xoves, 31 de decembro de 2009

2010

(Decreto da Lingua, Desemprego, Economía, Deflación, Globalización, Endebedamento, Crise, Antiabortistas, Terrorismo, Recesión, Políticos de medio pelo, Desconfianza, Violencia de xénero, Corrupción, Suba de impostos, Crispación, Cregos intolerantes, EREs, Xenocidios, Cambio climático)



Feliz Ano Novo?

martes, 29 de decembro de 2009

9 cousas que facer ao final do ano


  1. Limpar o escenario do crime; volveremos empezar, esta vez con menos peixes. Polos nomes non hai problema, que o nomenclátor homérico dá para un oceano.
  2. Confirmarlle a Calmo que irei a Delfos, que podemos ir ao cine ou algo, que cearemos e que pasarei a noite alí.
  3. Volverlle a Tere Holmes aqueles libros que me prestou e que non dei lido; despois de dous anos están tan aclimatados baixo a súa capa de pó que non me estrañará se botaron raíces.
  4. Argallar un bon pretexto para convencer a meu pai de que non siga ameazando con facer limpeza no rocho.
  5. Por se non o dou conseguido e as cousas se poñen feas, argallar tamén outro bon pretexto para non o ter que axudar.
  6. Pedir cita no dentista só por manter vivas as tradicións: comezaremos o ano coa tradicional limpeza bucal e os tradicionais empastes.
  7. Pedir cita tamén no mecánico, pero esta vez para o coche, que seguramente necesitará que lle cambien a correa de transmisión.
  8. Odio que sexa a estas alturas, pero non hai xa remedio: facer un ingreso a favor de Amnistía Internacional.
  9. Aceitar que toleei, que son un comprador compulsivo e un nostálxico aberrante para, a seguir, coller 116 eurazos e un cupón de desconto que teño por aí e comprar a colección completa de Doutor en Alaska para Reis.

luns, 28 de decembro de 2009

Cara e cruz



Segundo o cómputo máis habitual, en tres días terminará unha década, a primeira do noso terceiro milenio. Descubro no admirado Iniciarte que The Boston Globe resumiu estes dez anos en 50 imaxes; hainas certamente moi fermosas, pero a maior parte delas son atroces, tan cheas de infamia, violencia ou sufrimento que até o xornal velou algunhas.
A Humanidade, como sabemos e ela nos lembra teimosamente en cada momento, é grandiosa e miserable ao mesmo tempo, como as dúas imaxes de 2008 que escollo para ilustrar este post. Arriba, percusionistas durante a cerimonia de inauguración dos Xogos de Beijing; abaixo, un home e dous nenos, refuxiados do conflito do Congo, escapando de Goma baixo a choiva.


sábado, 26 de decembro de 2009

Pais e fillos

Os pais son os ósos en que os fillos afían os dentes.
A frase, terrible, non se me vai da cabeza desde que falei con Ambece, case unha hora a describirme un SAP de libro: que os fillos non voltaron á casa en Agosto despois das vacacións co pai, que catro meses despois seguen negándose a voltar, que só se poñen ao teléfono para que lles mande roupa e xoguetes que deixaron alá, que están tan programados que até aseguran que ela lles pegaba cun pau e lles turraba dos pelos se non comían.
Non sei que dicir mentres me atravesa o tsunami de palabras: tuso ou digo algunha cousa para que Ambece saiba que sigo deste lado; teño medo de que chore cando conta que a avogada lle recomendou non loitar por recuperar a custodia porque sería como meter dous monstros na casa, ou que os veu ver na ponte, que fixo dous mil quilómetros para que non quixesen xantar con ela, e que se baixaron a vela ao portal foi por intercesión do pai.
Aínda así ela é tan dura que non chora; di que leva chorado tanto que xa non ten lágrimas, pero que non me preocupe, que se a outras mulleres lles morreron os fillos, e sobreviviron a guerras e desastres en que o perderon todo, como non vai ela superar isto.
Desde aquela, cada vez que penso na señorita Kaplan sinto que unha agulla me traspasa de lado a lado. Eu sei que non teño o valor de Ambece.

venres, 25 de decembro de 2009

Ithaca et orbi

December song, de George Michael.
Soños cálidos para todos nesta fría mañá adormecida, morriñenta, meteoroloxicamente implacable.

martes, 22 de decembro de 2009

Tampouco

Apesar de ser un sistema que prolifera, a min o de enviar a número da lotaría no último minuto e por móbil non me convence nada. Ese é un dos dous motivos polos que onte, farto de esperar velo un destes días, e desafiando as inclemencias meteorolóxicas, volvín á casa de Polis.
O outro, indagar no seu estado civil, anímico ou mental mentres tomamos unha cervexa, iso no suposto de atopalo vivo e de que houbese cervexa na casa.
Tampouco foi desta; metinlle a participación por baixo da porta inexpugnable e marchei mandándolle un sms de aviso que me respondeu cunha chamada dúas horas despois: o número que xogo non o sei, porque non tiña con que anotalo, pero si que Polis anda estresadísimo no traballo (tantos EREs, tantas quebras, tanta crise) e que segue con Encantador, xa que pasarán xuntos (como sempre, recalcou Polis) os festivos na terra del, e o final de ano posiblemente en Madrid, entre osos, cadros e fadangos.
Ti terás a nena contigo, claro.
Debo estar susceptible, pero a última frase, colgante e afiada coma un gancho, tampouco esta vez me gustou nada.

Hecatombe

Contei onte como transcorrera a rutina dun fin de semana invernal cuxa lembranza non iría máis aló de pormos o Batman no nacemento, como a vez que a nena puxera, xunto ao boi e a mula, aqueles dous dinosaurios de plástico.
Pero o que non contei aínda é que o Domingo pola mañá sucedeu algo funesto; que Agamenón, Ulises, Aquiles e Héctor apareceron inexplicablemente mortos, todos á unha e sen ningún respeito pola épica.
A señorita Kaplan, moi observadora ela, decatouse de que, a diferenza das mortes dos peixes anteriores, nesta ocasión había un claro sospeitoso: o que renovara a auga do acuario, o último en dar de comer aos peixes, o mesmo que agora anda remoendo se será boa idea seguir a subvencionar unha tenda de mascotas.
Eu.

luns, 21 de decembro de 2009

Invernía

A frente siberiana que hoxe nos ía converter Ithaca na Terra da Raíña Maud pasou sen pena nin gloria. O día está frío e húmido, efectivamente, pero sen neve. Os meteorólogos, meus pobres, ultimamente non dan unha.
Sábado, inesperadamente, si que amenceu Ithaca cuberta de branco; coa nena aquí, temín unha horrible xornada de bolas de neve na Muralla, esvaramentos na rúa e mans coloradas, pero foi ao contrario: a señorita Kaplan pasou o finde pocha, laiándose da barriga e case sen comer.
Daquí só saímos a xantar na casa dos avós, e logo volta para o tobo, onde nun ambiente de apalancamento de sofá e xogos no ordenador, deberes de inglés, algunha vella peli polo medio e moitos moitos mecos, demos por fin acabado o belén, ese lugar ecléctico, abrupto, densamente poboado.
Como o anxo no estaba en condicións, á vista está que nos cumpriu improvisar un substituto.

venres, 18 de decembro de 2009

Reóstatos, reóforos e filamentos!

Leo atónito que a nauseabunda Telecinco de Berlusconi absorbe (ou se fusiona con) Cuatro, propiedade do grupo editorial ao que pertence o xornal que sigo hai máis de 20 anos; garántese que Cuatro manterá denominación e identidade diferenciadas, pero só durante o primeiro ano controlará a liña ideolóxica dos seus informativos.
A rancia Antena 3 e a Sexta, irreverente e progre, manteñen conversas avanzadas e traballan para faceren posible outra fusión, aparentemente contra natura, á maior brevidade.
Se ben a televisión nunca foi nutritiva, agora empéñase en demostrar que tamén produce monstros.

martes, 15 de decembro de 2009

Manifiesto pola defensa dos dereitos fundamentais en Internet

(Imaxe: Eneko / 20minutos.es)


Perante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía Sustentable de modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura através de Internet, os xornalistas, bloggers, usuarios, profesionais e creadores de Internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que:

1.- Os dereitos de autor non se poden situar por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, coma o dereito á privacidade, a seguridade, a presunción de inocencia, a tutela xudicial efectiva e a liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir sendo competencia exclusiva do poder judicial. Nin un cerre sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 dla Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, entorpecendo a creación de empresas, introducindo trabas á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e entorpece a creación cultural. Coa Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizouse extraordinariamente a creación e emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores, coma todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Intentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo entorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e na Internet non é posible sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían buscar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobreviviren alternativas modernas, eficaces, cribles e asequibles, e que se axeiten aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para el fin que dicen perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Exiximos que o Gobierno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sustentable e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse após o oportuno debate público e téndose consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.

luns, 14 de decembro de 2009

Striptease

A este blogue facíalle falta algo de striptease, así que dentro dos fastos e celebracións de aniversario, púxenme a facer unha lista de 25 parvadas íntimas (5 por ano), cousas que poucas persoas saben de min e que nunca contei no blogue; quedar metaforicamente co cu ao aire non é necesariamente un meme, de xeito que nin o remito a ninguén nin espero iniciar unha cadea pero si que me sexan discretos e non anden contando por aí diante.
01. Encántanme as voces de dobraxe das películas antigas.

02. Non soporto ter as uñas demasiado longas.

03. Durante varios anos levei o pelo rapado.

04. Para compensar, na Universidade leveino polos ombros.

05. Fóra o nacemento, non teño máis imaxes relixiosas no tobo que un icone, agasallo de Nikos, que trouxen de Atenas este Verán.

06. Teño dificultade para distinguir a direita e a esquerda (non só en política).

07. A miña copa favorita é o martini bianco con xelo, e non a pido case nunca porque me senta coma un tiro.

08. Aborrezo probar a roupa nas tendas.

09. Este non é o único blogue que levo, pero si o meu preferido.

10. Teño unha minusvalidez auditiva e en poucos anos probablemente usarei un audífono.

11. Posto que teño unha filla, plantei unha árbore e escribín un libro, podo xa morrer tranquilo.

12. Son digno herdeiro do monstro das galletas: podería estar todo o día comendo nelas.

13. Normalmente leo deitado, e sempre leo algo antes de durmir.

14. Odio falar por teléfono e case sempre teño o móbil apagado.

15. Non teño piercings nin tatuaxes aínda que si unha gran cicatriz.

16. Nunca me tocou a lotería, pero unha vez tocoume un coche na caixa de aforros.

17. Teño encaixada na vesícula unha pedra de 1'5 cm que hai anos mas fixo pasar putas.

18. Un día, sendo estudante, pilláronme roubando libros nun centro comercial.

19. Sempre fun moi mentireiro; funme corrixindo pero non estou curado de todo.

20.Participei con outros 7.000 corpos na performance de Tunick en Barcelona no 2003.

21. De rapaz memorizaba cousas absurdas e inutilidades que aínda podo repetir se non me dese vergoña.

22. Nunca compro a prazos ou a crédito, así que presumo de non ter máis débedas que a hipoteca do tobo.

23. Estiven presente no paritorio cando naceu a miña filla.

24. Se me desen a elixir, escollería Cola-cao antes que Nesquik, Cocacola antes que Pepsi, Kas antes que Fanta, e Mirinda antes que ningunha, máis que nada por sustentar o mito, porque nin lembro a que sabían as Mirindas que tomei de neno.

25. Hai moitas cousas que non conto en ningún blogue.

domingo, 13 de decembro de 2009

Machado

(A petición dunha amiga, reciclo e colgo hoxe un post en homenaxe a Antonio Machado)



70 anos se cumpriron do falecemento de Antonio Machado en Collioure, onde chegou vencido, exiliado e enfermo, nas máis penosas circunstancias.
Conmove ver hoxe as fotografías daquel velatorio e humildísimo enterro: o cadáver deitado sobre unha das camas dun cuarto dobre de hotel; logo o cadaleito, envolto na bandeira tricolor e pousado sobre dúas sillas, espera ser levado por soldados republicanos a unha tumba prestada. A mai do poeta, agonizante e mentalmente ida, morrerá só tres días máis tarde.

(E non, non creo que se deban traer os restos a España).

venres, 11 de decembro de 2009

Cinco!


