Amosando publicacións coa etiqueta Miño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Miño. Amosar todas as publicacións

luns, 19 de setembro de 2011

Carta

Querido Teddy:

Recibín a túa postal desde Soria, e efectivamente ten que ser un lugar maravilloso ao que hai tempo teño ganas de ir, aínda que xa sabes: moita Atenas, moita Estambul, pero o que temos máis perto é o que se nos vai quedando no tinteiro. Por suposto, encantaríame ir aló contigo, algún día será.
Entenderás que non che escribise antes cando che diga que o Mércores pasado morreu inesperadamente o meu tío H., aquel irmán da miña mai que quería ser enterrado ao son dunha gaita e sen curas; está claro que se non se cumpren os desexos dos reis máis poderosos tampouco se habían de cumprir os deste pobriño: as irmás montáronlle unha misa e até un responso no tanatorio, e do gaiteiro nunca máis se soubo.
O traxe e os zapatos novos que el tiña reservados foron finalmente para Cáritas, como toda a roupa, porque para a incineración cómpre un simple sudario, e se levou consigo a non coidada barba pondaliana foi porque, cando a miña mai se deu de conta, o corpo estaba xa amortallado e non era cousa de chamar por un barbeiro.
O tío H. tampouco descansa cos seus pais, como el pedira: os propietarios da sepultura escorreron o vulto cunha creatividade digna de mellor causa, creo eu, e a miña mai e a miña tía, infatigables, argallaron que un home tan deportista e tan amante dos animais estaría moito máis á vontade en plena natureza, entre ameneiros centenarios e plantas acuáticas, así que en canto nos deron a urna coas cinzas fomos espallalas no río, xunto ao Caneiro da Luz, o lugar en que ao meu tío lle gustaba nadar cando era mozo.  
Paradoxicamente, a morte do tío H., un dos homes máis bos que coñecín nunca, fixo da miña unha familia máis unida e menos belicosa. Até o punto de que, cando todos subíamos da ribeira despois de vaciar a urna, empecei a recear, querido Teddy, que alguén propuxese reencontrármonos nunha desas reunións familiares que ti tan ben coñeces.
[...]
Cariñosamente, etc.

xoves, 1 de setembro de 2011

Paseando a Miss Kaplan

Se por ela fose pasaríamos a maior parte do día estomballados no sofá do salón diante do altarciño doméstico, con interminables partidas de wii, os vídeos de Cosmos de Carl Sagan, os capítulos de Friends e algunhas pelis, a ser posible de misterio.
Aínda que o anterior non está nada mal, principalmente en días morriñentos ou chuviosos, está claro que facer corpo co sofá non é plan, de xeito que o proceloso espazo que vai do parchís coa miña mai na sobremesa á cea dos dous aquí cómpre amoblalo convenientemente con tardes de cine, visitas á parentela, expedicións ao supermercado, camiñadas pola muralla ou por Mouse Park e algunha outra cousa.
Talvez como docente non debería dicilo, pero aborréceme poñer a nena a localizar adverbios, formar plurais ou identificar hiatos, aínda que o outro día mentres ceábamos me gañou 18 céntimos xogando a acertar as capitais de Europa; ao que me nego en redondo é a poñerlle contas, principalmente porque creo que as fai mellor e máis rápido ca min.
De cando en vez fugámonos e facemos expedicións. O outro día fomos até o pedregal de Irimia, berce primario e demostrado do río Miño, que se ve nacer, entre rochas e grellas para churrasco, como un regato inverosímil ou mexada de burra, valería dicir, que a estrada corta antes de desaparecer da vista entre a vexetación.
Visitamos tamén a adormecida vila de Meira e por último o nacemento principal do Miño, a lagoa de Fonmiñá, que se nos presentou, apesar de certas obras de acondicionamento e posta en valor, elegante e umbrosa, chea de misterio.
A escapada de onte ao castro de Viladonga resultou sen embargo accidentada: primeiro foi que non atopábamos a pista que leva ao xacemento e museo, e fixemos tantos kilómetros estrada arriba e abaixo que ben daríamos chegado a calquera outro castro dentro ou fóra do país; despois, mentres estábamos dentro do museo premendo botóns na maqueta e tirando fotos de aras e de peixes gravados en laxes, veu a trevoada, e o diluvio consecuente impediunos chegar ao coche no aparcamento, canto máis gavear polas lombas e os muros do castro á intemperie.
Chegou Setembro e aínda non fomos nin ao castelo de Pambre nin á praia das Catedrais.

luns, 11 de xullo de 2011

Portomarín (porfín)

O orballo destes días non acabará nin moito menos coa seca pertinaz; como moito, serviu para refrescar algo os campos e apagar algún incendio nos montes.
Esta mesma seca, da que case ninguén fala pero que se fai evidente a pouco que un poña atención, é a que bebeu as augas do Miño en Belesar até deixar ben á vista as ruínas da vella vila de Portomarín, habitualmente mergulladas polo encoro.

Como lembrarán os que seguen as miñas peripecias por Ithaca e fóra dela, o terceiro fin de semana de Xuño pasado escapei con Polis a Portomarín; eu por fobia ao feirón romanoide, el por atenuar a resaca logo de trinta e seis horas vestido de castrexo. Despois de deixar o batmóbil á sombra na entrada da nova ponte, baixamos até a vella para atravesar o río ao abeiro dos xigantescos piares e camiñar polo malecón baixo o sol de xustiza, enterrando os pés no pó finísimo do camiño xunto ao cal se erguen muros parcialmente derrubados e sen grandeza, abafados pola grama que nos chega ao peito nalgunhas zonas, e sufrindo máis ou menos pacientemente os ataques de sanguinarios mosquitos kamikazes.

O río segue a ser fermoso, moito máis que cando o encoro se enche e engole os restos da ponte medieval destruída por unha enchente, a decimonónica que vimos de percorrer a pé, os malecóns en ambas beiras e as pesqueiras onde noutrora se capturaban anguías e lampreas.
A excursión acabou con nós, derreados e suorentos, repoñendo forzas nunha terraza dese parque temático xacobeo en que se converteu o Portomarín actual: rodeados de peregrinos de todas as cores, formas e sexos, e á sombra románica da igrexa-castelo de San Nicolás, que trasladaron pedra a pedra desde a ubicación orixinal como testemuñan os blocos puídos e aínda numerados, engulimos empanada e calamares á romana como se faltase unha hora para o fin do mundo.
Nas altas almeas, por riba da ábsida, unha parella de cegoñas reparaba o niño.

martes, 7 de abril de 2009

Ríos

Sigo un ano máis de garda.
Sen vacacións por aí fóra, as vacacións aquí dentro convértenme nunha especie de retén que non pode cometer a indelicadeza de impoñer prazos, horarios ou citas aos que teñen un pé na rutina e o outro nalgún apetecible recanto do planeta, preferentemente con vistas fluviais, que é o que se leva este ano.
Como non, se o outro día, no vestíbulo do auditorio, Polis me falaba dunha viaxe que a crise mellorou, e en que a única dúbida era se facer primeiro o cruceiro polo río ou viceversa.
Como non, se Teddy desde Sábado atravesa con Deni outros horizontes e outras ribeiras menos milenarias pero moito máis etílicas.
Como non, se May explora o Devonshire procurando demostrar que o río que pasa por Totnes non é máis belo que o río que pasa pola súa aldea.
Como non, se até a miña ex me pediu fixar o check-point-charly na mesma sala de espera do aeroporto porque mañá regresa do Bósforo cos ollos asolagados de solpores e a bagaxe a rebentar con agasallos para a nosa filla, quen precisamente hoxe no almorzo me fixo prometer que, cando chegue o Verán, nos volveremos bañar no noso humílimo e discreto río, como non, ese que sempre pasa e sempre queda.