venres, 20 de febreiro de 2009

Futurismo

 Hai hoxe un século, Marinetti publicaba o manifesto incendiario dos que cantaban o amor ao perigo, á enerxía e á temeridade; dos que afirmaban que o mundo se enriqueceu coa beleza da velocidade e a violencia, dos que consideraban que un áutomóbil de carreiras co capó adornado con tubos coma serpes de alento explosivo era máis belo cá Vitoria de Samotracia; dos que chamaban hixiene do mundo á guerra, dos que glorificaban o militarismo, o patriotismo, o aceno destrutor dos libertarios e o desprezo ás mulleres, sen saberen que pouco faltaba para que o tempo lles dese a razón; dos que cantaban as masas cegas e obedientes, as estacións con tellados de cristal e aceiro, as fábricas penduradas das nubes por fitas de fumes tóxicos, as pontes ximnastas, as locomotoras, o voo dos aeroplanos coa hélice tremolando ao vento coma unha bandeira.
Cen anos despois, o Futurismo está no cálido ceo das vangardas, e eu penso, mentres escribo esta nota para o meu blogue, que mellor así, que nin contigo nin sen ti (senón totalmente ao contrario).

3 comentarios:

X dixo...

Xa somos todo aquilo
contra o que loitamos aos vinte anos.
Saúdos.

PD: Moi bo o post e os enlaces.

X dixo...

Os versos anteriores son de José Emilio Pacheco. Esquecín sinalalo.

Sun Iou Miou dixo...

Desaparezo catro días e aparecemos no futuro.