Señoras e señores, rapaces e raparigas:
Este blogue cumpre 5 anos.
E aínda que para a Rede entrou na difícil idade en que, como dicía o outro, máis que cumprir anos na realidade o que fai Robinson é durar en Ithaca, a verdade verdadeira é que nunca gozou de tanta saúde, acougo e madurez (neuras á parte) como agora.
Grazas, meus visitantes e partidarios, por non deixardes de vir.

luns, 7 de decembro de 2009

Ponte II

E mañá aínda vén o "Domingo Tris", en que, efectivamente, como calquera Domingo, a señorita Kaplan marchará para a casa da súa mai despois de catro estraños días aquí: Onte, que era Domingo e festivo, foi día de abriren as tendas; pero hoxe, que era Luns e non festivo, as tendas estiveron fechadas.
A nena veu cargada de deberes, e cumpriume liberala de pór a mesa para que se centrase en cálculos sobre absurdos tendeiros e mazás amarelas e coloradas, rapaces que intercambian bocatas, e libreiros que prestan libros polas cores das súas cubertas. Dadas as magnitudes industriais do meu cocido, o xantar de Domingo repetiuse hoxe, con idéntico menú, idénticos comensais e até case idénticos temas de conversación.
A variante foi que hoxe unha desas nefastas conxuncións astrais causou o espectáculo de a porta da neveira descolgarse dos seus gonzos, ou do que fose, e estrarme a cociña de ovos escachados, leite, imáns rotos, kas de limón, un cu de botella de cava da véspera e unha negra nube de xuramentos e blasfemias.
Acabei tan canso despois de baleirar aquel sarcófago, despois de tendelo no medio da cociña, despois de parafusar, desparafusar e reparafusar aquela porta do sarcófago, despois de levantalo de novo e volvelo ao seu lugar e reenchelo, e pasar de novo a fregona por centésima vez ao chan, que o paseo que dei coa nena non foi para alén dos contentores de reciclaxe onde levamos as botellas.
Máis que nada por facer algo e evitar que o tedio nos comese.

venres, 4 de decembro de 2009

Ponte

Comezou o fin de semana interminable, a ponte de Santa Consti (como nos consta, pouco virxe xa e bastante mártir), e a señorita Kaplan voltou para atoparse co home máis nataleiro que, a dicir dela, coñece: seu pai, ou sexa, eu.
Espérannos os primeiros rituais deste mes tolo, e non sen tempo: a estas alturas aínda está a árbore desarmada no seu sarcófago no rocho e os adornos dentro dunha caixa no alto do armario, o nacemento segue sen montarse, as peúgas de feltro vermello de Papá Noel missing nalgunha gaveta, as felicitacións que con tanta preguiza e pouca orixinalidade enviaremos en poucos días agardan resignadas en Correos, a lotaría está sen pagar, e aínda nos cómpre ir ao supermercado por unhas cousiñas que esquecemos.
Estou algo estresado porque é que mañá xanta aquí media familia, como cada ano nestas datas, e todo está aínda patas arriba; o comedor está varrido e a mesa aberta, e xa están a mollo o lacón e as orellas, os morros e o touciño para o cocido, e a nena Kaplan, responsablemente, prometeu que ela se encargaba de lles dar de comer aos peixes e de poñer a mesa se eu me ocupaba de todo o máis, árbore incluída.

xoves, 3 de decembro de 2009

Corcobado



(Isto converteuse xa nunha obsesión...!)

luns, 30 de novembro de 2009

Hipocresía

As palabras son de monseñor Martínez Camino quen, ademais de mostrar uns niveis de hipocresía e desvergoña alarmantes, ao parecer non estudou Historia Contemporánea de España e América.



"Quitar la vida a un ser humano es contradictorio con la fe católica. Quien contribuya a ello está en la herejía y, por tanto, excomulgado".


"El mandato de no matarás no es un principio moral privado, sino un principio universal"



"Hay que educar para el amor. El Estado no puede imponer una mayoría moral a todos, ni aunque fuese la católica. El Estado no es el educador de la sociedad, ni puede imponer principios morales. Con esta reforma legal, se está violando el principio constitucional de la libertad de enseñanza".

domingo, 29 de novembro de 2009

Conspiración

Os que se asoman a Ithaca saben que afrontar os dous catros non me encheu precisamente de entusiasmo, pero a cousa foi a máis: vivo nun perpetuo non aniversario porque aínda me felicitan os anos a estas alturas os que esqueceron a data pero saben que anda por aquí.
Tras Polis, a señorita Kaplan, que me deu o seu debuxo aínda a semana pasada; a ela, Teddy, que me agasallou hai poucos días cuns bulbos de xacinto que agora xermolan en vasos.
Onte mesmo, na caixa do correo había o edulcorado postal dunha previsora amiga (cachorriños de gato xunto a un pastel), e a tía G. envioume por meu pai unha botella de coñá carísimo coa recomendación de usala contra a gripe; tamén para ela non nacín por San Carlos senón por Santo André.
Isto, que parece unha conspiración, a min empeza a terme un pouco queimado, ai!

sábado, 28 de novembro de 2009

Statu quo

A caza do home non deu aínda resultados: Polis segue desaparecido, e eu vou deixando un estro de sms, chamadas a fixo e móbil, e visitas estériles ao seu felpudo.
E nada, salvo unha mensaxe sen vogais prometendo pasar por aquí un día destes.
Non hai que preocuparse, supoño: cando veu a última vez para traerme o serodio agasallo dos meus anos, ese libro que el cre que é dos que lle mudan a un a vida e ese disco que efectivamente é dos que a min ma mudaron, non me pareceu que lle pasase nada; algo contei aquí tamén do diagnóstico que fixo sobre o meu perímetro, causticamente: téñenme comparado con moitas cousas e persoas ao longo da vida, pero nunca até ese día ninguén me dixera que, con estas lorzas e esta barba máis e máis cana, me vou parecendo ao señor Ministro de Xustiza.
Á terceira cervexa puxémonos a buscar pola cociña algo que picar, coma outras veces, e logo apalancamos no salón vendo, baixo densas nubes do seu tabaco (agora rubio), a película que Polis escolleu.
Á cuarta, a conversación era tan fluída que só os exorcismos desde a tele interrompían a crónica de embargos e EREs, o panorama lingüístico e educativo, a danza de alakranas e alacráns, o informe dos seus lentes, a historia do acuario e eu que sei que máis.
Así que, cando marchou, nin el me contara a min nada do seu cesamento da convivencia con E., nin eu a el tampouco dos meus cafés cunha muller que, sendo nena, tivo unha vez uns chicles pegados no pelo.

venres, 27 de novembro de 2009

Duques

A miña mai inventou, ela soíña, un chiste que lle combina con todo estes últimos días.
Collendo a cafeteira do lume, limpando unhas luras, vendo co meu pai a novela ou (supoño) cando está coas amigas, ela mete aínda que sexa de canto o comentario mordaz: primeiro foi un duque e agora alá vai o que nos quedaba; como sigamos así non vai haber nin pra fumar.
Logo esmendréllase, a tía.

sábado, 21 de novembro de 2009

Cesamento temporal

Ás veces a vida vai máis rápida que un blog, e, se un non é espelido e se descoida posteando, até pode que a realidade lle acabe pasando por riba, ferroviariamente e sen piedade.
Algo así debe pasar se o post inacabado de cando Domingo veu Polis traerme o agasallo dos funestos 44 xa está reseso e anticuado mesmo antes de publicarse.
Non importa agora se daquela falamos do libro, de que Polis volveu fumar e necesita gafas, ou de que as miñas lorzas claman por unha dieta; o que importa agora é que onte ao serán atopei casualmente a Encantador nos viños, e que me dixo que vai para un mes que os dous acordaron, civilizadamente, o cesamento temporal da convivencia.

domingo, 15 de novembro de 2009

Atracos

Onte a señorita Kaplan e eu fomos atracados, en poucas horas, tres veces, e con só nos achegarmos a un cine.
Primeiro, foron 13 euros por dúas entradas e a flagrante compobación de que tanto ela coma min estamos nunhas franxas de idade prematuras e pouco favorecidas: nin ela ten o desconto do carné xove, nin eu o desconto dos xubilados.
Como como a peli tiña un descanso de dez minutiños, e como destruír todo un planeta dá moita sede e algo de fame, no ambigú soltei 9'50 eurazos só por un botellín de auga, unha cocacola e un pacote de flocos de millo; supoño que foi unha sorte non pedir ademais unha bolsa de m&m ou tería que ter deixado a americana en prenda.
Por último, a terceira na frente: como o coche pasou tres horas no aparcamento do centro comercial en que está o cinema, a máquina, impertérrita, reclamoume 7'35 implacables euros, de maneira que a festa ascendeu a trinta euros menos quince céntimos.
Aínda ben que a película, que non marcará un fito na historia do cine por moito que ao final acabasen casando, foi divertida, e que a nena (e seu pai tamén) o pasou estupendamente vendo como o planeta ficaba patas arriba, pero tampouco demasiado.
(E até aquí podo ler).

mércores, 11 de novembro de 2009

Once do once

Hoxe, día de San Martiño, cúmprense vinte e catro meses desde que deixei de fumar (ou, o que vén sendo o mesmo, 14.620 cigarros non fumados e 1.827 eurazos gastados en cousas evidentemente ben máis sólidas que o fume).



(Pero ás veces canto te boto de menos, cabrón!)

luns, 9 de novembro de 2009

20 anos


Pasaron 20 anos, como de case todo.
Tamén daquela noite en que celebramos a caída do muro, non en Berlín e rodeados de alemáns, senón rodeados de alemáns no máis ruinoso e desconxuntado andar de Alfama, onde vivía unha das miñas colegas alemás de turma.
A loira chamábase Kirsten, e a historia pillounos tan sen previo aviso que alí non había máis que viño maduro e cervexa para brindar diante da tele en branco e negro, mentres o teléfono non deixaba de soar e pola porta aberta seguía a entrar xente, como no camarote dos Marx.
Naquela sala húmida e balorenta en que M. e eu estábamos por primeira vez, e da que sacábamos os mobles anticuados, repartíndoos por cuartos e escaleiras para facer sitio, europeos dos catro puntos cardinais, franceses, italianos, suízos, polacos, británicos, belgas, dicíamos adeus a aquela Europa absurda e traumatizada dos nosos avós e dos nosos pais, e dábamos a benvinda aínda non sabíamos a que.
Quero pensar, pero non estou seguro e probablemente non foi nin daquela nin alí, que esa noite e nesa húmida e balorenta sala ateigada de xente entusiasmada, biquei por primeira vez a M.
E pasaron 20 anos, como de case todo.

sábado, 7 de novembro de 2009

O Protocolo Pandemia

Como temos algún caso confirmado de gripe A, e como para finais deste mes se espera o punto álxido dos contaxios, no meu instituto aprobouse o chamado Protocolo Pandemia, nome que parece collido dunha peli da guerra fría, e que encollería o ánimo de calquera de non ser porque non estamos dispostos a nos contaxiar tamén de medo.
Pasamos lista cada mañá ao entrar, e entregamos a notificación das presuntas baixas a un coordenador de pandemias que se encarga de investigalas e confirmalas.
Sobre a mesa do profesor hai días apareceu un misterioso frasco de solución alcólica, e agora sabemos para que: obrigatoriamente, os alumnos han de facer as súas ablucións ao entraren pola mañá, ao viren do patio e do retrete e, especialmente, antes de iren e sempre que voltaren da aula de informática, porque de todos é sabido que os teclados son o paraíso de bacterias e virus patóxenos sen conto.
No protocolo nada se di das bebidas e os bocatas compartidos ou do material emprestado; tampouco do contacto físico nin dos bicos, que proliferan como sempre: haberá amor máis grande que contaxiar ou ser contaxiado pola persoa amada?
Non sei, pero do que estou seguro é de que este Inverno e os seus ingredientes darán para moitas historias, verdadeira ou falsas, e durante anos.
Ao tempo.

mércores, 4 de novembro de 2009

Dous catros

Ninguén mo vai acreditar, pero prometo que esquecín que hoxe tiña unha cita con dous catros.
Alzheimer, os anos que non perdoan? Por acaso o subconsciente, esa teima de pensar que o que non se afronta non sucede? Todo o que sei é que me erguín como cada día, e que fun para o traballo cargadiño de frases nominais e poemas épicos. Como á tarde había sesión continua, arranxamos xantar de bocatas de tortilla e cocacolas light, sobremesa de preavaliacións e posterior merenda claustral, con protocolo antipandemia incluído.
Só cando emprendín camiño a Ithaca, e no asento do lado o móbil deu en trinar a ducia de avisos sms, lembrei que algo grave me ocorrera hoxe.
Polos cravos de Cristo, que feo é este número!

martes, 3 de novembro de 2009

Post-it

Acumúlanseme na cortiza.
E todos na mesma dirección: chamar a May para ver se lle quitaron o xeso; chamar a Erg para saber como está e se lle renovan (ou non) a baixa; chamar a Cam para ver se está mellor da catarreira; chamar a Polis (discreto) para ver se lle vai mellor co del.
Chamar a Teddy (que non está enfermo), só por ver se está.

domingo, 1 de novembro de 2009

Novembro

No refrán ("Bendito mes, que empeza con Todos os Santos e acaba con Santo André") non collen Halloween ou o dulcificado Samaín nin dándolles vaselina, pero aí anda a señorita Kaplan toleando cos contos de medo e os calacús que compraron e a teima de ir pedir larpeiradas aos viciños, segundo me contaba onte por teléfono.
Non foi casualidade que a maioría das televisións emitisen onte cine de terror, nin que desde hai días haxa cabazas con dentes pintados nas froitarías e disfraces nalgunhas tendas, nin que até o viciño de diante colgase unha bruxiña de farrapo na porta.
Será que envellezo, pero a min estas tradicións de ida e volta, que lle queren, non me parecen senón unha americanización en toda regra, un produto indesexable da globalización; se tivésemos un presidente como Deus manda, ben máis se debía preocupar por esta vaga alienadora que por derrogar decretos ou atacar a lingua daquela desvergonzada maneira que lle coñecemos.
Non dubido xa que, ao paso que levamos, antes de morrer aínda me tocará ver como os meus netos celebran o día de Acción de Grazas.

sábado, 31 de outubro de 2009

Comunidade

 Xoves houbo reunión de viciños.
A presidencia da comunidade caeu a dous andares do meu, discutimos derramas e redución de cotas pola baixada do fuel, como nenos boíños deixamos que o administrador nos levase da man polo labirinto das contas, e até houbo quen grallou alto e forte porque a da limpeza non nos limpa.
Eu, que nunca dou calado, chilrei dúas ou tres veces, pero só cando a nova directiva estivo elixida, por se acaso.
Desde o meu poleiro ao final da sala víase ben a desbandada: se na do ano pasado se acabaron as cadeiras e algúns quedaron de pé xunto á porta, na deste ano sobraban sitios apesar de asistiren, como se fosen ao teatro, varias parellas de brillantes alianzas e poucos anos. A crise ao parecer non causou estragos: de momento non só non se puxeron vivendas á venda nin hai recibos impagados, senón que até me crucei no ascensor con embarazadas diferentes da que xunto a min trinaba por unha arañeira do portal que, segundo ela, leva alí desde a Primavera.
O desencanto e a rutina instaláronse tanto entre nós que xa non parecemos encantados de nos termos coñecido. Pronto só irán (ou iremos) ás reunións uns poucos; aínda máis á medida que os nacementos vaian mudando a fisiognomía da comunidade.
E aí empezará a normalidade.

venres, 30 de outubro de 2009

Feliz anuncio

Tal e como están as cousas, non me estrañaría nada que o vídeo que lles poño aí embaixo sexa politicamente incorrecto e até colonialista; por contra, á señorita Kaplan e a quen isto subscribe pareceunos, cando nos chegou por email, divertido e enxeñoso.

sábado, 24 de outubro de 2009

Dez cousas que NON fago

Confeso que xa tiña mono dun meme, abenzoado el, esa estupenda e baratísima maneira de psicoanalizarse un e ao mesmo tempo supervitaminar e mineralizar o blogue propio se anda de capa caída; desta tócame agradecerllo a Noe Pastor, que no seu Boquitas pintadas deixou aberta a porta a quen queira respostar o meme das dez cousas que non fago.
Como sei que de todo hai na viña do Señor, mesmo quen se alporice por ser metido en danza, non darei nomes e deixarei logo eu tamén aberta a porta do meme a quen quixer respostalo.
Asi pois, adiante.

1. NON bebo auga da traída. A da nosa cidade é tan mala que hai quen pensa que pode ser tóxica; eu nin bebo nin opino.
2. NON nado nada: non porque non teña traxe, senón porque non sei nadar.
3. NON collo nunca os papeis de propaganda que dan pola rúa.
4. NON tomo café despois das catro da tarde.
5. NON uso pixama para durmir, moito menos pingas dalgún perfume.
6. NON escoito a radio nin vexo a televisión na cama.
7. NON falo de fútbol nunca, e aínda menos no traballo.
8. NON rezo (como había de facelo, se son ateo desde a adolescencia).
9. NON ando nunca en bicicleta, e iso que teño unha, estupenda, hibernando no garaxe.
10. NON saio nunca da casa sen deixar a cama feita.

martes, 20 de outubro de 2009

Inmune


(Grazas, Cam, pero contra esta xa estou vacinado)

luns, 19 de outubro de 2009

Comunicado

A primeira baixa no acuario produciuse hoxe, e contra todo pronóstico non foi Carbón, o teléscópico negro, senón un sarasa chamado Cristal.
Hora da morte: entre as 12'30 da madrugada (cando fun para a cama ao final da película da TCM a vítima vivía e coleaba) e as 14'45, cando descubrín o corpo flotando boca arriba no acuario e sen sinais visibles de violencia.
Causa da morte: indeterminada.
A señorita Kaplan foi xa avisada, e o cadáver repousa a esta hora nun leito mortuorio de mondas de laranxa, pousos de café e restos de salada de onte.
D.E.P.

domingo, 18 de outubro de 2009

18-O




Pois si, penso quedar na casa, pero só porque sigo resfriado, coa voz seriamente tocada e o corpo como se me desen unha malleira.
Eu non irei, pero a señorita Kaplan irá con súa mai e, segundo me contou onte por teléfono, vai levar unha pancarta enorme xunto aos nenos da súa escola.
Da súa ilusión e compromiso pola defensa do que é noso deberían tomar boa nota os impresentables que nos gobernan.

