venres, 18 de novembro de 2005

Adiante

Á terceira obteño resposta, e combinamos que nos atoparemos esa mesma fria tarde do Mércores no Parque, no banco e hora de costume, mentres Zidane aprende inglés, pero agora non é Verao: o Parque sen nenos recebe-nos xélido e hostil, e non doutro modo decorre a nosa conversa: de maos no profundo dos petos, de ollares para a frente mentres camiñamos un ao pé do outro, de siléncios que a grava que pisamos rói case dolorosamente.
Non é boa tarde esta en que unha muller xunto a min pregunta que caste de home son, ainda que non estou mui seguro de se se dirixe a min, de se son o home malvado de quen fala.
Para daquela teño o corazón endurecido, e os ouvidos fechados, e a boca seca, e tan só vexo un globiño de vafo saír da boca de dela, un globiño como o dos cómics, que baila no ar frio un intre antes de se disolver nel.
Seguin sentado naquel banco muito despois de que Zara se fose, cando o renxer dos pasos pola grava cesara e todo acougou de novo, e no ceo apareceu o luceiro.
Quixen pensar que aquilo me destruía, que volvia estar, outra vez, co corazón roto. Pero non o conseguin.
Sentin, por contra, que ía frio; que comezava a xear e viña a noite; que un dia destes a miña filla estará de santo e ainda non lle comprei o conto prometido; que a miña sobriña me pediu axuda para un exame; que a miña mai mañá fará filloas; que o mundo, en resumidas contas, segue adiante.
Cando me ergo para volver á casa, cando meto as maos nos petos do abrigo, descubro nun deles un dos caramelos que máis me gostan.
Vou-no abrindo mentres baixo os meus pés a xeada fai renxer a grava da verea.
Sigo, camiño adiante.

luns, 14 de novembro de 2005

Forrenta

Pode ser algunha das doenzas asociadas á idade, ou mera consecuéncia dos excesos destes dias, pero esta mañá, cando ía para o traballo nen vin o sinal de saída, e a pouco máis aparezo na beiramar; para completar o dia, vou esperar a Vapin á porta do traballo ao meiodia para tomarmos un viño, e este adia-se porque esquecin que o meu amigo marchou onte para Madrid.
Duvidando mesmo da sua existéncia e de que, de confirmar-se esta, Zara tivese comigo algun tipo de relación íntima, decido-me a reanimar o móbil para enviar-lle unha mensaxe solicitando a apertura de conversacións.
Xanto na casa dos meus pais, e cando chega a resposta pola mesma covarde via (Ok. Chama-me Mércores meiodia), estou tentando quecer ao sol enfermo na cafetaria do Parque, xunto a Polis, e resumo para el a cea rusa do Venres. Pouco tardo en descobrir que non ten nengun interese na sopa shchi ou nos ingredientes do abrigo de inverno para o arenque, nen tampouco nos costumes culinários dos kazaxos ou nos bríndis con vodka.
Desvergoñado e deslinguado, relata-me aventuras de fin de semana na lua e acaba-me revelando para que pode servir un móbil con vídeo, de xeito que desde esta tarde a palavra trípode ten para min unha nova acepción vinculada a Tádsio.
A el e ao seu pedazo de lua.

domingo, 13 de novembro de 2005

Domingo


Pola mañá marcha Nona deixando atrás (e levando consigo) horas e horas de conversa, miles e miles de palavras que só en parte deron acougado algo do meu desasosego destes dias.
O móbil, silencioso como un seixo, segue adormecido enriba da mesa desde o último parte de saúde, Venres, via sms: O neno xa pousa o pé e pode saír á rua.
Pero o que pior vou levando é o tempo.
O seu paso, digo.
Antonte, cando o médico me preguntou a idade para encher a ficha, dixen-lla exactamente e sen vacilar; sen embargo, sentin a frase tan inaudita na miña voz como se dixese devo estar ovulando, ou como se dixese desde que son sacerdote, ou algunha cousa asi.

