Amosando publicacións coa etiqueta Fotos e fotógrafos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fotos e fotógrafos. Amosar todas as publicacións

xoves, 1 de xuño de 2017

Sophia Loren en Portugal

En 2010, os británicos Steve Harrison e Morag Brennan viron en Lisboa unha postal coa fotografía en branco e negro dunha muller vestida de negro a camiñar descalza por unha ría; no muro que hai tras dela vese un cartaz medio esgazado de Sophia Loren e, xunto a el, un letreiro de madeira que di Vende-se.
A autora da fotografía que ilustraba a postal era a cineasta belga Agnès Varda, admirada pola parella que comprou a imaxe, e esta fora tirada na Rua das Lavadeiras, na Póvoa de Varzim, no ano 1956.
Intrigados, Harrison e Brennan procuraron a historia da moza que non levaba zapatos nin medias, que ía vestida completamente de negro, con pano aos ombros e o cabelo amarrado no cimo da cabeza, o chamado puxo, tan habitual entre as peixeiras da Póvoa de Varzim e doutros lugares de Portugal.
Após preguntaren entre os vellos pescadores da vila, sabemos hoxe que aquela moza tiña por nome Maria do Alívio, e 16 anos de idade no tempo da fotografía, e era unha máis entre tantas pobres mulleres que sustentavan a casa e coidaban dos fillos mentres os maridos estaban fóra, embarcados.

domingo, 12 de marzo de 2017

Conxunción astral

Cinco semanas e algunha mentira despois, volvo estar en Madrid como resultado dunha rara conxunción astral: a señorita Kaplan ten un cumpreanos ao que non faltaría nin morta, e Venres estará de finde na casa dos pais; é todo tan precipitado que me sinto case coma un prófugo.
Bendita improvisación, bendita liberdade.
No tren vou pasando lista e pensando que terei esquecido; sorprendentemente, só o peite, que acabo comprando nos chinos despois de me pediren 11 euros nunha perfumaría xunto á Porta do Sol.
Vai frío, e os velazqueños ceos de Madrid están encapotados; a ameaza das primeiras pingas faime entrar nun pequeno bar diante do Reina Sofía e facer bicha con xaponeses, italianos e sudamericanos; ao final, comparto mesa e conversación cun arxentino chamado Tomás cuxo voo para Zurich sae ao día seguinte. 
Para daquela eu xa levo cheas de imaxes a pupila e a cámara, e de folletos a bolsa: primeiro, a exposición de fotografías de Halsman (portadas de Life, fotos de moda, de famosos, glamour en branco e negro e cor); despois, todo o contrario: os magníficos traballos do fotógrafo asturiano Valentín Vega que se mostraban no Museo de Antropoloxía; fotos de quen retratou aos seus viciños durante a posguerra nas romarías, a venderen peixe na feira, a pasearen, a recolleren carbón nas vías do tren; aprendices de poucos anos levando carretas de masa para a obra, descansando ou cavando; non hai ningún glamour aquí: o que hai é unha miseria digna que o fotógrafo retrata con ternura, un mundo que os que imos tendo unha idade recoñecemos se non como propio si por contra demasiado próximo.
Mentres damos conta dunha gorentosa fabada, Tomás cóntame que está náufrago en Madrid, onde fai escala desde Montevideo, e que lle cancelaron o voo sen máis explicacións, que a compañía lles procurou aloxamento, afortunadamente céntrico, onde ducharse, barbearse e descansar unhas horas, que o resto do tempo o pasou aí enfrente, entre picassos e solanas, e que non aturaría ver un só cadro máis.

mércores, 3 de agosto de 2016

Fotos e fotógrafas

Podo prometer e prometo que non só de exposicións me alimentei en Madrid. En compañía de Antoine e algunha vez da súa amiga J. visitei co mesmo entusiasmo terrazas e figóns, desde a modernez hipster á taverna, e desde a multiculturalidade de Lavapiés (racións nunha tasca galega agora maldefendida por turcos) á saudosa crêperie bretona doutras veces, pasando por La Bobia, un flamante local asturiano reaberto que inauguramos con gusto pero sen sidra.
Hai dous temas recorrentes nas nosas conversacións: a saúde (inevitable xa, salvo coa señorita Kaplan) e as viaxes, aínda que neste caso non podo competir, así distan a miña Sicilia dos seus Montevideo e Buenos Aires; non compartimos sen embargo o interés por buscar a tumba de Evita nos cemiterios bonaerenses, ou peregrinar ao Père-Lachaise á procura da de Proust; tampouco sinto a chamada de Dachau, onde me conta que estivo con J. hai unhas semanas; por fortuna, a crónica non se demora moito nos crematorios e barracóns e pasa a centrarse nas desventuras sufridas nos controis dos aeroportos polo empeño de J. de salvar as valiosas cremas que se negara a facturar. Conteño as ganas de rir ao ver a lúgubre cara de xuíz de primeira instancia que se lle pon ao meu amigo cando lembra todo aquilo.
Despois dunhas cañas (eu, Antoine case sempre pide viño) na masificada praza de Santo Ildefonso douno convencido para que me leve á casa dos Modlins na calle del Pez a tirarmos unhas fotos, moi dramáticas á luz das farolas; despois el pilla polos pelos o autobús na Gran Vía e eu quedo exposto aos perigos e tentacións da noite tórrida. 
Pola mañá terei resaca.
O venres almorza Antoine comigo porque iremos xuntos á exposición de fotos da pobre señora Maier; comezámola polo final, se se pode dicir así, por esquivarmos a manada de adolescentes desganados e ruidosos que entra diante de nós. Na sala hai varios espellos e o público agarda quenda para facer o seu selfie, na miña opinión con resultados decepcionantes, a xulgar polo que vexo despois, por moito que puxésemos a cámara do móbil en branco e negro. Impresiona saber que a fotógrafa ás veces batía a man tenta coa xente para pillala por sorpresa; é facil imaxinala marchando a correr co botín obtido. Impresiona aínda máis ler nos paneis que chegou a reunir 120 mil negativos que ninguén máis viu, porque ninguén máis había para velos.
Aínda temos folgos para visitar outra exposición de fotos, agora no Cerralbo; intúo que Antoine proxecta que visitemos con el o enorme palacete das marabillas que el adora desde neno. Non será así finalmente porque J. xura que está esmorecida e conmocionada após o periplo pola absoluta miseria física que retrata Shirley Baker. A primeira vista só, o título é equívoco: Mulleres, nenos e homes que deixan pasar o tempo. Algo sigo aínda remoendo: segundo a data das fotos, aqueles nenos de caras sucias que pululan por patios e casas en ruínas naceron polos mesmos anos en que eu nacín.

luns, 18 de xullo de 2011

75 anos

Mañá, 19 de Xullo, a fotografía que Agustí Centelles tirou deste garda de asalto enfrentándose aos sublevados no Carrer Diputació de Barcelona, cumpre 75 anos.
O local é hoxe unha farmacia rodeada de tendas e cafeterías, pero nas pedras da fachada os impactos das balas seguen aínda presentes de maneira indeleble.
Impresionoume esta fotomontaxe, que atopei google adiante; nunca foi máis certo que unha imaxe  vale máis que mil palabras.

mércores, 11 de febreiro de 2009

Perdas

Teddy cóntame que é un home (case) sen pasado: o seu hard drive colapsou ou algo, de maneira que agora Teddy non dá entrado na maior parte das carpetas que encheu e gardou, durante meses e meses, naquelas profundas sentinas.
Dentro delas hai música e películas, pero principalmente as fotos, todas elas: as que tirou comigo son a menor das perdas, entre outras cousas porque teño copia, pero poden perderse para sempre centos ou miles de fotos de paisaxes da nosa terra, de praias portuguesas e mediterráneas, de monumentos, de bosques, de estacións de tren, de museos, de ceas con amigos, de piscinas, de habitacións de hotel, de dunas, de caras con resaca, de xantares de xubilacións, de paradores nacionais, de beixos apaixonados, de festas de aniversario, de antigos noivos, de solpores, de nacementos fluviais, de dólmenes megalíticos, de casas natais de escritores, de gatos, de amigos que marcharon para sempre, de amigas torrando ao sol, de paxaros e árbores, de coches antigos, de grandes igrexas e de capelas diminutas.
Teddy está triste pero así e todo sabe rir das broncas que escoita (tamén a min) cada vez que o conta, farto de que nas tendas polas que vai non lle dean máis solución que a de facer copias e máis copias de seguridade.
Teddy di que vai gardar o couso no conxelador, dentro dun túper, como se supón que fixeron con Walt Disney, até que dentro de cinco, dez, vinte anos, a informática teña progresado tanto que abrir as carpetas será un xogo de nenos, e daquela sairemos todos daquel cofre escuro noviños, fermosos, case inmortais.
Así ri Teddy na miña casa da súa perda e eu río tamén, sentíndolle o optimismo admirable e próximo, mentres fóra o temporal zoa furiosamente. Que así sexa, lle desexo.

sábado, 7 de febreiro de 2009

Vergoña

A que pasei onte pola tarde cando Cam me chamou, toda divertida, para avisarme de que, na película sobre o miliciano de Capa que lle pasei dentro do lapis de memoria, non había nin sombra nin iceberg, seguramente porque a calor o derretera.
Efectivamente, despois comprobei que nin o home da película parecía un miliciano, nin a muller unha madriña de guerra, nin un mauser o que manipulaban con tanta desenvoltura; tampouco me pareceu que ao final da película os protagonistas acabasen casando.
Nin Polis nin Haddock, que tanta louvanza fixeron do tal programa, me previñeran sobre este tipo de achados, dos que máis tarde atopo outro, camuflado en Brideshead.
Como Cam, aínda me pregunto que tería pasado se chegamos a poñer a película aos nosos alumnos no Instituto?

luns, 6 de febreiro de 2006

Exposición

Saio da exposición de Margaret Bourke-White e coincido na mesma porta con Vladimir, que se retira xa, coas maos coloradas polo frio e insensíveis, inúteis para seguiren tocando.
Animo-o a que visite a exposición, e entramos xuntos. No ascensor comento-lle que hai várias fotografias da URSS feitas nos anos 30 e 40: Stalin, un hospital pediátrico en que unha família espera baixo unha épica imaxe de Lenin, as operárias nunha cadea de montaxe.
Seguro que vin eu máis fotos da España desa época cando o meu país era a URSS das que se viron da URSS aqui.

As fotos son excelentes, con ese contraste do branco e negro que as fai nítidas, duras como as máquinas de aceiro que retratan ou as imensas moles dos encoros e as centrais eléctricas, como a desolación dos enormes campos de cereal arados, como o ollar vacio das vítimas de Buchenwald...
Entre todas elas, escollo unha de Moscovo: intermináveis ringleiras de cidadaos esperan un Domingo para visitaren a tumba de Lenin no Kremlim.
Trinta anos máis tarde, conta-me Vladimir en voz baixa na sala baleira, el e mais a sua família realizaron aquel ritual mesmo: os pais cos cinco fillos pequenos viaxaron durante horas desde San Petersburgo, daquela Leningrado, só para axexar unha mómia que xa non lembra; a memória só garda a primeira viaxe en tren por infinitos campos de xirasois, e a certeza duns chocolates brancos (os primeiros que vian) que o pai lles comprou para atenuar a bicha.
Tamén unha bandeiriña vermella coa fouce e o martelo, que despois o pequeno Vladimir colgaria sobre a cama.

martes, 25 de outubro de 2005

Vapin, fotógrafo


Nun xesto inequivocamente ateniense, encargo a Vapin os livros de inglés en canto descubro que lle descontan un 10%, que nos bebemos ao meiodia de hoxe en forma de cervexa. Elegantemente, nen eu pregunto nen el me conta nada encol dos seus problemas cardíaco-amorosos, pero por contra desliza-me no peto do comando o disco coas fotos do Camiño.
Non son mui boas, di, e mete-lle unha nova viaxe á prata da empanada, pero valen como recordo, asi que non fagas coma sempre.
Cando mo aclara, prometo-lle que non serei mordaz, e non o son. As fotos parecen daguerrotipos, imaxes cunha pátina de décadas: as cores distorsionadas, as roupas pesadas das exposicións de Rejlander, as nódoas sobre as figuras como unha nevarada de partículas brancas, os tons sépia, azulados, grises.
Os pioneiros asoman en cada unha das tomas: a igrexa de Portomarin ainda non fora trasladada pedra a pedra cando nos retratamos diante dela; diante dos Mercedários, Vapin e Cris parecen comentar as últimas notícias da morte do Arquiduque; Nican, evidentemente asfixiada polo corsé, posa para Nadar diante dun carvallo centenário; se non fose polas vestes, Vapin e eu pareceríamos dous amigos de von Gloeden de visita en Taormina; e, cando chegamos ao Obradoiro, parece que está no sólio ainda o cardeal Payá.