luns, 30 de maio de 2005

Testimuño

Atopo nas Balas un desafio, que aceito sen falta, e como unha declaración de princípios; temo de todos xeitos non estar á altura das expectativas, porque hai muito que a preguiza me fomenta o gosto polas vellas películas, dando-me sempre pretextos para afastar-me das máis novas.
Vamos, pois:
  1. Cantos filmes teño na casa: Muitas, tanto en DVD como en VHS; a última vez que me deu por facer reconto pasaban de 200.
  2. Último filme que merquei: Million dollar baby (no manta) e A ventá indiscreta (propoño-me ter algun dia todas as de Hitchcock, as boas e as menos boas, non sei por que).
  3. Último filme visto no cinema: Robots (coa miña filla, por razóns óbvias).
  4. Último filme visto, pero non no cinema: como xa contei, A paixón de Cristo.
  5. Cinco filmes de entre os meus favoritos: Sempre diria estes, pero citaria muitos máis; e son: Smoke, Remando al viento, Que verde era o meu val!, Matar un reiseñor e (concordando plenamente con Cesare) Léolo.
  6. Persoas que me encantarian contestasen tamén a isto: Peke, Xanfarin, Teo, Regueifeiro, Aurora e, por que non, Melómano (ademais das que enumerou Cesare).

Compostela

Entre Sábado e Domingo, os tres que restábamos da Irmandade inicial acadamos Compostela, e desde onte os nosos corpos e os nosos espíritos andan disociados; á satisfacción dos software pola tarefa cumprida retrúcalle o tributo de maniotas e bochas nos pés que o tal Camiño cobrará aínda varios días.
O final do curso, e principalmente a expectativa laboral de Vapin para os fins de semana vindeiros, complicaban que a peregrinaxe se estendese máis aló de Maio; por iso botamos toda a carne no caldeiro: 30 kilómetros Sábado (entre Boente e Amenal), e outros 15 kilómetros Domingo (até Santiago), todos aduviados con idas e voltas pola estrada para mover os coches, e separados pola noite: cea n'O 16 da Rúa de San Pedro, pelotazo lixeiro na terraza das Crechas, e pernocta nun hoteliño con encanto en Pedrouzo.
Dixéranme, e confírmoo, que o Camiño empeoraba ao se achegar á meta: con certeza, peregrinar Domingo por bosques de eucaliptos, sobre aquela destrución das cortizas desprendidas, todo aquel faramallo de follas pardas tentando suprir a erva inexistente, fíxome pensar en apocalipses que o campo de concentración do Mons Gaudium e o ferrancho que o coroa culminaban. Primeira vez que camiñei entre aqueles barracóns para peregrinos, e última, probablemente.
Naquel momento Vapin puxo o turbo, meteu marcha, e Cris e eu deixamos de velo até a Catedral: morría se non chegaba a tempo da misa de peregrinos ás 12; non pasou nada, pero máis me tería prestado que entrásemos os tres xuntos na cidade, San Pedro abaixo, pola Porta do Camiño.
Eu, de todos xeitos, ía remoendo, e sabía que tamén Vapin remoía as confidencias susurradas porque Cris durmía no cuarto do lado, tras unha parede de papel.
Remoerei aínda: non volverei a Íthaca até Venres, e necesito tempo para dixerir algunhas cousas; ningún desencontro, tan só a novidade.

mércores, 25 de maio de 2005

Amigos

Di hoxe Ilu, mentres tomamos café, que os meus amigos e eu pertencemos á xeración Friends: todos na trintena, todos solteiros (menos eu, que estou divorciado), todos cun alto grao de autonomía e, paradoxicamente, de dependencia, como se o termos cadanseu traballo, cadansúa casa, cadanseu xeito de vivir, non fose suficiente para nos despegarmos daquel grupo primixenio que se formou hai case 20 anos, cando íamos ao instituto e paseábamos o pavo por Ithaca, cantón arriba e cantón abaixo.
Viña de contarlle unha vella historia, de cando pasaban dinosaurios polo Preguntoiro e eu estudaba na vella faculdade de Mazarelos, unha historia que explicaba certo sucedido do Sábado pasado en Ithaca; Ilu comenta ao final que os nomes dos protagonistas son os mesmos que habitan nas miñas conversas, os mesmos que leva escoitándome pronunciar desde que somos amigos, desde que arribei a Atenas hai catro años.
Di que é como se os coñecese de sempre, aínda que nunca os viu, e que mesmo os botará de menos cando eu marche o curso próximo: Vapin, Tere Holmes, Nican, os Haddock, May, Mer, Cris e os outros. Rimos, pero mentres vou camiño da libraría non deixo de pensar canta razón leva Ilu: a fidelidade ao grupo sen embargo non é abafante; todos temos unha parte das nosas vidas fóra, con amizades diferentes, con vínculos e experimentos sentimentais alleos a el que, felizmente, non o contaminan.
Como a família, os amigos bons perduran por riba dos anos, dos malos ventos e das catástrofes.

