Amosando publicacións coa etiqueta Melómano. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Melómano. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de decembro de 2005

Descubro

Descubro con estupor (é unha forma de falar) que tan só restan doce días para o Nadal, e nove para un sorteo do que aínda nen sei que número xogo cos meus amigos.
Descubro que tampouco enviei as felicitacións, a estas alturas, así que corro a comprar un lote de postais, que escribo un pouco a repelo, como fago sempre.
Descubro entre elas un formoso anxo tocador de laúde e, aínda que non pensara facelo por non tender pontes, decídome con rapidez e entusiasmo; rememoro escritor, número e piso, e envío a un diminuto apartamento de Atenas unha sincera e fraternal felicitación.

Agora só espero que Melómano recoñeza o remitente.

mércores, 8 de xuño de 2005

Adeus

Despois da mensaxe telúrica, á que seguiron outras duas réplicas, vou para o encontro con Melómano non como año para o matadeiro, pero case. Copo con certo alívio á tediosa clase de informática, e emprendo o camiño polas tórridas ruas dunha Atenas agonizante baixo o sol impio.
Da rua do Pintor á rua do Escritor, provavelmente por última vez, vou pensando coa camisa pegada ao lombo que táctica adoptarei cando entre no salón diminuto, e chovan por riba de min reproches que a esta altura da película non penso aturar de ninguén.
Iso me vou dicendo mentres subo no ascensor e reviso baluartes e trincheiras.
En fin, previsións inúteis: Melómano, locuaz e divertido, esforza-se por demostrar que emprendeu unha órbita diferente, distante das sombras que o atenallaban ainda hai pouco. Está relaxado, sen que o salón cheire a maria, e cando rexeito tomar algunha cousa e vai para a cociña, en lugar de vir en slip coa temida cafeteira, reaparece cunha melancia aberta, rotunda, gorentosa, fresquísima.
Sentados no sofá de marras, cos pés sobre a mesiña baixa, comemos dela e cuspimos as pevides no cinceiro, e falamos do tempo, de Irlanda, das eleccións, da sua tese, do meu traslado, e aí minto eu: Tiña pensado chamar-te antes do final das aulas, para despedir-me. E aí mente el, provavelmente: Xa o sei, pero queria ser eu o primeiro que se despedise.
Compartimos un cigarro antes de ir-me, cando a conversa vai esmorecendo. Na porta damo-nos a mao, pero repentinamente solta-se; un segundo, di, e desaparece; cando regresa trai na mao o disco de Billie Holliday que agora está a soar mentres escrevo. Para que te acordes cando escuites Cheek to cheek, di; quero rexeitar o regalo, pero el insiste; oferezo-lle unha cópia, pero di que non: Asi, tamén me acordarei cando a bote de menos.
Pola rua do Papa abaixo, en dirección á casa, sinto un tasto muito máis amargo que o da nicotina: o da primeira despedida.

xoves, 2 de xuño de 2005

Reaparicións

Agora que foron confirmadas a previsións de traslado, cando as temperaturas soben e o final das aulas está tan próximo que semella poder-se palpar coa mao, foxe dos mundos de Yupi e cai nesta blo unha vella amiga, disposta a acreditar nos fenómenos paranormais se non acerta co diagnóstico.
Para evitar maiores quebrantos, chamo-a polo móbil e falamos un pouco: tempo xusto para asegurar-lle o que ela sabe e combinarmos unha cita vis-à-vis en poucos dias en Íthaca. Sempre teño ganas de ve-la, pero case sempre sucede que entre nós os encontros son fugaces, apresados, como a inacabada conversa de dous viaxeiros con diferentes destinos que coinciden no mesmo andén.
Espero que desta vez a resaca que ela agoira non sexa nengun tren que parte e nos separa.

Mentres, nestes dias seguen a chegar mensas carregados de parabéns de case toda a xeografia afectiva (Nican, Polis, Aurora, miña irmá, Mer), e directas mensaxes de case todo o claustro. En realidade, non sei xa se alegrarme ou preocupar-me por tanta alegria coa miña marcha.
Entre as mensaxes enigmáticas, hoxe unha de quen hai semanas non sei: "Vexo que te vas. Cando podemos ver-nos? Se non respondes, borrarei este número".
E asina Melómano.

mércores, 4 de maio de 2005

Poderes

Afirmo que teño poderes: telequinésia, teletransportación ou magnetismo sensorial; a paraciéncia terá que pronunciar-se.
Como se non, conseguin que aparecese a persoa que menos deberia, no momento e lugar máis inoportunos?
En fin: chama Pólis contra o meiodia, inesperadamente, convidando-me a xantar; cousas do traballo, non contaba, bla bla. Tras aparcar na neveira o estupendo chicharro lañado que asi deixarei para cear, atopo-me con el nun bar dos viños; está a ler o xornal sobre o mostrador, mui formal de americana e gravata, tomando un corto. Torna a desculpar-se por non avisar, paga e saímos, falando de cousas sen importáncia, a procurar unha mesa.
Rondamos pola rua do escritor: agora seria glorioso atopá-lo, penso ao albiscar o portal, e non ben o pasamos cando soa un claxon.
Melómano detén o coche no meio da rua, baixa o cristal e, sorprendentemente, aponta-se tamén a xantar; non sei que dicer; mentres desaparece no garaxe explico-lle a Pólis a situación en duas palavras apresuradas. Ti é que non paras, comenta, pero parece riquiño.
O demais é digno dunha película entre Antonioni e Woody Allen: o estraño triángulo á volta dunha mesa, con Pólis á miña destra e Melómano á sinistra, os tres atacando cadanseu entrecosto, e o deles a deixar un sanguinolento remol a cada acometida. A conversación, memorável: intranscendente e vácua entre dous descoñecidos que, seguramente sen percebé-lo, desconfiaban un do outro como do demo, e botaban para o anfitrión cabos que malamente collia, coa mente noutro sítio.
Odiei-nos con ternura desde que apareceu o pan sobre o mantel até que nos trouxeron os cafés, e a augardente lles soltou a língua; ao final mesmo parecian vellos coñecidos.
Polo si ou polo non, nengun dos tres abandonou o campo: mesmo Pólis pediu ao camareiro que lle trouxese tabaco, en lugar de ir por el á máquina; nengun tivo tampouco necesidade de ir ao retrete, e á vista das cousas, empecei a temer que pasásemos a tarde toda xuntos á espera de quen marchase antes.
Maliciei incluso se non estarian feitos un para o outro, e mentres falaban do socorrido tema da utilidade das carreiras, letras versus ciéncias, imaxinei-nos aos dous sen roupa, facendo un ao outro aquilo que lles gusta.
Cando terminei o café e as boliñas de pan que formara eran suficientes, inventei un exame para as cinco; e empezaron a rivalizar por quen habia de pagar.
Foi finalmente a escote, a proposta miña. Saímos como grandes amigos e acompañamos a Pólis até o aparcamento. Cando se foi, Melómano dixo animadamente A ti xa te vexo un destes dias.
Pola rua do Papa abaixo concentrei-me, a ver se cos meus recén descobertos poderes a terra me tragaba.
Pero nada.

venres, 29 de abril de 2005

Espera

No Ciberália de Ithaca, á espera de Vapin.
Mañá faremos a etapa correspondente do Camiño; xa só restamos tres na nosa Comunidade do Anel: Vapin, Cris e eu; como muito, pode ser que mañá Nican saia a recoller-nos en Palas, pero ainda é un mistério; o que si está claro desde onte (provavelmente desde muito antes para ela) é que xa non seguirá camiñando canda nós. Deu-se por vencida.
Cando chegue Vapin e remate de consultar o que lle cumpra, iremos ao lado tomar as nosas birras reglamentárias, e daquela organizaremos o de mañá, talvez algunha outra cousa; brevemente: ás 8'30 iremos ao concerto de Mahler, pero despois eu voltarei cedo á casa dos pais porque necesito dormir. Despois de xantar, sorprendentemente, moneei coma un vello diante da televisión; acordei minutos despois, só na sala: miña mai saíra nos bicos dos pés para traer-me unha manta.
Asumo que estou sobrepasado polos recentes acontecementos, e non me refiro ao avance do Exército Vermello sobre Berlin: necesito unha calma que só lograrei camiñando, rindo e falando con persoas que me coñecen ben e nada me exixan, lonxe da miña casa convertida en refúxio, lonxe de Atenas. Certamente, empezo a perceber a imensidade dos dous meses que me restan ali.


Ora ben: onte Melómano e eu fixemos os deveres. Non haberá sétima convocatória.

mércores, 27 de abril de 2005

Escena

Melómano non cociña: trae da casa da mai deliciosos pratos ou, máis frecuentemente, come fóra. Pero onte, por sorprenderme, convidoume a unhas fabas á incomible.; recoñezo e valoro o intento e a presentación, pero fose porque esqueceu poñelas a mollo ou porque non coceron o suficiente ou era calidade delas, o caso é que estaban duras como perdigóns.
Por que non as probou antes de servilas?
Iso é un misterio que os científicos terán que resolver.
Sexa como for, as fabas eran intratables: fomos roendo nelas (eu, como me ensinou miña mai para cando saíse fóra da casa, non dixen nada), pero ao pouco xa estaba el a remexer coa culler para acabar recoñecendo o evidente primeiro, e moito máis do que debia, despois.
Nunca tanto escoitei saír da boca de Melómano en todos estes días, e a maioria cousas desatinadas e absurdas, como se abrise as comportas dun encoro.
O seu propio encoro. O encoro de si mesmo.
E as palabras ecoaron contra o alicatado da pequena cociña, contra o mantel azul, contra as fabas duras, contra o meu corazón, que por segunda vez en catro días atopaba unha crise inesperada. Temín as lágrimas de Melómano, que felizmente non asomaron, pero si o demais: falou de perdas e de desequilibrio, falou de decepción, de soedade e de aborrecemento; tamén falou de que me estaba a perder, e eu sentinme daquela triste e desleal, e fun collerlle a mao. Deixei que me beixase, que se pegase a min, por ver se, con iso e os caramelos, se calmaba.
E hoxe, cando isto escribo, sinto unha pena enorme porque sei, con toda a certeza, que isto noso dá voltas en espiral; parece que avanza pero segue no mesmo punto en que empezou.

luns, 25 de abril de 2005

Cautela

Vendo as barbas do viciño, decido andar con cautelas perante a selva de pentagramas e semifusas en que me adentrei hai vinte dias; non se trata de caír na paranoia, pero no ar da nosa relación frota a sombra dunha pregunta que ninguén de nós formula.
Que sucederá cando chegue o Verán?
Niso pensaba esta tarde, mentres Melómano se duchaba e no salón se ouvía a música de Palestrina; unhas palabras polo móbil, as primeiras tras o intercambio de mensas de onte, convencéranme de que Polis volvera á vida; ao pouco entrou Melómano, sacudindo o lapis e secando o corpo magro nunha toalla morada.
Daquela foi como se unha man transparente erguese paredes de cristal entre os dous; cando veu a min pouco faltou para converterme en Marnie, pero con toda suavidade erguinme do sofá improvisando unha despedida media hora adiantada.
Noli me tangere...

mércores, 20 de abril de 2005

Rumanos

A peixeira do meu barrio conta alporizada que esta mañá un rumano lle fixo limpar dúas xardas e, cando as tiña na bolsa, saíu a correr, naturalmente sen pagalas, e nunca máis se soubo.
Mentres o conta, as clientas móstranse indignadas: unhas falan da desvergoña desa xente, outras de que a culpa toda a ten o Goberno que lles permite entrar neste país honrado; ningunha delas di (e a miña covardía tamén mo impide) que cando alguén rouba dúas xardas é que por forza ten necesidade delas, que esa necesidade se chama fame, e que ao mellor detrás da escapada dos ladróns había mesmo máis vergoña e dignidade que nos comentarios que todas fan (mentres que eu calo).
Abrumado, pago as miñas dúas xardas e marcho para a casa con Melómano.
Mentres se asan e tomamos un vaso de rioja, Melómano tamén se queixa dos romenos: para el son sucios, vagos, perigosos; esgrime argumentos poderosísimos: lembra aquela família de Madrid degolada nun chalet para ser roubada, e sobretodo o incordio dos que venden clines e limpan paraventos nos semáforos, dos que paran a un na rúa a pediren esmola, dos que están co cartaz mal escrito diante dos supermercados.
Cústame acreditar o que oio e a quen llo oio, e cando non podo aturar máis ladaíña, cando empezo a estar tan cocido como as xardas, conto unha historia a ver que tal. No Palau en que aprendín a ler (eme a ma, eme e me, mi mamá me mima e todo iso), cando se chegaba a ra, re, ri, ro, ru (que, como lle sucede agora á miña filla, eran o máis difícil de pronunciar), o exemplo de ru era rumano, e o debuxo representaba un home barbudo cun estraño gorro de pel como o dos cosacos ou así.
Ru, de rumano.
Cantos anos pasaron antes de que aquí, neste país de emigrantes, nesta honrada terra de ladróns, neste lugar de fames mal pasadas, se puidesen ver persoas doutras razas, doutras terras, doutras relixións e linguas?
Pero, polo que parece, seguimos sen saber o que é un rumano.
Un rumano, querido Melómano, é o que ti e eu e todos fomos antes de agora, noutras terras e baixo outros soles.

luns, 18 de abril de 2005

Insomne

Regreso a Atenas ben cedo na tarde do Domingo; paso pola casa tan só para deixar unhas cousas e meter na mochila algunha roupa limpa con que me mudar ao dia seguinte; tamén para revisar o correo electrónico e a situación desta blo. E baixo ao trote para a casa de Melómano.
Houbo sorte, e o café non quedou unha vez máis na cafeteira, ainda que fose a custo do meu dormir (señor, xa non teño 20 anos!); baleiramos as cuncas a compás de Ravel, e posivelmente a este mesmo compás demos comezo sen muita cerimónia o noso própio concerto de viola de gamba, e o serao caía sobre nós até que o cansazo nos rendeu, sobretodo a min, que cargaba os kilómetros da véspera.
Melómano liou algun dos seus, e dormiu. Pero eu, seguramente polo café tardio, percorrin case cada un dos pasos do Sábado: volvin a Barbadelo, á ponte de Belesar, e sorria cos sorrisos e as parvadas de Vapin, como unha colexiala idiota; deitado xunto a Melómano, insomne, impregnado no seu cheiro e no cheiro seminal dos dous, achei que só conseguia lembrar a conversa banal de Vapin, e que nada me interesaba a vacia verborrea pre-doutoral sobre polifonia medieval que Melómano me estivera lendo.
Decididamente, os anos pasan para o hardware, pero o software permanece incólume.

venres, 15 de abril de 2005

Inspección

Tras o episodio do cemiterio, moi cómplices porque rexeito a posibilidade de pensar, de interferir silencios que tal vez non resultan tan incómodos, Melómano déixame no pintor onde vivo e volve despois.
Primeira vez que está na miña casa, que revista lentamente, con ar de asesor de Ikea: Obteñen boas cualificacións a cama, a cociña e o salón; suspende, claro, o lamentable armario do dormitorio (estaba na casa cando me instalei).
Sen embargo, cando mirou as paredes e pronunciou a palabra pinacoteca pouco faltou para que fose eu quen o suspendese a el.
En fin, sorrio porque Melómano comenta que esta é móito máis grande que a del, ufánome cando se sorprende diante das películas que enchen a estante do salón, ténsome cando se detén no estudio diante do soporte dos cedés: pasa o dedo polo lado das caixas, párase algunha vez, prosegue o dedo, detense... Por fin, Melómano fala: Hum... Marais, non sabía que che gustaba a viola de gamba...
Claro que me gusta, sobretodo se a facemos na cama, e antes de que reaccione achégome a el entre risos.

xoves, 14 de abril de 2005

Desorientado

Dous dias con Melómano e a esta altura pregúntome se o problema, de haber algún, non estará en min. Se non virá deste puto terror a resultar magoado. Como na película, tamén eu teño unha cicatriz, que non se ve pero está.
Innegable que somos moi distintos, pero iguais niso de construír cada un súa propia illa na que se protexer a todo custo con arrecifes e rochedos, con falsos planos e almearas enganosas.
Morreron Drake e Hook, os tesouros non existen, e andar á súa procura só é un costume que é mester desaprender.
Mañá toca tregua: Melómano pasará o día na casa de súa mai e eu pensarei como recompor a miña illa despois da galerna. En canto saia do instituto adicareime en exclusiva a preparar clases, a poñer ao dia as tarefas domésticas e, se por acaso me asomar ao blogo, en ningún caso falarei de Melómano.
Mañá non toca.

Barricadas

Á mensaxe de móbil ("Saúde, camarada!"), organizo con Melómano unha xornada de comemoración republicana con asisténcia ao mítin que a Sociedade Republicana de Atenas (?) convocase para o serao. Ataviados con pins da bandeira tricolor, acudimos ao local da convocatória, que achamos baleiro: nen os vellos republicanos dispostos a contar batallas que esperaba atopar estaban, e todo porque non habia comemoración máis aló da individual e afectiva.
Nada de nada: as fontes ben informadas de Melómano se cadra non estaban tan ben informadas, asi que antes de que se abra camiño a decepción improviso un acto: corremos á casa del polo coche e pronto pisamos a terra lamacenta baixo a chúvia; pedimos a un operário do cemitério que nos indique a foxa comun e, cando damos con ela, vemos que hai flores frescas dunha homenaxe recente, molladas pola chúvia.
Non temos nada que ofrecer, asi que collo dous seixos ali ao lado e, tras limpá-los coa mao e dar-lle un a Melómano, poñemo-los sobre o monumento.
Chove baixo o sol e sobre nós na tarde estraña, cando Melómano ergue o puño e canta, en castelán, a Internacional en honra e memória dos párias da terra, da famélica lexión a quen outros roubaron canto tiñan, pero non a lembranza de dignidade que agora nós veneramos.
Saúde!

martes, 12 de abril de 2005

Claustrofóbia

Impón-se un alto, unha reformulación dalgo que vai muito máis rápido do que devera. Quero ser breve e non lastimar, pero as palavras saen da miña boca sen máis control que a educación, e descubro que estou anoxado, pero sobretodo temeroso, mal que me pesar.
Duas mensaxes máis no móbil desde que saín da casa, duas mensaxes máis tan só no traxecto até aqui, polo receo del de que non lembre que temos unha cita, ou de que poida chegar tarde a ela. En menos de unha semana parece ser que me convertin na táboa de salvamento do home máis triste do mundo, eu que abondo fago con nadar a prol da corrente para non desmaiar.
En canto me abre entro dicendo temos que falar, pero non me deixa: fai que me sente no sofá mentres corre á cociña polo café que ninguén catará; todo segue igual, axexando-me naquel salón: a muller loira, a guitarra, a rosa do deserto, a pilla de apontamentos, e aparece Melómano, sen outra cousa enriba que un slip e unha cafeteira.
Repito que temos que falar, e soamente falo eu, tentando non acalorar-me, ao tempo que el lia un cigarro e soa unha música de piano.
Contra a meia noite estamos os dous na cama, adormecidos; Melómano está novelado ao meu carón, como un cachorro; bocarriba, sinto o peso da sua perna sobre as miñas, o seu alento na orella, a calor dos dous que me abafa, na cabeza o remorso das palabras de Polis cando Domingo lle contei, e penso daquela se non son malo por deixar que isto seguise. Non tratei de acabá-lo? Non viñen disposto a terminar?
Que fago logo aqui?

luns, 11 de abril de 2005

Exausto


Nun dos tres correos de Melómano que abrín hoxe atopo isto. Os outros dous e as dúas mensas din basicamente o mesmo que a sua chamada de onte: que me bota de menos e que nos temos que ver pronto.
E eu, que non deixo de remoer, digo claro, tamén eu.
Pero estou exhausto. Abafado. Atónito. En dúas horas volveremos vernos, e haberá que falar dunha vez.

venres, 8 de abril de 2005

Tecnicamente

Son tecnicamente estéril, murmura Melómano á miña pregunta de por que non tiveron fillos despois de nove anos. Estamos tendidos un rente ao outro sobre a cama, coas sabas-tartán embrulladas aos pés, fitando como o serao enche de sombras o teito. Non entendo o advérbio, e el explica que os seus espermatozoides son escasos, débiles, que a maioria carecen de mobilidade, que alguns xiran e non avanzan, outros son deformes... Se ignorarmos estas eivas, Melómano seria perfectamente fértil, pero as 3 ou 4 excepcións entre os miles que torpemente cabecean ou perseguen a própia cauda como cadeliños non bastaron.
Melómano tiña as estatísticas en contra, e agora ela ten tres nenos con outro profesor, esta vez de Matemáticas. Foi por iso que marchou?
Ti que cres? Calados, seguimos a mirar as sombras.

Talante

Dixen de Melómano que era encantador e falangueiro, pero debo engadir que tamén é melancólico e taciturno: un home de inacabables silencios que enche a música que permanentemente mana da máquina ou, desprendida polos dedos sabios, da guitarra.
Falei tamén de estrañas coincidencias entre nós, pero anoto agora diferenzas (talvez) insalvables de talante: nas quince horas que permanecemos, encerrados cos nosos xoguetes, naquel seu apartamento atafegado e mínimo os contrastes manifestáronse un tras outro, e penso agora que nunca houbo dúas persoas máis distintas, par a par na mesma cama.
Golpeados ambos pola mesma durísima soedade, a unha idade en que manobrar xa resulta difícil, as nosas actitudes perante a vida son por completo opostas, até belixerantes: se a min agora non me vencerá case nada do que se poña por diante, Melómano apenas ofrece resistencia ao que vaia vir; se eu río e falo e fago e vou, el parece darse por satisfeito con resistir polo menos un dia máis.
Busco un adxectivo que o defina, mentres a cafeteira arrefece sobre a mesa baixa do salón e a cabeza del sobe e baixa entre as miñas pernas, e acoden resignado, débil e gris.
Miro arredor de si, e vexo ducias de discos, libros e cómics. A guitarra xunto á butaca. A caixiña de madeira da maría. Unha rosa do deserto na libraria. Varios puzzles colgados, como cadros: as Torres Xemelgas, Florenza, as Pirámides, a Ponte Carlos, sitios que coñezo ou non. O televisor, con documentais, mudo. Varias fotos, colgadas na parede ou postas nas estantes, sempre a mesma muller loira, que nos mira.
Soa, a peticición miña, a música de Satie.
Non penso nada, só percibo: psíquica e fisicamente. Penso que ninguén vai tomar aquel café frío, encóstome sobre unha pilla de apontamentos coroados polo slip de Melómano, e pouso a man na súa cabeza. Cerro os ollos.

xoves, 7 de abril de 2005

Cita

O certo é que esquecera por completo que intercambiáramos os números de móbil, e supoño que por iso non lle recoñecin a voz á primeira: Encantador e falangueiro, primeiro son voltas a cousas sen importáncia, como nos foi no instituto esta mañá, como é que tiña apagado o móbil, e cando empeza xa a impacientar-me co interrogatório, Melómano pregunta se teño algo que facer pola tarde.
Suxiro atoparmo-nos nalgun café do centro, pero non damos co adecuado e equidistante, asi que Melómano di que acabaremos antes se vou para a sua casa. A memória recobra, nun intre, o salón minúsculo e o tartán que decora as sabas, antes de que aceite, sen te-las todas comigo, e el repite o nome do escritor en que vive, o número e o andar da casa.
Di tamén que a letra é B, de Billie. Os dous rimos, brevemente.
Corro cos pratos para a máquina, poño as botas e marcho para alá; de camiño, teño que acordar-me de entrar nunha farmácia.

mércores, 6 de abril de 2005

Melómano

Onte á noite, sen cear nin cousa parecida, canso de postear, de corrixir exames pendentes, de facer relacións de méritos, e de ver ringleiras por televisión, fuxín da casa (un pouco de min mesmo) e fun dar nun deses novos vellos pubs irlandeses que proliferan en Atenas.
Había ben pouca xente, como correspondía a un Martes, e tras dar dúas voltas ao xornal abro a porta da conversa ao meu viciño de mesa. Ao pouco xa el se mudara para a miña e estábamos en fluída comunicación, que avanzaba directamente ao moi perigoso terreo persoal: os dous profes (mais el de música), os dous da mesma idade, os dous divorciados, e bastante sós como el ben cedo declarou, forzándome con iso a declarar a miña parte, os dous de fóra de Atenas e esperando un destino que a el lle nega a sorte e a min, por contra, non.
Tres pintas e tres cestos de patacas fritas despois éramos inseparables e sabíamos un do outro unha chea de cousas que apenas lembro, pero o que si perdura é o recordo do seu amor pola música clásica e que para Xullo estará en Dublín, nun curso do Trinity College.
A coincidencia seguía sendo abraiante, porque polas mesmas datas, e se a burocracia non atravanca, tamén eu irei a Eire.
No relativo á música, a coincidencia era mínima: preferín calar, e tan só comentei que a semana pasada comprara, porfín e nunha arroutada, A flauta máxica, o que naturalmente a el lle pareceu xenial. Para daquela había xa outros vasos baleiros e mediados de Guinnes sobre a mesa doutro novo vello pub irlandés de Atenas.
Non esperamos a fechar: tomamos bourbon na súa casa, un apartamento diminuto, meticulosamente organizado, ateigado de vinilos e cedés que me mostrou con moita paciencia miña e moita devoción del. Ao chegarmos preguntara que música prefería; a que escoitabas cando saíches, dixen eu. Premeu e recoñecín a gelida manina, e seguiu soando La Bohème mentres revistábamos discos e a luz acendía brillos no corazón dourado escuro dos vasos sen xelo.
Cando xa Puccini abouxaba no cerebro e pesaba nas pálpebras propuxen cambiar de música; pon a que queiras, dixo, e erguinme a rebuscar na estante: Billie Holliday.
Empezando Cheek to cheek, V. veuse a min, e apertábame mainiño desde atrás. Ao contacto da súa pel na miña, sentín a baixada do sangue e como a pirola se me enchía de chumbo, como a miña carne puxaba contra a roupa.
Heaven, I'm in heaven, and my heart beats so that I can't hardly speak...