domingo, 31 de decembro de 2006

Polis non o entende

Polis non o entende: non sairei a receber o novo ano porque desde onte está a nena comigo, e nengun argumento é válido para convencer-me de saír á choiva e o frio despois das uvas, para percorrer o camiño da alva de local en local mentres todo o mundo sente a necesidade de divertir-se como se fose a derradeira noite da sua vida, para emborrachar-me várias veces antes de trousar a alma nun portal, ou o que é pior, no retrete anegado dunha discoteca.
Polis non o entende: di-me que ser pai me está trastornando, que me estou virando aburrido e cauteloso, que vexo perigos e problemas e dificuldades onde non os hai, que a nena pode quedar con sua avoa e todos encantados, que nen se inteirará porque estará a dormir cando me vaia e cando volte, que iso é o que fan todas as parellas e todos os divorciados que el coñece, que os avós están para iso.
Polis non o entende: a conversa sobe de ton e transforma-se en dous monólogos estancos via móbil, ao tempo que vou desfacendo a equipaxe da miña filla e gardando ordenadamente toda a roupa no armário do seu cuarto, o caderno das sumas, as botas, o gorro de la e a bufanda.
Polis non o entende, e eu non o entendo a el: case sinto alívio cando me di pois que che dean antes de colgar, e daquela lembro que ela e eu ainda non escrevemos a carta aos Reis Magos, e só faltan cinco dias.

xoves, 28 de decembro de 2006

Diáspora

Como todos os anos, regresan a Ithaca co Nadal, máis ou menos como no anúncio: vou-nos atopando polas ruas cheas de luces, nos bares, nas tendas que saqueamos, ensinando aos fillos pequeniños a iluminación das Cortiñas de San Román, ou buscando o sol polos paseos. Todos teñen máis anos, máis vida ao lombo: uns xa non teñen parella, outros pode que un fillo máis, alguns levan ao lado un adolescente envergoñado.
Na livraria atopo a Metal vestida con peles de arriba a baixo, coma un personaxe de Tolstoi; segue a ter linda a cara, o cútis fino que o enorme gorro de pel resalta. Poñemo-nos apresadamente ao dia mentres me cobran: pregunta-me pola miña filla, por amigas comuns que acaban de ser mais, polo meu traballo; respondo-lle sentindo-me un pouco atemorizado por aquelas peles espesas que é como se a separasen deste mundo: a xente que entra e sai empurra-me só a min, só bate comigo; Metal parece estar noutra dimensión, e nengunha mao, nengun corpo rozan nunca aquela protección de pel que antano estivo viva.
Agarrado ao livro que comprei e á tarxeta e ao tique de compra e á carteira que non acerto a gardar en nengun peto, Metal conta-me con naturalidade que lle deron traslado, que está muito mellor no seu novo destino, a embaixada nunha capital da Europa do Leste, que eu repito asombrado, e logo pronúncia o nome doutra capital da Europa do Leste que foi o seu destino anterior e na que non estava tan á vontade porque ali non estava con ela o seu marido.
Non me van mal as cousas, pero Deus empeña-se en non dar-me fillos, conclui, forzando o sorriso.
Cando nos despedimos, Metal leva a mao ao gorro para achegar a cara á miña, que apenas roza, como se fose feita dun material morno e mui fráxil.
Ao saír á rua gardo na carteira o seu xesto e toda a miña sorpresa.

mércores, 27 de decembro de 2006

Mambru

Hai persoas neste mundo coa asombrosa habilidade de obter de un todo tipo de información, co menor esforzo e nos lugares e momentos máis inesperados; se os governantes tivesen máis sentido comun, contratarian para os seus servizos secretos axentes como Mambru, compañeiro meu de piso no Delfos dos verdes anos, e a quen atopo no supermercado. Os índices de violación dos direitos diminuirian, con certeza, e ás grandes redes do terror restarian-lles uns poucos telediários.
Nos escasos minutos que durou a nosa conversación, pegados aos carros da compra e xunto á sección das verduras, Mambru someteu-me a un terceiro grao, sutil pero insistente, e eu acabei cantando coma un canário os detalles da miña vida recente que el non coñecia: o meu traslado a Ithaca, a venda do tobo de Atenas, a relación coa miña filla, a dieta, e até o menu da cea de Noiteboa.
Cando acabou de escoitar-me, erguendo a fronte e co ollar perdido na dirección dos lácteos, coma un rapsoda inspirado, emitiu o diagnóstico: todo se deve, pois, á falta dunha mulleriña que me organice a vida, que me prepare a roupa que vestirei cada dia, que me reciba chea de comprensión á volta da batalla e me dea calor nas noites frias.
E tras citar-me a Nietzsche e a bíblia, e repetir-me que os homes somos sempre nenos e nunca devemos estar sós, despediu-se lamentando que non nos vexamos máis a miudo. No corredor das pastas esperava xa polo seu Mambru a mulleriña que lle organiza a vida, chea de comprensión e de calor para noites coma estas.
E eu fun en sentido contrário, remoendo e enchendo o meu carro de produtos e preguntas.

domingo, 24 de decembro de 2006

Feliz Nadal



Desde Ithaca, para todos e todas, cos mellores desexos de paz e harmonía.

sábado, 23 de decembro de 2006

Vacacións

Talvez sexa mellor asi, que como sempre a lotaria non tocase e non ter que romper a cabeza con xuros, marcas de coches ou a compra doutra casa cando ainda non me entregaron a que comprei; en fin, temos saúde, sobretodo hoxe, unha vez reposto da terrível cea de antonte e o seu ronsel de sono e licor café.
Pola mañá fixeron-nos madrugar para darmos as vacacións e asistir a outro lamentável festival en que as nosas alunas fixeron saltar en pedazos os valores de igualdade e non sexismo que se supón devemos inculcar nas aulas. Non houvo un só rapaz que actuase, e elas, émulas da pior programación televisiva, bailaron furiosamente (algunhas) exibindo baixo as mallas unha carnalidade de lolitas que o escenário cutre descafeinou, por fortuna.
Carca e incomprendido, volvin para o tobo a xantar calquer cousa e a dormir unha sesta prolongada.

xoves, 21 de decembro de 2006

Deriva

Si, xa o sei: esta blogue está meio abandonada e á deriva, e é xusto explicar que involuntariamente. Máis que de exceso de traballo, o que cómpre é falar de certa desorganización pola miña parte á que tampouco é allea a viaxe a Roma.
Ao regreso, tal e como está cientificamente demostrado, os exames que agardavan sobre a mesa cando partin reproduciran-se, medraran e multiplicaran-se desa escura maneira que lles é própia.
Unha reunión de claustro inesperada, un finde coa miña filla aqui, un par de tardes de compras, várias visitas de ou a amigos, e a miña lexendária preguiza fixeron o resto, de xeito que martes fun á avaliación co corazón na boca e o estrés a rezumar-me polos poros; puido ser pior: hai quen sofre infartos, apoplexia, ou perde o pelo todo.
Esta noite teño cea clandestina e semisecreta cos colegas do instituto; horas antes, mentres os cociñeiros nos asan as viandas, farei encaixe de bolillos con Polis tratando de saber que fará: se virá cear na casa dos meus pais ou se como o ano pasado irá coa parentela catalana.

luns, 18 de decembro de 2006

Regulamento

Pregunto-me ás veces en que lugar fun caír para dar aulas.
Á certeza de que un aluno meu de 16 anos é o papá da criatura que espera unha aluna do meu centro de 15, une-se agora o rumor de que o próximo Verao, en canto cumpra os 13, casarán polo rito xitano unha rapariga de 1º cun mozo de 21 ao que leva prometida desde que nasceu.
Ao parecer, a principal preocupación dos meus colegas é se teremos que poñer-lle faltas cando non veña e a quen haverá que mandar-llas, se ao pai ou ao marido, e con isto abriu-se un animado debate no que eu estiven por isto de participar para preguntar se a rapariga embarazada poderá desfrutar dun permiso de lactáncia ou ben se terá que amamantar durante o recreo.
Porque isto, estou seguro, non figura no Regulamento de Rexime Interno...

Señor, ás veces parecemos idiotas!

domingo, 17 de decembro de 2006

Dous

Con tantas idas e vindas pola cidade eterna, e muitas máis sen gps pola bimilenária Ithaca, un servidor esqueceu que a sua blogue cumpriu hai unha semana muitos menos anos.
Vaia como peniténcia a estampa dun cavalo porque non achei a dun burriño.

xoves, 14 de decembro de 2006

Rato Pérez




A miña filla chama para dicer que me ten que dar unha notícia incrível, pero tan incrível que nen ela mesma podia acreditar: desde onte abala-lle un dente.
O Rato Pérez, no seu domicílio habitual da caixa de galletas, indexa dados e actualiza arquivos: en poucos dias haverá de rebulir baixo a almofada da nena en Ithaca ou en Manderley á procura do tributo dental.
Mentres, fago indagacións no instituto entre as miñas colegas máis experimentadas: nos tempos que corren, o marfin cotiza xa a 1 euro.

domingo, 10 de decembro de 2006

Aquí

Estou de novo en Ithaca, coas baterías cargadas e algunhas perdas involuntarias: non sei ben en que momento ou lugar de Roma perdín a voz, pero o que perdín no avión que nos trouxo a Madrid foi a bolsa do duty free; alá foron a colonia (precintada, segundo as normas) de Polis, os spaghettoni e a chocolatina xigante para a miña filla; se ben ela non o saberá nunca, por contra os morros de Polis cando o soubo duraron até desembarcarmos en Delfos, e non me volveu falar até que o batmóbil comezou a engulir kilómetros de néboa pola estrada.
Á parte deste episodio lamentable, non houbo entre nós máis tensións que as normais nunha convivencia tan estreita; deixoume no portal, e alegroume que non subise.
Necesito algo de calma para reorganizarme e dar voltas polo tobo: boto ao lixo unhas mandarinas podres e unha leituga arruinada na neveira, desfago a maleta, meto a roupa sucia na lavadora, tomo unha ducha, falo coa señorita Kaplan do que lle trouxen e deixei sobre a sua cama até que veña, traio para o estudio o moleskine cheo de crónicas e itinerarios, e cando o estou a reler xunto á montaña de exames pendentes, sentindo o silencio a me esmagar como unha lousa, volvo escoitar polo móbil a voz de Polis.
Que vén cear aquí.

venres, 8 de decembro de 2006

Verità (en diferido)

Con algo de aprensión por ser festividade relixiosa, imos en metro até o Trastévere, e logo andando a Santa Maria in Cosmedin, onde Polis quere ver a Boca da Verdade. Cruzamos o Tíber por Ponte Palatino e apenas nos detemos na Fortuna Virilis e no templo de Vesta, esas ruínas; hai un par de parellas de xaponeses e alguns grupos sentados no adro, e temos que esperar tres mans antes de que Polis meta a del para que lle tire unha foto; logo repetimos o ritual, pero á inversa.
Non hai ningunha revelación.
A igrexa, católica de rito grego, modeestísima, gustounos máis que outras cos seus mosaicos, xaspes e dourados. Esta é unha pequena, escura, silenciosa igrexa que sería esquecida nas guías de non ter a mala sorte de contar coa cara redonda e pétrea de fóra.
Ao saírmos, paseamos entre o templo de Vesta e o da Fortuna Virilis: sucios pola contaminación, o máis sucio sen embargo é o entorno, ao igual que o do Circo Massimo, estrado de botellas de cervexa, papeis, plásticos e todo o que se supón que non debería haber.
Pasamos Ponte Palatino xunto a Ponte Rotto. A idea é regresar cruzando a illa Tiberina, e cando o facemos achámonos no ghetto: xunto á sinagoga hai un policia armado cun fusil automático e cara de poucos amigos.

xoves, 7 de decembro de 2006

Sera

Fàltanos o Bocas para sermos tres, e daquela representarmos unha versiòn à romana d'A esmorga. Con efeito, Polis e eu imos dun lado para outro entre chuvascos mecanògrafos e, coma os esmorgantes por Auria, nosoutros entramos no Panteòn, nos Conservadores, en San Giovanni in Laterano a fuxirmos do lìquido elemento.
Pagando a trasnoitada, voltamos para o hotel a facer unha sesta ou algo, e agora, a la sera, sairemos de novo. O noso cuarto cheira a pès, e  parece un tendal con tanto calcetìn e tanto pantalòn a secar.
Con estas escapadas minhas a mirar o correo, Polis empeza a sospeitar e a cismar que estou enganchado à Rede. Temo ser descoberto...

Terceiro dia

Canso e con maniotas, asì comparezo hoxe: venho arrastràndome desde o comedor onde almorcei sò, porque Polis preferiu quedar un pouco màis na cama. Tenho os glùteos entumecidos e as pernas doloridas e os cadrìs cheos de agullas, o que non sei se atribuìr à escalada matinal à cùpula, às carreiras vespertinas polo foro, ou ao descenso nocturno à Roma transtiberina dos efebos pola que me guiou Polis baixo a choiva, como Virxìlio a Dante na procura dun ceo inalcanzable do que escapamos en taxi, moi tarde (ou moi cedo, como se mire).
Sigo enchendo o moleskine con anotaciòns rigorosas das nosas andanzas e visitas; cando regrese a Ithaca espero ir colgando en diferido o relato, expurgado e simplificado.

mércores, 6 de decembro de 2006

Vaticano (en diferido)

Tal e como recordaba da outra vez, a subida á cúpula de San Pietro é espectacular e angustiosa, principalmente os 350 chanzos estreitos en que un vai ladeado sobre a enorme esfera. Lamentablemente, a choiva e a poalla limitaban a vista cando demos saído ao mirador do remate; xa abaixo, camiñamos sobre os mosaicos da Basílica como borrachos, cos músculos das pernas tundidos pola estrañ postura a que nos obrigou a visita ao máis alto.
Polis, que xa estivo en Roma pero como se non, déixase levar mansamente pola Ponte e o Corso Vittorio Emanuele mentres procuramos onde xantar; atopamos unha trattoria xeitosa, onde un rapazote de aspecto magrebí nos serve cadansúa ensalada. Coa permanente ameaza da choiva a pingar nos cristais da terraza coberta, confirmo que é como se houbese dúas Romas: a diúrna, cos museos e os monumentos e as igrexas e as rúas polas que a xente camiña, e a Roma nocturna, a dos antros do Trastévere e as tendas de Via Condotti, que é a que Polis coñeceu con Tadsio e nós visitaremos hoxe.

Mattina (en diferido)

Ainda que non chove, o ceu está anubrado en Roma e ameaza descargar en calquera momento.
Tivemos problemas para coller o metro en Termini (non funcionan 3 das 4 expendedoras, e a que funciona non dá cambio), e cumpriron moitas voltas polos pasadizos até darmos comprado os billetes na tenda da entrada; volta abaixo para quedarmos atrapados dentro dun vagón ateigado que non dá saído; Polis suxere baixarmos, pero resistimos. Imos en primeiro lugar á Piazza Spagna porque Polis espera cruzarse con Audrey Hepburn nas escaleiras; tiramos unhas fotos coa máquina dexeitable e seguimos por Via Condotti entre tendas de luxo.
Na Via Tomacelli vese ao lonxe a mole do mausoleo de Augusto: indícollo a Polis pero el, que non dá abasto co paraugas e a cámara, non presta atención. Seguimos para o Vaticano, e o meu compañeiro non pensa noutra cousa: cruzamos o Tíber pola ponte Cavour, abeiramos o Castel de Sant'Angelo, e a Via da Conciliazione, coas estatuas de santos e mártires, deposítanos entre os brazos de San Pietro.
Na praza, inmensa e mollada, grupos de persoas son levados como ovellas ao encontro do seu pastor: a imaxe é literal, porque hoxe Mércores Bieito XVI celebra audiencia; cando chegamos ao pé do obelisco temos a fortuna de que un grupo de xubilados nórdicos se erga e nos ceda o asento tapizado de xornais secos (e quentes). Polis estuda guía e planos; eu vou escribindo todo no moleskine.
Comeza a orballar cando tomamos a decisión: xa postos, parece razoable visitar a Basílica e (ai!) subir á cúpula. Alá imos.

Roma

Este è o primeiro post romano: chegamos onte con premeditaciòn, nocturnidade e un dilùvio que acompanhou o noso aviòn desde Madrid e logo o noso taxi polas rùas de Roma atè un hotelinho con encanto na rùa Magenta, case ao pè da estaciòn Termini.
Acabamos de almorzar: Polis vai no cuarto a realizar as ùltimas abluciòns e eu, co pretexto de mirar o correo e algùn horario de museo ou monumento, corrìn aquì para dar conta da primeira noite. Polis chegou pousòn: como ìa permitirlle que se fose duchar ou desfacer a equipaxe para que as camisas non lle collesen enrugas, cando às 10 da noite Roma aìnda podìa dar moito de si?
Primeiro erro: aproveitando que escampara, decidìn prescindir do metro para asì estirarmos as pernas e ver algo màis; a distància ao centro è màis do que calculei, e atravesar de noite a fantasmal Praza da Repùblica e os tètricos arredores das Termas foi certamente unha baixada aos infernos: vimos vendedores chineses de froita e negros do manta recollendo os postos, pero tamén ionquis, borrachos, e putas. Estava claro que o regreso serìa en bus ou taxi.
O noso obxectivo era a Fontana de Trevi: Polis desexaba tanto cumprir co ritual (hoxe iremos à Boca da Verdade), que aìnda non sei como non se tirou à auga tras as moedas. Foi tamèn o noso primeiro contacto co turismo de masas, e o lugar onde ceamos: mal, pero xa era tarde e quixemos achegarnos ao Panteòn; a pitanza consistiu en cadanseu pedazo de pizza.
Aquì termina a primeira crònica: Polis xa deberia ter baixado, que a Urbe espera por nòs.

luns, 4 de decembro de 2006

Tirano

Contan os xornais que un dos máis sanguinarios tiranos do século XX sufriu unha grave parada cardíaca, que o seu estado é crítico, que agoniza nun hospital militar.
Debemos ser cautos sen embargo: porque todo podería ser unha mentira, habida conta a catadura moral do indigno personaxe, e porque para que exista unha parada cardíaca é necesario en primeiro lugar ter corazón, e iso non parece probable.
Pero se tristemente fose certo o que contan os xornais, eu non quero que morra: lamento os seus 91 anos e desexo para el unha vida moi pero que moi longa, sen demencia senil, sen alzheimer nen perda de memoria. Unha vida case interminable e con plena consciencia.


Nota: Apesar dos meus desexos de lonxevidade, o devandito individuo entregou a súa negra alma, ou o que fose, coa infinita complicidade do Señor, o día 10 de Decembro.

Horário

Demagóxias á parte, a proposta de recuperar a hora vella non teria que parecer absurda. Se se trata de unificar o horário, por que non adoptar a hora atlántica para toda a Península? Porque Galiza, Portugal e as illas son só un terzo do território?
Daquela, aqui o tamaño importa?
Eu estou polo novo horário... E ti?

domingo, 3 de decembro de 2006

Pedra

Muito me teño preguntado como seria ter que cambiar-lle unha roda ao coche en ruta, de noite e baixo a choiva.
As condicións hoxe eran as axeitadas: volvia ao serao de Manderley e a enésima fronte que nos entra do Atlántico varria a estrada sen cleméncia, e no meio do camiño tiña unha pedra, tiña unha pedra no meio do camiño, tiña unha pedra que non dei esquivado, que cortou a goma como queixo brando, e que me sacou do coche, maldicendo dos triángulos reflectantes e do chaleco amarelo, para logo facer-me meter as maos no sarillo noxento.
O pior foi ao primeiro, pensando ainda non lixar-me nen me mollar demasiado; pero despois, cando sentin os rios de auga a correr-me polo lombo baixo a trenca e os pés a nadaren dentro dos zapatos e os pantalóns a pesar como se levase chumbo neles e as gafas inúteis por estaren cheas de graxa e as maos negras e insensíveis polo frio e a choiva, despois todo foi rápido e a estilo vaicheboa.
Na casa tomo unha ducha e fago balance: hei de levar o coche ao mecánico porque a roda de reposto é desas de xoguete, asi que non sei mui ben ainda como irei mañá ao traballo; tampouco sei se as manchas de graxa darán ou terei que xubilar camisa e pantalón; por último, cómpre-me ir de urxéncia á óptica porque as gafas, despois de sentar nelas, dan pena.
E todo porque tiña unha pedra no meio do camiño.
Tiña uma pedra.
No meio do camiño tiña uma pedra.

mércores, 29 de novembro de 2006

Look

Disque en tempos de tribulación non convén facer mudanza; e eu añado que tampouco hai mudanza sen tribulación.
Haverá quen diga que estou ocioso, pero vou mudar a habitual aparéncia escarola desta blog: como a roupa que se usa muito, a esta tamén lle saíron marcas, remendos e esgazaduras, e o seu verde está xa un pouco murcho.
Será, evidentemente, cambiá-lo todo con tal de que nada cámbie.

martes, 28 de novembro de 2006

Cesariny

Domingo morreu en Lisboa o pintor e poeta surrealista Mário Cesariny de Vasconcelos aos 83 anos. O Presidente da República, que provavelmente non leu un só verso de tan incómodo señor, refere que o nome e a obra de Cesariny "ficarão na memória como um testemunho da liberdade que apaixonou a sua geração e que é condição essencial de toda a obra de arte", e blablá.
Na miña memória, por contra, ficará como autor dunha paródia belísima que eu adoitava recitar-lle á miña filla pequeniña cando non queria dormir, e que aqui cópio, en homenaxe.

Era hua vez dez meninas
de hua aldeia muito probe.
Deu o trangolomanglo nelas
não ficaram senão nove.
Era hua vez nove meninas
que só comeam biscoito.
Deu o trangolomanglo nelas
não ficaram senão oito.
Era hua vez oito meninas
em terras de dom Esparguete.
Deu o trangolomanglo nelas
não ficaram senão sete.
Era hua vez sete meninas
lindas como outras não veis.
Deu o trangolomanglo nelas
não ficaram senão seis.
Era hua vez seis meninas
em landas de Charles Quinto.
Deu o trangolomanglo nelas
não ficaram senão cinco.
Era hua vez cinco meninas
em um triângulo equilatro.
Deu o trangolomanglo nelas
não ficaram senão quatro.
Era hua vez quatro meninas
qu'avondavam só ao mês.
Deu o trangolomanglo nelas
não ficaram senão três.
Era hua vez três meninas
em o paço de dom Fuas.
Deu o trangolomanglo nelas
não ficaram senão duas.
Era hua vez duas meninas
ante um home todo espuma.
Deu o trangolomanglo nelas
transformaram-se em só uma.
Era hua vez uma menina
terrada em coval mui fundo.
Deu o trangolomanglo nela
voltaram as dez ao mundo.

luns, 27 de novembro de 2006

De cine

O novo temporal cancelou-me a visita aos Haddock; como Deus sempre que fecha unha porta abre logo unha xanela, este finde estivo aqui Nican a facer-me saír para unhas cervexas; conseguiu-no Venres, e fixemos medrar a espuma dos vasos con proxectos e recordos mentres, fóra do local, Ithaca macerava no dilúvio.
Sábado, por contra, presentou-se Polis cunha botella de viño baixo o brazo e certa peliculísima alugada, ou de como unha mala novela pare un enxendro pésimo, por muito que haxa lista de espera para collé-la no videoclube.
Cando a lin hai dous anos, á mala novela recoñecin-lle polo menos que era capaz de entreter-me, pero Sábado, seguramente por mor do tinto e a manduca á base de queixos e patés, literalmente adormecin no sofá mentres Amélie e o pai do neno de Algo para recordar voavan no avión privado de Gandalf, e mentres ao meu lado Polis declarava fervorosamente que películas coma esta fan-o pensar a un.
Cando despertei Polis ainda estava ali, levando pratos á cociña e vaciando cinceiros, e a película acabara.
Non fixo falta preguntar se marchava ou ía quedar a dormir: poucos minutos máis tarde, estendidos un sobre o outro na miña cama, os dous escenificamos unha nova versión do home de Vitrúbio, esa que talvez non se atreve a dicer o nome.

sábado, 25 de novembro de 2006

Violéncia de xénero

Un dia só non basta...

xoves, 23 de novembro de 2006

Superlativo

Pregunto na aula cal pode ser o superlativo de nobre.
Tras un par de intentos frustrados dos seus colegas, unha aluna responde... rei!

mércores, 22 de novembro de 2006

Chaves

Vén pola casa Polis a concretarmos cousas da viaxe, pero en realidade é para provar-me as ginger cookies importadas coa colaboración de Tere Holmes que as comprou e de Vapin que as trouxo.
Nunha certa altura da conversación, que se move espesa dunha butaca á outra mentres na tele sen voz uns policias mudos perseguen criminais doutro tempo, Polis saca do peto unhas chaves que, con certeza, non son as do reino dos ceus: esta é a do piso e esta a do portal, ten-as ti por se un dia me pasase algo, que non haxa que botar a porta abaixo, di, e daquela a palavra soedade revoa sobre nós, ganindo como un páxaro negro e medoño.