Amosando publicacións coa etiqueta Cartos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cartos. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de xullo de 2011

Reacciona

Fago un altiño entre tanto cadáver e tanto misterio para cambiar as tornas e ler Reacciona, un libro totalmente diferente, aínda que polas súas páxinas bulen delincuentes e ladróns tan perigosos e faltos de escrúpulos coma os das novelas, se non peores, e tramas aínda máis negras e máis temibles, principalmente porque son completamente reais e nos afectan a todos.
Da proposta do economista Juan Torres López copio o final do seu artigo, coas seguintes propostas de sentido común:

Veñen a por todos nós e non van parar até o teren todo se non lles facemos frente.
As mentiras e a fraude están claras así que o que cómpre facer tamén o está: dar a volta ao que nos veñen dicindo. [...] Habemos de reclamar que se investigue o comportamento e a responsabilidade dos banqueiros que produciron a crise e que enganaron a miles de clientes e o das autoridades, coma o mencionado Caruana, que ocultaron o que se xestaba e permitiron que a economía se viñese abaixo para que os bancos e as grandes empresas seguisen saíndo a flote. Hai que impedir que miles de familias sigan a perder as súas casas e os seus patrimonios pola avaricia e os enganos da banca e hai que poñer fin ás políticas de recortamentos de dereitos porque non é verdade que nos vaian sacar do pozo onde nos meteron os multimillonarios e os grandes capitais, senón que nos van afundir aínda máis. Hai que saír á rúa a reclamarmos xustiza e poñer fin a tanta mentira.
Aínda está vostede a tempo. Non se deixe enganar máis e reaccione dunha vez!

luns, 7 de marzo de 2011

Subas

Hoxe, armado de civismo e parsimonia, empecei o día facendo prácticas: tentei manter os 110 pola autovía, sen adiantar e sen inmutarme cando pasaban á miña esquerda eses chiflados cos seus tolos cacharros nin cando até me adiantaban as cisternas do leite; ía xa pensando que me estaba a converter na miña propia avoa cando o risco de non chegar ao traballo me disparou a alarma e a adrenalina, e o coche pasou a 135.
Está claro que desde a semana próxima terei que saír dez minutos antes ou as multas acabarán comigo.
Pola mañá, os xornais pregoaban na rede aos catro ventos que o euríbor, ese foruncho, contraatacaba subindo nas últimas vinte e catro horas tanto como en todo o que levamos de ano, e o que lle resta.
A terceira, na frente: ao voltar para a casa, tan contentiño que eu ía coas vacacións recén estreadas, paguei a gasolina a 1'30 € (e iso que era no centro comercial e fixera eu case todo o labor).
Pola tarde a psicose era tal que pensei meterme na cama cun libro, ben embrullado en mantas e cobertores, para aforrar en calefacción mentres fóra o día ía poñendo cara de can. En lugar diso, adormecín na butaca do salón coma outras tardes, pero esta vez coa tele apagada, soñando tan só cos ñus que corren velozmente polo Serengeti perseguidos por grandes felinos africanos.

xoves, 21 de outubro de 2010

Non á visita papal


Eu non desexo que veña, e moito menos de gorra (ou de mitra, neste caso) cos meus impostos, que en tempos coma estes deberían destinarse a cousas máis útiles e solidarias.
Se ti tampouco estás de acordo, podes asinar aquí contra esta visita indesexable, innecesaria e gorrona.

martes, 31 de agosto de 2010

Tesouro


No fondo dunha gaveta da casa dos meus pais apareceron un destes días tres vellas moedas de 10 céntimos, tan gastadiñas que apenas se ve nelas o xenete gravado nunha das caras e na outra a galiña coa barriga chea do que larpou (castelos, leóns, barras, cadeas).
Imposible saber canto levarían alí nin quen as gardou ou esqueceu, nin por que ninguén argallou antes na gaveta do tesouro.
Na sobremesa de hoxe volvemos os ollos ao túnel do tempo, e meus pais dividiron e multiplicaron con soltura e saudade, pasando os céntimos a reás e a toda a fauna fraccionaria, e viceversa, antes de repartirmos o escaso botín: daquelas tres gastadas moedas de aluminio, unha foi para a miña sobriña, outra para min, e a miña mai quedou (de novo) coa terceira.

martes, 24 de agosto de 2010

Efectos colaterais

 A crise segue a deixar ver efectos colaterais inesperados: neste país noso os desempregados descubren que os avós poden redondear as contas familiares coa pensión e coa cartilla, e até axudando a criar os máis pequenos.
Até aquí nada novo, salvo que agora e coa que está a caer xa hai quen empeza a levar de novo para a casa os parentes que aparcou na residencia hai unha chea de anos, naquel tempo en que soñábamos que éramos ricos e modernos, e os vellos molestaban porque queríamos ir á praia como todo o mundo e estábamos xustos no piso e necesitábamos coche grande e novo, e aborrecíamos as enfermidades e a bata de boatiné, as pesetas cautelosas e as historias do estraperlo que tan mal casaban con todo aquilo das hipotecas subprime, o fresh banking e o diñeiro fácil.
Isto, que parece un guión de cine, contáronllo á miña irmá off the record nunha residencia pública, un destes días; despois de meses batendo contra o muro implacable das listas de espera, vemos como a crise reduce as solicitudes, aumenta as vacantes, e inesperadamente vai porfín deixando libre o camiño para as miñas tías.

sábado, 12 de xuño de 2010

Conciencia europea

Outro vídeo, directamente desde a miña arca de correo electrónico ás conciencias de todos os europeos de ben: a intervención de Daniel Cohn-Bendit no Parlamento Europeo sobre a axuda económica a Grecia.
Quen mo manda tamén escribiu: Xa que os medios de masas non o difunden, para que estamos nós?

xoves, 10 de xuño de 2010

Onde, cando

É ben sabido que a quen máis madruga máis cedo lle devolve Facenda, e eu xa teño ingresada a pasta; é máis, dividín o botín en tres partes (non necesariamente iguais): cunha delas comprei aos meus socios un novo pedazo do tobo, talvez a parede que teño ao lado e me separa dos viciños ou o alicatado da cociña ou a tarima do chan; a segunda está destinada a seguir o precepto bíblico de medrar e multiplicarse, se ben é certo que con todas as cautelas; coa terceira parte pagarei a vacacións.
Cando xantei con Teddy o Luns só tíñamos certo onde non íamos ir: a barbarie e os odiosos procedementos dos israelitas contra Gaza disolveran o proxecto de coñecermos Xerusalén. Está claro que non se pode chamar ao boicot contra Israel e logo cometer a indignidade de viaxar alí, facendo gasto nos seus hoteis, comprando nas súas tendas e paseando polas ruelas da Cidade Vella como se se tratase dun país amigable.
Así que en canto montei no coche de Teddy xa lle adiantei que lle ía facer unha oferta que non podería rexeitar, e así foi; leveille tamén unha guía, é certo que un pouco anticuada, para que vaia estudando os nomes das comidas e como saudar e agradecer en lingua turca, que se pode visitar e como funcionan os transportes en Bizancio.
Se o onde parece estar resolto, o cando segue a ser un enigma: todos os anos, os pais da señorita Kaplan organízanse para as vacacións, pero esta vez estamos pendentes das datas dun curso que a Consellería concedeu á miña ex, polo que hai que esperar.
Teddy acepta sen obxeccións: a fin de contas, o retraso da nosa fuga turca non ten por que invadir os prazos das verdadeiras vacacións del, as de finais de Agosto con Deni ás praias deste lado do Mediterráneo.
Polo momento, e sen moita urxencia, cómpre ir ao fotógrafo e renovar o pasaporte.

domingo, 6 de xuño de 2010

Evidencias

Cada mañá, a economía achégase a tomar café connosco, unhas veces nos bicos dos pés e outras atropeladamente; Venres, ademais, apareceu collendo da man á folga da semana que vén, que segundo confesamos sucesivamente ningún de nós secundará.
A diferenza doutras veces, esta ninguén se xustifica con renovacións de cociñas nin traumáticas experiencias doutrora; da dereita á esquerda, desde Chicles no Pelo á ultimamente moi combativa Erg, ninguén está disposto a parar a estas alturas de curso, a asumir un desconto antes da redución de salario, a protestar polo que non ten remedio.
Iso si, que se propoña eliminar as viaxes de vellos España adiante con subvención do Estado, que alguén descubra que mesmo tras o divorcio os ex cónxuxes seguen con dereito a parte da pensión do falecido, e que até se lembren os centos de millóns de pesetas que non foron cambiadas por euros, son evidencias de que a xente anda á rebusca do que se pode recortar antes de empezar a vender as alfombras e a prata.
Como aportación, eu anuncio que de momento xa me dei de baixa da televisión por cabo.

domingo, 23 de maio de 2010

Pesetas

Non sei se pola debilidade da moeda única a respecto do dólar, se polas oscilacións da bolsa, pero xuro que onte ao serán un dos mendigos que se emborrachan na porta do Carrefour Express me pediu, literalmente, que lle dese unhas pesetillas para poder mercar comida.
E eu non mentín cando lle dixen que non levaba.

sábado, 22 de maio de 2010

Santa Rita, Rita, Rita...

Estes días dixéronme dúas cousas relativas ao meu traballo: a primeira, que Santa Rita, padroeira de imposibles, tamén o é dos funcionarios; polo menos dos funcionarios da administración local, pero aos sindicatos iso dálles igual e convocan e apoloxizan e protestan na data da súa santa como se estivésemos no nacionalcatolicismo (que ao mellor o estamos).
A segunda, dita através de contundentes argumentos que van directamente á carteira e á nómina, é que o meu traballo vale menos pois me/nos van rebaixar o soldo, ninguén sabe aínda até onde, por facer o mesmo, e aquí non pasa nada.
Que non vaia á folga convocada para Xuño non significa que non me indigne o fácil camiño do medio que toman estes para tentaren salvar os mobles; así e todo, fago titánicos esforzos para non emitir sentencias cebolletas sobre este mar de expolios e recortes tras tanto alegre despilfarro, cousas como que xa o dicía eu ou que estaba visto ou, como diría miña mai, que de noites de moito rir veñen mañás de moito chorar.

sábado, 8 de maio de 2010

Sangría

Un simple e-mail procedente da dirección ten o claustro alporizado nos últimos días; non é un e-mail calquera: non trae información sindical nin oferta material didáctico nin anuncia exposicións ou convocatorias.
O e-mail recolle con austeridade espartana a vida social do meu centro mostrando unha ferocidade recaudatoria para obsequios que non sei se indigna máis pola minuciosidade dos tramos contributivos ou pola imposible escapatoria á sangría: as xubilacións cotizan a 12'00 €, os casamentos a 10'00 €, os traslados a 8'00 € e os nacementos a 5'00 €.
Non hai que facer moitas contas para comprender que a xubilación, o traslado, as dúas bodas e mais o bebé que trouxeron estes meses me van deixar a carteira conmocionada e certo mal sabor de boca.
Conspiro polos departamentos botándolle leña ao lume e xurando non me deixar desplumar máis indo ao xantar-homenaxe previsto para Xuño e aínda non presupostado; non son o único que renega da sangría: mentres tomamos café no recreo, Erg até me pide en matrimonio por ver se o ano que vén recuperamos algo do que investimos este.
A idea, se ben se mira, non é mala pero non hai que tomala á lixeira, así que quedamos en que Luns lle darei a resposta.

domingo, 21 de febreiro de 2010

sábado, 30 de xaneiro de 2010

Números

Como en todas as empresas e traballos, onte no noso café falouse do retardo até os 67 da idade de xubilación; todos lembramos os famosos e estériles 400 eurazos, as prexubilacións, a corrupción dos políticos, a burbulla inmobiliaria, o cheque-bebé, a renda de emancipación para mozos e outras subvencións inverosímiles que nos fixeron soñar que vivíamos nun país diferente, para agora irmos acordando de sobresalto en sobresalto.
A opinión xeral é que de todos aqueles ventos viñeron estas tempestades á primeira crise, e mesmo o profesor de historia, oráculo do seu, proclamou que estaba claro que estes van perder as próximas eleccións, ao que a Nena-dos-Chicles-no-Pelo repuxo, lapidariamente, que até eles mesmos o saben, e a seguir engoliu un deses cruasáns de xoguete que nos poñen co café como se fose o propio Presidente, con traxe e todo.
Logo todos nos entregamos a cazar números e facer contas: a min réstanme daquela 23 anos, tres máis dos que xa levo traballados. Estou, pois, nel mezzo del cammin di nostra vita; un camiño que polo visto leva a un lugar que dá bastante medo.

xoves, 31 de decembro de 2009

2010

(Decreto da Lingua, Desemprego, Economía, Deflación, Globalización, Endebedamento, Crise, Antiabortistas, Terrorismo, Recesión, Políticos de medio pelo, Desconfianza, Violencia de xénero, Corrupción, Suba de impostos, Crispación, Cregos intolerantes, EREs, Xenocidios, Cambio climático)



Feliz Ano Novo?

martes, 29 de decembro de 2009

9 cousas que facer ao final do ano


  1. Limpar o escenario do crime; volveremos empezar, esta vez con menos peixes. Polos nomes non hai problema, que o nomenclátor homérico dá para un oceano.
  2. Confirmarlle a Calmo que irei a Delfos, que podemos ir ao cine ou algo, que cearemos e que pasarei a noite alí.
  3. Volverlle a Tere Holmes aqueles libros que me prestou e que non dei lido; despois de dous anos están tan aclimatados baixo a súa capa de pó que non me estrañará se botaron raíces.
  4. Argallar un bon pretexto para convencer a meu pai de que non siga ameazando con facer limpeza no rocho.
  5. Por se non o dou conseguido e as cousas se poñen feas, argallar tamén outro bon pretexto para non o ter que axudar.
  6. Pedir cita no dentista só por manter vivas as tradicións: comezaremos o ano coa tradicional limpeza bucal e os tradicionais empastes.
  7. Pedir cita tamén no mecánico, pero esta vez para o coche, que seguramente necesitará que lle cambien a correa de transmisión.
  8. Odio que sexa a estas alturas, pero non hai xa remedio: facer un ingreso a favor de Amnistía Internacional.
  9. Aceitar que toleei, que son un comprador compulsivo e un nostálxico aberrante para, a seguir, coller 116 eurazos e un cupón de desconto que teño por aí e comprar a colección completa de Doutor en Alaska para Reis.

xoves, 17 de setembro de 2009

Léxico

vodismo, s.m. (neol.) 1. Dise da celebración na mesma cerimonia do casamento de dúas persoas e, inmediatamente despois, do bautismo do fillo ou fillos de ambos. 2. Banquete que segue a esta celebración. 3. Conxunto de ritos e costumes que precede e integra a celebración, entre eles a escolla e compra de agasallos, a renovación do vestiario dos invitados, as despedidas de solteiros e outros gastos accesorios. [Pode tamén escribirse con b]

xoves, 30 de xullo de 2009

Euríbor


Estou que non collo en min: comunícanme da Caixa para quen traballo que grazas a san Euríbor, patrón das hipotecas, o próximo ano pagarei 214'10 € menos cada mes.

martes, 16 de xuño de 2009

Gastos

Hoxe, patrioticamente, inxectei liquidez na economía do país; xa anunciei que era cuestión de tempo meterlle o dente á devolución do IRPF, así que ao serán voltei para o tobo cun billete de avión, un mp3 bastante molón, unha tarxeta de memoria para a cámara, un par de camisas de verán, unha caixa de paracetamol 1 gramo, e un sorriso de les a les que non deron apagado os dous quilos de exames que aínda fermentan sobre a mesa.
Ademais, aprendín unha cousa: se cargo na tarxeta por riba dos 600 eurazos, a miña conta emite un S.O.S. inmediato en forma de mensaxe de móbil.
Isto, en case dous anos, é a primeira vez que sucede.

sábado, 16 de maio de 2009

Devolución

Onte foi día de contas con Facenda: o borrador, que me era favorable, viuse sobrepasado pola realidade, de maneira que volvo para a casa facendo as contas da leiteira, sen cántaro e, espero, sen mala sorte.
En números redondos é o soldo de un mes, que servirá para inxectar liquidez na economía aínda que polo de agora non sei baixo que forma. Está claro que amortizarei un pico da hipoteca e que non cambiarei polo momento de coche, diga o que diga Polis; tampouco teño moi claro que vaia renovar o colchón, moi cómodo aínda cos seus anos, nin comprar un televisor con pantalla plana ou un novo ordenador, esta vez de mesa. Non nego que pensei nunha escapada a Estambul, en matricularme nun curso de inglés no estranxeiro ou en levar a señorita Kaplan en Xullo a coñecer Venecia, sen darme decidido por nada.
Parentes e amigos tentan contaxiarme os seus propios soños, e renovar o vestiario, cambiar de móbil, poñer cortinas no estudio, investir na bolsa ou comprar un home cinema son propostas tentadoras, pero que non me enchen o ollo.
Empezo a pensar na razón que tiña o varrendeiro Doolittle ao rexeitar as dez libras de Higgins porque eran moito diñeiro e logo o viraban tan prudente a un que non se atrevía a gastalas.
Ai, co ben que estaba eu coa devolución do borrador!
(Mentira cochina, só necesito tempo para decidirme)

mércores, 13 de maio de 2009

Pensións

Sempre nos ten que tocar a nós, laiábase Cam hai uns días na sala de profesores, lendo no xornal as previsións económicas.
Que haberá que retrasar a idade de xubilación se queremos salvar o sistema e garantir as pensións máis alá do 2025, como dixeron desde o Banco de España, ou a ver que pasa, é con certeza unha advertencia que vai dirixida principalmente a nós, e si, Cam acerta de pleno.
Nós, que fomos a xeración do baby boom; nos, que formamos parte daquela morea de rapaces e raparigas que, nos anos finais da ditadura, houbo que apretar en aulas de 40 e 42 alumnos para que fixesen a exebé naquelas fichas de Santillana; nós, que cos nosos xerseis de la e as botas gorila fomos o símbolo da recuperación económica da posguerra, dos XXV anos de paz, dos avances da sanidade, e da última explosión da natalidade antes da legalización dos anticonceptivos.
Así pois, querida Cam, hai que prepararse porque, en quince anos e se alguén non o remedia, a nós tocaranos ser o símbolo lamentable e multitudinario dun país envellecido e oportunista, onde prexubilarse alegremente con cincuenta ou menos anos segue a ser para uns coma o gordo de Nadal, e un motivo de envexa para todos.