E mentres isto escrevo, vexo desde a xanela a chúvia e o vento varrer da rua as follas secas e amarelas que o Outono reclama para si.

sábado, 12 de novembro de 2005

Dignidade

Tres anos despois, e a sospeita de que as cousas seguen como estaban en canto á prevención dos naufráxios con mercadorias perigosas nas nosas costas.

venres, 11 de novembro de 2005

Ventos


Non sei mui ben se traída polo vento do Leste ou polo vento do Norte, onde vive, pero mañá Nona chega a Ithaca e ameaza gastronomicamente con que as nosas cinturas rebasarán o seu limes, e o certo é que por unha boa conversa das nosas eu cederia até o meu direito de primoxenitura.

Non será necesário sen embargo que se afane nos lavores de costura; suturar un corazón a ponto de cruz é sempre un traballo ingrato, pero non é mester nesta ocasión, talvez por xa estar encalecido e cheo de cicatrices, ou porque ainda non percebeu toda canta desgana rezumava o móbil onte ao falar con Zara, ou porque na realidade o noso non foi máis do que un xogo falso e perigoso en que os dous acreditamos, ou non, pero que nen sequer foi necesário desfacer en alcol cando Polis ofreceu que nos emborrachásemos, pola noite, aqui mesmo.
Tampouco sei que vento o traeria a el, pero apareceu despois de cear, inesperadamente, e con el un relóxio de pulseira impresionista como presente de cumpreanos, unha lámina de Courbet que non poderei colgar en nengun lugar da casa, e unha alegria contaxiosa que funcionou como un bálsamo para este corazón cansado.
Esta noite, na nosa cea dos 11 ás 11 (que Ti travestiu inexplicavelmente en cea rusa), e á vista da situación fibrilar de Vapin, Estridente, Mirinda e Vladimir que Polis diagnostica, comprovarei se o que sucede é que zoan malos ventos para eles ou se se trata dunha epidémia.

mércores, 9 de novembro de 2005

Accidente

Mentres Europa se acatarra e Fráncia esbirra, mentres aqui a chúvia cesa e as temperaturas comezan a caír en sério, mentres a xente parece estar máis interesada polo nacemento dunha elefanta que pola morte de seis obreiros, mentres o amarelo da folla das árvores caída se instala no meu corazón, aquilo que con grande receo de Zara xa chamamos o noso, sofre na tarde de onte o maior contratempo.
Un pequeno accidente deportivo no pátio da escola leva a Zidane a urxéncias, mentres na miña cama Zara e eu, espidos, buscamos non sei que estrelas, froitos ou flores na almofada.
O móbil, apagado no fondo do bolso a petición miña, leva-nos ao caos un par de horas máis tarde: despois de se vestir para marchar, e en canto Zara o conecta, dá en cuspir a restra de chamadas perdidas, unha tras outra, que semean primeiro a alarma e despois o remorso.
Ridiculamente nu diante dela, vexo como Zara palidece improvisando explicacións e coartadas ao marido, como recolle o resto das suas cousas, como vai corredor adiante a falar polo móbil, como por último desaparece sen sequer mirar para atrás, sen mirar para min, que a sigo ainda sen vestir, perplexo e estúpido, até a porta do piso que deixou aberta.
E que fecho eu, como unha premonición.

martes, 8 de novembro de 2005

Furtivos


Desde hai dias vemo-nos ás horas máis estrañas e algunhas veces nos lugares máis absurdos, cando ninguén nos pode ver, ou pola contra, onde nos pode ver todo o mundo levando connosco os nosos fillos respectivos, para non levantarmos sospeitas.
Movemo-nos entre as mentiras cunha lixeireza espantosa.
Asi, esta mañá Zara substiturá unha compañeira no almacén, pero en realidade estará aqui comigo.
Cada serao, durante as clases de inglés de Zidane, espero diante da académia sen despegar o pé do pedal, e en canto o cativo desaparece no portal e Zara entra no coche, corremos velozmente para esta casa; nen aparco no garaxe: unha hora despois, acalorados, mal vestidos e tristes, faremos o camiño á inversa, e Zara recollerá a Zidane para levá-lo á casa.
A casualidade fai que cada dia batamos cos carriños no supermercado, que coincidamos na biblioteca, que eu pase polas Cortiñas de San Román á hora en que ela cruza con Zidane, que entremos a tomar algo ás mesmas horas e nos mesmos locais para sentir-nos obrigados a compartir mesa.


