Amosando publicacións coa etiqueta Nós. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nós. Amosar todas as publicacións

venres, 4 de marzo de 2011

Autofobia

Non sigo GH, xa o digo antes de empezar, pero isto non foi sempre así: confeso que fun un afervoado seguidor da primeira edición, cando estábamos embarazados da señorita Kaplan (que sen embargo non se viu exposta porque súa mai non daba resistido máis de cinco minutos diante da tele). 
As seguintes temporadas xa non as seguín: encargáronse diso os horarios e necesidades da nena, por unha parte, e por outra o progresivo aumento da estupidez e a vulgaridade per capita do concurso.
A indiferenza era total cando en Decembro pasado se produciu a fulminante eliminación da CNN+ e case no mesmo instante comezou a deambular polo meu salón o grupiño de vagos buscavidas e berróns do GH; daquela, e case en estado de shock, pillei o mando e eliminei a sintonía. Era un acto de rebeldía, pero tamén de hixiene, que completei (xa postos) borrando tamén da memoria Tele5, Intereconomía e outras canles inicuas e absurdas.
Aínda así, hai unhas semanas chegoume o runrún de que unha concursante galega do GH botara a lingua a pacer falando con desprezo xustamente diso, da nosa (e da súa) propia lingua.
Hoxe Teddy  fíxome chegar o enlace a un vídeo que, cando menos, dá que pensar. Que unha tipa que sae en GH esbardalle por televisión sobre os seus complexos e fobias non é un problema senón unha estupidez; que as súas opinións sexan representativas da mentalidade e a autoconciencia dun país, o noso, non é ningunha estupidez e si un gravísimo problema colectivo.

martes, 15 de febreiro de 2011

Inculturación

Ando a ler o sorprendente e por veces altamente recomendable Menú de enganos de Manuel Núñez Singala, un conxunto de relatos breves organizado á maneira da carta de pratos dun restaurante. Para facermos boca, quero copiar  o primeiro deles, "Inculturación", da sección  Para picar.
 Non sen malicia, ilústroo con esta foto de varias meniñas fortemente inculturadas nas manifestacións do ano pasado en Compostela.

Alí parados os tres na espera do verde dun semáforo aparentaban unha posición acomodada: ela ía vestida de domingo, con tacóns, unhas mechas discretas no cabelo e unha estola de pel; el, acabado de afeitar, de traxe azul escuro e gravata a listas, co xornal fresco baixo o brazo. A nena, catro anos, con marcados trazos orientais, levaba un traxe de galega moi "riquiño". De fondo escoitábase a banda municipal tocando "Negra Sombra".
Ela, asegurando o ganchete do seu marido, díxolle:
-Así que la niña te sea un poco más mayor, quiero que vaya aprender chino.
-¿Y luego para qué? -preguntoulle el.
-¿Para qué va ser?, para no privarla de su cultura.

domingo, 5 de decembro de 2010

Logo


Deixando a un lado o tan salomónico como pouco imaxinativo nome da caixa recén nacida, a alguén máis o logo escollido lle fai pensar en dúas afgás con burka conversando pola rúa, camiño do mercado?

martes, 28 de setembro de 2010

Vou ir á folga...

...porque non me parece xusto que sexan os pensionistas, os desempregados e os traballadores os únicos que paguen unha crise que non causaron.

...porque estou convencido de que o noso Goberno e o seu Presidente non teñen nin idea de como sacarnos dunha situación na que desde logo non nos meteron, pero que toleraron até que estalou e os pillou máis ocupados en negala que en reaccionar contra ela.

...porque é inadmisible que desde agora coa reforma laboral recén aprobada por un Goberno que se chama socialista se facilite e abarate o despedimento dos traballadores tan só porque o patrón prevé que a empresa pode ter perdas.

...porque ningún dos causantes da crise que nos puxo a vida boca abaixo, por moito que se enriquecese especulando, pagou nin vai pagar nunca a súa responsabilidade, mentres con cartos públicos se subvencionou e socorreu os bancos e xestores dos fondos que case nos levan á ruína.

...porque me sinto decepcionado por un Goberno perdido entre cambios e bandazos, máis pendente da cosmética política e mediática que de levar adiante unha verdadeira política de esquerdas e de profundización no laicismo do Estado e os dereitos civís.

...porque me repugna ver como os partidos políticos impiden a verdadeira participación cidadá nas institucións públicas, frecuentemente lixados pola corrupción e centrados sempre en obteren maiores parcelas de poder e recursos. Isto, no caso do principal partido da dereita, chega a niveis de desvergoña insultantes.

...porque, aínda que estou farto de ver como os sindicatos hai anos que só reclaman subas salariais, temo que o fracaso da folga que convocaron nos deixe aos traballadores sen defensa diante do que está por vir.

...porque por primeira vez en décadas as previsións indican que as expectativas da xeración dos fillos poden ser peores que as dos seus pais, e porque eu me resisto a deixarlle á miña filla un país hipotecado e doente despois de que ineptos e aproveitados fixesen o imposible por liquidar o Estado de benestar que soñábamos.

