Amosando publicacións coa etiqueta Ecos de saciedade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ecos de saciedade. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de abril de 2011

Royal wedding



Hora de xantar: a comida a medio facer, meu pai coma un león na gaiola dun zoo e a miña mai enganchada á tele nun delirio de tiaras, pamelas, palabras de honor e encaixes chantilly.
Se xa estiven na boda dos pais, como non había de estar hoxe na boda do fillo?, resolve ela, toda pancha, camiño da cociña.

sábado, 8 de maio de 2010

Sangría

Un simple e-mail procedente da dirección ten o claustro alporizado nos últimos días; non é un e-mail calquera: non trae información sindical nin oferta material didáctico nin anuncia exposicións ou convocatorias.
O e-mail recolle con austeridade espartana a vida social do meu centro mostrando unha ferocidade recaudatoria para obsequios que non sei se indigna máis pola minuciosidade dos tramos contributivos ou pola imposible escapatoria á sangría: as xubilacións cotizan a 12'00 €, os casamentos a 10'00 €, os traslados a 8'00 € e os nacementos a 5'00 €.
Non hai que facer moitas contas para comprender que a xubilación, o traslado, as dúas bodas e mais o bebé que trouxeron estes meses me van deixar a carteira conmocionada e certo mal sabor de boca.
Conspiro polos departamentos botándolle leña ao lume e xurando non me deixar desplumar máis indo ao xantar-homenaxe previsto para Xuño e aínda non presupostado; non son o único que renega da sangría: mentres tomamos café no recreo, Erg até me pide en matrimonio por ver se o ano que vén recuperamos algo do que investimos este.
A idea, se ben se mira, non é mala pero non hai que tomala á lixeira, así que quedamos en que Luns lle darei a resposta.

luns, 18 de xaneiro de 2010

Enigma

Nunca quedan misterios sen resolver, e antes ou despois até os máis desconcertantes enigmas domésticos atopan resolución.
Os meus viciños da frente este fin de semana aínda non quitaran da porta a espléndida rodela de flores secas e purpurina cen por cen Pórtico con que hai un mes saudaran o Nadal.
Como explicar isto nunha parella nova, atraente, acomodada e á espera do primeiro fillo? Sería descoido, saudade, abandono, teimosía, olvido ou algún anovador rito natalicio? Que podería significar que a luz da porta deles levase acesa noite e día desde o Xoves?
Que a pechadura non estivese forzada e o felpudo seguise no seu complicaban a teoría do asalto con violencia pero non a dos accidentes domésticos, vai ti saber, así que cando nas profundidades do subconsciente a miña alma de porteira empezaba a rebelarse, hoxe mesmo batín no portal coa realidade máis optimista de todas.
Á comunidade chegou prematuramente un viciño novo; os flamantes pais facían prácticas de condución mentres el, alleo a todo, mesmo ao seu histórico primeiro paseo por Ithaca, durmía dentro do cuco.

sábado, 21 de novembro de 2009

Cesamento temporal

Ás veces a vida vai máis rápida que un blog, e, se un non é espelido e se descoida posteando, até pode que a realidade lle acabe pasando por riba, ferroviariamente e sen piedade.
Algo así debe pasar se o post inacabado de cando Domingo veu Polis traerme o agasallo dos funestos 44 xa está reseso e anticuado mesmo antes de publicarse.
Non importa agora se daquela falamos do libro, de que Polis volveu fumar e necesita gafas, ou de que as miñas lorzas claman por unha dieta; o que importa agora é que onte ao serán atopei casualmente a Encantador nos viños, e que me dixo que vai para un mes que os dous acordaron, civilizadamente, o cesamento temporal da convivencia.

xoves, 17 de setembro de 2009

Léxico

vodismo, s.m. (neol.) 1. Dise da celebración na mesma cerimonia do casamento de dúas persoas e, inmediatamente despois, do bautismo do fillo ou fillos de ambos. 2. Banquete que segue a esta celebración. 3. Conxunto de ritos e costumes que precede e integra a celebración, entre eles a escolla e compra de agasallos, a renovación do vestiario dos invitados, as despedidas de solteiros e outros gastos accesorios. [Pode tamén escribirse con b]

sábado, 29 de agosto de 2009

Todo o que

Todo o que sabía de Vapin esta mesma mañá era que Estridente e el viven xuntos e que teñen un fillo (se neno ou nena non me soubera dicir hai seis meses Cesp, porque a ecografía non era definitiva).

Todo o que sei agora, despois de falar con Vapin por teléfono hai escasamente unha hora, é que casan o mes que vén, que naturalmente estou invitado, e que contan comigo.

Todo o que se me ocorreu dicirlle a Vapin para desculparme por non lle recoñecer a voz foi que pillei unha molleira e todo aquilo do resfriado de marras, e que estaba off diante da tele vendo coa nena algunha serie moi boba, como se iso me xustificase non ter gravado o seu número na memoria do móbil.