O armario



Non subestimes nunca o poder dunha boa historia...!

sábado, 17 de outubro de 2009

Saldo

Escoitei na prensa ou lin pola radio hoxe á mañá, pode que fose onte, tal o meu aparvamento doente, que as cifras de nove días de Sanfro deixaron tras de si 900.000 visitantes, 18 millóns de euros, máis de mil cincocentas toneladas de lixo e abundantes desperfeitos no Parque.
O meu saldo é moito máis exiguo: viñeron os Haddock ao Domingo das Mozas e comemos o polbo nas casetas, entre os nativos, con explicacións teórica e práctica do ritual; fun comer o polbo outras dúas veces, unha coa familia e outra con Polis, e así non irei cos do traballo porque xa abonda; gastei seis euriños na lotaría e gañei trinta eurazos; cumpriume subir á noria tras tres décadas, pero desta vez para acompañar unha rapaza que é a miña filla; e por último pastoreei con Haddock as nosas fillas polos concertos, as barracas e entre os negros que vendían; comemos, bebemos e mesmo cantamos nas sobremesas (non na caseta, por deus); vimos cine de Oriente e cine de Occidente en familia; e imitamos até o colapso o riso gutural e fungón do Hamlet máis superhonrado de Valencia, mentres as nenas interactuaban e a nova señora Haddock facía, pacientemente, de tripas corazón.
As señoritas Haddock e Kaplan descubriron que a barraca dos seus soños non é a noria senón o portentoso simulador das seis dimensións, co que navegaron polo fondo dun proceloso mar e até se deslizaron por montañas rusas non aptas para cardíacos sen se ergueren das butacas móbiles e con aquelas gafas de ministro de Franco postas.
Por último, e ademais de runas da sorte, unha caixa de lata da Betty Boop, unha pulseira dos negros, unha mancha de tinto na camiseta favorita e un cadelo de penuxe, a señorita Kaplan conseguiu que lle crease a súa primeira conta de correo electrónico.
Houbo un tempo e que as nenas soñaban con seren princesas; agora queren ter un blog.

mércores, 14 de outubro de 2009

Síntomas

Teño toda a sintomatoloxía dun resfriado: molestias na gorxa, a voz tocada, algo de moqueo, esbirros, aparvamento, cansazo, querencia pola cama, e unha certa dor de cabeza, así remota, coma un eco.
Fun traballar hoxe, e irei traballar mañá, cunha boa provisión de paracetamol no corpo e de panos de papel no peto, e o receo de ser mirado con temor e desconfianza por alumnos e colegas, principalmente os que comparten comigo o exiguo reduto do departamento.
Naturalmente, nin se me ocorrerá aparecer estes días pola casa da miña tía G.: sei que para ela non hai esbirrar contra o brazo no canto de poñer a man (como me di a señorita Kaplan que lle ensinaron a facer na escola), nin que a gripe común causa máis mortes, nin que o que teño é un simple resfriado e non un sabedeus.
Di a miña mai que a tía recuperou para o presente historias das gripes do pasado. Como cando o meu avó facía a mili polo 1918 e non daba durmido sentindo tusir nas outras camas do dormitorio común aos que pola mañá estarían mortos ou comidos pola febre.

martes, 13 de outubro de 2009

Nobel


Aínda teño que correr moito para poñerme ao día, así que boto man da libreta de notas e empezo por dicir que non estou contento co nobel a Obama, que é todo falta de costume termos un home normal e decente a vivir na Casa Branca, que até a el mesmo lle deu vergoña.

Xa miña mai o dixo: se lle dan o nobel antes dun ano de presidente, cando o deixe dentro de sete terano que facer santo.

luns, 12 de outubro de 2009

Coma

Voume deitar.
Que mañá madrugo, e estou tan canso que até me doe o Sanfroilán.

mércores, 7 de outubro de 2009

Peixes

Desde Sábado neste tobo xa vivimos cinco, sen contar a señorita Kaplan (que é itinerante, xa saben) e contando os catro inquilinos do acuario: as carpas Aquiles e Ulises, o sarasa (así lle chamou o señor da tenda, eu nin quito nin poño) Cristal, e un telescópico negro, que a nena chamou Carbón por motivos obvios.
Nin a bibliografía consultada sobre as bacterias, o amoníaco e o ciclo do nitróxeno (un folleto que me deu o vendedor dos peixes e a habitual morea de información contraditoria dos foros da Rede) nin o novo filtro, interior e supersilencioso, fixeron máis do que afastar un pouco a ameaza de tornárense as augas turvas e fedorentas.
E si, fico parvo véndoos nadar entre as ramiñas falsas, procurando os flocos de comida nos seixos ou mexendo as aletas á volta da Dama ibérica mergullada.

luns, 5 de outubro de 2009

domingo, 4 de outubro de 2009

Chau, Negra


Mercedes Sosa, La Negra Sosa, in memoriam

sábado, 3 de outubro de 2009

Festa

Supoño que o bendito santo vela pola cidade en que naceu, e que iso inclúe as xestións pertinentes para que chova cando e como é debido.
Certo que os campos necesitaban auga, certo que Mouse Park daba pena con aqueles cauces secos e aquelas tonas verdes, pero tampouco era necesario que desabasen os ceos precisamente o día antes de comezaren oficialmente as festas do patrón, porque non son formas.
Tampouco ninguén ía poñerlle en dúbida a Froilán que era el quen mandaba a choiva, pero en fin, que estábamos a comprar os churros antes dun preguiceiro retorno á casa desde a feira cando comezaron as pingas a pintar puntos nas beirarrúas e no asfalto resequido e, corazonadas, pedinlle á señorita Kaplan agarrar ben os gorilas albinos que nos tocaran na tómbola e tirarmos para a casa a golpe de churro, por se as moscas; mesmo ela, que é novata meteoroloxicamente falando, comprobara ao serán como as bocas de esgotos das Cortiñas de San Román cheiraban a peido, aviso inequívoco de trevón para os de Ithaca.
Agora a nena está a durmir no seu cuarto e o diluvio segue a caer fóra: antes de se deitar, ceando, lembrou os barraqueiros, os vendedores negros de pulseiras e esculturas, a señora das améndoas e o algodón, a tómbola dos gorilas brancos, a noria en que montamos hoxe á tarde, os cabaliños de madeira en que xa montaba eu de cativo, as estatuas humanas, os peruanos das frautas de pan, o home das xerras de barro, o das caricaturas, a barraca do saltón, as polbeiras e que sei eu que máis cousas expostas á choiva baixo as árbores.

xoves, 1 de outubro de 2009

Río



Pódenme chamar traidor, metido, antipatriota, agonías olímpico, tolo, augafestas, fantoche, repunante, progre da merda, esquirol, antipático, augur de medio pelo, provocador ou tocapelotas, que non por iso deixarei de ter unha corazonada.
(E agora díganme... quen vai pagar todo isto?)

