Amosando publicacións coa etiqueta Kaplan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Kaplan. Amosar todas as publicacións

sábado, 30 de decembro de 2023

Balance

 Evocando aquel Cosmopolitan daqueloutra vida miña, este que termina será o ano en que puxen os audífonos (en nada sairei a ver que conflito ten o esquerdo co meu ouvido), o da operación do túnel carpiano da dereita e a longa baixa consecuente, o das tres tatuaxes, o das colaxes, o do noivado da señorita Kaplan, o das viaxes a Málaga polo ano novo e a Tenerife en agosto, o de ensinar portugués logo de 33 anos, e o do décimo primeiro (e derradeiro) trienio.

domingo, 23 de outubro de 2016

Kilómetros

8.00: O deber inescusable de carácter privado que teño marcado para as 12 permíteme durmir unha horiña máis. A casa está fría, principalmente despois da ducha. Tras o almorzo fumo dous cigarros; o último nin o termino: é a estúpida obsesión de non dar chegado. Antes das nove pillo o coche e poño rumbo a un xulgado nun punto equidistante entre Delfos e Manderley.

10.00: Asumindo que vou demasiado cedo, paro de camiño a tomar outro café e a comprar tabaco nunha tenda-estanco; o exceso de café e unha muller que tende roupa no aparcamento fanme a entrar de novo para comprobar que aínda sobreviven as espeluznantes placas turcas en retretes de posguerra; tal é así que volvo ao coche co estómago revolto.

12.00: A procuradora explícanos na porta do xulgado que a avogada non vai vir por culpa dunha endodoncia, e que a súa señoría tampouco estará presente porque en realidade non estamos citados; ao parecer, aténdennos de favor. O escaneado do convenio que mandamos é tan tenue que case non se le e hai que presentalo en papel para que a xuíza non o rexeite. Recoñecemos o documento e asinamos os poderes; o trámite non leva nin dez minutos.

12.15: Saímos do xulgado e camiñamos devagar ao sol, sen rumbo, entre persoas que se moven en todas direccións, algunhas cargando bolsas porque veñen do mercado. A carpeta de plástico vacía onde ía o convenio pasa das miñas mans ás dela, e sucesivamente viaxará entre as nosas mans durante case unha hora, coma un símbolo. Xa sentados nun banco, os vagos reproches, as réplicas e as contrarréplicas, esa inútil contabilidade dos miles de horas que ela pasou en consultas de pediatras e dentistas, en ensaios, en adestramentos e partidos, en cumpreanos, os miles de kilómetros que viaxei eu todos estes anos para recoller a nena en fins de semana alternos e insignificantes, esmorecen lentamente e, cos ollos húmidos, acabamos por nos centrarmos no que verdadeiramente importa, esa nena espléndida da que nos sentimos orgullosos. 

14.45: Espero por Venres fumando na entrada do centro comercial, despois de comprar algunha roupa de inverno e perderme varias veces. Mentres xantamos (bastante escasamente) nunha estraña pulpería ultramoderna, tan típica e enxebremente galega que até se esqueceron da lingua, cóntolle a aventura do xulgado e, moi por riba, o demais. El cóntame do cumpre que lle toca esta semana e organizamos algo para o serán do domingo.

17.00: Con bastante retraso sobre o previsto, saio para Manderley a recoller a señorita Kaplan, que espera xa coa maleta feita, a mochila cargada de libros e deberes cos que compartiremos o fin de semana e moitas ganas de me poñer ao día. En canto arrinca o coche, a señorita Kaplan empeza a súa disertación, que xa non parará practicamente até vermos asomar o sky line de Ithaca.

19.45: Instalada a nena, rodeada de todo o que a fai feliz (o móbil, a wifi, a tele, un libro, as zapatillas) saio a toda présa para o ensaio: co Tamborileiro abrimos a temporada de Nadal.

    martes, 22 de marzo de 2011

    Recomezando


    Hai xustamente unha semana, ao querer entrar en Ithaca atopei que toda a miña conta fora inhabilitada: sen previo aviso e sen outra explicación que un máis que difuso incumprimento das condicións de uso. Oito días despois, a conta segue inhabilitada, e se á sorpresa sucedeu o encabuxamento, tras deste veu a resignación e o aggiornamento.
    Sigo convencido de non ter incumprido ningunha das normas, e de que a decisión da todopoderosa Google clausurando o traballo de máis de seis anos no meu blog foi arbitraria, absurda, desmesurada e irrespectuosa coa propiedade dos meus textos. Con Ithaca desapareceron outros blogs: un que pronto pensaba abrir, con só as miñas fotos, e a Caixa B, o almacén de imaxes, textos en espera, recursos da rede, enlaces e artigos que me interesaban.
    A sorte quixo que puidese salvar a maior parte do blog de Robinson grazas a que, por curiosidade, o exportara hai unhas semanas; aínda así, perdéronse na deblacle os enlaces e grande parte das imaxes que ilustraban os posts pero afortunadamente salvei do desastre os textos, os vídeos e os vosos comentarios, meus amigos.
    Como despois dun incendio ou dun naufraxio, pensei que facer: tentoume abandonar, efectivamente, pero non atopei razón verdadeira; gústame demasiado isto como para deixalo, e esa sensación de darse por vencido á primeira vai pouco comigo; ademais, proíame esa desaparición á flamenga, sen despedidas nin explicacións, como de bandido.
    Reabro hoxe, oito días despois, como Reincidente, cun formato provisional e outro enderezo, pero no mesmo sitio, mal que me pese: procurei por aí outros formatos e plataformas de bitáculas, e en ningún atopei o xeito que atopo na madrastra Blogger, ao mellor porque, como disque declarou unha vez a Raíña de Inglaterra, son xa demasiado vello para cambiar de cabalo.
    Grazas a todos por seguir contando comigo.

    martes, 15 de marzo de 2011

    Homeless


    Sigo conmocionado: coa conta unilateral e inexplicablemente deshabilitada, agora son un homeless.

    domingo, 15 de agosto de 2010

    Meme literario

    Hai tempo que teño arquivado un cuestionario literario ou libresco que atopei no blog Librosfera; a diferenza da maioría dos que circulan pola blogosfera, este é tan orixinal que contén preguntas tomadas de libros infantís dos de toda a vida, é certo que descontextualizadas aínda que se indique a procedencia. Nada mellor para servilo que dentro das actualizacións en conserva, mentres todo o mundo anda por aí.

    1. Frank L. Baum: O mago de Oz; o Espantallo a Dorothy: Pódese saber quen es e onde vas?
    Son un blogueiro que actualiza o seu blog; tamén son un pai, e dentro duns minutos, cando acabe con isto, irei preparar a merenda da miña filla.

    2. Michael Ende: Momo; Momo aos nenos: E iso é divertido?
    Segundo os días, pero o da merenda en xeral si, sobre todo se estamos nun parque ou vendo os debuxos.

    3. Michael Ende: Momo; home gris a homes grises: Que é unha vida humana?
    Unha oportunidade única que algúns aproveitan e outros non.

    4. Robert L. Stevenson: A illa do tesouro; John Silver a Jim: Cres que un morto está morto para sempre, ou cres que pode resucitar?
    Iso depende; a min ensináronme que os mortos morrían para sempre, pero neste país en que vivimos a experiencia dinos que é máis ben ao contrario; se ben non resucitan, tampouco acaban de morrer de todo.

    5. Miquel Rayó: O tesouro do Capitán Nemo; Marisa ao protagonista: Que buscas?
    Normalmente non busco, atopo; pero hai cousas, e a felidade é unha delas, que se agachan tanto que até dubido se existirán ou se buscalas merecerá realmente a pena.

    6. Astrid Lindgren: Pipi Calzaslargas; Tommy a Pippi: Que é o que non consentirías?
    Que os nenos sufran abusos e abandono; que sempre acaben pagando os pratos rotos dos adultos; que os nenos deixen de ser nenos antes de tempo.