Todo o que Vapin dixo a seguir foi que a cerimonia será tal día e a tal hora, e en tal sitio fóra de Ithaca porque a noiva é de alí e a tradición manda, que na mesma cerimonia pero após o casamento terá tamén lugar o bautismo do neno (un varón, a fin de contas, a quen imporán un nome composto), e que haberá máis tarde unha merenda-cea.

Todo o que dixen a seguir é que desde logo irei, que conten comigo, que non faltarei a esa boda por nada do mundo, ao tempo que todo o que o meu cerebro paría eran estrañas e maliciosas ideas como que o tres por dous e o dous por un son bonitos xeitos de contrarrestar a crise, pero que xa os inventou o Carrefour.

venres, 26 de decembro de 2008

Compras

Mañá Sábado pola tarde, Polis e eu iremos de compras. A min poucos agasallos me restan (apenas un par de libros para a señorita Kaplan), pero é que o fillo de Mirinda naceu a véspera de Noiteboa e non é plan irmos coñecelo coas mans vacías.
Polo demais, seguimos sen saber quen aportou o cromosoma Y, cousa que subleva a Polis e lle fai nacer maneiras de comadre; de facermos caso á discretísima Nican, debemos procurar, polos arredores do berce, un home que se parecía a Faulkner.
Todo un enigma, porque ningún dos posibles candidatos se parece salvo no entusiasmo alcólico, e para iso nunca lles deu polo bourbon.

venres, 5 de setembro de 2008

Burning

O final das vacacións trae consigo o reencontro con alumnos e profesores desganados; entre estes últimos, algúns en realidade maldisimulan un entusiasmo polo retorno que eu hai anos xa non sinto, e á menor oportunidade soltan planos de excursións, visitas e actividades extraescolares para este curso que os demais non damos dixerido.
Como moito, fóra da avaliación son quen de queixarme dos malos resultados, dos inexplicables suspensos dos que deixaran dúas, tres asignaturas para Setembro e non as deron aprobado, e por iso repetirán curso ou non titularán, dos que non se presentaron, dos que promocionan por imperativo legal, dos que nin sequera sabían cando ou de que se tiñan que examinar.
Á parte disto, nada; mentres as de francés, inglés e historia esperan quenda conversando animadamente de embarazos de actualidade, casamentos e narices, eu vou mecanicamente asinando actas e informes como o que en realidade son: tan só o muro de papeis que me separa do curso que xa vén.
Fóra, o día está escuro, diluvia e eu sigo sen coche.

xoves, 28 de setembro de 2006

Confirmación

Efectivamente: as sospeitas de todos e os estraños comportamentos dos dous nestas últimas semanas resultaron confirmados, e é xa un feito que Vapin e Estridente empezaron a saír.
Desde logo, non houvo comunicado oficial: conta-me Ti que os descobriu a noite do seu cumpreanos morreando no local en que tomáramos as copas, diso hai catro dias, e que a Vapin só lle faltou dicer isto non é o que parece, mentres Estridente facia por limpar-lle o carmin da cara cun klinex.
Daquela eu xa marchara: era tan tarde que da festa xa só quedavan rescaldos que a hora e o dilúvio apagavan por momentos; segundo Ti, seria imposível non os ver, que non os vise cando saín á rua, pero asi foi, e a primeira notícia da nova parella chega-me de lábios de Ti, rideira e pícara, que até me fai xurar que eu non sabia nada de toda esta história.
Cando entra Vapin no café e lle dou os parabéns, efusivamente pero sen dar o motivo, mira para min con ollos de peixe e ainda pregunta por que o felicito, mentres lle sacudo a mao con ese viril entusiasmo que acai tan ben nestas ocasións.

xoves, 25 de maio de 2006

Pel

Tomo café con várias colegas que se pegan por falar, e entre bromas acaban revelando o segredo do millón de euros, que é ao mesmo tempo a máis doce história dos últimos tempos: C., outra colega de sesenta anos divorciada hai tres, leva dous anos de relacións co que fora primeiro noivo. Contan que en canto el soubo do divórcio xa a estava a chamar por teléfono, e que dali a pouco se separou para estar con C.
Fixastes-vos que ben está ela agora, di unha, parece outra; a que está ao meu lado corrobora: si, até se lle nota na pel.
E eu quedo pensando que non me iria mal mellorar a pel, pero duvido que o meu primeiro amor estexa polo lavor.

domingo, 7 de maio de 2006

Mortadelo

Disque dunha boda sai outra boda, e eu coñezo polo menos unha da que saíu un divórcio; que sairá da boda de onte é algo que o tempo se encargará de aclarar.
Como na máis delirante alucinación, Alícia atopou unha alma xémea en Mortadelo, un antigo noivo, longarelas, gafotas e divorciado, e desde que se atoparon ás portas do Concello xa non se separaron, nen no banquete nen no bailongo posterior.
Nen no que houvese posterior ao bailongo posterior, cando Alícia se me achegou, alisando a saia champagne e recolocando o escote palavra de honor, para dicer-me que ían a un sítio máis tranquilo, que o estava a pasar bárbaro, e que case quedava. Xa me apañarei mañá para volver, a ver, un biquiño. Mortadelo, desde a porta, dicia-me adeus coa mao.
E eu, deste lado do espello, ainda dei unhas chupadas ao puro antes de regresar, perplexo, a Ithaca.