mércores, 30 de setembro de 2009

Dama

A habitación máis húmida do tobo, o acuario, está xa lista e á espera dos inquilinos.
Para ambientar aquel fondo non atopei nada que fose bonito, barato e adecuado: os barcos de xoguete flotan, e as cousas para acuarios que venden nas tendas son case máis caras que as de verdade.
Ao final, cando xa pensaba convencer a señorita Kaplan de que bastaba coas algas de plástico, que así os peixes terían máis espazo para nadar, a casualidade púxome ao alcance da man unha Dama-de-Elx-pisapapeis, absurda e pesada, pura marmolina 100% que meus pais me trouxeron do imserso e eu tiña agachada desde aquela, como se agachan os tesouros máis valiosos.
Agora tamén ela agarda, reciclada, entre seixos pequenos e algas de plástico o que van dicir meus pais cando a vexan alí dentro, escorada e submersa, igual que o testemuño dun antigo naufraxio.

luns, 28 de setembro de 2009

Acuario

A señorita Kaplan aprendeu ben a técnica de Bambi ou, tamén chamada máis enxebremente, do pitiño mollado, que practica con soltura cada vez que quere algo.
O último: un acuario para o seu santo.
Para desarmarme pasou lista entre os nenos da súa escola e demais coñecidos que o teñen; outros argumentos que manexa son que non só lle vai ser útil a ela para coñe a observación dos peixes en vivo e directo senón que até a min as carpas me farán muda compañía, mentres Toni Soprano e seu tío Junior se complican a vida.
Logo ela pon cara de boíña, e ao final xa están miña mai ofrecendo comprarlle os peixes (precisamente ela, que cando éramos pequenos non quixo na casa máis fauna que a comestible) e a miña irmá informando de promocións de acuarios.
Pois ben: a cousa xa está aquí e empezou a instalación co traslado, máis ben homérico, da enciclopedia que lle cederá o lugar, e a recolocación dos outros libros que estaban alí onde irá a enciclopedia; coa fura de taboleiros da libraría para que pasen cabos e tubos; coa compra de tres kilos de pedras de río negras e brancas; con aprender como funciona o sistema, a bomba, as bacterias, o ph da auga e non sei que máis.
A señorita Kaplan chama cada serán para saber dos progresos e asegurar a marcha do proxecto; se todo vai ben e atopamos un barquiño afundido ou un buzo (non o meu madelman, que non deixou de casar coa Barbie para acabar no fondo dun acuario), Venres iremos comprar uns peixes para os que a nena está xa a procurar nomes.
Cóntame hoxe por teléfono que, cando en coñe lles preguntaron se tiñan mascotas na casa, a señorita Kaplan orgullosamente respondeu que tiña varios peixiños nun acuario que coidamos ela e mais eu.
(A fin de contas, papá, só me adiantei unha semana, engadiu).

Polanski



Pétition pour Roman Polanski, ici.

domingo, 27 de setembro de 2009

Vergoña

Unha consecuencia de estudar nunha escola masculina, cocéndonos durante horas naquela disciplina rancia, nas nosas incipientes hormonas e na nosa propia estupidez, era a necesidade que tiñan algúns de iren á saída até a escola das nenas para molestalas.
Elas, moito máis normais, xogaban ao peletre e á goma, e marcaban con pedras as paredes imaxinarias das casas dos seus xogos até veren aparecer no horizonte a horda de brutos de quinto e sexto de EXB que lles varrían a paz.
Confeso avergoñado que máis dunha vez me deixei arrastrar a aqueles pogromos, non moitas porque a miña irmá estudaba nesa escola, pero si as suficientes para estar e non facer nada o día en que a unha das cativas lle pegaron chicles no pelo, que levaba longo e en dúas colas brillantes e negras coma o carbón.
Como era amiga da miña irmá, sei que na casa lle tiveron que cortar o pelo, que a mai da pobre se foi queixar á escola, pero que alí non pasou nada.
Aos dous imbéciles que fixeron aquilo non os volvín ver, aos outros imbéciles que estaban tan calados coma min tampouco, pero desde hai unha semana a nena-dos-chicles-no-pelo é profesora no meu instituto, e o primeiro que me chamou a atención ao vela é que o pelo agora o leva curto.
Como a miña irmá non se lembra do caso, aínda teño a esperanza de que a miña nova colega tampouco se lembre ou morrerei de vergoña.

sábado, 26 de setembro de 2009

Natureza morta

Desculparán os que nesta última semana se achegaron a Ithaca e comprobaron, día tras día, que o blogue se convertera nunha natureza morta.
Como ben supuxeron, o comezo das aulas e o tsunami de papeis que cada ano o acompaña tiveron a maior parte de culpa: sempre que quixen entrar e contar algo había máis papeis, máis cambios na programación, máis asuntos descolgados, e cando non, o que había era esa lexendaria preguiza que, como negalo, aumenta en progresión directamente proporcional aos meus anos.
Evidentemente, non estiven enclaustrado, convertido tamén eu nunha natureza morta todo o tempo, e no camiño entre o instituto e o tobo houbo meandros e desvíos, e aínda que quixen contar e non contei, volvín indemne do casamento de Vapin, andei lerchando como é costume polas vidas de amigos e parentes (principalmente a de Polis, que abandonado xa pola vella señora que lle limpaba a casa, vive agora á beira da salubridade), dei baixado os Soprano ao completo, estou por terminar un libro altamente recomendable, asomeime a un episodio escuro do meu pasado ao recoñecer a nova profesora de lingua española, e até tomei dúas ou tres decisións de interese para os próximos meses.

xoves, 24 de setembro de 2009



Si, xa sei, xa sei...

xoves, 17 de setembro de 2009

Léxico

vodismo, s.m. (neol.) 1. Dise da celebración na mesma cerimonia do casamento de dúas persoas e, inmediatamente despois, do bautismo do fillo ou fillos de ambos. 2. Banquete que segue a esta celebración. 3. Conxunto de ritos e costumes que precede e integra a celebración, entre eles a escolla e compra de agasallos, a renovación do vestiario dos invitados, as despedidas de solteiros e outros gastos accesorios. [Pode tamén escribirse con b]

martes, 15 de setembro de 2009

Touriñán



Leo aquí que Adega desenvolverá unha campaña/boicot contra os produtos de Pescanova, unha empresa galega que, infelizmente, mira máis polos seus intereses de mercado e marxes comerciais a curto prazo que polos de todos nós.
Eu non quero que se destrúa a nosa costa; quero un Touriñán protexido, sen piscifactoría, sen contaminación, e por iso apoio esta campaña.

