domingo, 11 de marzo de 2007

Epílogo

Creo que ás veces hai que soltar lastro, ainda que se trate dalgo que nos acompañou intimamente durante 27 meses, 455 post e muitos comentários. Desde hai unhas semanas, esta blogue está desatendida porque o meu pensamento está lonxe dela, e se a ela volvia ultimamente era só por non faltar a un dever contraído, e porque sempre reneguei daqueles que abandonavan, coma un corpo no campo, a sua blogue á intempérie.
Por iso volvia, pero xa non: Desde hoxe non actualizarei máis; emprendo a aventura en solitário (vaia, é un falar) e sen crónica, e esta blogue vai sen pena nen glória para o limbo das blogues, a reunir-se cos saudosos Cláudio Bueno, señor Pito, Catapulta, Aqui e outros que dormen o sono de paz virtual dos xustos.
Os meus mellores desexos para quen me acompañou no longo e por veces duro camiño a Ithaca, que aqui e agora termina: o mártir Rambaut, Morgana, Alfama, Arín, o señor Pito, X, Cláudio, Willy, Laurindinha, Sara Jess, Nona, Tz, Kiko, o cadelo Cambote, Cesare, Opaco, Alberte, Agripina Roxo, Queue bleue, Levantador, Neofisiologus, Velis, i.a., Leco, Plattdorf, Lúa, Pawley, Paideleo, Randeeira, Peke, Artipractor, Laranxa, Regueifeiro, Raíña Vermella, Ceryle, Aquí, Dolphins, Xanfarín, Gatina e tod@s @s que xunto a Kaplan formaron a fecunda irmandade virtual que por Ithaca transitava.
Até máis ver.

luns, 5 de marzo de 2007

Pelos

Eu sonlles coma o cadeliño das merendas: Domingo ao mediodía paso pola de miña irmá a levarlles unhas cousas, e meu cuñado empéñase en que lles tome un vermú e unhas olivas; despois vou xantar na de meus pais, seguindo aquel costume ancestral; e por último, ás 4'30 estou no felpudo de Polis chamando na porta para tomar o café comprometido, cumprir e marchar canto antes.
O que non será posible até despois das 7, como se verá.
Cando chego, Polis e o seu encantador amigo aínda están á mesa, felices e comendo perdices; literalmente, perdices: en escabeche, que o amigo encantador e gourmet preparou coas suas propias mans e levara alí a véspera nunha tarteira de barro que ocupa a metade da mesa en que xantan e se desculpan porque se deitaron ás mil e acordaron tarde e tal.
Afortunadamente, están duchados e vestidos, e eu sento xunto a eles a verlles roer os ósos diminutos dos paxariños e chuchar os dedos e engulir follas de leituga, e empezo (non vou dicir que non) a miña análise mentres conversamos cun fondo de música chill-out da que gosta o anfitrión.
Vou averiguando que Encantador ten 55 anos, que como el mesmo di non os aparenta porque fai exercício cada día e só fuma socialmente, que estudou pero non terminou arquitectura, que traballa nunha caixa de aforros, que coñeceu a Polis hai dous anos no tai-chi, que le best-sellers de novela histórica, e que é tan peludo que algún día pensa acudir ao laser.
Como non bastaba coas cellas e os brazos, a instancias de Polis, que ía e viña levando cacharros, Encantador tirou de si a camisa e fixo unha demostración dos pectorais encanecidos e o lombo, das axilas e do ventre, e podo asegurar que á vista daquela capa pilosa non entendo como hai quen aínda dubide da teoria da evolución, principalmente cando soltou o cinto e baixou un anaco por atrás o pantalón para mostrar o lugar en que tiña o pelo máis negro.
Para daquela Pois e eu estábamos sentados no sofá, e os grandes espellos dourados multiplicaron a imaxe como de oso redondeado e satisfeito, contador de chistes, incansable despois xogando ao trívial, e un neno grande cada vez que gañaba queixiño e aplaudia como se gañase o ceu.
Despois de tres partidas descubrín que se fixera tarde e, sen podelo evitar, deixei que Encantador me acompañase até a Ronda e me arrincase o compromiso de cearmos os tres, un día destes, na súa casa.

domingo, 4 de marzo de 2007

Porta Falsa

Da visita onte a unha tenda de mobiliário do Pacífico traio comigo tres cousas:
Unha información: a butaca de coiro negro que me interesa custa 411 euros, e por agora terá que esperar.

Un desengano: fuxir dunha tarde gris de Sábado metendo-se nun lugar ateigado de noivos e recén casados a escolleren ambientes coloniais para o salón non é unha boa idea.

Unha invitación: hoxe sen falta pasarei a tomar café na casa de Polis, con el e o seu amigo, a quen me presenta entre a zona das alfombras e a dos comedores de Índias.

venres, 2 de marzo de 2007

Pesadelos

Hai semanas que os informativos me son odiosos e, se despois de zapear polas televisións me decido por algun, frecuentemente acabo indo por algo que esquecin na cociña, ou mirando unha revista atrasada, ou directamente cambiando para algun programa que requira menos sacrifícios.
Cando non me abafan a aridez dun xuízo inintelixível ou a crónica da opa de nunca acabar, angústian-me os testimuños sangrentos de guerras indecentes, e dia a dia sinto noxo polos habituais insultos e espantadas dunha oposición montaraz e desvergoñada, que me aterroriza coa idea de que o país se rompe balcanicamente por momentos e até me fai temer que algunha desas fendas antiespañolas se estea a abrir baixo a miña própia cama.
Unha cousa parecia mellorar: cando Xoves lle foi concedida a prisión atenuada, pensei que aquela espécie de mómia malencarada que ás veces asomava en calzóns á pantalla deixaria de amargar-me as ceas.
Que equivocado estava: era só o final da primeira parte; agora veñen as manifestacións e comunicados dun e doutro lado, e mesmo nos informativos nos facilitan o menu que inxere ese antipático señor.