Crónica de saciedade

A boda non foi especialmente divertida, ainda que efectivamente deu várias imaxes para história: unha noiva radiante vestida de azul, coa sua camisiña e o seu canesu. Un noivo máis locuaz que taciturno, emocionado até as lágrimas antes do si case inaudível. Os fillos dos contraentes, que non se sabia mui ben onde colocar durante a cerimónia, e que logo sairian en todas as fotos...
E o reencontro con boa parte da nosa promoción, como observou Alícia mentres entrávamos no vestíbulo do Concello e empezavan os bicos e os saúdos: é case a orla de licenciatura, sen toga pero con pernas.
E con menos pelo, sobretodo alguns, comentei eu cando vin que se achegava, coa mao tendida, Mortadelo.
Cando me pasas os apontamentos de Ramón Lorenzo? preguntou Carolina Michaëlis, a miña colega de asinatura, desde o alto dos farrutx, mentres asinavan os noivos e os flashes saltavan.
Logo a boda seguiu como seguen todas as bodas, o viño era bon e o marisco da ria, excelente.

domingo, 26 de xuño de 2005

Europa

Desde Venres ao serao as estatísticas contabilizan un novo matrimónio: Mirinda e Vladimir casaron, e arestora serán felices e, sen dúvida, comerán perdices ou lagosta nalgun lugar do Caribe. Se tirarmos a pesadez do oficiante, a cerimónia foi perfeita, aduviada por todas esas cousas que unha muller soña desde que naceu: traxes principescos para os noivos, unha cauda de dous metros que portaron duas infantas de poucos anos, as lágrimas da mai de Mirinda, un padriño que sóbria e emotivamente conduciu a noiva ao seu destino ao pé das enormes colunas do altar florido, a irmá de Mirinda actuando de madriña, o cosmopolitismo dos amigos do noivo, a emoción contida nos presentes, todo ideal como un formosísimo soño.
Vladimir non é galego, nen español, nen sequer é latino; Vladimir é un ruso de pel branquísima, de ollos claros e cabelos loiros; naturalmente, non se chama asi, pero nesta blog como se tal: Vladimir é profesor de música e toca o oboe; dá clases particulares e empeza a traballar na empresa do sogro, pero el e Mirinda coñeceron-se en Decembro, cando tocaba co seu grupo nalgunha das ruas de Íthaca.
O demais até aqui foi todo paixón.
As crónicas durante o banquete aclararon até os máis nímios detalles, como adoito sucede: Vladimir está tan namorado de Mirinda que até se fixo católico nestes ultimos meses: aprendeu o catecismo, bautizou-se Xoves pola mañá na mesma parróquia en que casaria, fixo a primeira comuñón na cerimónia do casamento, e agora está entre nós (desde logo con máis motivos ca nós) no seo da Igrexa Romana. A rapidez deste home é case épica: en menos de 1 ano cambiou de fe e de país, asumiu catro sacramentos, obtivo novo traballo, será marido, será pai, e obterá a nacionalidade española e comunitária.
Outros sentimo-nos fraquear á vista de menores mudanzas na nosa vida.
Pero é que o teu avó non morreu na defensa de Leningrado, susurra-me ao ouvido Polis mentres o noivo agarda a pé de altar a entrada de Mirinda no templo.


Ausentes o caviar e a ensaladilla, o banquete tivo unha inequívoca presenza rusa: lagostinos, vieiras, centolas, cóctel de marisco e rabada, atendendo o soño de calquera invitado a unha boda desde que nace, pero a tacha foi a disposición dos comensais en mesas separadas, o que supuxo un límite da confraternización paneuropea, e que o destino sentase na miña a Nican, Vapin, Polis, Macer e Alice. En resume, salvo Nican, persoas coas que antes ou despois me tiña deitado máis dunha vez, e isto fixo que entre lagostino e centola Polis deixase cair sobre o mantel a fea palavra depredador.
Moralexa: ás veces pode ser bo que mesmo para os amigos máis íntimos a mao direita non saiba o que fai a esquerda... nembargantes, e pese a iso, todo foi mui agradável e, salvo os intentos frustrados de Macer de mudar-se a outra mesa, a convivéncia na nosa foi exemplar e fluidísima.


