sábado, 31 de xullo de 2010

Beyoglu

Que o tempo dos viaxeiros lexendarios rematou para non voltar é evidente: un só coñece persoas que viaxaron a Zancíbar, a Ushuaia ou á China e que o contan como se viñesen de xantar no restaurante do lado.
Pero, aínda asumindo que a nosa viaxe ao outrora lexendario Estambul non tivo nada de heroica, atopar na bicha de Dolmabahçe unha colega do instituto con toda a familia, e por se fose pouco volvelos ver despois saíndo do restaurante onde xantamos, é para pensar en tirarse de cabeza ao paso dun tráiler.
Lonxe diso, Teddy e eu seguimos adiante, impertérritos: subimos no elevador até a praza de Taksim, remexemos nos discos e t-shirts polas tendas de Istiklal, tiramos fotos dos vendedores de simit e pitta, explicamos a un casal de portugas que Praza de Taksim non era o mesmo que praza dos taxis, xantamos estupendamente nun restaurante onde, a propósito das hojas de perra que segundo o menú recubrían os yaprak dolma, Teddy (moito máis aberto) socializou co encargado como se fosen vellos camaradas, e ao fin chegamos á Torre de Gálata, desde onde as vistas de Estambul e o Corno de Ouro son tan impresionantes que a un non lle resta outra que tentar roubalas coa cámara, para descubrir despois que en realidade non trouxo consigo case nada do que viu.




martes, 27 de xullo de 2010

5º día: Diluvio

Acordei moi cedo porque o hotel vibraba; non se trataba dun soño nin dun poltergeist atribuíble ao cuarto 555: a luz estaba acesa e o noso cuarto tremía como percorrido por unha corrente eléctrica ou como se furasen na rúa cun martelo neumático sen ruído; toquei a parede xunto á miña cama para asegurarme, e ollei para Teddy, que durmía docemente agarrado ao portátil.
Cando acordei, Teddy estaba na ducha. Mirei para fóra e vin no balcón non que chovese senón que diluviaba, co que cumpría refacer os planos. Descartados os espazos ao aire libre, e por ser Venres as mesquitas, almorzando pareceunos adecuado visitar Dolmabahçe, o novo palacio dos últimos sultáns e a residencia en que faleceu Atatürk, ao parecer tan impregnada da súa presenza que até os reloxios manteñen a hora do pasamento, tal e como invariablemente referían as guías consultadas.
Ao mellor por ser Venres, na longa mesa das provisións faltaban os anacos de sandía e os boliños de sésamo, pero había novidades: cachelos (que infelizmente confundín con queixo) e roscón de chocolate. Polo demais, o almorzo compúxose do habitual: varios tipos de queixo brando e duro, boliños con sementes de papoula, olivas, friames, torradas e, naturalmente, café con leite. Teddy, como cada día, botou tamén man dos cereais e da salada de tomate e cogombros.
Tras revisarmos cámaras, cartos e plano, os dous botámonos á choiva para apañar o tranvía até Kabatas, ao outro lado do Corno de Ouro, e relativamente perto de Dolmabahçe. Naturalmente, non temos paraugas e eu non quero nin ouvir falar de comprarmos un, apesar da que está a caer e de irmos en camisa, a correr pegados ás casas, de maneira que cando damos montado no tranvía imos pingando, igual ca os outros viaxeiros. Tanto era así, que ao baixarmos fun eu quen propuxo que comprásemos dous paraugas de plástico transparente a un de tantos vendedores; Teddy comentou daquela que a palabra contradición adquiriu o seu verdadeiro significado ao seu cruzar comigo, e eu teríalle respostado que son un home de contradición e de pelexa, pero había que esquivar autobuses e pozas toldas e preferín calar.
No palacio Dolmabahçe as cousas pintaban mal: pasamos os controis de policía e o escánner das mochilas, pero cando chegamos á billeteira descubrimos con estupor que: a) a entrada custa 20 TL (uns 10€ ao cambio); b) dentro non se poden tirar fotos de ningún tipo; c) só se permite a pasaxe a grupos, de xeito que os billetes se van vendendo á medida que os grupos circulan polo palacio; d) a bicha, que medraba sen cesar coa billeteira fechada, era tan longa que arrefecía os ánimos de calquera naquela mañá lamentable e trevoenta.
E así foi como renunciamos a entrar en Dolmabahçe.


domingo, 25 de xullo de 2010

Eu xa o fixen. E ti?



O artigo de Carlos Callón, presidente da Mesa, apela nesta ocasión a algo tan natural e simple como galeguizar os nomes propios e restaurar os apelidos deturpados no pasado. Sen complexos.
Eu, que galeguicei o nome hai máis dunha década (cos apelidos non me cumpriu, e é evidente que non me estou a referir a aquel con que asino o blog) non vin que a miña vida cambiase.
Por coherencia, galeguízate.
É o meu desexo no noso Día Nacional.

venres, 23 de xullo de 2010

4º día: De mesquitas, cisternas e museos

Porfín soltamos lastro.
Teddy, o home que estes días escribía incansablemente postais para boa parte do planeta, termina o seu labor e esculca no plano a oficina de Correos; un funcionario moi amable véndenos os selos coa xa familiar efixie do paiciño Atatürk, e indícanos unha mesa alta e redonda, como de cafetaría, onde combinalos e pegalos.
Era mediodía cando baixamos do tranvía en Sultanahmet, con ansia de depredadores, dispostos a explorar e percorrer o interior da mesquita Azul (onde entramos pola zona que os turistas comparten coas mulleres, que permanecían orando tras celosías de madeira); aínda que non parece moito o ruído, amortecido pola altura das enormes cúpulas, sobre a densa alfombra desenvólvese unha feira semellante ás de case todos os lugares que levamos visitando desde que chegamos: coas cámaras listas e as sandalias nunha bolsa de plástico co nome da mesquita, os visitantes deambulan pola zona autorizada tentando non bater entre eles e agardando con paciencia a quenda para facer a foto.

Antes de xantar aínda visitamos a Cisterna Basílica, sorpresiva e inquietante, cos centos de columnas en penumbra e os seus ecos; sen masificación: o ambiente húmido e a hora de xantar non eran favorables, así que os visitantes corrían polos vaos até o máis profundo, xiraban entre flashes agardando fotografar as cabezas lidrosas da Medusa, e emprendían o retorno á luz exterior.
Nalgunhas zonas, ridículos obxectos artísticos de metacrilato e plástico simulaban criaturas abisais ou de pesadelo: non era preciso, habendo como había enormes e silenciosos peixes vivos, probablemente cegos, a nadaren naquel fondiño de auga como hai mil anos.
O xantar, nun restaurante dunha ruela diante do parque de Gülhane, foi excelente e, como dirían os viaxeiros de antano, reparador: houmus, salada e caril de polo, con cervexa para acompañar e té de mazá como remate das contas e as notas que escribín no caderno.
Teddy foi o primeiro que viu as evolucións e os xogos do rapaz que vendía xelados vestido á moda antiga, todo un espectáculo que servía para aumentar nos nenos a maxia do momento; máis tarde, cando xa avanzábamos polo parque Gulhane en dirección ao Museo Arqueolóxico, tamén foi Teddy quen descubriu un home que mostraba dous coellos brancos nunha gaiola e un galo ben colorido; supuxemos, porque isto é algo que non demos comprobado, que para os nenos se retrataren cos animaliños.


mércores, 21 de xullo de 2010

Vivinos

Probablemente moitos se estean preguntando, a estas alturas da crónica estambulí, como viviría este os dous triunfos consecutivos de España no Mundial.
Pois ben, señores, vivinos sen bandeiras nos balcóns e con só algunhas camisolas da selección que floreceron no autobús e logo no avión que nos trouxo aquí; vivinos agarrado a unha xerra de Efes sen máis entusiasmo que o de Teddy, que me arrastrou a unha terraza inzada de turcos e alemáns a primeira vez, e a seguinte a un antro onde un tipo ouveaba agarrado a un micrófono, como nun karaoke, mentres o persoal bebía agardando os goles; vivinos en territorio hostil porque, saiban, a cousa máis suave que nos dixeron nos lugares en que ceábamos, ou os vendedores que nos vendían, ou o taxista que nos levou, ou os mozos do noso hotel, era (eu nin quito nin poño) que quen merecía gañar realmente era Alemaña.
Vivinos con desidia e cun desinterese que me hei de facer mirar, centrado nas viandas do meu prato, poñendo máis atención no abellón das vuvuzelas que escapaba do televisor e no que sucedía no local que nas xogadas que Teddy me explicou até comprender que me deixaban completamente frío.
Vivinos, si, pero, como sempre, houbo outras cousas que me interesaron moito máis. Agora, de volta aquí, de Estambul lembro o conglomerado de cores e arrecendos do Bazar das Especias, as moreas dos postos, as chamadas dos vendedores...



luns, 19 de xullo de 2010

Solpor


A luz oblicua do solpor bate na Mesquita do Sultán Ahmed, chamada a Azul, facendo medrar as sombras entre as columnas e, no alto, que resplandeza o nome de Deus gravado en ouro sobre os muros.
Vendo voar as andoriñas velozmente sobre nós descansamos de tanta visita sentados ao pé dunha columna nos chanzos do patio interior e falamos, principal e longamente, de sexo hetero e do corpo feminino.
Antes de irmos para o hotel paseamos lentamente polo Hipódromo entre lusco e fusco; demoramos fotografando o Obelisco, a columna Serpentina e a maltratada Columna de Bronce. Corre a xente para os buses, hai nenos xogando á pelota, algún tipo até nos ofrece aneis de ouro para comprar.
Repentinamente, a zona baléirase; no travía ateigado, Teddy acórdase despois de que hoxe haberá partido: o España-Alemaña.


sábado, 17 de xullo de 2010

3º día: Topkapi

Mércores estaba prevista a visita ao palacio Topkapi, a moi aparatosa residencia dos antigos sultáns otomanos, a ben pouca distancia de Santa Sofía e no miolo histórico e artístico da cidade, Sultanahmeh, no que tamén están o Museo Arqueolóxico, Santa Irene, a Mesquita Azul e o fermoso parque de Gülhane.
Apañamos o tranvía en Aksaray, a nosa paraxe de referencia, e desembarcamos xunto a Gülhane para darnos un baño de masas en canto atravesamos a Porta dos Saúdos da Paz: hai bichas interminables nas billeteiras, atoamentos nos escánneres da entrada, grupos guiados en movemento, españois a berros entre as hortensias, xaponeses descansando nas beiras do xardín, e un forte cheiro a humanidade dentro do Pavillón da Capa Sagrada que ceiba a multitude que apenas pode admirar as espadas e os tecidos expostos: vai tanta calor dentro que as pequenas xanelas de enriba están condensadas; son cuartos sagrados e por iso non están permitidas as fotos, pero os gardas berran cos visitantes para que avancen como se os pastoreasen.
Nese mesmo patio está a linda biblioteca Enderun, vacía de visitantes e de libros, en que podemos tirar fotos con calma do interior e da fermosísima fonte que hai diante.
Alí, á sombra, facemos balance: as cociñas están fechadas por restauro e as bichas para visitar o Harén asustan; como devecemos de fame, pasamos ao cuarto patio, onde hai un restaurante aparentemente caro pero con bufé na terraza, para xantarmos (kebab, dolmadakia, salada, sandía) á sombra dos parasois e baixo uns cedros dos que Teddy fica namorado ipso facto.
Para a tarde, Topkapi ofreceu a mellor parte da visita, moito menos masificada sen os grupos guiados que desapareceran maxicamente ao mediodía: os Pavillóns de Bagdad, o de Revan e o da Circuncisión, cos seus miradores, cúpulas e azulexos, e o Diván.
Cambiamos a visita ao Harén por un té de mazá na terraza, e non nos arrepentimos: temos as retinas rebordantes de obxectos artísticos e os pés esmagados de pasear pavillóns e patios otomanos.





venres, 16 de xullo de 2010

2º día: Tour

Que non hai nada máis pesado que escoitar a crónica dunha viaxe e ver as fotos das vacacións alleas é cousa sabida, pero que lle queren: un tampouco foi a Estambul para agachalo baixo sete chaves, coma un segredo vergoñento.
Así que váianse preparando, se queren, porque lles contarei brevemente como o segundo día aceptamos pagar 60 € para que nos levasen en autobús coma ovellas até Santa Sofía, até unha colina con vistas e até un restaurante praieiro para guiris en Tarabia onde repuxemos forzas cunha boa pitanza. Como compartimos mesa con catro mozas catalás coa selectividade recén aprobada que viaxaban soas; como nalgunha delas, como nunha bola de cristal, me pareceu ver a que será a señorita Kaplan dentro de sete anos; con elas, literalmente, intercambiamos palabras, e para a lembranza quedará a inesperada espectación delas ao verme lañar a dourada á grella que nos serviron.
Como fermentamos a comida nun catamarán polas augas do Bósforo, á vista das pontes, as mesquitas e as decadentes mansións de que fala Pamuk, e como o tour rematou no Gran Bazar, onde porfín recuperamos o control do noso tempo, non sen que antes Teddy e eu nos xurásemos reciprocamente que non nos pillaban noutra igual.

