Amosando publicacións coa etiqueta Infancia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Infancia. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de setembro de 2011

Cando era pequeno...

Máis dunha vez teño pillado memes e preciosas ilustracións en  Librosfera, un estupendo blog sobre libros e bibliotecas que contén auténticos tesouros de todo tipo. Nesta ocasión escollo un meme (supoño que xa comezou a desbandada) que toma como pretexto e título Cando era pequeno...

...un compañeiro e eu escapamos da escola para ver as feras dun circo que se instalara nun solar enfrente. Ao voltarmos o portalón estaba pechado e unha señora que pasaba, aínda que nos viu co mandilón posto e a carteira na man, pensou que estábamos perdidos e levounos ao cuartel da policía municipal, onde nos botamos a chorar como dous descosidos. Tanta pena lle debemos dar ao garda que nos levou á casa que polo camiño nos comprou un xelado a cada un.
A aventura acabou ben: miña mai conta que levou tal susto ao abrir a porta e verme enzoufado de chocolate e collido da man do municipal que nin sequera me castigou.

...quería ser arqueólogo e ir escavar tumbas a Exipto. As miñas primeiras prácticas foron no solar do antigo cemiterio, onde hoxe se erguen o Gran Hotel, a Biblioteca e a casa da tía C.  Ao saírmos da escola aproveitábamos que meu avó se entretiña falando cos amigos para meternos entre os muros derrubados e pillar tesouros como anacos de mármore e cravos enferruxados. O día que atopamos un cráneo desdentado entre uns cachotes o xogo perdeu a graza e non voltamos máis. Xúroo.

...había poucos libros na casa, e sempre estaba relendo as mesmas cousas. O record absoluto teno A illa misteriosa de Xulio Verne, que lin nada menos que dez veces. As cousas melloraron cando me fixen socio da Biblioteca Pública aos doce anos e se ampliou a dieta.

...meu avó vivía connosco e os domingos en canto acordaba ía meterme na cama del. Un día atopeino coa boca aberta, e tan quieto estaba que pensei que estaba morto. Como non era cuestión de alvorotar a todos sen motivo, collín un espello pequeno do bolso da miña mai e achegueillo ao nariz, supoño que o vira facer no cine ou na tele. Repentinamente, daquela o avó abriu os ollos e os dous acabamos berrando co susto.

...íamos miña irmá e mais eu á misa cos avós paternos e a miña avoa sempre nos daba un peso para botarmos na cesta da colecta. A min aquilo non me parecía xusto, así que dentro do peto cambiaba de moeda e botaba unha peseta sen que ninguén se enteirase.

Teño moita curiosidade por saber que historias nos van contar Zeltia, Aldabra, Noe Pastor, Paideleo, X de Esmelle, Jorge, Sigrid de Thule e Chousa de Cando eles eran pequenos... pero se agora de adultos non queren respostar tampouco vai pasar nada

luns, 25 de xaneiro de 2010

Estatua

Nos últimos días foron poucas as conversas en que alguén non me comentou que quitaran a ditosiña estatua, como se fose un ben moi prezado ou como se con ela se fose unha parte de nós que se resistía a marcharse.
Era unha estatua horrible dun home horrible, digna dun tempo tamén horrible que non damos borrado de nós, coma unha tinta negra e indeleble.
Para mostra, dous botóns: miña irmá xura e perxura que, cando íamos de cativos pasarmos os veráns a Brigantia, ela e as amigas xogaban ás casiñas á volta do adefesio, e que até lle pasaban por entre as pernas como se formasen unha porta, cousa toda esta que eu non lembro pero que, de ser certa, demostraría o valor da miña irmá e o moito que perdeu a Lexión por non aceptar mulleres, e é que a estatua era como para saír correndo.
O outro botón é de bragueta e débollo a Polis, ese gran entusiasta das historias inguinais, hai polo dúas décadas, nunha noite de farra brigantina: como o brutal modelo da estatua mutilada non só perdera no Rif un ollo e o brazo esquerdo senón tamén un testículo, Polis non sabía cal pero non importa, Celia Gámez, que foi recoñecida amante do xeneral moitos anos, coquetamente se refería a el como o meu perfumador.
Como soubo isto Polis nunca o cheguei a saber, ou se mo dixo xa non o lembro, pero a historia deu moito xogo aquela e outras noites.
Agora, ao mirar na foto que os xornais publicaron o vulto sinistro e fantasmal colgando dun guindastre, sorprende que un tipo que entrou na historia ao berro de Viva la Muerte! puidese ter un monumento nun país civilizado. Pero xa nos coñecemos.

domingo, 27 de setembro de 2009

Vergoña

Unha consecuencia de estudar nunha escola masculina, cocéndonos durante horas naquela disciplina rancia, nas nosas incipientes hormonas e na nosa propia estupidez, era a necesidade que tiñan algúns de iren á saída até a escola das nenas para molestalas.
Elas, moito máis normais, xogaban ao peletre e á goma, e marcaban con pedras as paredes imaxinarias das casas dos seus xogos até veren aparecer no horizonte a horda de brutos de quinto e sexto de EXB que lles varrían a paz.
Confeso avergoñado que máis dunha vez me deixei arrastrar a aqueles pogromos, non moitas porque a miña irmá estudaba nesa escola, pero si as suficientes para estar e non facer nada o día en que a unha das cativas lle pegaron chicles no pelo, que levaba longo e en dúas colas brillantes e negras coma o carbón.
Como era amiga da miña irmá, sei que na casa lle tiveron que cortar o pelo, que a mai da pobre se foi queixar á escola, pero que alí non pasou nada.
Aos dous imbéciles que fixeron aquilo non os volvín ver, aos outros imbéciles que estaban tan calados coma min tampouco, pero desde hai unha semana a nena-dos-chicles-no-pelo é profesora no meu instituto, e o primeiro que me chamou a atención ao vela é que o pelo agora o leva curto.
Como a miña irmá non se lembra do caso, aínda teño a esperanza de que a miña nova colega tampouco se lembre ou morrerei de vergoña.

sábado, 12 de setembro de 2009

Pillados

Bastou un día (o primeiro deste curso para a señorita Kaplan) para que o castelo de area dos Reis Magos se viñese abaixo arrastrando consigo o iglú (ou o que queira que sexa) de Papá Noel e até a caixa de galletas que unha vez habitou o Rato Pérez.
Ao parecer, en cuarto de primaria un xa é grande de máis para crer en certas cousas e, aínda que a señorita Kaplan tiña xa as súas sospeitas (iso de que os pais deixásemos que un rato se metese no cuarto e fosgallase baixo da almofada dos nenos para levarlles os dentes era especialmente raro), agora os brutos de quinto encargáronse de disipalas para sempre. Kaput.

martes, 24 de marzo de 2009

Rosebud

Á medida que pasan as semanas, e meu pobre tío se dilúe nelas con verdadeira teimosía, vese como o único que vai restando son episodios que a miña tía comeza cun sempre e a seguir conta en pretérito imperfecto: sempre ían pasear por Punta Herminia, sempre compraban a carne en tal sitio, sempre xogaban á brisca pola tarde se chovía, sempre pensaban en volver a Ithaca.
Miña mai remóntase moito máis atrás, e conta que meu tío sempre conseguía aceite no estraperlo, que sempre lle daba dous ou tres pesos para acabar o mes ou que sempre lle gustaba almorzar na cama os Domingos.
A escena é lenta sobre o café, e a min lémbrame non sei que escena dalgunha novela de Azorín en que tamén se fala sobre un morto recente. Miña tía e meu primo viñeron a Ithaca aproveitando o bon tempo para visitar a sepultura polo día do santo; meu primo sabe que hai que superar todo isto antes ou despois, as arañeiras e os fantasmas, seguramente conta con certo humor que meu tío, que sempre fora xordo, recuperou o ouvido un par de semanas antes de morrer; e o máis soprendente de todo, que meu tío, que sempre fora contable, pasou case dous días facendo contas mentalmente, sumando e restando e demais mentres besbellaba números de non se sabe que; logo, conta meu primo, entrou en agonía e morreu ao amencer.
Sinto a señorita Kaplan cazolear na sala co cibercadelo. Ocórrenseme dúas cousas mentres miña mai e miña tía volven á carga e meu primo cala e se fai outra cafeteira. A primeira é que teño que contar isto no blogue; a segunda é de mal agoiro: póñenseme os pelos de punta só de pensar que podo pasar os dous últimos días da miña vida facendo mentalmente, poño por caso, análises sintácticas, perdido entre obxectos directos, circunstanciais e atributos antes de entrar en agonía e morrer.

domingo, 1 de febreiro de 2009

Orzán

Onte xantando miña mai contou que soñara que o irmán máis vello dela se deitaba na mesma cama en que o bisavó durmía.
Esta mañá chamaron de Brigantia para anunciarnos que o irmán máis vello da miña mai e meu padriño morrera de madrugada, así que mañá o deitaremos no lugar mesmo en que dormen os avós e o bisavó.
Antes de saírmos para o tanatorio, procuro na memoria a máis antiga lembranza do meu tío, e a que atopo é a da primeira vez que vin o mar: foi un serán dourado de Xullo, no Orzán, e meu tío estaba alí para animarme a comprobar co dedo que aquela auga que corría en regos pola praia ao baixar a marea estaba realmente salgada.
Eu tiña máis ou menos os mesmos anos que ten agora a miña filla, e o mar pareceume moito máis grande e moito máis ruidoso do que imaxinara.
Antes de saírmos para Brigantia, pregúntome se esta noite o Faro alumará igual que as outras noites.