    7. Lewis Carroll: Alicia no País das Maravillas; o Gato de Chesire a Alicia: Cáeche simpática a Raíña?
    Nunca fomos presentados, pero observo que me gusta máis cando ten a boca cerrada.

    8.Lewis Carroll: Alicia no País das Maravillas; o rato a Alicia: Gústanche os cans?
    Gustan, pero á vista do meu historial e algúns recentes acontecementos prefiro non afondar na resposta.

    9. Daniel Nesquens: 17 cuentos e dous pingüíns; Marta a papá: Por que o oito vai despois do sete?
    Son pésimo en matemáticas, pero supoño que porque é conformista e pouco ambicioso.

    10. Roald Dahl: Matilda; Truchbull a Wilfres: Teño 8 cocos, 8 monos e 8 nenos. Cantos imbéciles teño en total?
    Máis matemáticas? Eu creo que nove (oito mais eu).

    11. Roald Dahl: As bruxas; Neno á avoa: Atopaches algunha vez unha bruxa?
    Si, sen ir máis lonxe o outro día a miña tía C. cando botaba sapos pola boca na casa das tías O. e G.

    12. James Barrie: Peter Pan; Peter aos nenos: Credes nas fadas?
    O certo é que non, nin sequera de neno. Os fados, por contra, gústanme moito.

    13. James Barrie: Peter Pan; Wendy a Peter: Sabes o que é un bico?
    Unha cousa que, segundo os casos, pode levar igualmente á felicidade e á traxedia.

    14. Michael Ende: Momo; Momo ao mestre Hora: Que é o tempo de verdade?
    Un veneno escaso e mortal sen o que non podemos vivir.

    15. Henning Mankell: O can que corría cara a unha estrela; Joel a si mesmo: Ser adulto é isto, facer e dicir cousas que non entenden os nenos?
    Tan certo como que ser neno é facer e dicir cousas que non entenden os adultos.

    16. Lewis Carroll: Alicia no país das Maravillas; Alicia a si misma: De que serve un libro se non trae estampas nin diálogos?
    Non hai libro que non sirva para algo, aínda que sexa para o contrario do que esperaba o autor que o escribiu; e algo que non debemos esquecer: por moitos diálogos e estampas que teña un libro (ou un blog, que para o caso é o mesmo), se é malo dificilmente vai mellorar.

    mércores, 24 de marzo de 2010

    Fe de vida

    Entre libros, apontamentos, cursiños, máis libros, exames, avaliacións, notas. Por aí, rodeado de letras e palabras e follas de papel impresas ou manuscritas anda un servidor, que nin está desaparecido nin moito menos morto.
    Déanme un nada e actualizo.

    luns, 14 de decembro de 2009

    Striptease

    A este blogue facíalle falta algo de striptease, así que dentro dos fastos e celebracións de aniversario, púxenme a facer unha lista de 25 parvadas íntimas (5 por ano), cousas que poucas persoas saben de min e que nunca contei no blogue; quedar metaforicamente co cu ao aire non é necesariamente un meme, de xeito que nin o remito a ninguén nin espero iniciar unha cadea pero si que me sexan discretos e non anden contando por aí diante.
    01. Encántanme as voces de dobraxe das películas antigas.

    02. Non soporto ter as uñas demasiado longas.

    03. Durante varios anos levei o pelo rapado.

    04. Para compensar, na Universidade leveino polos ombros.

    05. Fóra o nacemento, non teño máis imaxes relixiosas no tobo que un icone, agasallo de Nikos, que trouxen de Atenas este Verán.

