Amosando publicacións coa etiqueta Ríos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ríos. Amosar todas as publicacións

venres, 24 de agosto de 2012

Seimeiras do Queixoiro

Tampouco periplos lexendarios.
Teddy non tiña o forno sentimental para bolos e a señorita Kaplan, nunha desas ás que nos empeza a ter acostumados, afirmou que prefería descansar e coller forzas para o instituto, con tal énfase que máis parecía que a fósemos enviar á Lexión Estranxeira.
Así que, se descontamos a escapada de Xullo a Atenas para xantar con Ilu e as visitas virtuais a Cicely, Alaska, man a man coa nena cada día despois de cearmos,o único que quedou no fondo do cesto son as dúas visitas a Teddy na súa montaña: a primeira, con merenda campestre incluída a base de empanada de zamburiñas e tortilla de patacas, á Cortevella, onde nas beiras do recén nacido Eo e á sombra dos castiñeiros cumprimentamos aqueles amigos manchegos de Teddy; da segunda visita, ás soas con Teddy esta vez pola vila e logo polas beiras do Queixoiro até as seimeiras, que é como aquí chaman ás fervenzas, voltei marabillado e trouxen comigo un pequeno cargamento léxico da flora e a fauna, algunhas novidades intercambiadas co meu anfitriónque non veñen agora ao caso, uns poucos planos de futuro aínda moi difusos, e unha colección de corredoiras, e carpazas ou queirugas en flor, de uces montesías e vellos troncos afogados polo musgo, de humildísimas chantaxes, de felgos espectaculares, de trobos e de acivros que, se queren, podemos compartir.

venres, 23 de decembro de 2011

Por terras do Corgo

Entrar no coro a estas alturas do ano foi duro: estivemos cantando varias veces por semana e a min, que practicamente non coñecía nada do que cantábamos, cumpriume poñerme ao día a golpe de dictáfono camiño do traballo, ou na casa mentres corrixía e poñía as notas da primeira avaliación: da máquina sae unha banda sonora con interminables repeticións, correccións e advertencias do director, tusidos anónimos e até chistes rosmados a media voz polos venerables barítonos con barrigas de abade.
Herg dáme vaselina e dime que o peor xa pasou, como se temese unha renuncia miña, e seguimos camiñando, sobre a mesta alfombra de follas da carballeira de Santa Comba que envolve o muíño reconvertido en restaurante no que xantaremos para celebrar o final do trimestre e a chegada das vacacións; Cam e A. van diante; desde abaixo chega o fragor húmido do río Chamoso, que entre carballos e fentos enormes corre aínda adolescente, tolo por unirse ao Miño.
Despois visitaremos o muíño e o mazo da fragua, que o encargado poñerá a funcionar só para nós os catro: o bater da peza de ferro que remata o brazo rexo de castiñeiro é dunha contundencia encolle o estómago. Pero antes, ben sentados á mesa dun comedor elegante e cálido, demos conta dunhas anguías e da rosada carne dun galo campeiro.
Cando apareceu a cazola de barro coas gorentosas talladas sobre o mantel, A. pediulle ao mozo que estivese atento ao teléfono por se había algunha chamada urxente de Moncloa para nós, e aínda agora me dan ganas de rir ao lembrar a cara que puxo o rapaz ao pensar que tipos podían ser aqueles aos que servía.
Moito despois, cando xa admiráramos o funcionamento das poleas, o rodicio e as enormes moas, cando xa non quedaba país por arranxar, lástima que fose de noite, con A. coñecemos o vello muiñeiro retirado, que tivera tantas noivas pero quedou solteiro porque sempre llas levantaba algún máis guapo, demos uns codelos de pan duro a dúas fermosas eguas dun parente, visitamos tres cabras nun alboio, e vimos, por suposto sen invadirmos a propiedade, a ábsida románica da capela privada que, á maneira de novo Xanadú, un presunto delincuente de moda ergueu hai poucos anos para a primeira comuñón do seu fillo.

