martes, 30 de maio de 2006

Catro

Aceitando o reto de Neofisiologus, fago acto de contrición nesta tarde ventosa e morriñenta, e respondo o cuestionário da seguinte maneira:
Catro cousas que máis como:
a) Queixo, preferivelmente curado.
b) Olivas, de todo tipo e condición.
c) Caramelos de crema, naturalmente sen azúcar.
d) Mazás, e ultimamente (desde que abandonei a estúpida culler), kiwis.
Catro recantos únicos para pasear:
a) O adarve da muralla de Ithaca.
b) O Xardin Inglés de Munich.
c) As ruas de Roma.
d) Unha carvalleira, un faial, un souto de castiñeiros.
Catro cafés que tomaria:
a) O primeiro de cada dia, o que me pon a andar pola mañá.
b) Unha bica cheia e un palmier recheado, con Teo e Polis, nalgunha terraza do Rossio.
c) Un carajillo ao saír do cine, con amigos, unha noite de inverno.
d) O que veño de tomar con Zara (iso si, con menos dúvidas a nadar na escuma).
Catro cousas que máis uso:
a) O portátil.
b) O isqueiro e os ducados (certo de que tal fidelidade acabará comigo).
c) Unha axenda pequena que me guia pola selva de dias e horas, sen a que non poderia viver.
d) Esta mesma bitácora.

Por último, añadiria catro persoas para que tamén resposten este cuestionário, advertindo-lles que por facé-lo non entrarán no sorteo de nengun coche ou apartamento. Estas persoas son: Nona, Cláudio Bueno, Tere Holmes e Moraima (recén chegada a estas praias, ben-vinda).

sábado, 27 de maio de 2006

Trio

Levo algun tempo pensando ofrecer a Polis unha mascota: un siamés de ollos azuis que reine maxestuosamente no dormitório-zen e no resto dos espazos da casa renovada, un cadeliño, menos impetuoso que a Lula, para que obrigue o amo a dar longas camiñadas polo parque, mesmo unha tartaruga á imaxe da RickyMartin da miña sobriña.
Descubro que a idea é recíproca cando Polis me ofrece compartir a sua mascota, o mozancón engominado do colacao, tras argallaren os dous montar un trio para este finde.
Tampouco ía ser a primeira vez, argumenta Polis; certamente non o seria, pero digo non. Ademais de ter comigo a miña filla, non estou con ánimo de que bailemos nós xa todos tres, ai amigos, so nengunha avelaneira florida.

xoves, 25 de maio de 2006

Pel

Tomo café con várias colegas que se pegan por falar, e entre bromas acaban revelando o segredo do millón de euros, que é ao mesmo tempo a máis doce história dos últimos tempos: C., outra colega de sesenta anos divorciada hai tres, leva dous anos de relacións co que fora primeiro noivo. Contan que en canto el soubo do divórcio xa a estava a chamar por teléfono, e que dali a pouco se separou para estar con C.
Fixastes-vos que ben está ela agora, di unha, parece outra; a que está ao meu lado corrobora: si, até se lle nota na pel.
E eu quedo pensando que non me iria mal mellorar a pel, pero duvido que o meu primeiro amor estexa polo lavor.

martes, 23 de maio de 2006

Almorzo

Provavelmente porque acordei cedo e non tiña nada que facer, a casa limpa do dia antes e a roupa organizada, e porque era un bon pretexto para non estudar inglés, o caso é que Domingo, ao ir polo xornal, comprei uns cruasáns para almorzá-los con Polis na sua casa.
Por fortuna comprara tres.
Polis non estava só; mentres mo conta na cociña rebuscando cuncas limpas polos armários e cargando a cafeteira, sentimos que se abre a porta do dormitório-zen, e un mozote escuálido aparece en slip na porta preguntando onde está o baño. Estás seguro de que este acabou a ESO? pregunto, e recomendo-lle que antes de que marche se asegure de que fixo os deveres; por iso non te preocupes, se eu che contara, e pon-se a contar, desvergoñado como sempre, mentres devora un corno de cruasán.
Cando o mozote volve á cociña está xa duchado e vestido, e con meio bote de fixador no pelo. Polis insiste en que tome algo antes de marchar; en bata e chinelas, Polis ten aparéncia de mamá.
A resposta del é óbvia: Tomarei un colacao, se hai.

domingo, 21 de maio de 2006

Lordi

Espectaculares (ainda tardarei en esquecer o despregamento de asas do solista) e divertidos, pero o principal mérito dos fineses, para alén do seu triunfo incuestionável, foi conseguir reter-me até o final do reconto despois de vinte anos sen ver o festival.
Eurovisión pasou e quen mallou, mallou.

sábado, 20 de maio de 2006

Teimas

Hai que recorrer á paciéncia e a un tirarrollas para que meu pai a conte, pero porfin arranca a história e o meu avó volve escapar pola horta e a miña avoa, rodeada de fillos pequeniños, volve entreter os falanxistas no portal, secando as maos no mandil.
Acabamos de xantar e veñen os cafés; meu pai pon agora o seu a enterrar ao pé da figueira a escopeta de postas, ben engraxada e embrullada nun hule, para nada: estaría completamente oxidada ao fin da guerra, e el, atravesando montes, searas, corredoiras sen luz, tivo que agachar-se en Seoane.
Non sei a que vén esa teima tua e de tododiós por remexer en todo aquilo, como se fóseis conseguir algo.
Non sabe tampouco que, desde que lembrei a história ao pasar por Seoane, levo toda a semana a cismar no meu avó, teimoso: cantas veces se afastaria dos camiños receando das sombras, cantas volveu a eles guiando-se pola lua e o instinto, cantas errou e volveu errar e desfixo o andado, cantas se desesperou desorientado, sen atrever-se a chamar nas portas fechadas por non comprometer ou comprometer-se, canto desalento, canto terror, canta pena non teria sentido até que porfin chegou o sobresalto da alva, e co dia se apareceu na casa do seu compadre para que o gardase unhas semanas até que puidese voltar.
Todo por estar nun sindicato e contar que votara a Frente Popular, di ainda meu pai como epílogo antes de ir adormecer diante do informativo.
Eu calo a boca, miro para a miña mai, e acabo o café.

xoves, 18 de maio de 2006

Camiño primitivo

Sen saber mui ben como nen por que, argallamos os superviventes do ano pasado retomarmos a camiñada, esta vez por outro lado; temos mala sorte cos camaradas escollidos: a Mer, apesar do ioga ou xustamente por el, dana-se-lle o lombo a semana pasada; e a Ti xorde-lle unha bocha nun pé un dia antes do esperável.
Asi que, con Cris e Vapin, boto a andar polo primitivo camiño que leva de Astúrias a Compostela, e que, pasando por diante da casa dos meus pais, atravesa a cidade de Ithaca e máis abaixo o seu manso rio para dar no vello lazareto.
Tan cedo nesta mañá de festivo, a vella Ithaca parece máis medieval do que nunca nas ruelas viciñas da Catedral: cheira a mexo dos bebedores da noite anterior, e ainda cruzamos algun deles que vai marcando o itinerário por recantos anegados ou vomita sobre a erva; asoman tamén ás portas de bordeis coma covachas as putas tristes e olleirosas, como fan hai séculos para tentar os peregrinos ao paso.
Dos case vinte kilómetros que virian até San Romao, pouco que contar salvo léguas de asfalto, e unha total soedade que de cando en vez esmagava o ruído dun tractor e os cans que ladravan contra nós que camiñávamos.
Tamén un inesperado encontro co pasado: Seoane, a 7 kilómetros de Ithaca, do outro lado do rio e entre as árvores, o lugar onde se foi esconder meu avó nunha noite de 1936, facendo por salvar a vida.

martes, 16 de maio de 2006

Futuro

Foto:Ciberirmandade

luns, 15 de maio de 2006

Bancarrota

É Polis quen mo conta, violando talvez o segredo profesional: Mirinda, a nosa Mirinda, chama-o para saber que se deve facer cando se teñen 7.000 eurazos metidos en selos na caixa forte dunha compañia en bancarrota.
Cando se perden vinte postos na lista de espera para adopcións por un erro informático e se cámbia de zona preferente por outra 5.000 kilómetros alén, en plena Sibéria.
Cando se ten tal inxenuidade que se mide a solvéncia dunha compañia pola altura do pelo das alfombras dos despachos, os cadros das paredes ou a cestiña de bombóns que hai sobre cada mesa.

xoves, 11 de maio de 2006

Tobos

Despois de ter vivido, entre outros lugares, nun xeneral fascista, nun médico fusilado no 36, nun castrón dourado, entre gramáticos, nun patriota asasinado, nun historiador lusitano, entre ras cantarinas, nunha novela de Galdós, nun galeguista exiliado, nun pintor barroco e nun escritor manco, sinto agora o desexo irrefreável de morar nun aristócrata mostrengo e decimonónico, pero ben orientado a leste e con solciño matinal.
E, tras pensá-lo muito, asino na promotora un papel que novamente me asegurará un vínculo estável de várias décadas cunha entidade creditícia.
Eufemismos á parte, veño de asumir unha hipoteca para resto da miña vida.
Iso si, o tobo é soleado e moi acolledor.

luns, 8 de maio de 2006

Paranoia

Tere Holmes sabe desta blog e, cando lle cambiei o enderezo, non parou até dar de novo con ela.
Nona tamén sabe máis de Ithaca que dos mundos de Yuppi.
Alícia deu con ela e, sixilosamente, vén espreitando cada post desde hai meses.
Vapin sabe que esta blog existe pero (mira ti) ten avariado o módem e di que cansou de ler cousas miñas, que prefire que llas conte tomando unha cervexa.
Polis le no xornal (casualmente) o que é unha blog e falta-lle tempo para contar-mo.
Ti anda a pensar estes dias en comprar un portátil.
Empezo a crer, mercé aos bons ofícios dalguns comentaristas, se non haverá un compló dos meus amigos e parentes para ocultar-me que coñecen a existéncia desta blog.

Por que, senón, a miña filla está aprendendo a ler precisamente agora, pregunto.

domingo, 7 de maio de 2006

Mortadelo

Disque dunha boda sai outra boda, e eu coñezo polo menos unha da que saíu un divórcio; que sairá da boda de onte é algo que o tempo se encargará de aclarar.
Como na máis delirante alucinación, Alícia atopou unha alma xémea en Mortadelo, un antigo noivo, longarelas, gafotas e divorciado, e desde que se atoparon ás portas do Concello xa non se separaron, nen no banquete nen no bailongo posterior.
Nen no que houvese posterior ao bailongo posterior, cando Alícia se me achegou, alisando a saia champagne e recolocando o escote palavra de honor, para dicer-me que ían a un sítio máis tranquilo, que o estava a pasar bárbaro, e que case quedava. Xa me apañarei mañá para volver, a ver, un biquiño. Mortadelo, desde a porta, dicia-me adeus coa mao.
E eu, deste lado do espello, ainda dei unhas chupadas ao puro antes de regresar, perplexo, a Ithaca.

Crónica de saciedade

A boda non foi especialmente divertida, ainda que efectivamente deu várias imaxes para história: unha noiva radiante vestida de azul, coa sua camisiña e o seu canesu. Un noivo máis locuaz que taciturno, emocionado até as lágrimas antes do si case inaudível. Os fillos dos contraentes, que non se sabia mui ben onde colocar durante a cerimónia, e que logo sairian en todas as fotos...
E o reencontro con boa parte da nosa promoción, como observou Alícia mentres entrávamos no vestíbulo do Concello e empezavan os bicos e os saúdos: é case a orla de licenciatura, sen toga pero con pernas.
E con menos pelo, sobretodo alguns, comentei eu cando vin que se achegava, coa mao tendida, Mortadelo.
Cando me pasas os apontamentos de Ramón Lorenzo? preguntou Carolina Michaëlis, a miña colega de asinatura, desde o alto dos farrutx, mentres asinavan os noivos e os flashes saltavan.
Logo a boda seguiu como seguen todas as bodas, o viño era bon e o marisco da ria, excelente.

xoves, 4 de maio de 2006

Facturas

Que unha aluna miña vaia compor a luxación nun ombro a un cachirulo pareceu-me un anacronismo en consoáncia co elevado índice de pitecántropos que povoan aquelas aulas; pero que o cachirulo en cuestión emita un xustificante para a falta da devantida resulta, máis do que sorprendente, cunqueiriano.
E ali ficou, sobre a mesa do departamento,unha cuartilla escrita na letra picuda e torpe de quen aprendeu mal hai muitos anos e non ten costume de escrever; na asinatura (omito o nome por non lle facer máis publicidade desde aqui): C.R.D. Componedor de huesos y facturas.
(Non hai errata, o que di é facturas).

martes, 2 de maio de 2006

Complicación

Onte, despois de perseguir manifas polo centro de Ithaca lamentando a desunión sindical, despois desbotar a duns e outros, e atopar porfin os nosos, unha chamada ao móbil corta o espazo entre a Internacional e o Hino.
Afasto-me para que co rumor de pinos e altas copas escoe no meu ouvido a voz inzada de interferéncias de Alícia; tapo unha orella, bato cun tipo que leva unha bandeira, dou voltas arredor de min mesmo, cravo na trasorella a pata da gafa, todo para escuitar que Sábado xa non irei só á boda, que xa non poderei pasear a miña elegáncia desgravatada entre os lamés e organdís das invitadas nen camaradear ostentosamente cun puro nos lábios na bebedeira dos invitados.
Cando porfin me xunto coa miña filla no fogar de Breogán vou maldicendo dun imbécil que, por saltar un semáforo, acaba instalando de copiloto no asento do meu coche a unha muller que preferiria ir á boda coa cabeza afeitada antes que viaxar comigo.
Que máis pode saír mal nesta boda malfadada? Que alguén roube as alianzas, que haxa salmonela no banquete, que un dos contraentes non apareza?
...de Bre-o-gáaan!