    06. Teño dificultade para distinguir a direita e a esquerda (non só en política).

    07. A miña copa favorita é o martini bianco con xelo, e non a pido case nunca porque me senta coma un tiro.

    08. Aborrezo probar a roupa nas tendas.

    09. Este non é o único blogue que levo, pero si o meu preferido.

    10. Teño unha minusvalidez auditiva e en poucos anos probablemente usarei un audífono.

    11. Posto que teño unha filla, plantei unha árbore e escribín un libro, podo xa morrer tranquilo.

    12. Son digno herdeiro do monstro das galletas: podería estar todo o día comendo nelas.

    13. Normalmente leo deitado, e sempre leo algo antes de durmir.

    14. Odio falar por teléfono e case sempre teño o móbil apagado.

    15. Non teño piercings nin tatuaxes aínda que si unha gran cicatriz.

    16. Nunca me tocou a lotería, pero unha vez tocoume un coche na caixa de aforros.

    17. Teño encaixada na vesícula unha pedra de 1'5 cm que hai anos mas fixo pasar putas.

    18. Un día, sendo estudante, pilláronme roubando libros nun centro comercial.

    19. Sempre fun moi mentireiro; funme corrixindo pero non estou curado de todo.

    20.Participei con outros 7.000 corpos na performance de Tunick en Barcelona no 2003.

    21. De rapaz memorizaba cousas absurdas e inutilidades que aínda podo repetir se non me dese vergoña.

    22. Nunca compro a prazos ou a crédito, así que presumo de non ter máis débedas que a hipoteca do tobo.

    23. Estiven presente no paritorio cando naceu a miña filla.

    24. Se me desen a elixir, escollería Cola-cao antes que Nesquik, Cocacola antes que Pepsi, Kas antes que Fanta, e Mirinda antes que ningunha, máis que nada por sustentar o mito, porque nin lembro a que sabían as Mirindas que tomei de neno.

    25. Hai moitas cousas que non conto en ningún blogue.

    sábado, 24 de outubro de 2009

    Dez cousas que NON fago

    Confeso que xa tiña mono dun meme, abenzoado el, esa estupenda e baratísima maneira de psicoanalizarse un e ao mesmo tempo supervitaminar e mineralizar o blogue propio se anda de capa caída; desta tócame agradecerllo a Noe Pastor, que no seu Boquitas pintadas deixou aberta a porta a quen queira respostar o meme das dez cousas que non fago.
    Como sei que de todo hai na viña do Señor, mesmo quen se alporice por ser metido en danza, non darei nomes e deixarei logo eu tamén aberta a porta do meme a quen quixer respostalo.
    Asi pois, adiante.

    1. NON bebo auga da traída. A da nosa cidade é tan mala que hai quen pensa que pode ser tóxica; eu nin bebo nin opino.
    2. NON nado nada: non porque non teña traxe, senón porque non sei nadar.
    3. NON collo nunca os papeis de propaganda que dan pola rúa.
    4. NON tomo café despois das catro da tarde.
    5. NON uso pixama para durmir, moito menos pingas dalgún perfume.
    6. NON escoito a radio nin vexo a televisión na cama.
    7. NON falo de fútbol nunca, e aínda menos no traballo.
    8. NON rezo (como había de facelo, se son ateo desde a adolescencia).
    9. NON ando nunca en bicicleta, e iso que teño unha, estupenda, hibernando no garaxe.
    10. NON saio nunca da casa sen deixar a cama feita.

    luns, 12 de outubro de 2009

    Coma

    Voume deitar.
    Que mañá madrugo, e estou tan canso que até me doe o Sanfroilán.

    domingo, 27 de setembro de 2009

    Vergoña

    Unha consecuencia de estudar nunha escola masculina, cocéndonos durante horas naquela disciplina rancia, nas nosas incipientes hormonas e na nosa propia estupidez, era a necesidade que tiñan algúns de iren á saída até a escola das nenas para molestalas.
    Elas, moito máis normais, xogaban ao peletre e á goma, e marcaban con pedras as paredes imaxinarias das casas dos seus xogos até veren aparecer no horizonte a horda de brutos de quinto e sexto de EXB que lles varrían a paz.
    Confeso avergoñado que máis dunha vez me deixei arrastrar a aqueles pogromos, non moitas porque a miña irmá estudaba nesa escola, pero si as suficientes para estar e non facer nada o día en que a unha das cativas lle pegaron chicles no pelo, que levaba longo e en dúas colas brillantes e negras coma o carbón.
    Como era amiga da miña irmá, sei que na casa lle tiveron que cortar o pelo, que a mai da pobre se foi queixar á escola, pero que alí non pasou nada.
    Aos dous imbéciles que fixeron aquilo non os volvín ver, aos outros imbéciles que estaban tan calados coma min tampouco, pero desde hai unha semana a nena-dos-chicles-no-pelo é profesora no meu instituto, e o primeiro que me chamou a atención ao vela é que o pelo agora o leva curto.
    Como a miña irmá non se lembra do caso, aínda teño a esperanza de que a miña nova colega tampouco se lembre ou morrerei de vergoña.

    xoves, 7 de maio de 2009

    Desaceleración

    O caso é que non me dou sentado a actualizar, e Ithaca anda a barbeito que é unha lástima.
    Será daquela que entrei na definitiva crise que levará este blogue ao silencio, á tan frecuente e coñecida morte dos blogues, a ese lamentable abandono que o irá resecando, coma un cadáver ao sol?
    Será que na miña vida e na dos que me viven non sucede nada que teña o suficiente interés para debuxalo aquí, onde tantas veces expuxen con meticulosidade case entomolóxica até as máis banais intimidades, propias e alleas?
    Nada diso, escasos e fieis amigos, visitantes esporádicos: unha certa melancolía asociada a unha galbana de proporcións bíblicas, e certas ocupacións laborais e domésticas, provocaron hai semanas esta desaceleración do nervio bloguístico.
    Nada grave, declaro; así que poden estar tranquilos, afirmo, que xa volto.

    martes, 7 de abril de 2009

    Ríos

    Sigo un ano máis de garda.
    Sen vacacións por aí fóra, as vacacións aquí dentro convértenme nunha especie de retén que non pode cometer a indelicadeza de impoñer prazos, horarios ou citas aos que teñen un pé na rutina e o outro nalgún apetecible recanto do planeta, preferentemente con vistas fluviais, que é o que se leva este ano.
    Como non, se o outro día, no vestíbulo do auditorio, Polis me falaba dunha viaxe que a crise mellorou, e en que a única dúbida era se facer primeiro o cruceiro polo río ou viceversa.
    Como non, se Teddy desde Sábado atravesa con Deni outros horizontes e outras ribeiras menos milenarias pero moito máis etílicas.
    Como non, se May explora o Devonshire procurando demostrar que o río que pasa por Totnes non é máis belo que o río que pasa pola súa aldea.
    Como non, se até a miña ex me pediu fixar o check-point-charly na mesma sala de espera do aeroporto porque mañá regresa do Bósforo cos ollos asolagados de solpores e a bagaxe a rebentar con agasallos para a nosa filla, quen precisamente hoxe no almorzo me fixo prometer que, cando chegue o Verán, nos volveremos bañar no noso humílimo e discreto río, como non, ese que sempre pasa e sempre queda.

    sábado, 13 de decembro de 2008

    O 4

    Creo que este meme do 4 ten máis versións que un Ibiza, e até me parece que xa o respondín algunha vez. Dá o mesmo: a casualidade fai que o número do meme coincida co aniversario da blogue, así que aproveito para xuntalo ás celebracións; o resto é economía e reciclaxe.
    Eis o cuestionario:
    CATRO TRABALLOS QUE TIVEN NA VIDA:
    1. Monitor nun obradoiro literario para reclusos cando cumpría a prestación social substitutoria do servizo militar. (Non sei se é un traballo servir a patria como civil a cambio do haber en man).
    2. Acomodador de cine: fixen un verán os descansos e vacacións do persoal.
    3. Camareiro: atendendo o ambigú do mesmo cine cando non estaba coa lanterna na man.
    4. Profesor de pasantía a domicilio desde que era estudante; logo aprobei a oposición e pasei a ser (un dato para a historia, porque a terminoloxía cambiou) profesor numerario de escolas de mestría industrial.
    CATRO LUGARES EN QUE VIVÍN:
    1. Santiago de Compostela.
    2. Lisboa.
    3. Ourense.
    4. Ithaca, capital da provincia e partido xudicial do mesmo nome.
    CATRO LUGARES EN QUE ESTIVEN (e dos que non falei neste blogue):
    1. No Père Lachaise de París (si, tamén eu vin a tumba-esterqueira de Morrison).
    2. Dentro da Gran Pirámide de Giza, escoitando o eco na cámara funeraria de Kéops.
    3. En Cancún e Yucatán, durante a nosa viaxe de noivos (no coments!).
    4. No Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.
    CATRO LUGARES EN QUE ME GUSTARÍA ESTAR AGORA:
    1. Facendo turismo en Estambul.
    2. Pasando o Nadal en Nova York.
    3. En Venecia, coa señorita Kaplan, onde lle prometín que a levaría.
    4. Nun compartimento do Transiberiano, ben acompañado, camiño de Tarskaya.
    CATRO DAS MIÑAS COMIDAS FAVORITAS:
    1. Polbo (en calquera feira, servido en prato de madeira, con pan do país).
    2. Callos (pero á galega, con garavanzos). Tamén a fabada e as lentellas guisadas.
    3. A tortilla de patacas que fai a miña mai.
    4. Ovos fritidos con chourizo, patacas e pan de millo para mollar na xema.
    CATRO BEBIDAS FAVORITAS:
    1. Cervexa (todas, pero as de trigo ou abadía parécenme deliciosas).
    2. Cinzano branco con xelo e un pedazo de limón.
    3. Un bon tinto, digamos Rioja ou Ribera de Duero, por exemplo.
    4. A auga, claro.
    CATRO PELÍCULAS QUE VERÍA UNHA VEZ TRAS OUTRA:1. JFK, de Oliver Stone.
    2. Foise co vento.
    3. A costela de Adán, de G. Cukor.
    4. Toda a triloxía do Señor dos Aneis, pero principalmente a primeira parte.
    PROGRAMAS DE TV QUE VEXO:
    1. El intermedio.
    2. Anatomía de Grey.
    3. Saber y ganar (como me gusta adormecer véndoo e acordar despois en pleno Serengeti!).
    4. Procuro ver algún informativo cada día, normalmente zapeando mentres ceo.
    CATRO EXPRESIÓNS QUE USO:
    1. Señores...!
    2. Hai que foderse!
    3. Vaia, vaia, que che parece?
    4. Cághate lorito! (no coments, again!)
    CATRO COUSAS QUE ME MOLESTAN:1. Ir traballar sen ter dormido o suficiente (as clases saen espesas, e iso non pode ser).
    2. A memez pacata e guai que percorre o país, todo iso do politicamente correcto.
    3. A rancia hipocresía fachorra e catolicona que é como a memez do número 2 pero infinitamente máis perigosa, obscena, corrosiva e infecta.
    4. O avisos de publicidade através do móbil (por iso me fun de movistar e por iso acabarei índome de orange, ao tempo).
    CATRO COUSAS QUE FAGO MELLOR:1. Imitar a Serrat (un día colgo un vídeo para demostralo).
    2. Pasar da máis febril actividade á completa atonía, ou viceversa, á velocidade do lostrego; algunhas veces nin eu me aturo.
    3. Lembrar conversacións enteiras, palabra por palabra, e logo reproducilas até cos tusires, os chistes, os erros e demais acompañamento de ámbolos dous interlocutores.
    4. Meter a pata por precipitarme (un exemplo: o outro día felicitei a cátedra a un colega que non a logrou por moi pouco; arranxeino dicíndolle que para min sempre sería un catedrático).
    CATRO COUSAS QUE NON SEI FACER:
    1. Non sei calcular con decimais.
    2. Non sei nadar.
    3. Non sei coser (o que non impide sobrevivir, se se ten coidado cos botóns e a roupa).
    4. Escoitar a estupidez dalgunhas persoas sen reaxir. Teño que irme por non quedar calado.
    CATRO DESEXOS PARA ANTES DE MORRER:
    1. Ser pai outra vez.
    2. Ver proclamada en España a república: ver concluír os mandatos de dous ou tres presidentes con normalidade mentres, convertido en avó Cebolleta, presumo de ter vivido tres reximes políticos diferentes, como meu pai.
    3. Falar inglés coa fluidez suficiente para sentir que o falo.
    4. Ter moitos netos e netas, e chegar aínda a coñecer os seus fillos e fillas.

    sábado, 2 de agosto de 2008

    Reconto de baixas

    Como cada Verán, aquí non quedou nin María Santísima, que diría o outro: o blogomillo (salvo dous ou tres blogues de garda) é un páramo, e coa axuda do teléfono vou elaborando un meticuloso reconto de baixas sen dar atopado sequer con quen tomar unhas cañas.
    En resumo: Ártabro visita cemiterios coa familia; Teddy, no traballo, acumula quendas para a escapada de Setembro con Deni sen tocar as vacacións; o señor e a señora Polis, no Sul, tórranse ao presunto sol e devoran ostras; Tere Holmes e Nican, desaparecidas; o señor e a nova señora Haddock, aínda Europa adiante. E así sucesivamente.
    Eu, aínda que resisto ao primeiro tras un baluarte de libros e pelis de videoclube, acabo sucumbindo á sedutora chamada da aspiradora, ao engado de pasar o ferro, aos cantos de serea do cesto da roupa sucia.
    Mañá regresa a miña filla, a mediados da semana fará aquí Ambece unha escala técnica na súa migración anual de Sul para Norte, e é obvio que as penuxes que agora atravesan o salón ao menor movemento, coma os restroballos nos westerns, terán que desaparecer.

    mércores, 4 de xuño de 2008

    Horóscopo

    Estábamo a pedir o corpo hai semanas, pero agora son os astros, desde a páxina dun xornal, os que proclaman o que preciso: Tempo para que o acougamento invada o espírito e o pensamento se abra ao sentimento, disque.
    O resto, nada máis que historias.

    xoves, 20 de marzo de 2008

    Semana

    Hai unha semana que este tobo se converteu nunha casa de turismo urbano con encanto: xentes dos dous sexos e todas as idades buliron até onte por todos os cuartos, ocuparon todas as camas, estenderon a impedimenta por dormitorios e aseos.
    Houbo nenas que rifaron á volta da mesa por que lugar ocuparían nela; houbo vellos amigos que fiaron confidencias co anfitrión até a madrugada, as nenas durmindo, e houbo amigas en descanso post-electoral que fixeron, coma oráculos, predicións políticas a medio prazo.
    Tías, pais, cuñados e algunha sobriña tamén houbo que acudiron a almorzar, xantar ou merendar un día ou outro, coñecer o tobo, ou simplemente a buscar algunha película.
    Houbo, en fin, danzas de maletas corredor adiante, combates sempar con teimudos colchóns inchables, e todo un ronsel de cousas esquecidas (debuxos, diademas e gomas para o pelo principalmente, algún ioió) cando uns e outros foron marchando.
    Como resultado, ateigados están o lavadeiro con roupa que precisa ser lavada, e o caderno das notas con cousas para seren amasadas, e deus mediante publicadas, nos próximos días.

    luns, 10 de marzo de 2008

    Resaca



    O día despois.

    martes, 19 de febreiro de 2008

    100

    Se non ando errado, son tres meses e algo máis de unha semana sen tabaco e unha sensación máis que divina, física e economicamente. Cen días en total. Ou o que sería o mesmo: 2000 cigarros, un botín de 240 eurazos.

    (Suma e segue)

    venres, 23 de novembro de 2007

    Test das 8 cousas

    A 38 días do ano novo parece que cómpre ir facendo balance para cebar a neura, e de camiño dar satisfacción aos que me ensarillaron no meme das oito cousas, as que máis marcaron este ano:

    1. Casa: Está claro, instalarme aquí implica o final da etapa nómada e o inicio do sedentarismo; hai tempo que deixei de ser un depredador, polo que un destes días será mester que descubra aínda máis a agricultura e o comercio, eclosione o neolítico e dea comezo a nova civilización.

