domingo, 19 de febreiro de 2006

Balance

Como a película era lenta e alemana, e isto para Pólis era demasiado xunto nunha noite de Venres, O Afundimento encallou até a mañá seguinte tras entrar nunha zona de baixios, e a nosa conversa floriu nunha atmosfera idónea de fume de tabaco e música susurrada desde a televisión.
Cando quitou os zapatos e se serviu outro whisky apesar de xa non haver xelo, comprendin que Pólis quedava a durmir; cando se tendeu no sofá en que eu estava, e puxo a cabeza sobre o meu regazo, o que comprendin foi que esa noite nengun dos dous ía dormir só.
Para daquela estávamos en pleno balance. Pólis enumerou os lugares visitados con Tádsio no último ano, con observacións á marxe mui do seu gosto: sexo outdoors en case todas as capitais de Europa, pero fai-me rir sorprendido cando me conta as aventuras polos cuartos escuros do Soho, como lla zugou a Tádsio entre os arbustos do Foro, á sombra do Arco de Tito, ou que non puideron repetir a fazaña de Lord Byron (e que eu unha vez lle contara hai mil anos) baixo a Ponte de Rialto por mor dos turistas.
A miña vez serve para fixar números: sexo rápido con tres ou catro descoñecidos dos que non conservo o nome (se é que mo dixeron); Ginger Paul e o rapaz turco en Irlanda; Melómano e Vapin, pero deste non digo o nome, porque Pólis o coñece, senón que lle chamo outro-que-si-pero-non, e logo cito duas mulleres, Alice e Zara, o que fai que Pólis fale de pelo e pluma, de carne e peixe, e rosme o sabido e vello argumento contra os bisexuais que xa nen me imuta.
Pólis repasa e conta polos dedos: se me inclúo eu, resulta que o ano pasado fodiches con once, ousexa, un equipo de fútbol.
Pólis, que segue coa cabeza no meu regazo, incorpora-se para un bico; e agora que?, di el; agora estou en dique seco, respondo, e deixo-o seguir.
Un pouco despois, cando xa non hai volta atrás, apagamos as luces do salón e tiramos para a cama.

Ningún comentario: