mércores, 11 de febreiro de 2009

Perdas

Teddy cóntame que é un home (case) sen pasado: o seu hard drive colapsou ou algo, de maneira que agora Teddy non dá entrado na maior parte das carpetas que encheu e gardou, durante meses e meses, naquelas profundas sentinas.
Dentro delas hai música e películas, pero principalmente as fotos, todas elas: as que tirou comigo son a menor das perdas, entre outras cousas porque teño copia, pero poden perderse para sempre centos ou miles de fotos de paisaxes da nosa terra, de praias portuguesas e mediterráneas, de monumentos, de bosques, de estacións de tren, de museos, de ceas con amigos, de piscinas, de habitacións de hotel, de dunas, de caras con resaca, de xantares de xubilacións, de paradores nacionais, de beixos apaixonados, de festas de aniversario, de antigos noivos, de solpores, de nacementos fluviais, de dólmenes megalíticos, de casas natais de escritores, de gatos, de amigos que marcharon para sempre, de amigas torrando ao sol, de paxaros e árbores, de coches antigos, de grandes igrexas e de capelas diminutas.
Teddy está triste pero así e todo sabe rir das broncas que escoita (tamén a min) cada vez que o conta, farto de que nas tendas polas que vai non lle dean máis solución que a de facer copias e máis copias de seguridade.
Teddy di que vai gardar o couso no conxelador, dentro dun túper, como se supón que fixeron con Walt Disney, até que dentro de cinco, dez, vinte anos, a informática teña progresado tanto que abrir as carpetas será un xogo de nenos, e daquela sairemos todos daquel cofre escuro noviños, fermosos, case inmortais.
Así ri Teddy na miña casa da súa perda e eu río tamén, sentíndolle o optimismo admirable e próximo, mentres fóra o temporal zoa furiosamente. Que así sexa, lle desexo.

5 comentarios:

Sun Iou Miou dixo...

Lembro que unha desgraza similar que lle aconteceu ao señor Cesare me levou a mercar un disco duro externo. Non é que confíe moito niso, pero aí o está.

De todas formas, o que mais temo no mundo é que unha hecatombe fixese un día desaparecer os meus diarios. Aí si que me ía sentir sen pasado, polo menos dun ano e pouco para acá, que o outro, fráxil memoria, hai tempo que o perdín.

Sun Iou Miou dixo...

Esa foto da cabeceira onde a vin eu?

peke dixo...

Estamos falando da memoria portátil ou doutra cousa? Porque se fose así xa non me sinto segura en ningures.

La queue bleue dixo...

Paradores...






[A nova foto. Diria-se que chegou a primavera a Ithaca.]

paideleo dixo...

A min pasoume algo parecido pero só perdín catro meses de fotos.
Non queda máis solución que facer copias e copias.