Amosando publicacións coa etiqueta Efemérides. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Efemérides. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de decembro de 2016

Parabéns, mamá

Un destes días, a miña mai cumpriu 77 anos. Sabemos que naceu a finais de novembro ou primeiros de decembro do 39; o día nunca o tivemos claro porque a miña mai nunca celebrou o seu cumpreanos, e porque ela sempre di que entre o día que naceu e a data que figura no carné transcorreu case unha semana.
Así pois, sen que felicitala chegase a ser casus belli como podía ser felicitar a meu pai, a efeméride sempre nos pasou sen pena nin gloria: algún ano sorprendíanos cunha daquelas deliciosas tortas de noces que xa non fai, e outros era algún de nós o que se acordaba de darlle os parabéns e saía escaldado porque xa fora tres días antes ou aínda sería unha semana despois.
Este ano, sen embargo, a miña irmá acertou (probablemente, porque coa miña mai nunca se sabe) levando a súa caixa de bombóns sen azúcar, por aquilo da diabetes, e a miña mai emocionouse: está sobretodo orgullosa de que, con 77 anos, non só pode levar a súa casa e coidar dela mesma senón tamén coidar dun marido con alzheimer.
Tamén nós todos, os fillos e as netas, estamos orgullosos. Parabéns, mamá.

mércores, 23 de febreiro de 2011

23-F

Hoxe no café non fomos menos e fixemos memoria daquel Luns de hai 30 anos, cando o país estivo á beira do abismo e finalmente optou por achantar coa vergoña que a tele nos botou ás caras, vacinándonos cunha sobredose do que en realidade sempre viñera sendo España durante dous séculos: cuartelazos, militares sobreactuados, políticos mediatinta, constitucións sen substancia e ecos testiculares e salvapatrias.
Como en case todos os acontecementos históricos que me tocou vivir, tamén aquel me pillou nunha aula: non como profesor senón como alumno; en 2º de BUP e con 15 anos, as fotos daquela póñenme diante un mociño fraco, con ollar serio, reacio ás gafas apesar da miopía, cunha leve sombra  escura sobre o labio e o pelo un pouco longo pero aínda sen melena.
Hoxe no café uns e outros van contando onde estaban e que fixeron tal día hai tres décadas: dous eran xa profesores e Erg facía as prácticas de maxisterio; E., fóra de contas desde había unha semana, daba a luz no Materno, hoxe recén pechado, o fillo máis vello; Cam facía primeiro de Filoloxía, Chicles no Pelo primeiro de BUP, e M., con cinco anos, supón que pillaría unha perrencha monumental porque ese día non puido ver os debuxos animados antes de ir para a cama.
Daquela noite interminable lembro que a noticia de que a Garda Civil buscaba terroristas no Congreso nola deu a miña mai cando chegou do traballo, que ceamos coa radio posta e constantes carreiras miñas á televisión, que ao día seguinte tiña non sei que exame que logo no faríamos, e que acabei indo para a cama cos apuntamentos e un transistor esperando a ver se o Rei falaba dunha vez ou que, e que, cando acordei pola mañá para ir ao instituto, sobre a miña roupa había unha nota de meu pai que, máis ou menos, dicía: "Non fales hoxe de política fóra da casa".

mércores, 5 de xaneiro de 2011

Balbino

O Balbino, aquel rapaz de aldea, aquel ninguén que era ademais pobre, cumpriu hoxe 50 anos. Parabéns.

luns, 6 de setembro de 2010

Meme dos 1001 post


Disque o ladrón sempre torna ao lugar do roubo, principalmente se se trata dunha mina ou dunha cova chea de tesouros, como é o caso. No excelente Librosfera hai tesouros e alfaias sen conto, pero a min préstame roubarlle memes cos que abastecer o meu blogue e, de camiño, o meu ego ou algo.
Neste, ademais, pídeseme que fale desta Ithaca que habito e que, precisamente con este que están a ler, cumpre nada menos que mil e unha entradas.

Canto tempo levas como blogger?
Deixando fóra tentativas anteriores sen importancia, en Decembro fará seis anos.

Como te enteiraches da existencia dos blogues?
Pola prensa, creo. Aí polo 2002 armárase un importante rebumbio nalgúns xornais animando a que cada quen tivese o seu propio blog ou bitácora, e a curiosidade, xa se sabe, matou o gato.

Nomea cinco blogues que sigas diariamente ou con moita frecuencia.
O certo é que visito diariamente máis de cinco, normalmente todos os que na miña columna da dereita aparezan actualizados.

Es lector anónimo dalgún blogue?
Naturalmente. Gústame moito entrar ao chou nun blog e, despois de moverme por el, entrar nalgún dos que ten enlazados para entrar nalgún dos que ten enlazados para entrar nalgún dos que ten enlazados... e así até o infinito ou máis alá, ou até que haxa que ir para a cama case cos ollos resequidos, sabendo que hai que traballar ao día seguinte.

Algúns autores que che acorden especial simpatía.
Aquí voume referir só a aqueles blogues que me serviron de modelo cando empecei, os primeiros que me enlazaron e os primeiros que enlacei. Infelizmente, tres deles morreron e dos seus autores nunca máis se soubo, aínda que confío en que asoman de cando en vez e len o que escrebemos: As túas balas, As crónicas prusianas e O pitiño. O cuarto que vou citar, Gradicela, segue vivo e con saúde, aínda que se actualiza menos do desexable.
Cómpre aclarar que escollín estes porque, efectivamente, deles aprendín o oficio; en xeral, tamén me acordan especial simpatía case todos aqueles blogues que se actualizan regularmente, sexa cal for a súa temática, contido ou intención.

Con que cinco bloggers irías de esmorga?Tería que ser de esmorga virtual. Aínda que algunhas veces non foi doado, sempre rexeitei atravesar a delgada liña vermella do mundo de carne e óso. Algúns bloggers entendérono e outros non.

Con que blogger pasarías unha noite de loucura sexual?
Con quen xa pasei moitas, pantalla por medio: sen dúbida con Susana Moo.

Namorácheste algunha vez dalgún blogger?Unha pregunta tan parva merece unha resposta igualmente parva que non penso dar.

Estás satisfeito co teu blogue?
Pois si. Polo contido, presentación e pervivencia. Se non estivese satisfeito, cambiaríao até estalo; e se non fose posible, teñan por certo que o clausuraría. Amén.

Escolle entre 3 e 5 bloggers para que resposten estas preguntas nos seus blogs.
Eis o terrible momento da estampida que, sen embargo, esta vez non deixarei pasar. Gustaríame que respondesen moitos outros, pero hoxe escollerei para que me respondan o meme a X de Esmelle, Aldabra, Zeltia, Noe Pastor e a Princesa Sigrid.

domingo, 5 de setembro de 2010

Mil!

Con este acadamos os mil post.
Para celebralo remexín en arquivos e faiados até recuperar algúns dos cabezallos que abriron o blogue durante todos estes anos: desde Irlanda, Roma, Grecia ou Constantinopla, Robinson voltou mil veces a Ithaca para contalo.

venres, 11 de decembro de 2009

Cinco!


Señoras e señores, rapaces e raparigas:
Este blogue cumpre 5 anos.
E aínda que para a Rede entrou na difícil idade en que, como dicía o outro, máis que cumprir anos na realidade o que fai Robinson é durar en Ithaca, a verdade verdadeira é que nunca gozou de tanta saúde, acougo e madurez (neuras á parte) como agora.
Grazas, meus visitantes e partidarios, por non deixardes de vir.

mércores, 11 de novembro de 2009

Once do once

Hoxe, día de San Martiño, cúmprense vinte e catro meses desde que deixei de fumar (ou, o que vén sendo o mesmo, 14.620 cigarros non fumados e 1.827 eurazos gastados en cousas evidentemente ben máis sólidas que o fume).



(Pero ás veces canto te boto de menos, cabrón!)

luns, 9 de novembro de 2009

20 anos


Pasaron 20 anos, como de case todo.
Tamén daquela noite en que celebramos a caída do muro, non en Berlín e rodeados de alemáns, senón rodeados de alemáns no máis ruinoso e desconxuntado andar de Alfama, onde vivía unha das miñas colegas alemás de turma.
A loira chamábase Kirsten, e a historia pillounos tan sen previo aviso que alí non había máis que viño maduro e cervexa para brindar diante da tele en branco e negro, mentres o teléfono non deixaba de soar e pola porta aberta seguía a entrar xente, como no camarote dos Marx.
Naquela sala húmida e balorenta en que M. e eu estábamos por primeira vez, e da que sacábamos os mobles anticuados, repartíndoos por cuartos e escaleiras para facer sitio, europeos dos catro puntos cardinais, franceses, italianos, suízos, polacos, británicos, belgas, dicíamos adeus a aquela Europa absurda e traumatizada dos nosos avós e dos nosos pais, e dábamos a benvinda aínda non sabíamos a que.
Quero pensar, pero non estou seguro e probablemente non foi nin daquela nin alí, que esa noite e nesa húmida e balorenta sala ateigada de xente entusiasmada, biquei por primeira vez a M.
E pasaron 20 anos, como de case todo.

luns, 20 de xullo de 2009

Retratos


Neil Armstrong retrataba a Edwin Buzz Aldrin na base lunar, pouco despois de ter pronunciado a famosa frase e antes do regreso; casualidades da vida, o propio Armstrong autorretratouse sen querer no cristal da viseira de protección de Aldrin. Collins, fóra do escenario, orbitaba.
Atrás, á esquerda, na pequena esfera branca a humanidade, coma un único home, aínda contiña o alento; aínda era posible que os astronautas desaparecesen na procelosa area do Mar da Tranquilidade, ou que a mala sorte os convertese para sempre nun satélite.
(Alleo a todo, eu, de só tres anos e medio, conta miña mai que a esa hora durmía coas meixelas inchadas polos orellóns).

luns, 22 de xuño de 2009

Nove anos




Unha noite coma esta de hai exactamente nove anos, un bichiño diminuto que tiña tanta présa por coñecer o mundo que se presentou un mes antes do previsto, con pouco peso e sen forzas nin para chorar, situouse exactamente no centro da miña vida.
Desde aquela xiro á volta da súa luz, orbito concentricamente na súa risa, gravito na súa alegría, e até me eclipso cando se enferma ou está triste, coma un satélite venturoso e ufano.
E cada ano pido para ela o mesmo desexo: que viva moitos anos moi felices.

mércores, 1 de abril de 2009

Sete décadas

O primeiro de Abril de 1939, coa lectura através de Radio Nacional do último parte de guerra, dábase por oficialmente terminada a máis sangrenta contenda civil de toda a nosa historia, que non é breve nin escasa en enfrontamentos fratricidas.
Aquel Sábado xélido, do que hoxe se cumpren 70 anos, empezaba tamén oficialmente unha durísima postguerra que para moitos comezara semanas ou meses antes, coa fuxida en lamentables condicións a un exilio que a hipócrita neutralidade europea primeiro, e a guerra mundial despois, convertería nun inferno.
Para outros millóns que quedaron no país, esta data só significou o cárcere, a persecución, a continuación da loita desde a guerrilla e o maquis, a clandestinidade, os xuízos sumarísimos sen garantías, a fragmentación familiar, as represalias, a denuncia, a fame que sustentaba o racionamento, o estraperlo, a uniformización sindical, lingüística e relixiosa, a miseria económica e moral, a mentira e a ocultación da verdade.
Certo é que transcorreron sete décadas, pero non esquezamos que mentres siga a haber símbolos da ominosa ditadura que manchen as nosas rúas e a dignidade dos nosos edificios públicos, mentres o xeneral e os seus sicarios conserven honores nas institucións, mentres siga a haber quen se estrañe de que queiramos dar sepultura aos corpos dos miles de asasinados que aínda xacen soterrados en montes e beiras de camiños, anonimamente, non se poderá dicir que a postguerra terminase.

venres, 27 de marzo de 2009

Eurovisión


Á forza de repartila, compartila e alternala, a señorita Kaplan está convencida de que, tal e como un ano pasa o Nadal comigo e ao seguinte con súa mai en Manderley, tamén toca facer o mesmo con outros eventos.
Entón, xa que o ano pasado estivo en Manderley co do Chikilicuatre, está claro que este o pasará, apalancada comigo, no noso sofá. E eu xa lle prometín solemnemente por teléfono que mañá mesmo me poñía a preparar o festival deste ano como se fose unha oposición.

venres, 20 de febreiro de 2009

Futurismo

 Hai hoxe un século, Marinetti publicaba o manifesto incendiario dos que cantaban o amor ao perigo, á enerxía e á temeridade; dos que afirmaban que o mundo se enriqueceu coa beleza da velocidade e a violencia, dos que consideraban que un áutomóbil de carreiras co capó adornado con tubos coma serpes de alento explosivo era máis belo cá Vitoria de Samotracia; dos que chamaban hixiene do mundo á guerra, dos que glorificaban o militarismo, o patriotismo, o aceno destrutor dos libertarios e o desprezo ás mulleres, sen saberen que pouco faltaba para que o tempo lles dese a razón; dos que cantaban as masas cegas e obedientes, as estacións con tellados de cristal e aceiro, as fábricas penduradas das nubes por fitas de fumes tóxicos, as pontes ximnastas, as locomotoras, o voo dos aeroplanos coa hélice tremolando ao vento coma unha bandeira.
Cen anos despois, o Futurismo está no cálido ceo das vangardas, e eu penso, mentres escribo esta nota para o meu blogue, que mellor así, que nin contigo nin sen ti (senón totalmente ao contrario).

luns, 16 de febreiro de 2009

San Valentín (I hate)


Non sei o dixen algunha vez, pero odio teimosamente o San Valentín; non o santo, que bastante ten o pobre, senón a histérica celebración dos corazóns hipertrofiados de todo tipo, das tarxetas con música, dos agasallos previsibles, das ceas románticas, das flores en celofán e demais arrepíos. Nunca deixei os cartos niso, así vai a economía, porque o amor, polo que recordo, hai que construílo cada día do ano, e non precisamente arranxalo nun Sábado de mediados de Febreiro, a golpe de bombóns e tal.
A miña filla resolveuno á súa maneira na tarxeta que, por non poder esperar ao Sábado, me entregou o Venres ao recollela: "Feliz día de San Valentín. O día de San Valentin non só é para querer os mozos senón tamén para querer aos pais, amigos, profes... Mándoche este postal porque che quero".

venres, 30 de xaneiro de 2009

Día da Paz

Como cada ano, este día lémbranos que vivimos nun mundo que é un desastre, pero no que moitos aínda temos esperanza; nesta ocasión, ademais, e grazas a José Mário Branco e a súa Ronda do soldadinho, lembramos as vítimas máis inocentes de todas: os nenos e nenas.
Mortos, mutilados, asustados, violados, tomados como reféns e escudos humanos, mobilizados como soldados, abandonados á súa sorte cando o conflito remata, privados de todo porvir e xerme de futura violencia.
Son probablemente a maior miseria, a maior vergoña que levedan as guerras. Malditas sexan!

sábado, 10 de xaneiro de 2009

xoves, 18 de decembro de 2008

Preparativos

A un día de que veña a señorita Kaplan, e a seis do Nadal propiamente dito, o tobo está ao fin ornamentado: a árbore, que desde a febre da nena aparecía do salón no ángulo escuro sen luces nin adornos, fúnebre e inexplicable, brilla agora con todo o esplendor oriental.
O nacemento, desafiando as leis da verosimilitude e a demografía, amorea entre musgo figuras de diferentes estilos e beléns, cosmopolita e ecléctico.
Na porta, un colgante máis cutre que o de hai dous anos pola súa propia seguridade, espera ter mellor sorte e sobrevivir o ano novo sen que o rouben.
A lotaría repartida, os postais enviados. E mañá, porfín, as vacacións (Diolasdea!).

xoves, 11 de decembro de 2008

Catro


Os que cumpre Ithaca.

xoves, 13 de novembro de 2008

Seis anos

Hai seis anos, o Prestige, un petroleiro monocasco anticuado e en pésimas condicións, con tripulación inexperta e as adegas cargadas de fuel-oil, zozobraba baixo o temporal cunha vía de auga de 40 metros; durante varios días, entre fortes ventos e ondas de cinco metros, seguiría unha inexplicable deriva polo Atlántico, fronte ás nosas costas, antes de se partir en dous e verter ao mar varios miles de toneladas de piche.
Non esqueceremos nunca o desastre que seguiu ao naufraxio; tampouco como o país foi abandonado á súa sorte, entre mentiras e incompetencia; pero moito menos, a solidariedade da boa xente que, anónima e xenerosamente, acudiu a socorrernos.

martes, 4 de novembro de 2008

Soños

Hoxe, primeiro martes despois do primeiro luns do mes de Novembro (e casualmente día 4), os americanos elixen Presidente.
Tamén hoxe, 4 de Novembro (e casualmente martes), o número 43 escólleme coma un proxéctil certeiro, que non me mata aínda que si me fire un pouco máis.

De calquera xeito, a madurez non nos vai impedir seguir soñando: