mércores, 30 de abril de 2008

Motivo

Por se fosen poucos, hai xa un motivo máis para me largar de Telefónica.

martes, 29 de abril de 2008

Peso

Vou cerrando o círculo. Primeiro dixéronmo algunhas miradas, que non palabras, con esa insistencia desesperada e muda que ás veces poñen os seres queridos para estas cousas.
Despois foron Polis, Encantador, Queen e até a miña filla, que me di que estou embarazado, adormecida sobre os meus untos mentres vemos unha peli. Agora son a proclamalo algunhas camisas, que tiran por diante na botonadura, e hoxe mesmo a báscula, implacablemente.
Caña a caña e petisco a petisco, é evidente que non só recuperei senón que até rebasei todo canto lastro perdera hai dous anos, e a desculpa do tabaco non se sustenta xa.
Hai que mudar a tendencia, de raíz, e o antes posible, ou acabarei rebentando as lorzas!

luns, 28 de abril de 2008

Folga

Unha conselleira presuntamente de esquerdas, co seu equipo de asesores, pedagogos, profesores liberados e demais que forman parte dun goberno que presume de progresista, anda a facer equilibrios para dar encaixado, por primeira vez na historia, a asignatura de relixión católica no 2º curso de Bacharelato, en lugar de facer o posible por que desaparecese dunha vez por todas dun ensino que debería ser de calidade e laico.
Como o horario non é elástico, para conseguir o anterior e reforzar as optativas, cómprelles quitar horas doutras asignaturas, como a Filosofía, a Educación Física (que perde presenza nun 50%) ou a Historia, que non só reduce clases senón que aumenta o temario.
Por todo isto respondín á convocatoria de folga e mañá non irei traballar; quedarei na casa, pero non tranquilamente senón rosmando e maldicindo dunha conselleira e un equipo aos que, polo menos indirectamente, puxen eu aí votando o partido co que están coaligados.
Maldita sexa!

martes, 22 de abril de 2008

Dicionario

Como podía saber eu que o máis usual dicionario escolar galego non recolle a entrada cunicultor, que salta sen reparo de cuneiforme a cunilingus, como me di, pasando o índice arriba e abaixo pola páxina, un alumno ao que seguen outros que tampouco atopan a palabra.

Ao parecer, isto ponos tan tristes que ningún le máis nada: non hai risos nin picardías nin miradas cómplices entre eles mentres lles falo de criadores e granxas, de tristes coelliños encerrados en gaiolas.

xoves, 17 de abril de 2008

Enjut@ Mojamut@


Polo blogue de Noemí Pastor chego ao meme de Enjut@ Mojamut@, que tenta coñecer mellor o universo feminino ou o masculino ou ambos (non estou aínda moi seguro) na Rede. Sexa como for, paso a respostalo ipso facto:
Voz en off> Cantas horas ao día de media pasas conectad@ a Internet?
Enjut@> Son moi inconstante tamén nisto; algúns días a conexión é de só uns minutos, pero outros por contra paso enganchado moitas horas. Diremos que unhas tres ou catro de media, por dicir algo, e creo que acertaremos.
Voz en off> Cantas contas de correo tes?
Enjut@> Catro (a desta blog, a do msn, a de flickr e a do traballo; vaia, e unha máis de Latinmail, que non conta porque aínda que segue en órbita, hai anos que non lle lembro o contrasinal).
Voz en off> De cantas redes sociais es?
Enjut@> De ningunha.
Voz en off> Que che gusta máis para te expresar: o blog, o wiki, flickr ou twiter?
Enjut@> O blogue, con diferenza. A anos luz, flickr, onde colgaba fotos once upon a time. O resto, confeso que nin sei o que son.
Voz en off>Cantas blogueiras coñeces persoalmente?
Enjut@> Só coñezo unha.
Voz en off> Cantas blogueiras les habitualmente?
Enjut@> En realidade leo entre 25 e 30 blogues, independentemente do sexo dos seus autores; deles, 7 están escritos por mulleres.
Como se espera que responder o meme será útil a alguén, e non estou moi certo de telo respondido ben, propoño que o respondan a QB e X de Esmelle.

domingo, 13 de abril de 2008

Meme de estouciar

Respondo xa o meme de estouciar, o das alegrías ou alivios, o meme que arrastro como unha sombra desde que a QB, esa armadanzas, me invitou a esmaghar toxos, e que fun deixando deixando, pero que de hoxe non pasa.
Así pois, os meus nominados son:
  1. Queue Bleue: porque amor con amor se paga, pero sobre todo polo pelo roxo que o seu avatar insinúa; teña por certo, midons, que esas son palabras maiores.
  2. X de Esmelle: non hai avatar, pero supóñoa morena, estable, organizada e constante, o que a fai irresistible tanto para aquelar fluídos como para pasar unha noite colléndolle as mans, mirando estrelas.
  3. Césare: Intercambiar conversa e pirolazos co autor do mellor blogue do blogomillo ten que ser, sen dúbida, algo moi estimulante.
  4. Plattdorf: Polos vellos tempos e aquelas crónicas desde Berlín.
  5. Non hai máis nominados porque, de momento, o número 5 non ten o forno para moitos bolos (aí o deixamos).

sábado, 12 de abril de 2008

Vellos

Escoito na radio que Italia se está a converter nun dos países con máis vellos do planeta; tamén que as cifras de vellos pillados in fraganti mentres roubaban nos supermercados se dispararon na última década porque moitos deles han de sobrevivir con menos de 500€ ao mes.
Por iso rouban comida.
Nas grandes superficies din que os vellos que pillan o que rouban é latas e pacotes pequenos, sempre os máis baratos ou os que están en oferta.
Así, explican os xerentes dos supermercados ao xornalista, os vellos tentan aplacar a conciencia para non sentiren remorsos.

luns, 7 de abril de 2008

Heston



Disque un envelleceu cando vai a máis enterros que bodas, ou cando lle interesa máis a páxina das esquelas que a dos deportes por exemplo.
Por iso, para que non pareza que a este humilde servidor lle sucede o mesmo, non hei de falar esta vez da morte do fillo do muiñeiro que, salvo das augas e enviado inxustamente ás galeras, se levantou contra unha tiranía de primates, sufriu desterro, loitou contra pragas, revolucións, sismos e atépapas, e que, no agocho cálido dunha butaca de cine, nos fixo soñar a todos.
Cando pase algún tempo non haberá sombra que lle escureza a figura, como sucede cos heroes das epopeas.