Santa Sofía / Άγια Σοφία / Ayasofya Müzesi






mércores, 14 de xullo de 2010

555

Pois ben, aquí estou, sentado á mesa entre unha caixa de clínex e un vaso de eferalgán, cos ollos revoltos, a cabeza coma un bombo, o nariz entullado: consecuencias de tanto aire acondicionado, da exposición a ventos e soles diferentes, da molleira da semana pasada, pode que até do cambio de hora, como diagnosticou onte a miña irmá, a quen só falta un par de etiquetas de nescafé para obter o título de medicina.
Desde o día da partida o contraste das temperaturas foi constante: no autobús de ida, Teddy e eu fómonos cocendo lentamente durante seis horas longas, encaixados nos asentos e conectados umbilicalmente á radio do seu móbil; Madrid amenceu fermoso, coma sempre, con esa rosada luz que ultimamente lle vexo: sentín envexa dos que ían ao traballo polas rúas frescas e as avenidas recén regadas.
No aeroporto facturamos sen problemas e esquecemos o pesadelo coquinario coa rapidez con que nos secaban os círculos baixo os sovacos; algo moi de agradecer, tendo en conta que, non bastando con descalzarnos e todo o máis, até fun cacheado por un axente no rexistro previo ao embarque.
Sen que sucedese no voo nada destacable, e sen xantarmos máis que a triste comida do avión, chegamos ao hotel. Rexistrámonos con algo de aprensión, habida conta as informacións de viaxeiros descontentos que léramos nalgúns foros; algunha falaba en concreto do cuarto 555 que, para non prolongar máis a intriga, foi o que se nos asignou. Pois ben, en sete noites non acordamos con ningún ruído estraño, nin sentimos correr a auga dos cuartos viciños, nin vimos nada fóra do común.
E ben que puidemos: a aquel interminable corredor en que estaba a porta 555 só lle faltaba un triciclo abandonado.

martes, 13 de xullo de 2010

Estou de volta

(Vista do Corno de Ouro desde a Torre de Gálata: Topkapi, Santa Sofía, a Mesquita Azul)

Estou xa de volta.
Fican atrás os días turcos e empezan os días da lavadora e a posta a punto de casa e vida para cando Sábado veña a señorita Kaplan.
Durmín profundisimamente, pero acordei cun punto de angustia que aumenta ao lembrar as conversas telefónicas de onte ao serán: podo asumir que nunha semana de vacacións me morran as plantas, pero non dou entendido que a cadela ma atropelase un camión sen que alguén baixase moito o nivel de alerta.
Hoxe, cando xante na de meus pais, terei os detalles dunha morte incomprensible.
De momento, a lavadora lava, a mala e a mochila seguen abertas no medio do estudio, vou clasificando na mesa resgardos de caixeiro, folletos de monumentos e tiques de compra, baixo as fotos da cámara, láiome dos pés, e pouco a pouco regreso ao de sempre.

venres, 2 de xullo de 2010

Preparativos


(ou Cousas Que Facer en Ithaca Antes da Partida)
  1. Comprar sen falta hoxe os billetes de autobús para Madrid; de camiño, encomendarme a algún santo de amplo espectro para que a folga de metro non interfira na nosa chegada ao aeroporto.
  2. Comprar dunha vez o Mp3: o outro está tan perdido que nin a miña mai co responso de Santo Antonio puido botar algunha luz sobre o misterio da súa desaparición. Evidentemente, esta vez comprarei algo pequeniño, algo baratiño... etc.
  3. Comprar paracetamol e os carameliños aqueles de marras (asumamos que son un adicto lambisqueiro e que en Estambul xa se sabe).
  4. Aparcar os respectivos temas do dentista e o mecánico do coche para cando volte: pagar a viaxe, a baixada do soldo, a suba do IVE e outros números bloquean a miña capacidade de cálculo e agárranme á carteira con teimosía de náufrago.
  5. Ir cortar o pelo; antes, recortar a barba sen esquecer nariz, orellas e outras zonas abruptas; despois, non esquecer os peliños que asoman do nariz, como patiñas de insecto, e se disparan nas cellas.
  6. Levarlle á miña sobriña o bonsai; insistir na rega diaria e en que non lle dea o sol. Evacuar as plantas todas para a cociña. Ir levando á dos meus pais a equipamenta da cadela, incluír a documentación e a guía do veterinario, por se acaso.
  7. Facer un novo cabezallo do blogue para os días turcos.
  8. Consultar os partes meteorolóxicos e a información sobre a folga do metro nos próximos días.
  9. Chamar a Polis, Tere Holmes e Calmo para despedirme; tamén a May e Nican, máis que nada por se lles dá por apareceren contando con atoparme.
  10. Ingresar a pensión da señorita Kaplan e retirar pocket money.
  11. Decidir o libro que levarei: sigo lendo con certa desgana o da baronesa Blixen, que moitas veces me incomoda polo seu punto de vista colonialista e aristocrático; penso que non o darei acabado para Domingo, que é cando marcho, pero tampouco quero acabalo a medio Estambul e logo que.

xoves, 1 de xullo de 2010