sábado, 14 de novembro de 2015

De cans e de gatos

Nós somos máis de gatos.
Lapidaria e contundente, digna de figurar en bronce nun frontispicio ou como epitafio se o verbo fose en pretérito, tal é a resposta o recordatorio via wasap da señorita Kaplan á foto que lle envío da nova mascota de Herg. O cachorro ten mes e medio e xa apunta maneiras: a foto móstrao vitorioso tras un dos seus primeiros combates; a vítima, o guepardo de trapo que eu mesmo lle regalei hai un par de días, non tivo a menor oportunidade e caeu no segundo asalto, segundo Herg me conta.
Estamos mergullados no alegre balbordo dunha cea da coral, rillando con abnegación un polbo demasiado duro entre cachelos gorentosos, e pasamos revista á nova vida da miña amiga: Herg xubilouse hai dous meses e eu fago esforzos para non volverlle dicir unha vez máis todo o que a boto en falta cada día no traballo. 
Non é unha máis entre aqueles que en ceas tan animadas coma esta se agasallou cun reloxo ou un cadro dun pintor local e moitas palmadiñas no lombo antes de desapareceren para sempre (algunha vez até felizmente, digámolo todo). Herg non. Así que envolvo a saudade en pantrigo e nas tellas da sobremesa e trágoa, acompañándoa con viño ou café, mentres me fala das súas clases de canto, do difícil que lle está sendo vender a casa que repinta e retoca pero nin por esas, daquel piso que visitou xunto ao Parque e rexeitou porque era inmenso para ela soa. Vaia, para nós os dous, corrixe.
Nun momento dado alguén reclama atención; no móbil que sostén le a terrible noticia dos atentados de París, e durante uns poucos segundos esténdese o silencio por riba da louza e o mantel manchado, pairando no ánimo de todos. Unha voz propón que cantemos, e o Rodaballo e o barco de Xamaica cargado de ron abriron o repertorio de rigor, mentres, moi lonxe de alí, o corazón de Europa se desangraba.