venres, 17 de decembro de 2004

Invitación

Non nego que ás veces me comporto como un cativo, principalmente cando estou como agora, enfadado e triste, e con ganas de chorar no ombro (ou sobre as saias) de alguén. Por iso vou dun lado para outro buscando a quen contar o triste que estou.
E, efectivamente, atopo ombros e saias, pero ningun sobre o que descargar a miña pena. Despois da sensación que queda tras a bronca, despois da sensación desagradável de vulnerabilidade, seguramente o peor é o máis concreto: un fin de semana por diante no que non sei que facer.
Non teño vontade de ir a Ithaca. Tampouco me chama nada ir á Comarca para ver a família Hobbit no seu novo focho confortável. Cando vexo a Ambece e lle conto o que sucede, rapidamente me obriga a tomar un café na cafeteria do insti (horrível, angustiosa, dixen-lle a Ilu que me lembrava cando de nenos nos levaban desde a escola ao Instituto de Hixiene e esperábamos en calzoncillos en fila nunha sala vella coma esta).
Ela toma un pincho de tortilla que pediu para min sen preguntar-me, e os dous cadanseu café con leite: esta tarde que estás libre, di, quedamos para tomar algo despois das 6, que teño os nenos na Biblioteca; incluso máis, mañá temos a cea dos "amigos invisíveis"(será certo que dixo isto?!), por que non vés?; eu tatexo que non sei se marcharei para Ithaca ou irei ver os Hobbits, pero ela non se dá por vencida: xa sei, esta noite por que non collemos O diario de Bridget Jones e o vemos na miña casa tomando uns chupitos.
Desbordado e dubitativo, o que lle digo é que o pensarei, que xa llo confirmarei ao meiodia.
Uff.

Ningún comentario: