luns, 27 de febreiro de 2006

Sentidos

Con case un mes de retraso, pero aceito o desafio de Fisiologus, e aveño-me a enumerar o que aman os meus sentidos, na seguridade de non ser orixinal nen tampouco preciso.

  1. A vista adora pousar-se nos vértices, nas aristas, nas beiras das superfícies limpas e livres, que os ollos miopes percorren á procura das distáncias que os lentes lles franquean; a vista apalpa con cobiza a erva alta dos campos que o vento peitea, avarentamente acarícia os fios de sol que atravesan a follaxe, esvara gozosa polos obxectos que con certeza me gusta ver (flores, auga ao sol, lume, seixos) ou foxe arrepiada dos que ódio. A vista ama e percorre as cores intensas e suntuosas: o azul escuro, o vermello brillante, a cor do limón, o verde botella, o metal suave da prata antiga.
  2. O olfacto, seguramente o máis esperto, saborea gorentoso o cheiro das laranxas e as mazás, da erva recén segada, da terra tras o trevón estival, das flores máis humildes (a lavanda, a mimosa, o xasmin); paladea os tastos do tabaco, da canela e do pan quente, devoraria mesmo o ar que corre entre a roupa lavada e tendida para secar e o que ceiba un piñeiral nunha tarde calorosa de Verao.
  3. O gosto coincide co de Fisiologus na sua afeizón polo viño bon, pero non na sua teimosa procura do que non existe: o gosto espreita nas cousas que van á boca aquelas cousas que coñeceu antano, que no pasado desfrutou, seguramente na infáncia; o gosto alvisca por veces sabores pálidos, difusos, que vagamente evocan dias luminosos e xogos escolares: chocolate, amorodo, toffe, marmelo, galleta campurriana, menta, olivas negras, pero que non son xa máis do que visións planas e sen brillo.
  4. O tacto axexa o roce da própia pel con outras peles, o brando rumor da auga morna ao correr sobre ela, o asubio da brisa nos cabelos; sixiloso agarda a carícia das palavras murmuradas cerca, a presión do abrazo para estremecer-se, gozosamente ou en alerta pola proximidade excesiva, o fresco estalar das sabas limpas e recén postas.
  5. O ouvido é provavelmente o máis minguado de todos, resentido pola necesidade de apoiar-se nos outros catro, que se prestan ao servizo pero nunca bastan: o tacto que percebe a mao que avisa que me falan, a vista que le os lábios de quen me fala, o olfacto que me alerta de que algo se está a queimar na cociña. O ouvido gosta dos sons graves e seguros, que percebe mal ou non percebe, e, teimoso coma un sabuxo, permanece alerta, ventando no meio do ruído ou do siléncio, até descubrir o que os que oen non souberon escuitar: o tic-tac dun relóxio, o cantar dun grilo na noite, a pinga dunha billa, a voz en soños da miña filla.

En conclusión, querido Fisiologus, como case ninguén sabe, os cinco sentidos son catro, e poden resumir-se en tres: a vista e o olfacto.

sábado, 25 de febreiro de 2006

Proído

Desesperación do escritor que non escreve...
Xa non a sinto hai anos, e no seu lugar resta só, algunhas veces, un proído ténue, un sarabullo cada vez menos molesto, como se non fose comigo.
De igual xeito que un bota os dentes, pasa o xarampelo e os orellóns, a puberdade, poño por caso, e sobrevive, acomodando-se.

venres, 24 de febreiro de 2006

Hipoteca

Para alén da saudade, sigo unido a Atenas por un vínculo prosaico e financeiro que estende os seus tentáculos até un vertixinoso ano 2036, segundo creo.
A excelente notícia, sen embargo, irrompe esta mesma tarde en pleno videoclube via móbil: se nada se torce, e os ventos son favoráveis, en poucas semanas hei-me ver livre de tal cordón.
Resulta belo acreditar que, mui pronto, o ruído das solas doutra nena varrerá a tristeza daqueles cuartos vacios.

martes, 21 de febreiro de 2006

Pesos e medidas

Falan esta mañá na sala de profesores da super-nena colombiana nascida en Madrid con 56'5 cm e máis de sete kilos de peso, e as miñas colegas de contado dan en competir cos pesos e medidas dos seus própios fillos cando nasceron.
A miña irreprimível vis maruja fai que tamén eu me lance á arena: A miña pesou dous kilos con dous centos gramos, digo, e todas me miran, intruso naquel colóquio intimamente feminino.
A roliza profesora de inglés dispara un último dardo, que non me dá porque xa vou saíndo para a aula: Pois eu pesava dous kilos cen.

