luns, 7 de marzo de 2011

Subas

Hoxe, armado de civismo e parsimonia, empecei o día facendo prácticas: tentei manter os 110 pola autovía, sen adiantar e sen inmutarme cando pasaban á miña esquerda eses chiflados cos seus tolos cacharros nin cando até me adiantaban as cisternas do leite; ía xa pensando que me estaba a converter na miña propia avoa cando o risco de non chegar ao traballo me disparou a alarma e a adrenalina, e o coche pasou a 135.
Está claro que desde a semana próxima terei que saír dez minutos antes ou as multas acabarán comigo.
Pola mañá, os xornais pregoaban na rede aos catro ventos que o euríbor, ese foruncho, contraatacaba subindo nas últimas vinte e catro horas tanto como en todo o que levamos de ano, e o que lle resta.
A terceira, na frente: ao voltar para a casa, tan contentiño que eu ía coas vacacións recén estreadas, paguei a gasolina a 1'30 € (e iso que era no centro comercial e fixera eu case todo o labor).
Pola tarde a psicose era tal que pensei meterme na cama cun libro, ben embrullado en mantas e cobertores, para aforrar en calefacción mentres fóra o día ía poñendo cara de can. En lugar diso, adormecín na butaca do salón coma outras tardes, pero esta vez coa tele apagada, soñando tan só cos ñus que corren velozmente polo Serengeti perseguidos por grandes felinos africanos.

1 comentario:

A nena do paraugas dixo...

A verdade é que ás veces o único que apetece facer é meterse ao quente, no sofá, cun libro e deixarse adormecer pola historia que conta, sen saír ao mundo exterior, no que todo se volve presión e prohibición.

Un saúdo.

(Eu xa me afixen os 110. Ao prezo do gasóleo aínda non...)