xoves, 1 de setembro de 2011

Paseando a Miss Kaplan

Se por ela fose pasaríamos a maior parte do día estomballados no sofá do salón diante do altarciño doméstico, con interminables partidas de wii, os vídeos de Cosmos de Carl Sagan, os capítulos de Friends e algunhas pelis, a ser posible de misterio.
Aínda que o anterior non está nada mal, principalmente en días morriñentos ou chuviosos, está claro que facer corpo co sofá non é plan, de xeito que o proceloso espazo que vai do parchís coa miña mai na sobremesa á cea dos dous aquí cómpre amoblalo convenientemente con tardes de cine, visitas á parentela, expedicións ao supermercado, camiñadas pola muralla ou por Mouse Park e algunha outra cousa.
Talvez como docente non debería dicilo, pero aborréceme poñer a nena a localizar adverbios, formar plurais ou identificar hiatos, aínda que o outro día mentres ceábamos me gañou 18 céntimos xogando a acertar as capitais de Europa; ao que me nego en redondo é a poñerlle contas, principalmente porque creo que as fai mellor e máis rápido ca min.
De cando en vez fugámonos e facemos expedicións. O outro día fomos até o pedregal de Irimia, berce primario e demostrado do río Miño, que se ve nacer, entre rochas e grellas para churrasco, como un regato inverosímil ou mexada de burra, valería dicir, que a estrada corta antes de desaparecer da vista entre a vexetación.
Visitamos tamén a adormecida vila de Meira e por último o nacemento principal do Miño, a lagoa de Fonmiñá, que se nos presentou, apesar de certas obras de acondicionamento e posta en valor, elegante e umbrosa, chea de misterio.
A escapada de onte ao castro de Viladonga resultou sen embargo accidentada: primeiro foi que non atopábamos a pista que leva ao xacemento e museo, e fixemos tantos kilómetros estrada arriba e abaixo que ben daríamos chegado a calquera outro castro dentro ou fóra do país; despois, mentres estábamos dentro do museo premendo botóns na maqueta e tirando fotos de aras e de peixes gravados en laxes, veu a trevoada, e o diluvio consecuente impediunos chegar ao coche no aparcamento, canto máis gavear polas lombas e os muros do castro á intemperie.
Chegou Setembro e aínda non fomos nin ao castelo de Pambre nin á praia das Catedrais.

Ningún comentario: