mércores, 18 de setembro de 2013

Madrid e saudade

Recibo onte unha mensaxe de Amadrid; á hora en que lla leo el probablemente estea xa en destino mentres eu trago quina organizando fotocopias, procurando un atlas, mapamundi ou algo, e tentando mellorar o horario deste curso. 
Outras cousas non serán posibles sen maxia: os recortes que negan arriba varreron dous profesores do meu instituto e a min póñenme a estudar os planetas, os ríos e cordilleiras de Europa, o relevo de Asia, para non aumentar o desastre de ter que impartir unha asignatura que non é a miña.
E, mentres, segue a saudade polos días pasados en Madrid hai unha semana (dez anos e medio desde a vez anterior, os que median entre a exposición de Vermeer e a de Pisarro), que parecen agora distantes, case doutra vida.
Ás oito da mañá, que é cando onte e hoxe pechaba a porta do tobo para ir ao traballo, hai unha semana acordábanme os martelos neumáticos e toda a maquinaria infernal con que os operarios furaban e batían na obra de diante do meu cuarto; pouco despois, duchado, vestido e ben almorzado, abríanseme as mañás e, apesar do feirón de visitantes a encheren corredores e salas dos tres grandes museos, mellorábame o humor camiñar só entre meninas, retratos rexios, paisaxes impresionistas, cristos lacerados, belezas cubistas e naturezas mortas, da mesma maneira que tras o xantar con Amadrid se me abrirían as tardes e me melloraba o humor seguir o meu amigo por novos e vellos cafés, entre outras cousas felicitándonos por seren outros os que paguen o 2020 e esbardallando co ridículo relaxing cup of café con leche por prazas coloridas con todas as razas, por bares proletarios onde xantarmos o prato do día, polo nomenclátor urbano máis sonoro (calles del Pez, de la Madera, de la Luna) e polo Matadero, en cuxa Cineteca estivemos para ver unha película patrocinada por un sindicato da competencia. 
Unha das mañás, inesperadamente, o diluvio reemprazou os ceos velazqueños, e os obreiros meus viciños tiraron de impermeables verdes e amarelos, pero a min, que son dos que miran o tempo polo calendario, cumpriume correr Alcalá adiante en sandalias e sen paraugas á procura dun dos irmáns pequenos, moito máis solitario e silencioso, e o seu tesouro case descoñecido de goyas e zurbaráns. 
Agora, mentres escribo este post tamén serodio, á miña esquerda e estendidos sobre a mesa seguen o metrobús con dúas viaxes sen gastar, as entradas inútil e cobizosamente gardadas, un feixe de planos de museos, a programación da cineteca, a tarxeta da creperie bretona en que Amadrid e eu ceamos galettes a última noite, un tique da consigna da estación, e a cámara de fotos en cuxo ventre dormen varias ducias de imaxes que aínda non descarguei.

martes, 10 de setembro de 2013

Post serodio sobre o Porto

Á forza de ilo deixando, este post nace serodio pero nace, e cando se publique eu andarei perdendo os pasos entre cadros impresionistas e bocatas de calamares.
Xa contei que ao Porto fun por facer un curso; direi agora que dos dous tipos de cursos que un pode padecer ao longo da vida (os homologados pola consellería e útiles porque dan puntos e créditos, ese material do que están feitos traslados, sexenios e cátedras, cursos sempre tediosos, insulsos, inacabables; e os outros), o que fun facer ao Porto en Agosto era destes últimos, e a el marchei sen máis pena que o custo da matrícula e con toda a gloria de quen sabe que vai de vacacións. E en Portugal. E aínda máis no Porto, até daquela a cidade dos trasbordos, dos acordares atónitos ao atravesar o tren a ponte de María Pia, das expedicións fugaces a comprar libros, das sandes a pé de bus, a medio camiño indo ou vindo de Lisboa ou de Coimbra para Ithaca.

domingo, 8 de setembro de 2013

Cousas

...que facer ineludiblemente antes de largarme:

  1. Escoller coidadosamente un novo compañeiro de cama: O apocalipse dos trabalhadores, do Valter Hugo Mãe agoniza despois de me entregar moitas horas de excelencia. Como non viaxo nunca sen libros, imponse substitución inmediata.
  2. Cazar un viciño responsable, deses que van sempre a todas reunións e revisan a contabilidade, e conseguir que me colla a autorización para representarme este Mércores sen que crea que tento escaquearme de formar parte da xunta directiva.
  3. Mandar email para xustificar a falta aos ensaios, que por algunha estraña razón tamén comezan este Mércores e á mesma hora en que se reúnen os meus viciños.
  4. Reunir os pedazos e terminar o interminable post con crónica e fotos do Porto que desde hai semanas esmorece por carpetas e pendrives coma un monumento á procrastinación.
  5. Pasar pola de Polis a despedirme e medirlle o humor, agora que ten o brazo libre de xeso, dous flamantes dentes novos, e soltar a pasta para outro batmóbil lle doe máis que as costelas.
  6. Recoller (mañá) os resultados da analítica, que me teñen máis nervioso que os resultados da selectividade cando a fixen. Dáme máis medo a cara da médica se non son bos que os mil castigos sen postre consecuentes.
  7. Regar as plantas, e organizar e limpar algo este tobo: Dióxenes non vive aquí.

sábado, 7 de setembro de 2013

Preparativos

Acabo de descubrir (ben, en realidade funo asimilando non sen dificuldade ao longo desta pasada semana, entre exames e avaliacións, anodinas caras de alumnos que repiten, bicos vigorosos de profesoras maduras, crónicas de vacacións alleas á beira dun café mentres as moscas nos sobrevoan na mesa de todos os anos) que para o comezo do curso, ai, xa só restan nove días escasos.
Pero ao decaemento co que onte me fun para a cama sucedeu, non sei por que prodixiosa transformación onírica, un acordar entusiasta, de xeito que a medio almorzo xa tiña comprendido que o período entre claustros da procelosa semana próxima en realidade é unha preciosa parcela en que edificar a tan demorada viaxe a Madrid onde agardan por min dúas exposicións maravillosas e aquel home serio e grandote que en Xullo coñecín en Mérida e con quen pasei en Agosto interminables e felices horas de conversa despois das aulas no Porto.
Antes da última torrada os billetes estaban comprados, reservado e pago o cuarto antes de que o café con leite arrefriase, e para cando entrei na ducha a mensaxe coa confirmación e as expectativas fora xa enviada ao meu amigo madrileño, que a respondeu un par de horas despois cun manual de supervivencia urbana; confeso que aínda sigo un pouco descolocado coas súas recomendacións sobre os carteiristas do metro e os chaperos en Sol.

mércores, 21 de agosto de 2013

Recapitulación

Seis meses tampouco son para tanto. 
Para me xustificar podería como outras veces alegar secuestro, doenza invalidante, fallos no sistema, perda do contrasinal, comportamento hostil por parte do gran irmán, amnesia, que sei eu, ou simplemente dicir que un dia calquera deixei de entrar aquí como aquel que foi comprar tabaco e non voltou até vinte anos despois porque cada vez lle era máis difícil explicar unha ausencia duns poucos días.
Necesitei distanciarme un pouco dos blogues para entender que despois de tantos anos todo isto non era unha carga senón un costume, como comer ou ducharse, e para que cada vez que se me ocorría fuxir cara adiante abrindo novos blogues neste ou noutro lugar, ou creando estériles contas aquí e acolá, a evidencia do absurdo me mordese nos dedos e me remordese a conciencia.
Seis meses é o que necesitou a señorita Kaplan para pasar de xurar que nunca tería un móbil a consideralo o obxecto máis precioso deste mundo; a min cumpríronme menos para comprender que se mal se me daban as matemáticas de neno, agora tampouco se me dan ben as profesoras de matemáticas. Haddock e a muller non o tiveron tan claro, e a unha época maravillosa sucedeu o caos e houbo separación e reconciliación e agora paz e despois vaia Deus saber que máis. Polis está en dique seco, cun brazo ao colo, varias costelas rotas, algún dente menos e a firme convicción de que, aínda con dúas copas máis, cun coche mellor e máis caro non lle tería pasado nada. Varrín da miña vida algúns elementos tóxicos, e a toxicidade afable do tabaco voltou a ela con moita máis frecuencia que nas longas sobremesas con Tere Holmes. Saqueei foto a foto dúas cidades, e entre novelas e pelis, zarzuelas e gregorianos, fun definitivamente a máis enterros que bodas, sen que por iso ver rapar as barbas dos meus viciños me faga pór as miñas a mollo, por moito que me avellenten, din algúns, ao estaren xa case totalmente brancas.
Polo demais, abdicaron reis e coroáronse príncipes, un papa sucedeu a outro papa, e aquí, escándalo a escámdalo, parece que nos vamos acostumando á pestilencia da cloaca mentres uns e outros se rin da nosa intelixencia, tenden cortinas de fume, roen nos nosos dereitos, acaban co patrimonio de todos e até se ofenden cando lles pedimos a demisión.  

martes, 20 de agosto de 2013

Belicosidades

Non se vos pode deixar sós: Voume uns días ao Porto e ao voltar atópovos case en guerra coa Gran Bretaña por un pedrolo sen importancia.

domingo, 17 de febreiro de 2013

Sobrado

O día da nosa primeira escapada xuntos non puido ser mellor escollido: cálido e luminoso despois de tantos e tantos adversos, coa memoria inverosímil da nave de hai menos dunha semana aínda na conversación, e a certeza de que axiña voltarán as choivas porque ao inverno aínda lle resta moito para se ir despedindo.
Como para conxuralas, pola mañá fun lavar o coche, que voltou lustroso sen aquela costra de barro, pero por pouco tempo: C. estaba segura de que debíamos pillar a autovía e logo a estrada até Teixeiro; a min por contra a teoría dicíame que o mellor camiño a Sobrado tiña que ser atravesando as terras de Friol, entre carballeiras e bucólicas paraxes con casiñas e vacas a pacer ao lonxe; a realidade teimou en levarnos por unha estrada secundaria estreita e por fortuna sen tránsito; logo a sinalización desapareceu, pasamos unha ou dúas rotondas, perdémonos, un vello coma un sátiro sentado ao sol xunto a un peto de ánimas (Carallo, non, que van do rovés!) orientounos, despois outro que levaba un neno da man díxonos que fósemos con coidado, que as obras de ampliación empezaban desde a casa dun tal Valeriano, e  para cando porfín empezamos a ver desmontes e enormes máquinas paradas aos lados da vía aínda restaba case media hora de camiño na que non me quedou máis remedio que darlle a razón a C., asegurándolle que voltaríamos pola autovía, nin bucolismo nin hostias. 
No mosteiro, e polo módico prezo de un euro por cabeza, agardábannos dous claustros silenciosos que
se espreguizaban ao sol da tarde baixo as torres inzadas de vexetación e liques, a sala capitular reconstruída após a refundación, a vella cociña sen lume desde hai séculos.
O último que visitamos foi a igrexa, inmensa, xélida, sen retábulos e con moitos dos seus muros verdes pola humidade e algunha poza no chan das choivas destes días que esquivamos para entrarmos nas capelas baleiras e resoantes, nas que instintivamente baixábamos a voz ao falarmos, mentres unha nube de bafo nos saía da boca, como nos cómics. Apertámonos e bicámonos na semipenumbra da sancristía tamén vacía, baixo a preciosa cúpula e no centro daquel círculo pétreo adornado con cunchas e caras anxélicas; catro homes severísimos e santos (segundo a guía que o frade nos dera na entrada S. Gregorio, S. Ambrosio, S. Xerome e S. Agostiño) miraban para nós censurándonos, probablemente atónitos, pero nin a calor do noso beixo foi quen de reanimalos.

venres, 11 de xaneiro de 2013

O cine do ano pasado

Velaquí os teñen, desde profesores de música a hobbits, desde fantasmas a samurais, horas e horas compartindo aventuras e desventuras, lágrimas e sobresaltos co mellor de cada casa: presidentes americanos, alieníxenas, actores de cine mudo, pescadores, detectives, debuxos animados, buscavidas, cantantes de cabaret, magos, pálidas damas decimonónicas, avogados, pioneiros do salvaxe Oeste, maduras de bon ver, ananos, deficientes mentais, policías, escritores atormentados, xordomudas, soldados, psicópatas, mulleres fatais, orfos, ladróns, magos, asasinos a soldo, estrañas criaturas do submundo, nazis, adolescentes, gangsters, psiquiatras, reis destronados, amantes hiperglucémicos, espías, exploradores, pais e fillos, esposas e maridos, amores imposibles.

Escollan, que hai ben onde.

martes, 8 de xaneiro de 2013

Os Reis

A señorita Kaplan marca o calendario: como o pasado era ano par foi un vello pirado (se era o Apalpador ou Santa Claus aínda está por ver) o que nos trouxo os presentes o día de Nadal; e como este é impar e a nena está con súa mai, na mañá de Reis non hai baixo a árbore nin celofán nin papeis de cores, nin máis sorpresa que algunha penuxe facendo compaña á planta carnívora con que me agasallou a miña sobriña, non sei se con algunha intención oculta.Fixen tempo dando voltas pola casa; preparei o almorzo, seguro de que o teléfono había de soar a medio da torrada ou pillándome coas mans na mandarina; decidinme a chamar eu e, cando finalmente o teléfono deixou de comunicar, resultou que a nena saíra á procura dos agasallos na casa da súa avoa.
Dubidando se meterme na ducha (basta facelo para que chame, pensei), acabei voltando para a cama a ler aquela pequena maravilla, e nin por esas: o teléfono permaneceu mudo e impasible. De xeito que a mañá de Reis decorreu sen máis Reis que os do viciño a colgar da súa ventá, xeados baixo a néboa; horas despois na de miña irmá, no tradicional xantar que despide as festas, asomou O Outro unha vez máis pola tele, que xa perdemos a conta: miña mai di que o atopa desmellorado e fofo, o que acorda clamores antimonárquicos e pouco elegantes solicitudes de abdicación mentres roemos no leitonciño asado e bebemos do godello.
Á tarde, cando xa empezaba a pensar que vería a súa foto nos sucesos, a señorita Kaplan chamou porfín para enumerar como de pasada os libros recibidos e rapidamente describir con minuciosidade de inventario os xerseis, as blusas, a saia vintage (xuro que tal dixo) e a preciosa maleta que desde a semana próxima nos vai acompañar in itinere.
Dous días despois creo que hai unha relación directa entre a idade da nena e o tempo que tardou en coller o teléfono para contarme os seus Reis; a esta teoría, confésoo, non é alleo o repunante de Polis, que está convencido de que dentro de dous anos, o próximo que for impar, a señorita Kaplan non vai chamar até o día seguinte.

xoves, 3 de xaneiro de 2013

Libros do semestre

Os blogs andan estes días ás voltas con inventarios de toda clase, e este meu non ía romper a tradicións, así que aí lles poño a lista dos libros que me acompañaron os últimos seis meses. Dixen xa algunha vez que hai moitos peixes no mar e que agora xa só leo o que me gusta e porque me gusta, de modo que se acabaron as flaxelacións e as penitencias, polo menos na lectura.
Un destes días, talvez, escribirei un post cos monstros que me acabaron coa paciencia, pero é pouco probable. 

1. La noche desnuda, de Juan Carlos Arce.
2. El perro de terracota, de Andrea Camilleri.
3. La falsa pista, de Henning Mankell.
4. Muerte en Estambul, de Petros Márkaris.
5. El ladrón de meriendas, de Andrea Camilleri.
6. Defensa cerrada, de Petros Márkaris.
7. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo.
8. Historia de Roma, de Indro Montanelli.
9. Uñas y dientes, de Ian Rankin.
10. Ceniza, de Yrsa Sigurðardóttir.
11. Yoga para los que pasan del yoga, de Geoff Dyer.
12. Con el agua al cuello, de Petros Márkaris.
13. Crepúsculo en Oslo, de Anne Holt.
14. El guardián de los niños, de Johan Theorin.
15. Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras.
16. Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo.
17. Corpus delicti, de Andreu Martín.
18. O misterio das badaladas, de Xabier P. Docampo.
19. El hombre de la navaja, de Andreu Martín.
20. Psicosis, de Robert Bloch.
21. Invierno ártico, de Arnaldur Indridason.
22. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón.
23. El miedo de Montalbano, de Andrea Camilleri.
24. La berlina de Prim, de Ian Gibson.