luns, 14 de setembro de 2009

Cousas mellores

Estou convencido de que poucas cousas hai mellores que visitar unha exposición de Matisse na mañá dun Domingo de Setembro, pero algunha hai.
Como, por exemplo, tender tres resacas ao sol na praza de Anaya despois de acordarmos en tres tristes camas monopraza dun piso de estudantes con pelos na bañeira, que Encantador negou con vehemencia seren do seu sobriño antes de ninguén dicir nada, con evidentes cercos negros en cociña e baños, e non direi máis por non causar unha estampida.
E é que cando acordei a dor de cabeza estaba alí, Rambo controlábame desde o póster da parede, e eu xuro que non sentía as pernas, meu Deus, as pernas.
Os Polis discutían en calzóns na cociña o planing e o timing; comprobei que non había tampouco alí aspirinas nin outra cousa que comer, apoiei a proposta de Encantador de quedarmos a xantar en Salamanca e deixar a Matisse para a seguinte exposición, así fose no fin do mundo, e corrín a vestirme antes de que os dardos envenenados de Polis se me cravasen no lombo.
Almorzamos (tarde, silenciosa e carisimamente) café e churros na praza Mayor; reneguei de min por ter deixado a cámara en Ithaca, fixemos as contas, lembrando ao paso o Haddock e os nomes dos outros locais en que estivéramos até ao amencer; camiñando polo centro, fomos comprobar que o batmóbil estaba indemne e procuramos un lugar tranquilo para xantar; para daquela Polis xa falaba coma a xente e non só non mordía senón que até nos aderezou a comida con dúas ou tres cousas divertidas.
Non hai como ter o estómago cheo para mirar o mundo aos ollos.

domingo, 13 de setembro de 2009

Anderson (en diferido)

Grazas a May, ao aire acondicionado que había dentro da sala e á insistencia da miña filla, a semana pasada visitei por terceira vez a exposición da fotógrafa Ruth Matilda Anderson.
Como diría miña mai, este post naceu sen sorte: non só fermentou até hoxe nas adegas do blogue, senón que ademais se vai publicar en diferido mentres un servidor camiña entre odaliscas sensuais e cálidas paisaxes mediterráneas.
Dito isto, cómpre aclarar que Miss Anderson visitou e retratou Galiza e as súas xentes entre 1924 e 1925, que foi enviada pola Hispanic Society of America, e que nas súas fotos de feiras, enterros, fondas, oficios, labores agrarios, vilas e persoas se manifesta a dureza dun xeito de vivir diferente do actual, pero demasidado recoñecible.
A foto insignia da exposición, o reclamo para o público, está tirada na Muralla sobre a Porta de Santiago un frío día de xaneiro de 1925; á seguir puxen unha imaxe actual feita por min (coa colaboración da señorita Kaplan) do mesmo lugar e cun encadre similar; e debaixo delas, envellecida, un divertimento de fotoxó.
Como nos pasatempos dos xornais, pódese xogar a procurar as sete diferenzas; iso si, tendo en conta que aquí hai moitas máis de sete.



sábado, 12 de setembro de 2009

Loucura


Completamente de acordo: é de tolos.
Saír a fume de carozo para chegar a cear e tomar unhas copas en Salamanca, aventurarse a durmir á vaicheboa nun apartamento do que aínda non temos as chaves, saír cedo para Madrid o Domingo, arriscarse na bicha interminable da exposición de Matisse non sabendo aínda se temos entradas, e emprender o regreso a Ithaca para chegarmos a durmir, efectivamente, non colle en ningunha cabeza con máis de trinta e cinco anos.
Tampouco na miña, que lle hei facer, e así e todo alá vou.

Pillados

Bastou un día (o primeiro deste curso para a señorita Kaplan) para que o castelo de area dos Reis Magos se viñese abaixo arrastrando consigo o iglú (ou o que queira que sexa) de Papá Noel e até a caixa de galletas que unha vez habitou o Rato Pérez.
Ao parecer, en cuarto de primaria un xa é grande de máis para crer en certas cousas e, aínda que a señorita Kaplan tiña xa as súas sospeitas (iso de que os pais deixásemos que un rato se metese no cuarto e fosgallase baixo da almofada dos nenos para levarlles os dentes era especialmente raro), agora os brutos de quinto encargáronse de disipalas para sempre. Kaput.

mércores, 9 de setembro de 2009

Estou con Garzón

...porque durante 70 anos no meu país a maior impunidade gardou as vidas, os bens e a memoria dos militares e civís que subverteron un sistema político lexitimamente establecido, e esa impunidade mantívose até case o día de hoxe coma un veo de silencio e olvido.

...porque nunca se investigaron os xuízos sumarísimos e os procesos sen garantías en que civís e militares leais foron condenados a morte ou a outras penas de cárcere por motivos exclusivamente políticos e ideolóxicos.

...porque tampouco se procesou nin imputou nin investigou nunca os presuntos participantes en paseos, torturas e outras actividades delictivas toleradas e organizadas para estender o terror e consolidar o novo rexime.

...porque aínda hoxe sucede que os tribunais preservan os nomes dos verdugos e encubridores, e nunca houbo un interese real por parte das autoridades de abrir as fosas e recuperar os corpos das vítimas represaliadas, por moito que sexa coñecida a ubicación de tales restos.

...porque máis de tres décadas despois da morte do ditador e os seus secuaces non hai cidade, vila ou aldea de España que non mostre sen pudor nas rúas, igrexas e edificios públicos os nomes, a ideoloxía e os símbolos dun rexime sanguinario, ilegal e feo como poucos.

...porque cando por fin o noso Goberno saca adiante unha Lei de Memoria Histórica, esta resulta ser raquítica e mesquiña, sen orzamento, e vai á deriva entre as competencias e intereses de comunidades autónomas, concellos, xulgados, familias, partidos políticos, sindicatos e naturalmente da igrexa católica.

...porque agora, tras décadas de impunidade e infamia, o primeiro que pasa por un xulgado en relación cos crimes de Franco é precisamente Garzón, o único xuíz que encausou a ditadura.

... e por último porque non deixo de pensar se no meu país as cousas non se estarán a facer outra vez ao revés, se os honestos defensores da legalidade serán de novo considerados delincuentes, e os lobos e verdugos rectos homes de ben.