Sinto que isto é extenuante para os dous, e non sei canto seremos capaces de soportá-lo.
Tamén pesa no ánimo ese futuro envolto en nebulosas: as lágrimas asoman aos ollos de Zara un dia si e outro tamén, e nas nosas conversas hai palavras que nunca dan aparecido.
Desde a semana pasada estou no meio do camiño da nosa vida, e empezo a pensar se a nova via escollida non será novamente unha via sen saída.

mércores, 2 de novembro de 2005

Presentacións

Perfeitamente escollida para un escuro serao de Todos os Santos, vou con Vapin ver a nova película de Tim Burton. Muito máis tenra que o Pesadelo, coa que alguns a levan comparado, e máis dinámica e redonda que Charlie, que a muitos (non a min) defraudou.
E tamén unha magnífica oportunidade para as presentacións.
En canto pasamos ao vestíbulo do cine, gardando eu ainda na carteira o cámbio e o pedaciño da entrada, Vapin chama-me a atención sobre un neno de cazadora verde que exixe que lle compren millo no ambigu; sua mai traballa nunha cadea de roupa e seu pai non, pero hai quen lle atopa parecido cun actor americano.
Desexando que a terra me tragase, pasamos xunto a eles; o neno devorador de lambonadas é quen decide a sorte da escena ao dicer-lle a sua mai que me mire, e daquela ten que me saudar-me, e eu a ela, e o marido cámbia de mao o enorme vaso de papel encerado para tender-me a mao mentres Zara explica que me coñece deste Verao no Parque, que teño unha nena e que a levava aos colúmpios, e que dávamos xuntos a merenda aos nosos, e isto e aquilo mentres el me sacode a mao con pouco vigor, case brandamente penso agora, e tatexo calquer cousa con tal de terminar aquel papelón que a Vapin diverte tanto como a mellor comédia, dirá logo, sentados xa os dous na penumbra do salón.
Por fortuna, escolleran a outra película.
Cando saímos, tomando algo mentres fóra a noite se tornava máis e máis hostil, Vapin di que estou completamente tolo se creo que a história con Zara sairá ben; ainda máis: pregunta-me con que parte do corpo podo estar soñando que Zara algun dia...

martes, 1 de novembro de 2005

Mensaxe


Mentres almorzo, chega esta mañá unha mensa de Polis enviada onte desde Paris, onde quer pola latitude quer pola lonxitude, ou pola vantaxe que a altura da Torre representa, a lua é ben máis fácil de atinxir.
Mañá ou pasado quedarei con Polis, como sempre, e contará-me como resultou o aloxamento que lle recomendei, esta vez en camas separadas, e as visitas aos museus, os garitos e os bairros da cidade; mañá ou pasado tamén me dará o regalo de costume: só espero que nesta ocasión non sexa lenceria, como a outra vez.

luns, 31 de outubro de 2005

Dilúvio e fin



A primeira noite de Zara aqui, a primeira que dormimos xuntos, resultou case fluvial: pegada a min cando dormia, a humidade entre os nosos corpos, os fluídos entre as nosas pernas e o sexo, parecian dar continuidade a unha noite acuática que acudia a desfacer-se en lufadas contra os cristais, curiosa, para nos espiar. Tardei horas en dormir, e antes ainda sentin que Zara murmurava en soños.

Acordou-nos a choiva sen que amencera, e á claridade ténue que entrava de fóra, das farolas insomnes estúpidamente paradas baixo o dilúvio universal, volvemos enlazar-nos.

Pola mañá desfrutei vendo a Zara pola casa, co meu roupón de raias volvendo da ducha, e mentres a via vestir-se onda min, mentres a sentia falar polo móbil co seu fillo por ver a que hora chegarian, unha pregunta: Merece a vida realmente viver-se sen alguén ao lado que algunha vez poña a tua roupa, durma na tua cama, coma do teu mesmo prato?

Non atopei resposta almorzando nen despois, cando xa Zara se tiña ido, e eu recollia no salón, na cociña, no dormitório, os restos daquel primeiro Sábado varados sobre a praia.

E de todo aquilo pasou tan só un dia e meio.

Okupa

Os que seguen as aventuras deste Robinson lembrarán sen dúvida que esta blogue se chamava até hai unhas semanas doutra forma diferente; lembrarán tamén as razóns que me levaron a mudar-lle o nome e o enderezo, e como enviei o novo aos irmaos blogueiros que estabeleceran vínculos comigo. Certo é que non a todos eles.
Pois ben, descubro agora accidentalmente que alguén ocupou o vello enderezo en galego para escrever a sua bitácora, ainda que en inglés.
Alguén sabe que motivo pode levar a alguén a facer isto? Que escuras intencións o moven? Que desígnios obedece?

Razón aqui, please.
(Recompensará-se).

domingo, 30 de outubro de 2005

Dilúvio

Da tarde ventosa e do dilúvio, da luz parda que matiza os coches e os peóns baixo os paraugas, da desolación dun Sábado novamente outonizo, o que máis, chega Zara á miña casa; ven coberta cun chuvasqueiro azul e non trai paraugas, e ao tirar-lle as katiuskas noto os calcetins mollados, os pés frios que hai que reanimar.
Como estava previsto, Zidane e seu pai, o marido-graduado, van na costa: visitan parentes e viúvas de vivos e mortos até o dia seguinte, Domingo, en que regresen.
Para nós non é mester muita demora: imos para a cama sen apenas preámbulos, con naturalidade, e logro por primeira vez espreitar nu aquel corpo que se dá e se deixa manipular, docilmente, estrañando o pudor.
Enlouquezo cando Zara se abre cos dedos; pasa a ver que hai dentro, parece dicer, anda, pasa a ver que hai...

mércores, 26 de outubro de 2005

Xente coma vós!

Non foi Stonewall nen foi Auschwitz, foi na Coruña hai 25 anos, e hoxe está na nosa memória. Porque o mundo non cámbia: hai que cambiá-lo!

O 26 de outubro de 1980, hai hoxe 25 anos, tiña lugar na cafetaría Manhattan da Coruña a primeira concentración de protesta homosexual celebrada en Galiza. A tarde dese día dous gais sentaran a tomar algo nese céntrico establecemento coruñés e recibiron a resposta de que "a xente coma eles non se lles atendía". Como consecuencia, horas máis tarde formouse unha concentración de gais, lesbianas e persoas vinculadas a partidos e sindicatos de esquerda que despois de pediren consumicións saíron á rúa para concentrarse no exterior sen pagalas. Unhas 300 persoas, din os xornais da época. Para lembralo, a Federación Aturuxo de Colectivos LGBT organiza un acto de homenaxe este venres, no Forum Metropolitano, ás 20:30, no que participarán algúns dos pioneiros e pioneiras desa concentración. Os gais e lesbianas actuais quixeron que o acto de homenaxe se desenvolvese na propia cafetaría manhattan, en sinal de que os tempos mudaran, pero o propietario negouse rotundamente 25 anos despois.