    2. Distanciamento: Os que seguen esta blogue xa o terán notado, seguro. Varios nomes clásicos desapareceron dela máis ou menos bruscamente, dunha maneira similar a como os seus propietarios desapareceron da miña vida, da miña cama, e nalgún caso mesmo do meu móbil.
    Nisto de vivir é importante aprender que un nunca se baña dúas veces no mesmo río de nomes, ese que pasa e sempre queda.

    3. Viaxes: Este terá sido o menos viaxeiro ou viaxado, probablemente en décadas; non quero facer moito reconto por non acabar argallando unha escapada ás tolas ou algo peor, pero estou certo de que, coas excepcións da Comarca e Celanova, nunca estiven este ano a máis de cen quilómetros de Ithaca. Algo haberá que facer o próximo, está claro.

    4. Tabaco: O que a ministra coa súa exigua lei non conseguiu parece que vai camiño de logralo a banca con esta hipoteca que me oprime, me comprime e me reprime; tras 12 días sen fumar teño 28'80€ máis no petiño, e tan pouca memoria de que algunha vez fumei, que até concibo esperanzas de que desta a cousa vaia adiante. Vaise vendo.

    5. Lecturas: Sinto envexa cando escoito ou leo ne rede o que contan os grandes lectores que frecuento; eu, por contra, cada vez máis inconstante ou máis preguizoso ou máis repunante, arrumo libros na mesa de noite, no sofá do estudio, aquí ao lado do ordenador, libros que volven para a biblioteca cando vence o prazo ou que simplemente fermentan enchéndose de pó con só 10, 20 páxinas lidas. O último stop, a catástrofe da Moure.

    6. Películas: Se consulto o caderniño de marras conto 83 vistas no que vai de ano, de Blade runner a Harry Potter, en cor e en branco e negro, en VHS ou DVD, compradas, prestadas ou alugadas, canónicas ou pirateadas, infantís ou para adultos, pero ningunha delas foi vista en cine (o certo é que xa non sei canto custa unha entrada).

    7. Sexo: Baixou moito o número de parellas, que este ano ademais foron exclusivamente masculinas, pero subiu o de encontros, e en xeral a súa intensidade e interés. Se fago reconto (aquí non hai xa caderniño de marras), lembro só 4 varóns coñecidos biblicamente este ano, un deles Teddy, o primeiro do ranking, aquel que agora me enche a cabeciña moitos días e a cama moitas noites.

    8. Natureza: Tal vez por Teddy, que coñece os nomes e os segredos de árbores e arbustos, e fala dos froitos e enxertos e árbores primixenias que me vai mostrando nas camiñadas pola súa montaña, vou reparando en que existe unha natureza real e viva, alén das fotos e as pinturas, do simple léxico vacío que ensinan os libros de texto, do mundo campesiño de fame e traballo do que fuxiron os meus avós hai máis de 80 anos, ao viren para a cidade.
    Na madurez inicio, pois, a reconciliación coa natureza.

    venres, 22 de xuño de 2007

    Clave

    Merezo ser flaxelado en praza pública, tal vez lapidado, exposto a escarnio e entregado a suplicio.
    Tantos anos ás voltas coa Rede para finalmente cometer un erro de novato: esquecín a clave para entrar na miña conta de fotos. Sei que parece imposible, absurdo, pero precisamente por iso merezo ser atormentado e levar grillóns unha boa tempada.
    Salvo a data de nacemento, que coincidía coa real, todo o demais fallou; mesmo non souben dar resposta á pregunta de seguranza, así que nen sei cal é o meu pasatempo favorito, pero desde logo non é ler, facer crucigramas, o sexo, o cine, nen tampouco tocar os c... entre outros que probei, por se acaso.
    Canso de dar voltas polo labirinto que fun tecendo cos meus intentos, tomo a decisión de crear unha nova conta e ir subindo a ela, unha por unha, todas as fotos habidas e por haber, aínda que iso supoña horas e paciéncia. Eis o meu castigo.
    O máis triste, sen embargo, é perder os comentarios que unha amiga fixera nas súas fotos favoritas.
    Implorando desde aquí as súas desculpas, téndolle o látego para que se resarza á vontade.