...porque teño dereito a ir á folga e porque podo exercelo, e así o farei tamén en nome dos que igual non o poden exercer.

Por todo iso eu irei á folga o día 29. Motivos sobran.

martes, 7 de setembro de 2010

Os medios en galego importan

Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sós. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un tras doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tomen a decisión de axudar aos medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un tras outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos.
Para asinar este manifesto da iniciativa Os medios en galego importan, aquí.

domingo, 25 de xullo de 2010

Eu xa o fixen. E ti?



O artigo de Carlos Callón, presidente da Mesa, apela nesta ocasión a algo tan natural e simple como galeguizar os nomes propios e restaurar os apelidos deturpados no pasado. Sen complexos.
Eu, que galeguicei o nome hai máis dunha década (cos apelidos non me cumpriu, e é evidente que non me estou a referir a aquel con que asino o blog) non vin que a miña vida cambiase.
Por coherencia, galeguízate.
É o meu desexo no noso Día Nacional.

xoves, 3 de xuño de 2010

Being Bean







Esta viñeta de Kiko da Silva, inicialmente publicada na revista Retranca e posteriormente no boletín do ENDL dun colexio de Tui, disque provocou unha reacción en cadea con demasiada aparencia de censura. Dramatis personae: un pai iracundo, un director obtuso e hamletiano, un mestre comprometido e pertinaz, e por último a santa inspección no seu papel de cerbero da ortodoxia e defensora de ás veces non se sabe ben o que.
Os detalles aquí, aquí e aquí.

domingo, 16 de maio de 2010

martes, 19 de xaneiro de 2010

Eu tamén pararei o 21

A plataforma Queremos Galego convoca as comunidades educativas para un paro xeral no ensino o 21 de xaneiro, como contestación ao decretazo contra o galego.

A agresión é histórica, sen dúbidas a máis forte contra o idioma propio en toda a etapa democrática. Por iso é tan importante que nos impliquemos todas as persoas con sensibilidade pola nosa cultura, independentemente da lingua que falemos no día a día, para facermos do 21 de xaneiro unha data tamén histórica na contestación social.

Por que rexeitamos este decretazo?

1) Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.
Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.

2) Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega.
O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.

3) Porque a aplicación deste decreto suporá enfrontamentos nos centros.A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.

4) Porque a Xunta se burla da cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.
O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos.

5) Porque este decreto vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.

6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.
Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.

Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, as comunidades educativas e o conxunto da sociedade galega reclamamos que se escoite a nosa voz. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.


O 21 DE XANEIRO PARAMOS O ENSINO
EN DEFENSA DA CONVIVENCIA E DO GALEGO

MANIFESTACIÓN NACIONAL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
11.30 DA MAÑÁ NA ALAMEDA

xoves, 31 de decembro de 2009

2010

(Decreto da Lingua, Desemprego, Economía, Deflación, Globalización, Endebedamento, Crise, Antiabortistas, Terrorismo, Recesión, Políticos de medio pelo, Desconfianza, Violencia de xénero, Corrupción, Suba de impostos, Crispación, Cregos intolerantes, EREs, Xenocidios, Cambio climático)



Feliz Ano Novo?

domingo, 1 de novembro de 2009

Novembro

No refrán ("Bendito mes, que empeza con Todos os Santos e acaba con Santo André") non collen Halloween ou o dulcificado Samaín nin dándolles vaselina, pero aí anda a señorita Kaplan toleando cos contos de medo e os calacús que compraron e a teima de ir pedir larpeiradas aos viciños, segundo me contaba onte por teléfono.
Non foi casualidade que a maioría das televisións emitisen onte cine de terror, nin que desde hai días haxa cabazas con dentes pintados nas froitarías e disfraces nalgunhas tendas, nin que até o viciño de diante colgase unha bruxiña de farrapo na porta.
Será que envellezo, pero a min estas tradicións de ida e volta, que lle queren, non me parecen senón unha americanización en toda regra, un produto indesexable da globalización; se tivésemos un presidente como Deus manda, ben máis se debía preocupar por esta vaga alienadora que por derrogar decretos ou atacar a lingua daquela desvergonzada maneira que lle coñecemos.
Non dubido xa que, ao paso que levamos, antes de morrer aínda me tocará ver como os meus netos celebran o día de Acción de Grazas.

martes, 20 de outubro de 2009

Inmune


(Grazas, Cam, pero contra esta xa estou vacinado)

domingo, 18 de outubro de 2009

18-O




Pois si, penso quedar na casa, pero só porque sigo resfriado, coa voz seriamente tocada e o corpo como se me desen unha malleira.
Eu non irei, pero a señorita Kaplan irá con súa mai e, segundo me contou onte por teléfono, vai levar unha pancarta enorme xunto aos nenos da súa escola.
Da súa ilusión e compromiso pola defensa do que é noso deberían tomar boa nota os impresentables que nos gobernan.

