo o edredón do seu catre, nun cuarto gardado por un gran póster de Sidnead O'Connor, escuitando cancións de Bjork, pasei as miñas cinco últimas horas en Dublin?