domingo, 27 de marzo de 2011

Testamento

Onte tocaba visita ao tío H., o irmán da miña mai, e aló nos fomos: en lugar do queixo, o pastel e o xerriño de mel levábamos un prato de filloas, un cartón de tabaco e dous puros da boda de Carlos e Vero, clientes do meu cuñado, que está a deixar de fumar.
Sentamos con meu tío naquela sala en que o tempo se detén e, dando un pinchacarneiro, salta para atrás mentres os dous irmáns falan dos pais e dos avós, daquela noiva que el tivo e dos amigos do bacharelato, todos mortos ao parecer; meu tío, coa barba longa e grisalla ao Walt Whitman que non convence nada a miña mai, declara que está preparado, que un día destes foi ao notario facer testamento, que hai un traxe no armario e cartos na caixa de aforros para o enterro, e que quere ser enterrado xunto aos seus pais.
Non quere nin cura, nin esquelas nin flores, pero si un gaiteiro que lle toque no cemiterio a Alborada de Veiga e mailo Himno; para daquela a miña mai xa esqueceu a non coidada barba pondaliana e o aspecto de bardo do meu tío, e cando voltamos vén rosmando no coche que seu irmán definitivamente perdeu a cabeciña.

17 comentarios:

Chousa da Alcandra dixo...

Dille a túa nai que o tío H unicamente ten ese mal que a tantos nos afecta e que se resume en: " A cabesiña non paaaaara". E, polo que se ve, incluso para testar hai que darlle á testa...

En todo caso escolleu boas pezas o tio H. Eu asinaría tocarllas no seu enterramento e tamén acordaría que as toquen no meu (con tal que non sexa o flautista de Vigo o que interprete. Que teño outras preferencias).

Saúde e retranca

X dixo...

Gústame o testamento do tío H. e gustaríame moito saber do que tramou a súa cabeza pondaliana antes de chegar a esa decisión.
E xa postos, tamén me gustaría saber cal foi a súa reacción ao escoitar a seu tío. Saúdos.

X dixo...

Aissssssss, señor Kaplan, xa volveu poñer as palabriñas esas do demo para poder publicar!!!

Bolboreteira dixo...

Eu xa coñecín un señor que deixo escrito no seu testamento que contratasen a banda do seu pobo para que tocase no seu enterro,foi todo un acontecemento e saiu en moitos programas da tele.
Era un home con moito sentido do humor e moita retranca galega, o que tiven moito aprecio.
Parécemen xeniais estes testamentos.
Bicoss!

Guillermo Pardo dixo...

Un señor precavido o teu tío. E tamén con bo gusto pola música. Bonita historia. Saúdos.

mariajesusparadela dixo...

Pois eu tamén prefiro un gaiteiro a un crego.

mfc dixo...

Como estas cenas me são familiares!
Afinal o mundo é mesmo muito pequeno!

Concha López Fernández dixo...

Comparto a idea e gustaríame que no meu enterro toque un gaiteiro. Ou unha gaiteira. Ou ambos... E que sexa a Negra Sombra e o Himno...

A nosa xente maior ten moita cabeza e moito que ensinar. Dá gusto poñer a orella aos seus contos e relatos de vida!

Un saúdo.

Xan dixo...

Parécenme unhas disposicións moi cabais.

xenevra dixo...

Unha boa maneira de perder a cabeza: argallando festas ;)
(Eu sempre penso que para que hei dicir nada se han facer o que queiran)hahahaha

zeltia dixo...

A min, como aos outros comentaristas, paréceme un signo de cordura.
Hai persoas que se esforzaron toda a vida en deixar as cousas ben rematadas, e teu tío parece desas, porque pensou en todos os detalles: o traxe, os cartos... e eu que sempre pensaba que cando morrera xa me enterrarían antes de empezar a cheirar!, que enterrar aos mortos é cousa dos vivos, que aos mortos xa non lles compete.
Pero vendo o complicado que se pon enterrar aos mortos, xa empezo a ter compasión polos que me queren e igual cambio de política -se me da tempo- e deixo disposicións e cartos no banco para levalas a cabo.
Mira, dille a túa nai que gaiteiro xa tedes, que se ofreceu Chousa! -vaia coa manía que lle ten a Carlos Núñez!-
bicos (e tamén para Chousa, xa que me meto con él, extensivos a todos os comentaristas. Sonche moi de dar bicos eu)

Anónimo dixo...

pois eu coido que de írselle a cabeciña nada, mais ben todo o contrario... eu fai anos que xa testei ¿por qué non se ha deixar as cousas claras?, é ben para todos os que quedan.

estar preparado para morrer (cando teña que ser) paréceme ben... o que pasa é que túa nai non quere pensar en que un día seu irmá tamén lle dirá adeus, e a entendo.

biquiños,.
Aldabra

bueno dixo...

Kaplan, obrigado por nao ter se esquecido de mim. Um abracao apertado!

Anónimo dixo...

Estiven en Varsovia fai uns tres anos, foi só unha fin de semana pero pareceume unha cidade encantadora, sobre todo pola xente, toda moi amable. Chapurreando inglés te entendes con calquera. Sorprendinme tamén de encontrar persoas que sabían español, ata vimos unha rapaza no bus lendo "El Quijote". Sí que había un contraste entre as áreas máis novas e as vellas mais pobres pero é como en todos os lugares onde vaias.

Encantaríame voltar. Non sei como estará na actualidade a cidade, quero pensar que mellor.

O parque que deixei no meu blog é unha maravilla, como entrar nun lugar de conto, alomenos eu o recordo así. Supoño que todo dependerá dos ollos conque se mira.

Así que veña, busca un vóo baratiño e voa a Varsovia. E logo nos contas.

biquiños,
Aldabra

paideleo dixo...

Pois paraperder a cabeza ten as ideas ben clariñas.

Sun Iou Miou dixo...

Eu tamén testei xa (testamento vital e mortal), e teño a incineración paga. Canto ás disposicións derradeiras, que fagan comigo os vivos o que lles pete. Eu se fose estar presente pediría algunha cousa, como que non botasen as miñas cinzas en ningures, que sempre queda ridículo cando sopra o vento e llas chimpa ao persoal no fociño ou caen (por falta de vento) todas no mesmo sitio porque pesan coma un morto e alá vai a poesia. Preferiría que fixesen un buraco na terra e que as enterrasen (sen a urna, que son feas con avaricia) lonxe de calquera planta decente, non a vaia matar despois de morta. Pero como lle digo, xa que non vou estar, creo que estas cousas post-mortem as deben resolver os vivos da maneira que mais consolo (se o necesitan, que será moito supor no meu caso) lles dea.

Paulo Ramos dixo...

Ao envelhecermos,
tornamo-nos mais loucos
e mais sagazes.

La Rochefoucauld