xoves, 14 de abril de 2005

Barricadas

Á mensaxe de móbil ("Saúde, camarada!"), organizo con Melómano unha xornada de comemoración republicana con asisténcia ao mítin que a Sociedade Republicana de Atenas (?) convocase para o serao. Ataviados con pins da bandeira tricolor, acudimos ao local da convocatória, que achamos baleiro: nen os vellos republicanos dispostos a contar batallas que esperaba atopar estaban, e todo porque non habia comemoración máis aló da individual e afectiva.
Nada de nada: as fontes ben informadas de Melómano se cadra non estaban tan ben informadas, asi que antes de que se abra camiño a decepción improviso un acto: corremos á casa del polo coche e pronto pisamos a terra lamacenta baixo a chúvia; pedimos a un operário do cemitério que nos indique a foxa comun e, cando damos con ela, vemos que hai flores frescas dunha homenaxe recente, molladas pola chúvia.
Non temos nada que ofrecer, asi que collo dous seixos ali ao lado e, tras limpá-los coa mao e dar-lle un a Melómano, poñemo-los sobre o monumento.
Chove baixo o sol e sobre nós na tarde estraña, cando Melómano ergue o puño e canta, en castelán, a Internacional en honra e memória dos párias da terra, da famélica lexión a quen outros roubaron canto tiñan, pero non a lembranza de dignidade que agora nós veneramos.
Saúde!

Ningún comentario: