luns, 15 de marzo de 2004

Desolación

Ás 7'40 da mañá apaguei a rádio na cociña, como case todas as mañás, para ir-me vestir despois do almorzo. Xustamente a esa horatiñan lugar as explosións nos trens de Madrid, pero delas non tiven notícia até que, sentado na sala de profesores, mentres lia como case todas as mañás El País, a profesora de Química entrou afectadísima contando o que ouvira do atentado na rádio do coche.
Imediatamente se formou unha terrível escena: várias profesoras, que tiñan fillos traballando ou estudando en Madrid, alteradas pola notícia, comezaron a telefonar através dos móbiles, e houbo lágrimas e muita emoción; a tensión habitou definitivamente en todos nós, e iria-se contaxiando pouco a pouco aos demais, como unha mancha de aceite, á medida que avanzaba a mañá.
Ao volver para a sala despois da primeira clase vin como alguén acendera unha rádio para seguir as notícias e o gotexo imparável de víctimas. Nun momento dado alguén me preguntou cantas eran e eu dixen 60, pero daquela entou a xefa de estudos e dixo que escuitara no despacho que ían xa case 80.
As aulas continuaron con normalidade, e, ao menos pola miña parte, sen referéncia algunha ao atentado. Ilu propuxo daquela que fixésemos algun acto de protesta e solidariedade; dixen-lle que estaba de acordo, pero que habia que esperar a ver como se desenvolvian os acontecementos.
A sensación era como de estarmos frotando nun estraño vacio, á espera de que algo novo terminase de instalar-se entre todos; a pregunta de quen puido facé-lo estaba, desde logo, na mente de cada un, e tamén a resposta. Mesmo eu respondin unha vez "quen ha de ser? ETA, está claro". Logo, como se sabe, as cousas habian de cambiar por completo, pero esta pregunta non abandonaria a mente de ninguén nas horas e os dias posteriores, ainda que a sua resposta cambiase, coas consecuéncias que logo isto teria.
Ás 13'20 saín do traballo e, como quedara de pasar pola avogada a pagar o que restaba da minuta da separación, atravesei o rio pola Pasarela e fun en dirección ao Parque. Foi neste ponto onde comecei a ver bandeiras a meia haste: no xardin da Torre, na Subdelegación do Governo, no INSS, na Biblioteca Pública, no Consulado de Portugal...
A avogada estaba, segundo me dixo, afectadísima; os atentados ocorreran en lugares polos que ela e a sua família pasaban con frecuéncia. Paguei-lle e marchei apresurado para a casa, como estaba a facer todo o país e, segundo saberíamos máis tarde, toda Europa e boa parte de mundo.
Queria chegar antes dos informativos de Telecinco e a Galega, que son ás 14'30, pero iso non teria demasiada importáncia porque desde primeiras horas da mañá todas as cadeas de rádio e televisión desmontaran a programación prevista para retransmitiren en directo o suceso.
As imaxes eran tan espantosas que, sen podé-lo evitar, fun quedando sentado na butaca sen decatar-me de quitar as botas nen o abrigo.
Durante horas permanecin diante do televisor, emocionado e con mal corpo, sentindo unha pena tan grande que asomaron aos ollos lágrimas que nen puiden nen quixen evitar vendo o sufrimento das víctimas e as famílias, o traballo dos voluntários, a magnitude daquel desastre horrendo.
Quen seria capaz de poñer-se a correxer exames para as avaliacións do luns e o martes seguintes? Imposível marchar do salón en penumbra, imposível deixar de ver a televisión e de pasar dunha cadea a outra.

Ao dia seguinte, Venres, ás 12 do meiodia, fixemos unha concentración silenciosa no pátio da Anexa; profesores dos dous centros e os alunos respectivos formamos un círculo collidos das maos á volta dunha vela que alguén colocara no centro. Os máis pequenos, cos mandilóns brancos, estaban tan quietos e formais que parecian adultos; logo tamén souben que á miña filla houberon de explicar-lle o que sucedera nos trens, e que ela, igual que todos nós, non o daba entendido.
Pola tarde, sobre a bandeira azul e negra de Nunca Máis que ainda está na reixa do balcón, colguei unha bandeira branca cun lazo negro, un lazo como o que lucin sobre a camisa durante os tres dias que duraria o loito.
Ás 19'00 tivo lugar a manifestación: enorme, desmesurada, que partiu lentamente do lugar acostumado ata a concentración final no Parque; isto na teoria: o avance foi tan lento que cando Ilu e eu demos chegado á altura de Nóvoa Santos e, meio asfixiados pola calor da xente, decidimos adiantar polo Paseo, descubrimos que a xente regresaba xa porque a manifestación terminara. E o final ainda estaba a cruzar a Ponte!
Nunca tanta xente vin nunha manifestación: en nengunha das de Nunca Máis ou contra a guerra ou contra o Decretazo ou no 1º de Maio, en nengunha. Dicia a policia que máis de 60.000 persoas saíran á rua en Atenas. Non sei; só podo dicer que era tal a concentración de xente diante do kiosko onde quedáramos que Ilu e eu estivemos a piques de non nos atoparmos, que para que a pancarta da cabeceira puidese pasar foi necesário que abrise a marcha unha furgoneta da policia municipal, que non se vian máis que cabezas e abrigos enchendo a Ponte e nengun espazo baleiro.
Supermercados, oficinas, bares, tendas, todos fecharon para que clientes e empregados fosen á manifestación, tal e como advertian nos cartaces que se vian en todas as portas.

O Sábado fun a Ithaca pola mañá. Non ía ter a nena este fin de semana, pero necesitaba arexar-me; continuaban afectando-me as imaxes que seguian dando por televisión e tamén as dúvidas da versión sobre a autoria non deixaban de repetir Aznar, Rajoy, Zaplana, Acebes e outros personaxes que, se isto for posível, cada hora que pasaba se volvian máis e máis sinistros.

xoves, 11 de marzo de 2004