Amosando publicacións coa etiqueta Ruíz Zafón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ruíz Zafón. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de febreiro de 2009

Nocilla

Hai uns poucos anos, Ruíz Zafón era o autor dunha mala novela que, coma outras malas novelas, tiña sen embargo o punto de resultar entretida e satisfacer eses primarios instintos dos lectores lentos e preguizáns coma min, que darían anos de vida por ler novelas de mil páxinas dunha sentada.
Agora Ruíz Zafón volve con outra mala novela, mira que mo advertiu Tere Holmes, a propietaria do enxendro, ao prestarmo hai meses, esta vez é un carallazo de órdago e proporcións bíblicas que me ameaza desde a mesa de noite cando me deito e cando me ergo, porque o teño á deriva.
Sen renunciar de todo aínda ao anxo xogantín, zapeo por aí sen moito éxito até chegar á primeira das nocillas de Fernández Mallo, da que gosto tanto como da outra, ou sexa, moito. Na contraportada preséntana como zapping literario e docuficción; eu vexo nela a curiosidade indisciplinada por isto e aquilo e o de acolá que inzan a maioría dos blogues que me interesan.
Onte á noite, mentres sentía o anxo hroña que hroña na mesa, atopei dentro da nocilla este texto, que copio, traduzo e envío para que sirva de consolo a Teddy.

Ano 2054. Os meus netos están a explorar o faiado da miña casa. Descobren unha carta datada no 2004 e un CD-ROM. A carta di que este disco CD-ROM que teñen entre as súas mans contén un documento no que se dá a chave para herdar a miña fortuna. Os meus netos teñen unha viva curiosidade por ler o CD, pero xamais viron un salvo nas vellas películas. Mesmo cando localizasen un lector de discos axeitado,como darían feito funcionar os programas necesarios para a interpretación do disco? Como poderían ler o meu anticuado documento dixital?Dentro de 50 anos o único directamente lexible será a carta.
Jeff Rothemberg