mércores, 13 de setembro de 2017

Enigmas, callos e torres

Case unha semana despois, aínda non subín ao feis as fotos das torres da Catedral. A razón é esa especie de desgana que lle entra a un cando ten que dar explicacións, xustificarse porque a culpa lle pesa: non avisei a Herg para subirmos felizmente coa señorita Kaplan a contemplar o mundo a 50 metros de altura, tal como acordáramos a principios do verán.
É máis, nin sequera levei comigo á señorita Kaplan na escalada, pero a ela pouco lle importará, liada como anda coas amigas nunha espiral de verbenas, cumpreanos e tardes de chincho na praia.
No meu descargo podo alegar que Venres me desembarcou no tobo o xoves á tarde e que xa o venres pola mañá, almorzando para ir ao instituto, estaba eu a preguntarme como entreter a este home sen propoñerlle pasarmos a tarde toda metidos na cama, a voltas cos nosos xoguetes.
A primeira idea, visitar Santalla de Bóveda, era factible pero non solucionaba o problema: as visitas son unicamente de mañá; aínda así fomos, a correr tolamente por entre aqueles campos en que a seca deixou a sua pegada amarela, para entrarmos no enigma das aves silenciosas e a pia verde e baleira entre columnas escuálidas.
Se alguén pensa que despois de xantarmos os callos do Cotá e outras cousas gorentosas do menú, Venres estaba pola sesta saiba que está desencamiñado: agardamos pacientemente no adro a que se formase un grupo suficiente, escoitamos amables instrucións previas da guía, recoñecemos non padecermos do corazón nin termos claustrofobia ou vertixe, e demos en subir polas estreitas escaleiras de caracol, primeiro dunha torre, despois da outra. 
Ao saírmos á balaustrada, comprobamos o tamaño colosal das estatuas dos Evanxelistas e a Fé xunto aos cales pasamos para acometer a segunda torre; á pregunta de alguén, a guía indicou o que xa supuñamos: que non se pode camiñar sobre o tellado nin subir á torre das campás, así que nos contentamos con retratar os catro puntos cardinais desde a balconada superior da torre sur: o claustro e o campanario, os tellados da cidade, o val do Miño, o adarve da muralla, os liques nas vellas pedras da catedral e, ao lonxe, a cordilleira dos Ancares coroada de muíños de vento.