luns, 23 de maio de 2005

Aluguer

Da rua do Pintor en Atenas á rua do Escritor en Íthaca. Coincidindo co IV centenário, bato marcas: atopo á primeira a que será a miña casa número 17, e desde Sábado queda apalabrada para Agosto, e tan só á espera de asinar contrato; coñezo daquela á caseira: confiada e afável, mesmo doce, quizá viúva, funcionária retirada seguramente; di que o diñeiro non lle importa, que o que ela valora é a seriedade.
Nunca tan pouco me levou atopar un piso; e nunca como desta vez sentin que desandaba camiño, que volvia para atrás. Ao contar-llo hoxe a Ilu, chama-me burgués cando me doio de que a casa non teña vitrocerámica, nen gas-cidade, nen (o peor de todo) lavapratos.
Pero o piso é realmente bon: cheo de luz e mui amplo, bastante ben situado, e ademais, barato.
Coas chaves tintinando no peto, a nena saltando pola beirarrua diante de min, vou contento e tranquilo; ela ainda non sabe que xa temos casa en Íthaca, pero si que a imos ter, e de cando en vez, cando se lle acorda, fala-me de como quere que sexa o seu cuarto.
Asi ha de ser: unha casa para os dous.
Deixo-a en Manderley e veño para Atenas. Traio na mochila a película que o cura do Instituto me prestou Venres, e que Vapin non deu gravado.
Onte, antes de ir para a cama, ocorreu-se-me ve-la e acabei horrorizado e cos pelos en punta. Non quixen mirar para atrás, pero estou certo de que esta mañá, cando a levaba a devolver, fun deixando un ronsel de sangue callado, suor e lágrimas polas ruas e até a mesma sala de profesores.
O que máis me alporizou sen embargo, se se pode dicer asi, é que no fondo, e apesar da sua humanísima dureza, non pasa dunha película simple e até pueril, na que os malos non só son malos, tamén son feos, e o personaxe principal, sen profundidade, parece un pobre orate que un mal dia para el non tomou a medicación.
Agora vou-me deitar: estou morto de sono, e na cabeza várias cousas dan voltas.
Mañá, talvez, máis.

xoves, 19 de maio de 2005

Outra boda na Coruña

Estamos todos invitados a unha boda este Sábado na Brigantia.
Por falta de tempo non poderei estar; e ben que me gustaria (con Vapin, con Polis, mesmo con Melómano, todos collidos da man, contra vento e marea).
Pero de todos xeitos, desde Ithaca, berrarei Que vivan os noivos!
E as noivas!
Que se biquen os padriños! Que se biquen as madriñas!
E tamén as testemuñas!
E os testemuños!
E a tod@s, moita sorte.

Karma

Unha corrente de paz parece aventar estes dias os campos en que moran. En efecto, alguns dos meus amigos (non sendo Mirinda, con náuseas e o casamento próximos) sorprenden-me durante a ponte pasada con estrañas conductas, ainda que o máis provável sexa que a conducta estraña só sexa a miña.
Primeiro Pólis, con quen tomo os viños Luns ao serao antes de que vaia ao cine; tras doer-me da miña tortuosa procura de piso en Ithaca, comenta que anda ás voltas cun livro de auto-axuda; entre outras cousas, o livro recomenda-lle, exixe-lle máis ben, que abandone comportamentos equivocados como fumar, comer carne vermella, camiñar sen rumo polos supermercados á procura de cousas que non necesita, ou falar en voz demasiado alta.
O principal é ver o mundo como unha película: transcorre, pero sen afectar a nosa disposición de ánimo, que ha de permanecer inalterável. Un deve querer-se por riba de todas as cousas, e nunca nunca (oh, nunca!) comezar unha frase de xeito negativo; acabaron os non sei, os non devo facer isto, os nunca me chama, que serán sustituídos por outros conceitos e actitudes, como indagar o que non se sabe, evitar facer o que non se deve ou chamar en lugar de esperar pola chamada.
Iso polo menos foi o que entendin.
Cheo de optimismo, marcha Pólis para o cine. Camiño da Cova atopo a Mer, que ven precisamente de ver a mesma película; Mer, a primeira en abandonar a nosa Comunidade do Anel para fundar a súa própia Comunidade (chegará a Portomarin o vindeiro Sábado), toca xa cos dedos o nirvana.
Andando polas Cortiñas de San Román conta-me que marchou en Semana Santa cun grupo de meditación, que estiveron nunha pousada onde practicaron ioga, onde se depuraron, irrigando todos os orifícios do corpo (todos?), e onde só inxeriron alimentos limpos (Mer hai anos que é lacto-ovo-vexetariana), isto é, alleos a pesticidas e contaminación por metais pesados.
O colofón puxo-o unha tal Madame Sin, cun concerto de cuncos tibetanos.

luns, 16 de maio de 2005

Preguntas

Desde o meu post de pola mañá non parei. Fun dun lado para outro facendo pequenas xestións, resolvendo problemas mínimos, deses que atravancan a roda e non deixan que o carro avance. Pero avanzará, sen dúbida.
Visito coa miña sobriña varias imobiliárias de Ithaca, intercambio mensas sobre temas diversos (Mirinda e o regalo, camiñadas), etc.
Son preguntas ao futuro que só el, día a día, se encargará de resolver.

Diluvio

Decorre o fin de semana por medio do diluvio universal. Na casa de meus pais vexo as lufadas de choiva bater contra os vidros, e as árbores agardan, resignadas, e as fachadas das casas escurecen coa humidade a cada hora que pasa. Todo baixo un ceo escuro que non perdoa.
É como se o Inverno regresase.
Sen novidade na tarde do Sábado: veñen tomar café a miña irmá e o meu cuñado (a miña sobriña xantara connosco): como sempre, a súa conversación está chea de albarás, presupostos, clientas repunantas que se deixan enganar, obras en grandes comunidades e, sobretodo, euros, moitos euros.
Abouxado, en canto marchan, estombállome na butaca cos xornais. Para evitaren que me desprace(evitándome así dicirlles que non), Ti e os outros convócanme nun mesón ao pé da casa para unhas cañas. Ás 9 estou na casa, canso e desexando que desen as 11 para meterme na cama.
O Domingo vou polo xornal e paso na butaca toda a mañá; antes, acordárame miña mai levándome un vaso de zume de laranxa á cama. Pola tarde vou para a casa de Vapin; chove tanto que vou no coche; ademais, tampouco trouxen roupa de abrigo.
Estomballados nos sofás, coas pernas entrecruzadas, deixamos correr o serao.
Bebendo coñá Napoleón organizamos a etapa de Camiño deste Martes, falamos do feliz enlace de Mirinda, planificamos certas posibles vacacións xuntos este Verán, pero por riba de todas estas cousas, do que desfrutamos é de sentir que estamos xuntos.

sábado, 14 de maio de 2005

Ecos de Saciedade

Parece que Salsa Rosa adiantou emisión e formato, porque esta noite, e vía telefónica, a metade dos meus amigos e amigas debateron entre eles e elas (fosen ou non bascos e bascas) encol do acontecemento.
O que será sen dúbida o maior bombazo despois do meu divorcio, onde tamén os teléfonos deberon arder, preséntase rodeado de misterios, e nada como iso contribúe a unha boda.
Así, Nican e Ti non entenden como cae de repente embarazada quen animaba a descubrir o propio corpo, armada do espelliño, ás amigas do grupo; Polis (escarmentado talvez) non entende a precipitación e que vaia casar pola igrexa, ela, que non hai moito exhortaba os amigos a apostatar en masa; Aurora entende que casen, pero non pola preñez nos tempos que corren; Vapin non entende como Mirinda rompeu cun noivo tras 6 anos e agora casa en só 5 meses, e a correr.
Eu, tras escoitalos a todos, xa non entendo nada de nada.
E é máis: tampouco me importa: neste preciso momento vou meter catro cousas nunha mochila, coller o coche e marchar, dunha p... vez, para Ithaca.

venres, 13 de maio de 2005

Shocks

Se ben non ainda na plenitude da miña glória, resucitei de entre os mortos ao terceiro dia. A gorxa segue inflamada, a voz é digna da Streponi, pero o resto xa funciona razoavelmente; o máis significativo foi a marcha da febre, e con ela a recuperación da enerxia perdida desde Martes.
Sen excesos, volvin á actividade: por segunda vez en dous dias mudei a cama e por primeira fixen de comer; tamén por primeira vez non me deitei en todo o dia, se ben a butaca foi boa compañeira.
Pola mañá apareceu Ambece para almorzar: Estás visível? Como ainda non me desintegrara, Ambece subiu cargada cun precioso ramo de cravos brancos e vermellos. Gratamente sorprendido, case emocionado, ao abrir a porta do piso comento ainda non pensei que me chegara a hora; primeiro shock do dia: serás imbécil, que non son pra ti, que son prá Virxe, parece mentira.
Mentres tomamos o café invita-me a ir á procesión da noite, cousa que declino rotundamente, e iso que unha das flores que vai levar é pola miña filla. Xa cho compensarei algun dia: se queres, cando medren os teus levo-chos de putas. Rimos os dous ate nos atragantarmos: pra iso, que os leve o pai.
En canto marcha, recomendando-me que vaia a un ervolário (como fixo onte Ilu co homeópata), pido cita co otorrino; pero non co repunante de Atenas que me levou até agora, senón cun de Ithaca; empeza unha nova etapa, e inauguraremo-la xa renovando o cadro médico.
Despois dunha mensa de Cris preguntando se mañá imos ao Camiño (e que eu respondo imediatamente cun parte de saúde), o segundo shock chega ao meio-dia: chama Mirinda para dicer que casa o mes que vén, que naturalmente este é un aviso informal e que xa enviarán a tarxeta nuns dias, que mellor ma manda á casa de meus pais por mor das vacacións, que para evitar cotilleos xa me di que está embarazada, pero só de dous meses, por iso todo tan apurado, e bla bla bla sobre náuseas e princesas. En fin, estas cousas...
Aos cinco minutos volve soar o teléfono: a Mirinda esquecera-lle dicer-me que non casa con Paco, co que levaba saíndo (boto contas) polo menos seis anos; que o deixaron en Nadal, que logo ela coñeceu a Este (lamento-o, pero ou non me dixo o nome, ou, se mo dixo, non me acordo), e xa ves, vai-che encantar...
Ainda foi sorte que volvese chamar para contar-mo.
Quen me veria berrar se non na cerimónia cando o cura (porque vai haber cura, pasmen) preguntase se habia impedimento: Aaaaaalto! Que ese non é o noivooooo!
Por certo, a lista de boda, onde sempre.
Van dados.

xoves, 12 de maio de 2005

Agonia

Á vista da noite pasada, creo saber que sente o que está a piques de morrer: a febre subiu a 39º, e deixei de distinguir o soño da vixília; dor por todo o corpo, angústia ao comprobar que as horas non corrian, e suor.
Pola mañá mudei as sabas e marchei á médica. Diagnóstico: amigdalite aguda purulenta, horriveis palavras, principalmente a última, que requeren antibiótico, repouso e unha serenidade que non sei donde tirar. O certo é que por segunda vez este curso volvo estar sen voz, que hei de recobrar en cinco dias, sempre e cando os gánglios inflamados os permitan. Á vista destes dous avultamentos na garganta, creo tamén saber de primeira mao o significado da expresión teño-os aqui.
Para daren o pésame, telefonaron Ilu e Vapin, que recoñeceu que non estou en condicións para facer Sábado os 15 kilómetros do Camiño, dado o que me custa percorrer o corredor da miña casa. Confirmo-lle que o meu obxectivo imediato é reunir as forzas precisas para ir-me a Ithaca o antes posível, ainda que non sei cando vai ser.
Á hora de xantar apareceu Ambece co cesto da merenda: en lugar do queixo, o pastel e o xerriño de mel, traía para o lobo un tupper cunha crema rosada, porque a cenória é depurativa, costela asada e uns iogures.
Agradecin-lle que comese comigo, ainda que non era necesário traer nada porque non me escasean os víveres. Como un buda, fixo-me sentar no sofá, cubriu-me as pernas cunha manta, e foi colocando as ofrendas ante min, sobre a mesa baixa. E asi xantamos.
En canto marchou, a febre levou-me para a cama.

mércores, 11 de maio de 2005

Febre

Non me equivocaba: 38'5º, que só despois de tomar paracetamol conseguín que baixasen algo; polo demais, baixo tres mantas e un edredón, a vida vese opaca e sen cor.
Non creo que poida ir mañá traballar.
Tamén periga a camiñada do Sábado.

Smoke

Non me atopo nada ben: teño un ganglio inflamado e o corpo como se por riba del pasasen alguns dos tráilers que este vindeiro fin de semana farán imposible o sono dos meus viciños. Como cada mes de Maio, tornan as horribles festas do meu bairro; pero eu non estarei aquí: irei a Ithaca, onde me esperan Vapin, o Camiño, e os habitantes da Cova cos seus contos e sucedidos.
Despois de poñerme (felizmente) a ben con Facenda, viñen para a casa con malestar, cunha gorxa áspera como chea de areas ou silvas, con molestias nas pernas e no lombo. Deixeime caer no sofá e vin Smoke, que xa vira hai anos e que Sábado comprei en Ithaca coa miña filla, nunha desas tendas recheas de comics, discos de música e cine, figuriñas e resina e puzzles.
En definitiva, nunha desas tendas freakies que (seino) indefectiblemente frecuentarei no sucesivo.
Vendo Smoke choro e río por igual, ás veces mesmo choro rindo, e surxe así a máis pura felicidade, esa pequena manta morna que cando nos cobre a cabeza nos deixa os pés ao aire, e viceversa; e é que esta película contén moitas das miñas obsesións: o escritor que non escribe, o tabaco, a familia, na máis escura e complexa das acepcións, a paternidade...
Tamén aquela canción... a máis formosa que escoito en meses.
E quizais para Teo unha ensinanza: sen sabérmolo, sempre hai alguén que se preocupa por nós, que nos coida, así como todos sempre temos alguén de quen coidar...
En realidade, e aínda que non nos decatemos, nunca estamos sós: todos vivimos porque hai sempre alguén que nos necesita.

luns, 9 de maio de 2005

Pasolini

Trinta anos despois da sua morte na praia de Ostia, o chapeiro Pelosi rectifica e declara por televisión o que todos sabian. Aquela morte non foi un atraco nen unha vinganza persoal: poucas persoas deron concitado arredor de si máis ódios, máis repulsión, máis temores. Tampouco houbo muitas que, coma el, procurasen unha arte de denúncia, mesmo a custo da beleza, gañando co seu lavor a inimizade do sistema.
O seu cine envelleceu mal, certamente; hoxe eu gardo algunhas das suas películas, con devoción de quen garda unha relíquia, e o recordo dunha tarde na cinemateca de Lisboa: asisto con Mercedes á proxección de Salò, e a chúvia mal nos deixa chegar, a correr sen paraugas desde o metro, á billeteira. Mentres esperamos que apaguen as luces, na sala case baleira, conto aquela história infame da sua morte.
No 25º aniversário do crime, tan só a TVG, e a horas proibitivas, proxectou as tres películas da Triloxia da vida.
Para o resto, Pasolini, simplemente nunca existiu.

domingo, 8 de maio de 2005

Tatuaxe

Tras facer Venres o acostumado percurso para recoller a nena en Manderley, vou con ela para Ithaca e, despois de acomodala e deixala baixo os cuidados da avoa, saio para encontrarme con Polis.
A adiada cea celebrouse, aínda que non había moito que celebrar; fomos no seu coche a unha Casa Grande dunha das pequenas vilas dos arredores, e comemos rodeados de silencio nun deses comedores en que as palabras das mesas son amortecidas polas cretonas de paredes e cortinados, pola guata dos baixomanteis, polas pecheiras dos camareiros de etiqueta; é o comedor da nosa primeira cea, e Polis desfruta do sitio como de ningún outro.
Eu son de gustos moito máis proletarios, pero el séntese á vontade nun lugar que frecuenta con avogados e procuradores, da mesma forma que vestía o traxe de liño e a gravata: cunha naturalidade que lle envexo, ainda que non sei por que.
Creo que é tarde xa para acostumarme aos uniformes.
Mentres paladeábamos o tinto que escolleu e esperábamos os entrantes, a conversa deixou de flutuar polas xeneralidades para se centrar na historia con Tadsio, cigarro tras cigarro. Unha crónica penosísima de dependencia que Polis só implicitamente deu recoñecido.
Petiscando no revolto de cogomelos con gambas, o rapaciño non pasaba alén de caprichoso e inestable polos garitos do Soho, Chueca e o Trastévere; viaxaron, certamente, en tres meses nos que Polis non deixaba de afirmar que se sentía vivo e feliz como se dese collido coas mans a lúa.
Cando fixo aparición a rabada sobre o mantel, o viño e o silencio que me ían enlatando o cerebro obraban cambios no relato e no ánimo de Polis, e aquela aventura astronómica deu en tinxirse de negro.
En resumo: Tadsio pediu prestado a Polis setecentos euros e un reloxio, que nunca máis volverá ver, supoño eu, porque quen mo conta é un avogado. E o peor de todo, da aventura resta unha tatuaxe de mentira e fracaso que Polis non tirará de si para o resto da vida.


Volvemos para Ithaca en silencio; por medo á parella, guiei eu o portentoso coche negro, mentres Polis ainda murmuraba ao lado retallos dunha historia inaceptable macerada en Ballantine´s.
Subimos a tomar un estribo, pero acordei coa luz que entraba pola ventá do cuarto de Polis; mentres me vestia, os ollos déronme no pequeno corazón vermello cunha inicial tatuado na íngoa, xunto ao nacemento dos pelos; cubrin coa saba o corpo nu, e marchei para a casa co tempo xusto para o almorzo.

