domingo, 30 de decembro de 2007

Agasallos

Volveu como cada Nadal alterno desde que me divorciei, e deixou ao pé da árvore maxicamente acesa o lote de agasallos con que este ano nos sorprendeu.
Digo ben: case ningún deles (salvo a Barbie-princesa-dos-animais, a película e o globo terráqueo) figuraba na carta que a nena lle escribira con detalle, mesmo pegando algunhas fotos recortadas de catálogos, segura de que un home con tantos anos e tantas cousas na cabeza estes días había de trabucarse.
Irredutible, a mesma tarde de Nadal, a nena volveu escribir unha carta igual de detallada e meticulosa, esta vez ás Súas Maxestades de Oriente, que como son tres e teñen máis persoal probablemente terán tamén máis tino.
Hoxe todos os agasallos do día de Nadal están calados e tristes, como desamparados; algúns mesmo se botan diante dos pés cando paso, querendo chamar a atención.
Teranse que ir acostumando a que a nena, como agora sucede, non sempre vive nesta casa.

sábado, 29 de decembro de 2007

Pedrea

A felicitación de Nadal que Ambece me envía tarda 14 días en atravesar a Península de Sur a Norte.
Por iso, até onte non puiden saber que me tocara a lotaría.
Se Boabdil chega a usar o mesmo medio para os seus envíos (mellor fora que os mandase ao fondo do mar, matarile), probablemente a Reconquista aínda non tería acabado.

luns, 24 de decembro de 2007

Nadal


Desde Ithaca, cos meus máis sinceros e profundos desexos de paz e harmonía, para todo o mundo

UN MOI FELIZ NADAL!

domingo, 23 de decembro de 2007

Multa

Non sei se será unha nova estratexia de Tráfico se da propia Benemérita, esa amabilidade exacerbada contra os condutores multados para lles crear sentimentos de culpa contra os que nada vale.
A min tocoume sufrilos o outro día, camiño de Manderley coa nena atrás, cando nos parou a patrulla e un axente comezou a desculparse por nos teren dado o alto, que se por el fose non nos paraba, que o radar saltou, que tampouco era tanta a velocidade, e así seguiu a darme crema mentres rebusco na documentación para lle entregar o carné de conducir.
Cando regresa confirma o veredito: 200€ de multa e retirada de 3 puntos por circular a 121 km/h estando limitada a velocidade a 80, pero moito peor que a sanción foi que o axente tornase á empalagosidade das explicacións e as desculpas (el, a quen dá por supoñer que eu nunca faría loucuras levando comigo no coche esa nena á que mesmo fai tenros e cariñosos acenos pola xanela).

Logo, cando dei marchado, mentres vía a figura do axente reflectida no retrovisor, en vez de odialo acordándome de tópicos e antecesores no Corpo, funme sentindo tan mal como de neno cando me pillaban nunha mentira ou escondía a merenda ou traía malas notas para a casa.

luns, 17 de decembro de 2007

Frío



Así se vía hoxe o mundo (esa parte del que chaman Mouse Park) con 4 graos baixo cero.

xoves, 13 de decembro de 2007

E la nave va...

Este blogue cumpre o primeiro trienio.
Cun lastro de 529 entradas e 2.971 comentarios, unha pasaxe exigua pero teimosamente fiel, un timoneiro máis ben desidioso e trapalleiro, tras unha travesía algo accidentada de Atenas a Ithaca (tres tobos, dúas hipotecas, dous ordenadores, máis de 20.000 cigarros), e un historial de abandonos, mudanzas, encerramentos por vacacións e lock-out diversos.
Eppur si muove...!

sábado, 8 de decembro de 2007

Mouse Park

Promedio comprobado: entre o portal da miña casa e o punto que marca o final dos meus paseos por Mouse Park (pasada a fervenza) hai exactamente un Cántico Espiritual completo, ou o que é o mesmo, 45 minutos e dous caramelos sen azúcar.

venres, 7 de decembro de 2007

De pós e pés

Se o outro ten un primo físico que lle fai desconfiar do cambio climático, eu teño un cuñado castellano que me fai acreditar nel a pies justillos, como el mesmo diría.
Por riba do que se conta por aí da aparición de doenzas tropicais onde nunca antes se tiñan visto, dos osos que xa non hibernan, da supervivencia de mosquitos e moscas fóra de temporada, ou das plantas que botan flores cando non corresponde, o meu cuñado desvélanos durante o xantar unha evidencia indiscutible.
A estas alturas de Decembro aínda está a usar os pós desodorizantes para os pés, afirma, como se estivese nos tórridos días do pleno Agosto.

mércores, 5 de decembro de 2007

Breves

Tere Holmes, ociosa herdeira dunha implacable estirpe de sabuxos, deu novamente con esta blogue a semana pasada. Decididamente, íamos camiño de converternos nunha das parellas cómicas máis tediosas do blogomillo.
Sen embargo, o corre corre que te pillo acabou: esta vez será a última que me descobre, que fecho a blogue, que restrinxo ningún acceso, que mudo o enderezo, que lle conto unha milonga a ninguén para poder postar en paz.