domingo, 12 de setembro de 2004

Na Praza Maior

A unha menos cuarto, e estou sentado na Praza Maior, nun dos bancos á sombra que rodean o templete onde xogan muitos nenos. Nos outros bancos hai vellos sentados , e desde o meu podo ouvir a sua conversa. Penso sen cre-lo moito que algun dia serei coma eles, tamén aqui sentado, e acordo-me do meu avó, de cando me traía á Alameda a escuitar os concertos da banda, igual que agora fago eu coa miña filla.
Afectivamente regresei a Ithaca; tan só me falta regresar fisicamente, algo que intentarei este inverno, solicitando o traslado para aqui por primeira vez . O meu entusiasmo por Ithaca aumentou proporcionalmente ao meu desencanto por Atenas, onde me sinto só e isolado coma un Robinson, e onde tentarei combater o vacio o curso próximo estudando História na Faculdade (desde a semana pasada estou xa matriculado) e estabelecendo unha disciplina doméstica se non férrea si estricta.
Entre os obxectivos previstos para este inverno, ademais do traballo e os estudos de História, está a mellora na forma física. Para lográ-lo devo sen dúvida mellorar a dieta (acabar con estas comidas lamentáveis e reducir o consumo de alcol), deixar de fumar dunha vez e facer algo de exercício.
Espero aceitar a oferta de Ilu e Ambece para irmos camiñar de cando en vez. Onte mesmo, con Nican e a sua irmá, acordei que faríamos o Camiño de Santiago desde o Cebreiro: etapas bisemanais (pola nena) en que Nican nos levaria e nos recolleria. Polo que temos falado, tamén Vapin e Mer se apontan, ainda que evidentemente hai muito que organizar e tratar neste asunto.
Necesito facer cousas: seria lamentável que a única bagaxe destes últimos dous anos sexa tan só a miña ruptura matrimonial.

xoves, 2 de setembro de 2004

Exames

En minutos sairei para o instituto, pero agora, pouco despois das 7'30 da mañá, a casa está tranquila e fóra case nen é dia.
Sensación desagradável de ter dormido pouco, principalmente na pesadez do peito debida ao tabaco, e no leve resíduo de espanto.

mércores, 1 de setembro de 2004

Procuras

Nos últimos días sigo a procurar en que pasar o tempo. Onte pola tarde, para non deixarme vencer polo aborrecimento, e tamén por fuxir de tensións nunha casa, a de meus pais, patas arriba pola limpeza xeral, organizo unha expedición a Carrefour co pretexto de comprar un marco para o cadro de RBK, esa especie de marciana-geisha que cada vez me gusta máis.
Sms a Vapin, que se apunta imediatamente, igual ca min por pasar o tempo; non atopamos nada que nos interesase, así que que non gastamos un céntimo. O hipermercado parece virado só no comezo do curso e o regreso á normalidade despois das vacacións estivais.
Para a miña sorpresa, detémonos na zona de roupa, onde Vapin se puxo a mirar boxers; por certo que me recomendou uns, elásticos, sen costuras, que cualificou de última xeración; dixo que os meus estaban anticuados.
Para seguirmos matando a tarde, levamos o coche ao garaxe e metémonos no Kursal, co saldo de dúas pintas per capita.
Non serán as últimas.

Duas birras despois

Saímos a imos ao centro, para atopar a Ti. Vemo-la case entrando na Praza Maior, coa sua mai; enton Vapin chama-a co móbil e os dous rimo-nos vendo como ela dá unha volta completa tentando localizar-nos. Facemos as mesmas bobadas adolescentes, esta vez co móbil, que facíamos hai máis de 20 anos.
Con Ti (e con M., unha amiga deles que marchará antes) tomamos unhas cañas pola Rua Nova, por suposto nos mesmos lugares aos que levamos indo desde o Neolítico e dos que puidemos ir vendo ao longo dos anos várias transformacións. A maior, sen embargo, é a que afecta a toda a zona: a competéncia da Aceña de Olga, a Milagrosa e o Campo Castelo, e mesmo Rafael Vega, é evidente. Hoxe hai xente (onte mui pouca: era luns), pero non aquelas multitudes de hai dez ou quince anos. Para o meu gusto, mellor asi.
Bromeamos coa posibilidade de irmos comer ou non un cocido, coma outras veces, pero, bromas á parte, acabamos no San Vicente diante dunha táboa de queixos e embutidos. A conversación xirou á volta de dous temas: os consabidos vellos tempos e o matrimónio, ou máis exactamente, o divórcio.
Ti e eu criticamos a actual lei de divórcio (que disque pronto reformarán os socialistas) por pacata e paternalista, pero Vapin dixo que a el lle parecia mui ben como estaba.
Como é de supoñer, enfervoricei-me un pouco; hai algun tempo, ademais, que lle dou voltas á idea de pedir o divórcio en canto se cumpra o ano regulamentar; por aquilo de non deixar as cousas a meias, indiquei; ninguén me soubo dicer que me custará iso.
Vapin mesmo falou de reconciliación, algo que, tras repoñer-me da sorpresa, unha vez máis volvin desbotar.
Por que a Lei obriga a un ano de separación antes do dívórcio? Por se houber reconciliación, para que se mediten as causas e motivos, di Vapin, case pastoralmente.
Absurdo, digo eu; por esa razón deberia transcorrer un ano tamén entre a petición de matrimónio e a cerimónia, dada a inexperiéncia dos contraentes, a emoción do momento, as presións familiares e dos amigos, etc, perante algo que si supón cambios na vida e nos bens das persoas.
Se o divórcio é un error e a parella decide volver casar, nada máis fácil: é muito máis sinxelo casar que descasar.
Vapin non as ten todas consigo.