luns, 5 de outubro de 2009

martes, 15 de setembro de 2009

Touriñán



Leo aquí que Adega desenvolverá unha campaña/boicot contra os produtos de Pescanova, unha empresa galega que, infelizmente, mira máis polos seus intereses de mercado e marxes comerciais a curto prazo que polos de todos nós.
Eu non quero que se destrúa a nosa costa; quero un Touriñán protexido, sen piscifactoría, sen contaminación, e por iso apoio esta campaña.

sábado, 29 de agosto de 2009

Petición

Acabo de enviar, baixo a forma dun comentario ao seu blog, unha petición ao señor Bragado, director dunha das principais editoriais galegas e en galego, aproveitando a moi boa noticia da aparición nas tendas da tradución galega do Bartleby.
Non foi unha ocorrencia repentina nin ao chou, nin tampouco é unha cousa imposible ou absurda, principalmente agora que por riba da nosa existencia revoan aves de diferentes formas e cores:

Benvinda a publicación en galego de obras internacionais de categoría, sen dúbida. Pero, señor Bragado, para cando as editoriais galegas acometerán a publicación de libros de repaso de verán para nenos?
Sen dúbida é algo moito menos ambicioso, pero concordará comigo en que axudará a formar persoas comprometidas coa nosa lingua.
Este ano xa foi, pero a ver se o que vén é posible non lle ter que explicar á miña filla de 9 anos por que, se todos falamos galego e no cole os seus libros están en galego, ela non ten libros na súa lingua para o Verán.
Un saúdo.
Agora, a confiar e esperar.

xoves, 6 de agosto de 2009

Rúas



Lido onte na prensa: en 1936, e como consecuencia dos novos tempos, a coruñesa rúa Liberdade cambiou o seu nome polo de rúa Disciplina.

Toda unha declaración de principios que resume en dúas palabras 40 anos de represión.

xoves, 30 de abril de 2009

Catacumbas

Non me resisto a poñela.
A portada de Retranca axuda con enxeño a aliviar un trago que non por esperado se fai menos amargo: o flamante presidente da Xunta, entre as súas primeiras medidas, anuncia, significativamente na emblemática emisora da dereita máis rancia e montesía, o envío aos centros dunha circular con instrucións para garantir a «liberdade para elixir o idioma tanto ao profesorado como ao alumnado».
Ao parecer é tal a importancia da medida que nin sequera emana do conselleiro do ramo, senón do propio presidente; e é tanta a súa urxencia, que non pode esperar ao curso próximo nin á emisión da propia circular, senón que debe anunciarse pola radio, probablemente para levar a tranquilidade ás familias de tantos nenos e profesores perseguidos que sofren en silencio o acoso lingüístico, que até agora só na clandestinidade podían falar castellano.
Coma os mártires nas catacumbas.

sábado, 18 de abril de 2009

Petición

Comprendo que pode soar a intolerancia e a impaciencia inxustificable nun día coma este, coa que nos está a chover e á vista de como o seu predecesor no cargo habilmente descompuña e recompuña non xa só o idioma, senón até a propia linguaxe (do predecesor do predecesor mellor non falar), pero podería alguén informar ao flamante señor presidente de que en galego a palabra correcta non é crisi senón crise?
Compensará que llo expliquen e que el o asuma, pois sen dúbida á crise se ha de referir moitas veces, xa que teremos crise até quedarmos fartos.
E, oxalá me equivoque, presidente tamén.

mércores, 18 de marzo de 2009

Galegos

Esta mañá varias cousas se conxuraron para mellorarme o humor: para empezar, o incendio matinal que se repite cada amencer destes días, cando o sol me entra na casa mentres almorzo; despois, que hoxe ao serán volta a señorita Kaplan a Ithaca, e que por diante temos catro magníficos e primaverais días libres.
Sen dúbida todo iso está ben, pero falta que os xornais me traian a noticia definitiva: descubrir que, como no anuncio, eu non son tonto.
Ou así o cre a RAE, que suprimirá da nova edición do seu dicionario tan lamentable acepción, aínda que non deixarei de ser tatexo, vento do noroeste, lagarta de río, libeliña, ave palmípeda e dispositivo que nivela a cana de azucre antes de moída, entre outras cousas de manduca e farra ás que tamén me asocian, coma o caldo galego, o touciño galego, a gaita galega, o nabo galego e mais a trompa galega.
E cando me reúna cos meus amigos, coa miña familia, ou mesmo cando estea na aula cos meus alumnos, seguirei formando esa merenda de negros ou de tolos que evoca o horrible termo gallegada.
Iso si, cando me sente a unha mesa para xantar cos meus paisanos cómpreme levar un molete comigo, e, por sermos de pouco fiar, non sacarei nunca a man do peto da carteira, por se acaso.
Non é para morrer de gosto se así nos ven, se así lles parecemos?