domingo, 7 de xaneiro de 2018

Vigo

Venres está exultante, ou algo así: a cinco días de comezar o ano acabamos de facer unha das cousas polas que lembraremos 2018: a véspera de Reis presentámonos en Vigo, despois dunha agradable viaxe en tren e non en coche, esa extravagancia, para visitarmos persoalmente en persoa nada menos que o Pergamiño Vindel.
Quince anos despois da miña primeira visita ao Museo do Mar para a exposición sobre a batalla de Rande, apenas lembro outra cousa que salas case vacías, enchidas no presente con dificultade; hoxe corremos por elas á procura do manuscrito a fuxirmos do terror dunha ruidosa excursión de adolescentes portugueses. Pasamos entre seres mariños que agora nadan en tarros de formol, buzos, maquetas de barcos, o esqueleto dun cachalote, unha exposición de xoguetes relacionados co mar, outra de pezas de alabastro sen relación co mar, un trofeo Teresa Herrera de fútbol, fotos de faros...