[Para xeral coñecemento, collido e copipegado de Vieiros]

martes, 25 de outubro de 2005

Vapin, fotógrafo


Nun xesto inequivocamente ateniense, encargo a Vapin os livros de inglés en canto descubro que lle descontan un 10%, que nos bebemos ao meiodia de hoxe en forma de cervexa. Elegantemente, nen eu pregunto nen el me conta nada encol dos seus problemas cardíaco-amorosos, pero por contra desliza-me no peto do comando o disco coas fotos do Camiño.
Non son mui boas, di, e mete-lle unha nova viaxe á prata da empanada, pero valen como recordo, asi que non fagas coma sempre.
Cando mo aclara, prometo-lle que non serei mordaz, e non o son. As fotos parecen daguerrotipos, imaxes cunha pátina de décadas: as cores distorsionadas, as roupas pesadas das exposicións de Rejlander, as nódoas sobre as figuras como unha nevarada de partículas brancas, os tons sépia, azulados, grises.
Os pioneiros asoman en cada unha das tomas: a igrexa de Portomarin ainda non fora trasladada pedra a pedra cando nos retratamos diante dela; diante dos Mercedários, Vapin e Cris parecen comentar as últimas notícias da morte do Arquiduque; Nican, evidentemente asfixiada polo corsé, posa para Nadar diante dun carvallo centenário; se non fose polas vestes, Vapin e eu pareceríamos dous amigos de von Gloeden de visita en Taormina; e, cando chegamos ao Obradoiro, parece que está no sólio ainda o cardeal Payá.

Ostras

Recén traídas daló no Batmóbil, entra Pólis con elas e un amplo sorriso debuxado que tamén a min me fai sorrir e, por outro lado, me enche de receos.
Temo que volva á carga con declaracións inoportunas, pero non, Pólis parece estar xa nunha onda diferente da semana pasada.
A ver, sorprende-me, digo; e el, abrindo armários na cociña á procura de copas para o viño que tamén trai, consegue sorprender-me: Tadsio-A-Lua reaparece esta temporada nos mellores cines.
Pólis vén de pasar o finde en Teucro con quen, aflito, agora lle xura compensacións afectivas e económicas, que son as que a Polis menos importan, porque agora por fin volve coller a lua coas maos, como antano, esa ilusión...
Intercalo moluscos e copas de viño mentres escuito o argumento dunha película que xa coñezo, e que a estas alturas presenta un final máis que predicível.
Ostras do mar de Vigo, se vistes meu amigo...
Oxalá eu me equivoque. E ai Deus, se verra cedo! que diria o fotógrafo.

mércores, 19 de outubro de 2005

Sábado


Sábado ao serao, aproveitando que xoga en Brigántia unha das suas equipas predilectas, e que Zidane e seu pai acoden a animá-la, Zara e eu acordarmos un encontro para tomar algo e, no posível, aclarar canto se poida da nosa amizade ou como se queira chamar.
Pronto renúncio a facé-lo, como tamén desistira (covardemente, haverá quen diga) de forzar aquel encontro na casa de Zara; tres dias despois Aurora estabelecerá boa parte da estratéxia na toma deste enclave (estarias dentro, repite ela), pero sigo a pensar que esta non é nengunha guerra, e que tampouco eu son o menor napoleón.
Camiñamos polas Cortiñas de San Román, paramos diante do cristal dalgunha livraria, paseamos case en siléncio; propoño que entremos nunha exposición de pintura andaluza, ali mesmo, e pronto nos perdemos nun dédalo de pátios sevillanos, saraos flamengos e ruelas brancas ao amparo da Giralda.
Ela di que daria algo por coñecé-la, que algun dia ha de ir alá.
Despois, mentres saboreamos un manxar delicioso nunha noite apracível, Zara dá con non sei que chave que ainda colga no lado esquerdo do meu peito, e o viño fai o resto: unha decrépita história de amor enterrada, vellas lembranzas que misturan Triana e Bairro Alto, e nos meus ouvidos unha voz de muller con acento andaluz ainda di o meu nome.
Despois de doce anos.
E pouquiño antes de que sexa a meianoite, no portal sen luz da sua casa, acabamos abrazados.

Esmola


Por segunda vez en catro dias visito onte a exposición de pintura andaluza. Esta vez acompaño a Aurora, que aparece na miña casa, espléndida, pouco antes do meiodia: revista a casa, como con preguiza, e non comenta nada até máis tarde, mentres xantamos mui pertiño da casa dos meus pais; daquela di que lle gustaba máis a casa de Atenas; aceito-lle a crítica e bromeo dicendo por centésima vez que a lástima é non lle dar posto unhas rodiñas á outra para transportá-la aqui.
Ri, e eu rio con ela, e aceito un cigarro cando mo oferece á espera de que o camareiro acuda co menu. Daquela comezamos a pasar lista de amigos e coñecidos desde a última vez que nos vimos, aló por Xaneiro, cando eu andaba case sen voz, esa mala puta, que non te venza a cabrona, di Aurora, e tras unha pausa chea de ondas de fume comeza a contar unha história tremenda.
Pregunta-me se lembro a sua avoa, a muller encantadora que a criou, e veñen-me á memória aquelas maos grandes e brancas de amasar todo o pan do mundo, as maos que cortavan as rebandas húmidas, ainda quentes, de pan de millo, as fatias de empanada, de torta, de biscoito... Claro que a lembro, pero custa-me acreditar o que Aurora me conta: primeiro foron despistes e esquecer as cousas, despois non lembrar o nome dos familiares, confundindo-os con outros parentes que morreran havia anos, por último, foi-na Aurora atopar pedindo esmola na porta da parróquia.
O pior de todo é que fun a última en inteirar-me! Ao parecer sabia-o case todo o mundo, pero ninguén se atreveu a dicer nada, todos a calar; contando-mo, Aurora alporiza-se ainda mentres esmaga a cabicha no cinceiro: pero outras mariconadas seguro que me viñan con elas, que che parece!
E agora? Agora teremos que buscar-lle unha residéncia.

xoves, 13 de outubro de 2005

Pola ria, xa!

A que máis demoras?
Por que permitir que os escuros intereses sigan abafando a ria de Pontevedra?

Sesta


Por segunda tarde consecutiva engancho-me cos Soprano; tamén por segunda vez desfruto pero acabo adormecendo no sofá do salón; sen embargo, esta tarde acordo sobresaltado e cheo de malestar.
Morto de frio, marcho para a cama pero non durmo, tan só dou voltas na cabeza a várias cousas que non sei como encaixar: as confidéncias pericardíacas de Vápin onte ao serao, a desídia que me impide concluír de vez alguns asuntos no traballo, ou aquela tormentosa história dos rusos amigos de Mirinda e Vladimir que ainda non estalou.
Desde Sábado non teño notícias de Zara, e desde Martes tampouco as teño de Pólis. Por fortuna, onte volveron os vellos tempos, collidos das maos de Nican e Vápin, e eu a pouco me emborracho.

mércores, 12 de outubro de 2005

Voces


Consigo reunir-me con Nican, despois de tantos meses; o encontro é no Kursal, aproveitando un receso da choiva. Falamos un pouco de todo, e ao cabo xa estou eu facendo planos, incorrixível: a pulpada de fin de Outubro, unha nova escapada á Mariña para coñecer-lle a casa e visitar a B., unha provável expedición de aprovisionamento, unha cea dos peregrinos na miña casa...
Definitivamente, xa non fumas, di Nican ao pouco de chegar, sen que fique mui claro se se trata dunha pregunta ou dunha afirmación, pois eu seguirei, polo menos até que a lei mo impida. Eu non sinto tentacións de fumar, o cal xa é un progreso, e falamos de locais sen tabaco, a política da nova Xunta, e vellos coñecidos de onte e hoxe, entre os que fulgura a nova Normalizadora.
Quedamos en ver-nos outra vez hoxe, xa con Vapin, e despedimo-nos sen que eu lle diga as ganas que teño de volvermos saír os tres, como tantas veces durante muitos anos, polos mesmos lugares de sempre. Con iso darei por desterrada a sospeita (segundo Vapin infundada) de que eles dous procuran non se veren.
En canto saímos topeñamos con Polis, que anda á nosa busca; estivo a telefonar-me sen que eu respondese, o cal é normal, dado que o móbil me ficou esquecido no coche e que marchei da casa ao serao. Atopei-vos grazas á tua mai, que me dixo que ías ver a esta, e os dous xuntan as meixelas e dan bicos ao ar baixo unha farola, e Polis invita-nos a cear, pero Nican di que marcha, e cando Nican di isto xa se poden abrir os ceos que ela marchará igual.
Pero nós seguimos, ainda que o dou convencido de que piquemos algunha cousiña en vez de cear. Nun mesón ali ao pé pedimos unhas cervexas; devoramos as tapas que nos poñen e as que non, que roubamos con dilixéncia da bandexa sobre a barra.
Estamos de bon humor, e en lugar da discusión que eu esperaba encol da terápia antifóbia e da miña fóbia á psicóloga amiga del, o que sucede é que rimos e contamos bromas e non paramos de rir até que nos saen as bágoas aos ollos con tanta animación, e até que se atraganta Polis e ten que ir ao wc, e volve conxestionado da tose e do riso, e daquela mudamos de nivel, e cando nos levan os cacharros que enchen a mesa, e traen para el un café só e para min a última cervexa, Polis pregunta-me o último que quero ouvir-lle dicer, precisamente a el.


Fuxindo dunhas voces, deixando que outras voces me engaiolen, descoñecendo até o que devo pensar, termino o dia, unha vez máis, sentado perante o teleshopping, sen dar calmado o turvillón que me abouxa.

martes, 11 de outubro de 2005

Monicreques


Facemos bicha nos monicreques durante vinte minutos longos, ao sol da mañá de Sábado, pero a miña filla non cai no desalento. Cando damos entrado e collemos cadeira de plástico baixo a lona branca, ao pé do escenário do guiñol, para ela é unha pequena conquista que aos dous nos entusiasma.


Compartimos unha hora do noso tempo coa convulsa acróbata chinesa Kung-Lee-Pao e o seu paraugas, con Joseph o Home-Serpe, coa bailarina Stella Zuckerinna e o resto da troupe circense de A. Anderle.
Nun momento dado, un sobresalto: Zidane, esta vez con blusa azul claro e sen camiseta deportiva, sacode-me no ombro: Que mires para ali, que me manda ela a dicer-che que mires. Miro onde me sinala, e efectivamente, vexo-a a ela saudar-me coa mao e sorrir; Zidane volve ao seu lado, e eu fico onde estou, saben

do que non nos daremos xuntado: a miña filla segue as evolucións do equilibrista Juan Sincabeza con verdadeira fruición e pasmo, e os meus ollos van do teatriño dos monicreques ao lado esquerdo da platea, onde está Zidane cos seus amigos, e onde, dali a pouco, un home se achega para dicer algo ao ouvido de Zara.
O ollar de Zara cando sai, levando case arrastro o neno enrabechado por entre as cadeiras e os outros nenos, a sua premura agobiada, din-o todo: aquel cavaleiro, con pelo grisallo, con camisa de cadros por fóra dos dockers, con certo ar de actor americano, é o pai do pequeno Zidane.
O marido de Zara, que espera por eles fóra do toldo.
Agora xa o coñezo.

venres, 7 de outubro de 2005

Palavras

Creo que as que serven para definir as horas entre onte e hoxe son tres: Cárcere, cancro e túzaros. Tres palavras, e as tres escritas na névoa da mañá como un selo mentres vou para o traballo limpando o sono pegado aos ollos.
Estabelecer os nexos entre as tres sería un bon exercício de estilo e unha espiral que uniria o meu corazón con outros máis.

martes, 4 de outubro de 2005

Argumentos



Á vista da falta de argumentos para non ir á terápia, e para estar seguro de que vou, pasa Pólis a recoller-me no batmóbil. Vou para a sesión con tanta desgana que, en canto entro no portal, sento no felpudo das escaleiras e espero xunto á publicidade que Pólis e o coche marchen de vez.

Ao pouco, e tras comprovar que non hai perigo, marcho rua adiante tragando o mal humor, e asi deu comezo a tarde eclipsante no persoal, como a mañá oferecera, casi obscenamente, o espectáculo do eclipse anular.

O primeiro, mentres me servian un café con leite no Cantón, foi enviar unha mensa a Pólis para que me desculpe diante da sua amiga psicóloga por deixá-la chantada na consulta ou o que sexa, e lle faga saber que non volverei: a estas alturas da história creo que hei de explicar que a amiga de Pólis acaba de abrir un gabinete, e que Pólis me concertou unha série de citas para que me solucione o que eu non vexo como un problema: a miña fóbia aos serviciais e encantadores animaliños e que povoan as nosas moradas.

De camiño, a psicóloga centra-se e fai carteira de clientes, Pólis queda con ela coma un rei e eu, o principal beneficiado, sentirei-me ademais feliz de ser escuitado, o que é, segundo Pólis, a miña neurose máis arraigada.

E todo grátis, para Pólis o máis sólido dos argumentos.

Vaia, un dia levas-lle uns bombóns ou algo e listo, cumpriches, e a outra...

En canto sai a mensaxe desligo o móbil, tomo o café folleando a prensa local, e, cando marcho, vou parvo, case zómbi, por Ithaca.

Praza do Santo abaixo, e entro na tenda: rebusco cos ollos por todas as plantas até que a vexo e ela me ve e ven a atender-me. Logo sucede como os argumentos das novelas e as películas supoñen: Buscaba algunha cousa? di ela a sorrir, e eu, contendo o sorriso, eu digo Queria facer un regalo.

Ao fin, saio da tenda co corazón feito un tambor e, dentro dunha bolsa de papel, un pixama de flanela, pequeno e cor de rosa.

Para unha nena.

luns, 3 de outubro de 2005

Eclipse




Colgo a foto para deixar constancia, aínda que, de sermos exactos, o eclipse para min comezou á volta das catro da tarde, e parece que a esta hora vai camiño de rematar.
Felizmente.

domingo, 2 de outubro de 2005

Norte

Paso parte do fin de semana xunto ao mar, na casa de Nona, arranxando o divino e o humano. Na praia celebramos as acrobácias da Lula, en combate con dous cans amigos; facemos excursión ao Cabo: tentamos ver a doce Eirin apesar da brétema, pero ao fin asoman Roma e Nova York, Exipto, a costa de Creta, e sempre Ithaca, Ithaca e os seus moradores, os do akelarre, que Nona coñece através do lente desta bló, e dos que falamos como quen clasifica espécies nun bestiário.
Máis tarde, sentados na cociña, mentres ceamos e a cadela vai dun de nós ao outro á espera dunha delicatessen, o tempo esponxará-se, e entre fulgores cor de cereixa, o Chianti porá sobre o mantel a última conversa encol do meu matrimónio e a ruptura: para sorpresa miña, hei de esforzar-me por non ser veemente nas argumentacións e non acalorar-me ao expor outra vez aquela crónica mentres me é aplicado un terceiro grao.
Isto o que indica, penso regresando no Sábado, é que ainda hai augas toldas estancadas. Tamén, que rematou o tempo de rogos e preguntas: desde esta, propoño-me nunca máis falar daquilo que xa é pasado. Dito está.
E o coche volta para Ithaca: no serao desapracível atraveso a serra cos cavalos bravos ao lonxe e, tantos anos sen andar por ela, atopo-a agora chea de muiños e xigantes, e ferida por mil lugares en que os bulldozers remexeron, fozaron e até esfolaron a paisaxe cos dentes.
Paro no alto do porto a mexar e, á luz cincenta do solpor, penso que devo estar entrando en Mordor.