domingo, 19 de febreiro de 2006

Balance

Como a película era lenta e alemana, e isto para Pólis era demasiado xunto nunha noite de Venres, O Afundimento encallou até a mañá seguinte tras entrar nunha zona de baixios, e a nosa conversa floriu nunha atmosfera idónea de fume de tabaco e música susurrada desde a televisión.
Cando quitou os zapatos e se serviu outro whisky apesar de xa non haver xelo, comprendin que Pólis quedava a durmir; cando se tendeu no sofá en que eu estava, e puxo a cabeza sobre o meu regazo, o que comprendin foi que esa noite nengun dos dous ía dormir só.
Para daquela estávamos en pleno balance. Pólis enumerou os lugares visitados con Tádsio no último ano, con observacións á marxe mui do seu gosto: sexo outdoors en case todas as capitais de Europa, pero fai-me rir sorprendido cando me conta as aventuras polos cuartos escuros do Soho, como lla zugou a Tádsio entre os arbustos do Foro, á sombra do Arco de Tito, ou que non puideron repetir a fazaña de Lord Byron (e que eu unha vez lle contara hai mil anos) baixo a Ponte de Rialto por mor dos turistas.
A miña vez serve para fixar números: sexo rápido con tres ou catro descoñecidos dos que non conservo o nome (se é que mo dixeron); Ginger Paul e o rapaz turco en Irlanda; Melómano e Vapin, pero deste non digo o nome, porque Pólis o coñece, senón que lle chamo outro-que-si-pero-non, e logo cito duas mulleres, Alice e Zara, o que fai que Pólis fale de pelo e pluma, de carne e peixe, e rosme o sabido e vello argumento contra os bisexuais que xa nen me imuta.
Pólis repasa e conta polos dedos: se me inclúo eu, resulta que o ano pasado fodiches con once, ousexa, un equipo de fútbol.
Pólis, que segue coa cabeza no meu regazo, incorpora-se para un bico; e agora que?, di el; agora estou en dique seco, respondo, e deixo-o seguir.
Un pouco despois, cando xa non hai volta atrás, apagamos as luces do salón e tiramos para a cama.

sábado, 18 de febreiro de 2006

Temporal

O fin de semana empeza con dous kilos menos e a excelente novidade de poder incluír desde hoxe a froita na dieta, notícia que pregoo aos catro ventos como se estivese parvo.
Que si estou, e ávido, non de kiwis, mazás ou laranxas, senón dos gorentosos froitos que levan chamando hai semanas por min desde os expositores dos supermercados e as caixas arrumadas á porta das tendas.
Ademais de comer morangos, despois dos labirintos persoais e as presións laborais dos dias pasados, o que máis falta me fai é un fin de semana caseiro pegado á televisión e pouco máis, digo-lle a Polis onte á tarde, e ás 8'30 xa o teño á porta cunha película alugada no videoclube e unha caixa de xenuínos fresones de Moguer ("cuna de Platero", di o envase): Dous kilos, xusto o que levas perdido, comenta camiño da cociña, chegarán ou queres máis?
Mentres rebusca pola neveira até dar coa última lata de cervexa, e fóra o temporal arrécia batendo contra os cristais da cociña, Polis explica que este fin de semana non viaxará a atopar-se con Tádsio, que o desanimaron os avisos de alerta por mal tempo, que leva meses sen ficar en Ithaca un fin de semana, que sempre ten que viaxar el, que Tádsio se pasa de cómodo, que Tádsio nunca lle dá unha satisfacción, que Tádsio é un egoísta, que Tádsio...
En definitiva, que estades enfadados, digo eu, pero el correxe-me coa precisión dos letrados, e a palavra exacta pasa a ser distantes.
Miro o DVD que trouxo: O afundimento, e digo-lle a rir que espero que non sexa unha premonición; el sorri e di algo como que o home da sua vida é Tádsio, e sorrimos os dous, e lavo uns poucos morangos e el pon nunha bandexa o que atopa: xamón, aceitunas negras, queixo.
Con tamaña frugalidade montamos a cea na mesa baixa do salón, e a pouco comezaron a caír as bombas sobre Berlin mentres alá fóra seguia a bater con forza o vendaval.

martes, 14 de febreiro de 2006

Labirinto

Puxan por min para un sarillo torpe que me situa no centro dun labirinto inesperado.
As palavras son: traballo, infámia e incompeténcia.
Dou en remoer, incomodado, e chego mesmo a pensar en dar marcha atrás, maldito o dia, e comezar de novo.
Pero hai forza en min e digo non, e escollo o camiño cara adiante.
Sigo andando, pois, xa sen dúvidas.

sábado, 11 de febreiro de 2006

Emigrantes

Iste vaise, e aquel vaise, e todos, todos se van...

Primeiro foi Manolo; agora é Paco á procura dun futuro mellor.
Galicia, sen homes quedas... e a este paso non te vai coñecer nen a mai que te p...

xoves, 9 de febreiro de 2006

Compra

Vou ao súper facer a compra da semana (non moita, a dicer verdade, e sumamente austera devido á dieta): leite desnatado, xamón cocido, tomates, leituga, iogures desnatados, auga sen gas, peitugas de pavo, ovos e unha linda xarda con toda a sua graxa.
Para compensar tanta tristeza, e en solidariedade cos súbditos da raíña Margarida, compro tamén cinco latas que non admiten boicot, e que eu non catarei.
Vou-nas entregando ao longo da tarde soleada, de forma que dous descafeinados con sacarina e unha infusión despois desfrutan da sua Ti, Vapin e Vladimir.
A Pólis darei-lle a del esta noite cando veña por aqui (sempre e cando deixe aparcado o maldito tema de marras).
Asi que tan só me resta unha. Di-me, Tere Holmes que estás en el cielo-Pozuelo, quere-la ti?

luns, 6 de febreiro de 2006

Exposición

Saio da exposición de Margaret Bourke-White e coincido na mesma porta con Vladimir, que se retira xa, coas maos coloradas polo frio e insensíveis, inúteis para seguiren tocando.
Animo-o a que visite a exposición, e entramos xuntos. No ascensor comento-lle que hai várias fotografias da URSS feitas nos anos 30 e 40: Stalin, un hospital pediátrico en que unha família espera baixo unha épica imaxe de Lenin, as operárias nunha cadea de montaxe.
Seguro que vin eu máis fotos da España desa época cando o meu país era a URSS das que se viron da URSS aqui.

As fotos son excelentes, con ese contraste do branco e negro que as fai nítidas, duras como as máquinas de aceiro que retratan ou as imensas moles dos encoros e as centrais eléctricas, como a desolación dos enormes campos de cereal arados, como o ollar vacio das vítimas de Buchenwald...
Entre todas elas, escollo unha de Moscovo: intermináveis ringleiras de cidadaos esperan un Domingo para visitaren a tumba de Lenin no Kremlim.
Trinta anos máis tarde, conta-me Vladimir en voz baixa na sala baleira, el e mais a sua família realizaron aquel ritual mesmo: os pais cos cinco fillos pequenos viaxaron durante horas desde San Petersburgo, daquela Leningrado, só para axexar unha mómia que xa non lembra; a memória só garda a primeira viaxe en tren por infinitos campos de xirasois, e a certeza duns chocolates brancos (os primeiros que vian) que o pai lles comprou para atenuar a bicha.
Tamén unha bandeiriña vermella coa fouce e o martelo, que despois o pequeno Vladimir colgaria sobre a cama.

sábado, 4 de febreiro de 2006

Dieta

O médico é mui claro, implacável mesmo: fala de intoleráncia á glicosa e da eventualidade dunha diabete a longo prazo.
Revisa os resultados da analítica, pesa-me, pon-me a dieta, e manda-me volver a pesar dentro de quince dias.
Na Cova tomo con Vapin e os correlixionários do akelarre as derradeiras cervexas deste Inverno, e torno para a casa rosmando.
A noite está fria e estrelecida, e o vento corta coma unha navalla.

xoves, 2 de febreiro de 2006

Blasfémia

Eu, pai dunha filla de cinco anos (e que por tanto odia burkas e outros panos), europeo educado na heterodoxia, ateo pola graza de deus, negador do concepto agnosticismo, demócrata até a medula, e ser humano libre e autónomo vocacional, como non hei de ser crítico con eses se a estes non lles paso unha?
E agora non podo/debo calar, claro que non.
Se me río do deus para o que me bautizaron, como non me vou rir dese que promete paraísos cheos de virxes para os que dean a vida pola fe? Laboriosos e ilusos son: co traballiño que dan as virxes, pero claro, un cuarto de hora de gloria teno calquera, xa o dicía Woody Allen, ese xudeu circunciso...

E dito isto, aquí estou, veñan por min, se son un blasfemo e a blasfemia se paga coa morte...
Pero antes falemos, non me neguen o pracer de debater, cara a cara, entre seres racionais...

mércores, 1 de febreiro de 2006

Grafoloxia

Fago por recomendación do Tong-zhi un teste grafolóxico, cuxo resultado cópio literalmente, antes de pór-me a cavilar.
Eis o diagnóstico: "A inclinação de sua letra mostra que você parece ser uma pessoa equilibrada, educada. Mas é um pouco "fria" com quem acaba de conhecer. A ligação de sua letra revela raciocínio lógico, dinamismo, método e uma tendência a rotinas. A direção de sua letra indica controlo, constância e organização, especialmente nas tarefas cotidianas. A pressão que usa ao escrever sinaliza estabilidade e equilíbrio. As áreas valorizadas na sua escrita destacam idealismo, erudição, preocupação com seu crescimento interior. A forma de sua letra demonstra conservadorismo, formalidade e uma certa frieza em seus relacionamentos sociais. Tende a esconder sentimentos".