domingo, 13 de novembro de 2011

Cádavo

Hai algúns meses, cando contei que recibira unha postal de Teddy desde O Cádavo, descubrín con sorpresa que moitos dos que por aquí asoman nunca ouviran falar dest e lugar, que é capital do concello lugués de Baleira, e está aproximadamente a medio camiño entre os de Castroverde e a Fonsagrada.
Receando do tempo, que sen embargo se portou como debía, esta semana volvín ao Cádavo a xantar con Teddy e conseguir que despois dos cafés polo menos me levase de novo a Fonteo, ese lugar femoso e máxico onde nace nada menos que o río Eo.
Os roles dos dous está ben aprendidos, e Teddy esmendréllase guiando ao urbanita que non ben chega á vila xa se lembra da Cicely de Alaska ao ver o único supermercado, a única farmacia, a caixa de aforros, e os tractores aparcados na porta dos tres bares onde os parroquianos matan as horas vendo a tele e xogando ás cartas; que se emociona á vista dos soutos dourados polo Outono e tira fotos dos retortos e castigados toros dos castiñeiros á beira da estrada, das aldeas perdidas, dos cabazos a catro augas, e dos muíños abandonados na ribeira solitaria.
Como o menú previsto só incluía a visita a Fonteo, a prolongación da sobremesa restounos un tempo precioso ao fin da tarde, cando Teddy, seguindo sempre o curso do río que víramos nacer pouco antes, puxo rumbo á fraga da Marronda e aos muíños da Cortevella, co seu cabaceiro e a súa estatua, pétrea e un tanto kitch, do santo de Asís.
A noite botóusenos enriba case sen sentir, apagando as cores verdes, pardas e douradas de árbores e rochas, e facendo máis evidente o silencio e, se iso é posible, a omnipresente sensación de soedade.

xoves, 1 de setembro de 2011

Paseando a Miss Kaplan

Se por ela fose pasaríamos a maior parte do día estomballados no sofá do salón diante do altarciño doméstico, con interminables partidas de wii, os vídeos de Cosmos de Carl Sagan, os capítulos de Friends e algunhas pelis, a ser posible de misterio.
Aínda que o anterior non está nada mal, principalmente en días morriñentos ou chuviosos, está claro que facer corpo co sofá non é plan, de xeito que o proceloso espazo que vai do parchís coa miña mai na sobremesa á cea dos dous aquí cómpre amoblalo convenientemente con tardes de cine, visitas á parentela, expedicións ao supermercado, camiñadas pola muralla ou por Mouse Park e algunha outra cousa.
Talvez como docente non debería dicilo, pero aborréceme poñer a nena a localizar adverbios, formar plurais ou identificar hiatos, aínda que o outro día mentres ceábamos me gañou 18 céntimos xogando a acertar as capitais de Europa; ao que me nego en redondo é a poñerlle contas, principalmente porque creo que as fai mellor e máis rápido ca min.
De cando en vez fugámonos e facemos expedicións. O outro día fomos até o pedregal de Irimia, berce primario e demostrado do río Miño, que se ve nacer, entre rochas e grellas para churrasco, como un regato inverosímil ou mexada de burra, valería dicir, que a estrada corta antes de desaparecer da vista entre a vexetación.
Visitamos tamén a adormecida vila de Meira e por último o nacemento principal do Miño, a lagoa de Fonmiñá, que se nos presentou, apesar de certas obras de acondicionamento e posta en valor, elegante e umbrosa, chea de misterio.
A escapada de onte ao castro de Viladonga resultou sen embargo accidentada: primeiro foi que non atopábamos a pista que leva ao xacemento e museo, e fixemos tantos kilómetros estrada arriba e abaixo que ben daríamos chegado a calquera outro castro dentro ou fóra do país; despois, mentres estábamos dentro do museo premendo botóns na maqueta e tirando fotos de aras e de peixes gravados en laxes, veu a trevoada, e o diluvio consecuente impediunos chegar ao coche no aparcamento, canto máis gavear polas lombas e os muros do castro á intemperie.
Chegou Setembro e aínda non fomos nin ao castelo de Pambre nin á praia das Catedrais.