mércores, 4 de maio de 2005

Poderes

Afirmo que teño poderes: telequinésia, teletransportación ou magnetismo sensorial; a paraciéncia terá que pronunciar-se.
Como se non, conseguin que aparecese a persoa que menos deberia, no momento e lugar máis inoportunos?
En fin: chama Pólis contra o meiodia, inesperadamente, convidando-me a xantar; cousas do traballo, non contaba, bla bla. Tras aparcar na neveira o estupendo chicharro lañado que asi deixarei para cear, atopo-me con el nun bar dos viños; está a ler o xornal sobre o mostrador, mui formal de americana e gravata, tomando un corto. Torna a desculpar-se por non avisar, paga e saímos, falando de cousas sen importáncia, a procurar unha mesa.
Rondamos pola rua do escritor: agora seria glorioso atopá-lo, penso ao albiscar o portal, e non ben o pasamos cando soa un claxon.
Melómano detén o coche no meio da rua, baixa o cristal e, sorprendentemente, aponta-se tamén a xantar; non sei que dicer; mentres desaparece no garaxe explico-lle a Pólis a situación en duas palavras apresuradas. Ti é que non paras, comenta, pero parece riquiño.
O demais é digno dunha película entre Antonioni e Woody Allen: o estraño triángulo á volta dunha mesa, con Pólis á miña destra e Melómano á sinistra, os tres atacando cadanseu entrecosto, e o deles a deixar un sanguinolento remol a cada acometida. A conversación, memorável: intranscendente e vácua entre dous descoñecidos que, seguramente sen percebé-lo, desconfiaban un do outro como do demo, e botaban para o anfitrión cabos que malamente collia, coa mente noutro sítio.
Odiei-nos con ternura desde que apareceu o pan sobre o mantel até que nos trouxeron os cafés, e a augardente lles soltou a língua; ao final mesmo parecian vellos coñecidos.
Polo si ou polo non, nengun dos tres abandonou o campo: mesmo Pólis pediu ao camareiro que lle trouxese tabaco, en lugar de ir por el á máquina; nengun tivo tampouco necesidade de ir ao retrete, e á vista das cousas, empecei a temer que pasásemos a tarde toda xuntos á espera de quen marchase antes.
Maliciei incluso se non estarian feitos un para o outro, e mentres falaban do socorrido tema da utilidade das carreiras, letras versus ciéncias, imaxinei-nos aos dous sen roupa, facendo un ao outro aquilo que lles gusta.
Cando terminei o café e as boliñas de pan que formara eran suficientes, inventei un exame para as cinco; e empezaron a rivalizar por quen habia de pagar.
Foi finalmente a escote, a proposta miña. Saímos como grandes amigos e acompañamos a Pólis até o aparcamento. Cando se foi, Melómano dixo animadamente A ti xa te vexo un destes dias.
Pola rua do Papa abaixo concentrei-me, a ver se cos meus recén descobertos poderes a terra me tragaba.
Pero nada.

martes, 3 de maio de 2005

Cereixas

Ía camiño da casa cando, tras determe diante do cristal dunha tenda do centro, me abordaron dous pallasos: un augusto e o outro, como tirado dos debuxos pero máis trapalleiro, que é o que me ofreceu un folleto de festas e aniversarios infantís; antes de que o rexeite como sempre fago (porque é contaminante, porque é antisolidario, porque é absurdo, porque é), o pallaso Simpson di Anda profe, cólleme un...
Sorpresa: cando aparta o nariz colorado descubro a unha aluna miña de hai anos que me conta a súa actual vida circense mentres me enche os petos de octavillas.
Olalla, xuraría que se chama. Ou talvez Tania. Ou...
Dúas horas antes, na sala de profesores, alguén contou que un alumno noso doutrora, de cuyo nombre no quiero acordarme, está a cumprir condena por violación e roubo.
Unha hora despois, na froitaría de costume, Verónica, outra vella aluna traballadora en precario, metíame na bolsa, cando fun pagar, dous fermosos nésperos e unha presada de cereixas. Para que as probes, profe...
Remoendo, subín as escaleiras da casa sentíndome un pouco máis vello que cando as baixei pola mañá: así, pois, este é o mundo real, e eu ás voltas con sinestesias, oxímorons e pleonasmos.

luns, 2 de maio de 2005

Sosego

Volvo do traballo para a casa e apaño unha molleira histórica. Sen embargo, ao tirar de min a roupa húmida, ao enxugar o pelo, recóllome en min dalgún xeito e percibo a casa-tobo como un lugar de sosego; pode ser ilusión, pero valoro o silencio e a paz como se antes nunca existisen. Seguramente por iso, a leituga desmaiada do frigorífico deu unha boa salada, e mesmo acordei facer café-café, ainda que teña que botar a metade polo vertedeiro, e non café de pós. Soa neste momento a doce voz de sombra de Edith Piaf: nunha branca cunca con xirasois xunto ao portátil arrefece o terceiro café, que non tomarei por medo á noite.
No móbil, nengunha comunicación masculina; tan só Ambece, que me agradece o regalo, e me empraza mañá para combinarmos unha cea.
No corpo, principalmente nos pés, resíduos da camiñada do sábado; a diferenza de Vapin, non sinto molestia nengunha nas íngoas, que polo momento deberon virar insensibles. Por fortuna para elas e para todos.
Na memoria (principalmente despois de falar con Ilu esta mañá), a fría humidade no interior de Vilar de Donas, e tamén a calor húmida baixo as duchas do albergue xunto a Vapin (principalmente despois de pensalo moitas veces esta noite).

venres, 29 de abril de 2005

Espera

No Ciberália de Ithaca, á espera de Vapin.
Mañá faremos a etapa correspondente do Camiño; xa só restamos tres na nosa Comunidade do Anel: Vapin, Cris e eu; como muito, pode ser que mañá Nican saia a recoller-nos en Palas, pero ainda é un mistério; o que si está claro desde onte (provavelmente desde muito antes para ela) é que xa non seguirá camiñando canda nós. Deu-se por vencida.
Cando chegue Vapin e remate de consultar o que lle cumpra, iremos ao lado tomar as nosas birras reglamentárias, e daquela organizaremos o de mañá, talvez algunha outra cousa; brevemente: ás 8'30 iremos ao concerto de Mahler, pero despois eu voltarei cedo á casa dos pais porque necesito dormir. Despois de xantar, sorprendentemente, moneei coma un vello diante da televisión; acordei minutos despois, só na sala: miña mai saíra nos bicos dos pés para traer-me unha manta.
Asumo que estou sobrepasado polos recentes acontecementos, e non me refiro ao avance do Exército Vermello sobre Berlin: necesito unha calma que só lograrei camiñando, rindo e falando con persoas que me coñecen ben e nada me exixan, lonxe da miña casa convertida en refúxio, lonxe de Atenas. Certamente, empezo a perceber a imensidade dos dous meses que me restan ali.


Ora ben: onte Melómano e eu fixemos os deveres. Non haberá sétima convocatória.

mércores, 27 de abril de 2005

Escena

Melómano non cociña: trae da casa da mai deliciosos pratos ou, máis frecuentemente, come fóra. Pero onte, por sorprenderme, convidoume a unhas fabas á incomible.; recoñezo e valoro o intento e a presentación, pero fose porque esqueceu poñelas a mollo ou porque non coceron o suficiente ou era calidade delas, o caso é que estaban duras como perdigóns.
Por que non as probou antes de servilas?
Iso é un misterio que os científicos terán que resolver.
Sexa como for, as fabas eran intratables: fomos roendo nelas (eu, como me ensinou miña mai para cando saíse fóra da casa, non dixen nada), pero ao pouco xa estaba el a remexer coa culler para acabar recoñecendo o evidente primeiro, e moito máis do que debia, despois.
Nunca tanto escoitei saír da boca de Melómano en todos estes días, e a maioria cousas desatinadas e absurdas, como se abrise as comportas dun encoro.
O seu propio encoro. O encoro de si mesmo.
E as palabras ecoaron contra o alicatado da pequena cociña, contra o mantel azul, contra as fabas duras, contra o meu corazón, que por segunda vez en catro días atopaba unha crise inesperada. Temín as lágrimas de Melómano, que felizmente non asomaron, pero si o demais: falou de perdas e de desequilibrio, falou de decepción, de soedade e de aborrecemento; tamén falou de que me estaba a perder, e eu sentinme daquela triste e desleal, e fun collerlle a mao. Deixei que me beixase, que se pegase a min, por ver se, con iso e os caramelos, se calmaba.
E hoxe, cando isto escribo, sinto unha pena enorme porque sei, con toda a certeza, que isto noso dá voltas en espiral; parece que avanza pero segue no mesmo punto en que empezou.

luns, 25 de abril de 2005

Cautela

Vendo as barbas do viciño, decido andar con cautelas perante a selva de pentagramas e semifusas en que me adentrei hai vinte dias; non se trata de caír na paranoia, pero no ar da nosa relación frota a sombra dunha pregunta que ninguén de nós formula.
Que sucederá cando chegue o Verán?
Niso pensaba esta tarde, mentres Melómano se duchaba e no salón se ouvía a música de Palestrina; unhas palabras polo móbil, as primeiras tras o intercambio de mensas de onte, convencéranme de que Polis volvera á vida; ao pouco entrou Melómano, sacudindo o lapis e secando o corpo magro nunha toalla morada.
Daquela foi como se unha man transparente erguese paredes de cristal entre os dous; cando veu a min pouco faltou para converterme en Marnie, pero con toda suavidade erguinme do sofá improvisando unha despedida media hora adiantada.
Noli me tangere...

Corazón

Sábado, unha vez deitada a nena e entregue á vixiláncia de sua avoa, saio para reunir-me con Pólis na tantas veces adiada cea. Como estaba combinado, paso a recollé-lo na sua casa pero pede-me que suba para atopá-lo nun estado lamentável: sen afeitar, vestido cun chándal vello e unha camiseta, vai dun lado para outro da casa convertida en forno, en escenário de melodrama.
Consigo que sente e que deixe de desculpar-se por esquecer a cea, fago por convencé-lo de que estaremos mellor ali e que me conte que sucede, ainda que non é necesário: empeza a falar de Tadsio, que unhas veces é doce pero caprichoso, outras un impresentável, e as máis un egoísta sen vergoña.
Corren sen pudor polo rostro do meu amigo as lágrimas máis amargas mentres as maos sosteñen un cigarro tras outro, que van parar sen acabar-se ao cinceiro ateigado. Estou comovido por canto lle escuito dicer.
Penso, inevitavelmente, en Wilde e Bossie.
Maldigo no profundo do meu corazón encollido, pero non maldigo aquel rapaz do aeroporto nen aquel que unha vez foi aluno meu; maldigo o corazón humano e a sua febleza, e maldigo tamén o tempo que pasa ao noso lado sen advertir-nos: non necesito que me diga o que pasou.
Maldigo en siléncio mentres Pólis chora e bascula torpemente o vaso; sirvo-me tamén eu e sigo a asar-me lentamente naquela casa coa calefacción ao máximo, que non me deixa apagar.
Cerca da 1 está tan borracho que non sostén a cabeza e teño que sacar-lle de entre os dedos o último cigarro. Levo-o para o cuarto, topeñando tamén eu contra as portas e as paredes do corredor, e el deixa-se guiar como un rapaz, agora a sorrir de forma inexplicável, e cai entre as sabas da cama revolta.
Sento uns minutos xunto del na penumbra, e logo marcho para a casa dos meus pais.
Cando chego, e antes de deitar-me, entro tamén a tapar á miña filla.

domingo, 24 de abril de 2005

Robinson soña

Cada segundo fin de semana, Robinson abandona a súa illa para facer unha longa travesía, agotadora física e emocionalmente, só para poder estar cunha nena que aínda non ten 5 anos.
Como Defoe non o conta na súa novela, terei que facelo eu aquí.
Son en total 600 kilómetros, ao cabo dos cales as preguntas sen resposta acaban por formar unha montaña en que as nubes aniñan con demasiada frecuencia.
Sen embargo, Robinson nunca falta á súa cita, como non sexa por un impedimento verdadeiramente invencible. Robinson sabe que, sen estas visitas para recoller a súa filla, nada tería sentido e a illa terminaría convertida nun deserto, árido como ningún outro.
Robinson soña, como todos os pais, co sorriso da súa filla, e por ningunha cousa que haxa ou poida haber na terra cambiaría o sorriso dela cando o ve chegar.
Robinson segue a soñar sen remedio, todos os dias, entre cada segundo fin de semana...

xoves, 21 de abril de 2005

Nunca Máis

Tan só temos dous meses para chegar a un acordo, e se pomos por diante o benestar de todos, a nosa dignidade, a ilusión por un país que ainda ten esperanza, seguro, seguriño que chegamos a un acordo.
Por favor, pensemos en negativo: Quen non debe presidir a Xunta?

mércores, 20 de abril de 2005

Rumanos

A peixeira do meu barrio conta alporizada que esta mañá un rumano lle fixo limpar dúas xardas e, cando as tiña na bolsa, saíu a correr, naturalmente sen pagalas, e nunca máis se soubo.
Mentres o conta, as clientas móstranse indignadas: unhas falan da desvergoña desa xente, outras de que a culpa toda a ten o Goberno que lles permite entrar neste país honrado; ningunha delas di (e a miña covardía tamén mo impide) que cando alguén rouba dúas xardas é que por forza ten necesidade delas, que esa necesidade se chama fame, e que ao mellor detrás da escapada dos ladróns había mesmo máis vergoña e dignidade que nos comentarios que todas fan (mentres que eu calo).
Abrumado, pago as miñas dúas xardas e marcho para a casa con Melómano.
Mentres se asan e tomamos un vaso de rioja, Melómano tamén se queixa dos romenos: para el son sucios, vagos, perigosos; esgrime argumentos poderosísimos: lembra aquela família de Madrid degolada nun chalet para ser roubada, e sobretodo o incordio dos que venden clines e limpan paraventos nos semáforos, dos que paran a un na rúa a pediren esmola, dos que están co cartaz mal escrito diante dos supermercados.
Cústame acreditar o que oio e a quen llo oio, e cando non podo aturar máis ladaíña, cando empezo a estar tan cocido como as xardas, conto unha historia a ver que tal. No Palau en que aprendín a ler (eme a ma, eme e me, mi mamá me mima e todo iso), cando se chegaba a ra, re, ri, ro, ru (que, como lle sucede agora á miña filla, eran o máis difícil de pronunciar), o exemplo de ru era rumano, e o debuxo representaba un home barbudo cun estraño gorro de pel como o dos cosacos ou así.
Ru, de rumano.
Cantos anos pasaron antes de que aquí, neste país de emigrantes, nesta honrada terra de ladróns, neste lugar de fames mal pasadas, se puidesen ver persoas doutras razas, doutras terras, doutras relixións e linguas?
Pero, polo que parece, seguimos sen saber o que é un rumano.
Un rumano, querido Melómano, é o que ti e eu e todos fomos antes de agora, noutras terras e baixo outros soles.