venres, 30 de xaneiro de 2009

Día da Paz

Como cada ano, este día lémbranos que vivimos nun mundo que é un desastre, pero no que moitos aínda temos esperanza; nesta ocasión, ademais, e grazas a José Mário Branco e a súa Ronda do soldadinho, lembramos as vítimas máis inocentes de todas: os nenos e nenas.
Mortos, mutilados, asustados, violados, tomados como reféns e escudos humanos, mobilizados como soldados, abandonados á súa sorte cando o conflito remata, privados de todo porvir e xerme de futura violencia.
Son probablemente a maior miseria, a maior vergoña que levedan as guerras. Malditas sexan!

xoves, 27 de novembro de 2008

Poeta de garda

Para os da miña xeración, Gloria Fuertes foi a poeta machorra da inconfundible voz, das rimas fáciles e un pouco petardas, que saía nos programas infantís recitando versos e historias case surrealistas.
Logo medramos, e ela seguiu exactamente no mesmo lugar, como defendendo o baluarte para outros nenos coa mesma idade que tivéramos; nós, arrogantes, considerámola ridícula, e durante anos non houbo festa ou celebración en que non a parodiásemos.
O tempo, que pon a cada un no seu lugar, fíxonos descubrir que en realidade nós éramos os ridículos, e ela unha muller con talento, que sabía que o mundo mellor estaba xunto aos nenos. Lembrámola hoxe, aos dez anos da súa morte, cun dos seus poemas (Ante un muerto en su cama):

¿Dónde estarán las abejas que hicieron
la cera de tus cirios?
¿Dónde habrán ido a parar los primeros
cuadernos que escribiste?
¿Dónde tu primera novia que no presiente
que te has muerto?
¿En qué paisaje te has estremecido
para ir a decirle que estás, quieto?
(No es lo peor morirse, lo angustioso
es que después, no puedes hacer nada,
ni dar cuerda al reloj,
ni despeinarte
ni ordenar los papeles...)

Te comprendo, estás triste.
-Intento consolarte-.
Si valiera decirte que te has muerto sobre tu cama limpia,
que tu alcoba la estaban rodeando los amigos
que se hizo todo lo posible por curarte
-que te estaban rallando la manzana-,
y que estaban bajándote el termómetro
y el más creyente rezaba muy bajito.
Piensa en los que no mueren en su casa,
en los que mueren de pronto en un accidente,
o en esa mayoría que se van, en la guerra.

Ya han venido los de la Funeraria,
estás sobre una alfombra y tienes cuatro cirios,
un crucifijo blanco y un coro de vecinas;
que no te falta nada
y que estás muy bien peinado.

sábado, 16 de xuño de 2007

1977

Como case todo o mundo, vivo estes días a grande vaga de saudade pola conmemoración das tres décadas (deus!) das primeiras eleccións; a televisión ben que se ocupa de botarlle leña a ese lume, e así o Xoves inexplicablemente quedei callado até as tantas diante da pantalla, os exames fermentando mentres, para ver tristes imaxes en branco e negro de políticos hoxe inverosímiles con aquelas gafas de pasta, os traxes raiados, o bigotiño, a breve liña branca do pano no peto xunto á lapela.
Daquela tiña once anos; o curso, 6º de EXB, achegábase ao final como se achega este, e eu manobraba para que me comprasen a BH de carreiras que sustituíse a oxidada bici herdada do meu primo; así sería en parte, porque non foi de carreiras senón unha de paseo sen marchas para compartir coa miña irmá.
Das semanas previas lembro discusións na mesa e os libros de texto tatuados con adhesivos da propaganda electoral que íamos pedir nas sedes dos partidos ou que cambiábamos como se fosen cromos; mesmo conseguín un cartaz xigantesco, este que ilustra o post, para a parede do meu cuarto.
Do día da votación, a vergoña que sentín cando meu avó saltou a bicha dicindo que estaba poñéndose malo e que non podía respirar, o que nos obrigou a saír a fume de carozo, despois de meter os sobres nas urnas, para que non lle pedisen unha ambulancia.
Media hora máis tarde, tomando o chiquito cos amigos no Bodegón El Orensano (fronte á Catedral, hoxe alí hai un local de copas), afirmaría que levaba 41 anos esperando votar outra vez aos socialistas e que xa estaba vello para perder a mañá parado nunha bicha.

xoves, 23 de xuño de 2005

Saudade

Con esta calor infernal que converte Atenas nun forno, sen apenas variación entre o día e a noite, o final das aulas chega coma un bálsamo.
As notas están prontas e as avaliacións non serán até mañá, así que desfruto dun día completo para non facer nada; mellor dito: para facer tan só o indispensable, sentindo sen desacougo que estou a perder o tempo.
Entre o indispensable, as mil pequenas cousas que atravancan o carro: limpo o baño, rego as plantas, vou pagar unha factura ao banco, envío a Teo a copia de HQB, levo vidro e cartón á reciclaxe, vou ao supermercado... e compro o cómic do xornal: unha aventura do Capitán Trueno en Grenlandia que me leva, dando un virtual pinchacarneiro, a unha época distante que sabe a cheiw de menta e a fanta de limón; corre á miña volta unha chea de nenos en calzón curto rindo e dando voces polo castiñeiro que talarán anos despois; vimos da fonte con cadanseu garrafón de plástico, que deixamos na casa; collemos a merenda e imos agocharnos na cabana que fixemos no pendello do Silvosa con caixas de Lagarto, latas da Giralda e tambores de deterxente.
Repito os seus nomes mentres os sinto xunto a min, todos bocabaixo, abafados baixo o toldo, lendo de dous en dous os Truenos e os Jabatos: Suso, Tito, Paco, Aleixo, Luís, Marquiños (o máis novo, que morrería con 20 anos e unha filla que non viu medrar).
Paso a man pola cara, e a aspereza da barba faime regresar: non sei onde está aquela Íthaca en que vivín, aqueles que foron meus pais, aqueles cativos meus amigos, os Veráns con aquel sol que enchía os días dunha luz branquísima.
Unha luz como non volverá haber.

mércores, 20 de abril de 2005

Rumanos

A peixeira do meu barrio conta alporizada que esta mañá un rumano lle fixo limpar dúas xardas e, cando as tiña na bolsa, saíu a correr, naturalmente sen pagalas, e nunca máis se soubo.
Mentres o conta, as clientas móstranse indignadas: unhas falan da desvergoña desa xente, outras de que a culpa toda a ten o Goberno que lles permite entrar neste país honrado; ningunha delas di (e a miña covardía tamén mo impide) que cando alguén rouba dúas xardas é que por forza ten necesidade delas, que esa necesidade se chama fame, e que ao mellor detrás da escapada dos ladróns había mesmo máis vergoña e dignidade que nos comentarios que todas fan (mentres que eu calo).
Abrumado, pago as miñas dúas xardas e marcho para a casa con Melómano.
Mentres se asan e tomamos un vaso de rioja, Melómano tamén se queixa dos romenos: para el son sucios, vagos, perigosos; esgrime argumentos poderosísimos: lembra aquela família de Madrid degolada nun chalet para ser roubada, e sobretodo o incordio dos que venden clines e limpan paraventos nos semáforos, dos que paran a un na rúa a pediren esmola, dos que están co cartaz mal escrito diante dos supermercados.
Cústame acreditar o que oio e a quen llo oio, e cando non podo aturar máis ladaíña, cando empezo a estar tan cocido como as xardas, conto unha historia a ver que tal. No Palau en que aprendín a ler (eme a ma, eme e me, mi mamá me mima e todo iso), cando se chegaba a ra, re, ri, ro, ru (que, como lle sucede agora á miña filla, eran o máis difícil de pronunciar), o exemplo de ru era rumano, e o debuxo representaba un home barbudo cun estraño gorro de pel como o dos cosacos ou así.
Ru, de rumano.
Cantos anos pasaron antes de que aquí, neste país de emigrantes, nesta honrada terra de ladróns, neste lugar de fames mal pasadas, se puidesen ver persoas doutras razas, doutras terras, doutras relixións e linguas?
Pero, polo que parece, seguimos sen saber o que é un rumano.
Un rumano, querido Melómano, é o que ti e eu e todos fomos antes de agora, noutras terras e baixo outros soles.

mércores, 9 de febreiro de 2005

Madelman

Desde hai dias alguén máis vive aqui.
É certo que muita compaña non fai, sempre ao pé do televisor, silencioso e en garda, nun mutismo perfeito.
Algunha vez paso-lle a man polo traxe branco, sentindo a textura, as cordaxes, os lastros; axusto a escafandra e, se miro polo ollo de boi, descubro os ollos brillantes e alerta tras o cristal.

Unha vez, hai tantos anos que me asusta, un rapaz quixo pedir aos Reis Magos un madelman, pero cando o contou na casa, seus pais dixeron-lle que era una cousa de maricas: ao mellor tamén queres unha Nancy, como tua irmá, concluíron.
O tempo, que sempre pon a cada un no seu sítio, acabou poñendo sobre a mesa, xunto ao ordenador, o meu madelman buzo.
Con el vixiante, nen o kraken, nen os outros perigos das profundidades poderán nunca comigo.