Cando os noivos se esfumaron, e pouco a pouco marcharon os convidados, a festa continuou entre vodka, danzas e cancións do Báltico no piso dos rusos.
Para daquela Macer desaparecera, Alice fixérase cargo dun Vapin mui bébedo co que bailou várias polkas, Nican berraba tobarich tobarich ancorada a un eslavo de ollos azuis e tan forte coma ela, que lle estaria a cantar (digo eu) belas baladas do Volga, e Polis e eu, arranxando o mundo como de cote, acabábamos coas reservas.
Como saímos dali é algo que nunca se dará sabido, pero ás once da mañá, buscando remédio no cuarto de baño de Polis, recordei que o serao antes casara Mirinda, e que Europa era algo máis grande desde habia poucas horas.
Polis nen se enteirou de que me ía para a casa dos meus pais.

sábado, 14 de maio de 2005

Ecos de Saciedade

Parece que Salsa Rosa adiantou emisión e formato, porque esta noite, e vía telefónica, a metade dos meus amigos e amigas debateron entre eles e elas (fosen ou non bascos e bascas) encol do acontecemento.
O que será sen dúbida o maior bombazo despois do meu divorcio, onde tamén os teléfonos deberon arder, preséntase rodeado de misterios, e nada como iso contribúe a unha boda.
Así, Nican e Ti non entenden como cae de repente embarazada quen animaba a descubrir o propio corpo, armada do espelliño, ás amigas do grupo; Polis (escarmentado talvez) non entende a precipitación e que vaia casar pola igrexa, ela, que non hai moito exhortaba os amigos a apostatar en masa; Aurora entende que casen, pero non pola preñez nos tempos que corren; Vapin non entende como Mirinda rompeu cun noivo tras 6 anos e agora casa en só 5 meses, e a correr.
Eu, tras escoitalos a todos, xa non entendo nada de nada.
E é máis: tampouco me importa: neste preciso momento vou meter catro cousas nunha mochila, coller o coche e marchar, dunha p... vez, para Ithaca.

venres, 13 de maio de 2005

Shocks

Se ben non ainda na plenitude da miña glória, resucitei de entre os mortos ao terceiro dia. A gorxa segue inflamada, a voz é digna da Streponi, pero o resto xa funciona razoavelmente; o máis significativo foi a marcha da febre, e con ela a recuperación da enerxia perdida desde Martes.
Sen excesos, volvin á actividade: por segunda vez en dous dias mudei a cama e por primeira fixen de comer; tamén por primeira vez non me deitei en todo o dia, se ben a butaca foi boa compañeira.
Pola mañá apareceu Ambece para almorzar: Estás visível? Como ainda non me desintegrara, Ambece subiu cargada cun precioso ramo de cravos brancos e vermellos. Gratamente sorprendido, case emocionado, ao abrir a porta do piso comento ainda non pensei que me chegara a hora; primeiro shock do dia: serás imbécil, que non son pra ti, que son prá Virxe, parece mentira.
Mentres tomamos o café invita-me a ir á procesión da noite, cousa que declino rotundamente, e iso que unha das flores que vai levar é pola miña filla. Xa cho compensarei algun dia: se queres, cando medren os teus levo-chos de putas. Rimos os dous ate nos atragantarmos: pra iso, que os leve o pai.
En canto marcha, recomendando-me que vaia a un ervolário (como fixo onte Ilu co homeópata), pido cita co otorrino; pero non co repunante de Atenas que me levou até agora, senón cun de Ithaca; empeza unha nova etapa, e inauguraremo-la xa renovando o cadro médico.
Despois dunha mensa de Cris preguntando se mañá imos ao Camiño (e que eu respondo imediatamente cun parte de saúde), o segundo shock chega ao meio-dia: chama Mirinda para dicer que casa o mes que vén, que naturalmente este é un aviso informal e que xa enviarán a tarxeta nuns dias, que mellor ma manda á casa de meus pais por mor das vacacións, que para evitar cotilleos xa me di que está embarazada, pero só de dous meses, por iso todo tan apurado, e bla bla bla sobre náuseas e princesas. En fin, estas cousas...
Aos cinco minutos volve soar o teléfono: a Mirinda esquecera-lle dicer-me que non casa con Paco, co que levaba saíndo (boto contas) polo menos seis anos; que o deixaron en Nadal, que logo ela coñeceu a Este (lamento-o, pero ou non me dixo o nome, ou, se mo dixo, non me acordo), e xa ves, vai-che encantar...
Ainda foi sorte que volvese chamar para contar-mo.
Quen me veria berrar se non na cerimónia cando o cura (porque vai haber cura, pasmen) preguntase se habia impedimento: Aaaaaalto! Que ese non é o noivooooo!
Por certo, a lista de boda, onde sempre.
Van dados.