Amosando publicacións coa etiqueta Punto de cruz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Punto de cruz. Amosar todas as publicacións

luns, 23 de xullo de 2007

Amargo

Como estaba previsto, de Mércores a Sábado visitáronnos tan só dous terzos da familia Haddock; por teléfono xa Henri me advertira de que tamén Salce aprobara a oposición e estaba agotada, que tiña que entregar papeis e tramitar cousas.
Logo a realidade, que resultou ser outra, presentouse mentres as nenas xogaban e reloucaban no cuarto da miña, e o café que tomábamos virou de súpeto máis negro e máis amargo.
Sen que ninguén me diga nada, sei con certeza que Salce espera desde a Comarca que o convenza como outras veces, pero sinto que esta vez non é coma o ano pasado nin as outras veces; as fendas serán quizá as mesmas, pero agora Haddock está decidido e, vendo correr diante de nós as nosas fillas mentres paseamos polo adarve, recibe as ofertas de apartamentos que lle fan polo móbil cun sosego que non deixa lugar a dúbidas nin zurcidos de ningunha caste.
Para unirse a alguén non é necesario dar razóns; en todo caso, basta con enarborar o amor, esa poderosa quimera. Sen embargo, cando sobrevén a ruptura, as razóns parecen sempre estúpidas e insuficientes, aínda máis tras 18 anos e medio, unha linda filla de dez, unha casa xeitosa no centro da Comarca.

venres, 22 de setembro de 2006

Aclaración

Non hai nengunha dúvida: isto non é un corazón senón a metade dunha mazá co seu carozo.
E por favor, que de hoxe en diante ninguén se confunda: regalar mazás no Outono non é máis do que regalar mazás.
(No Outono).

luns, 21 de agosto de 2006

Haddock

Por segunda vez nun mes, Haddock deixa a Comarca e desembarca no meu tobo para pasar o finde en Ithaca.
Non vén por mergullar-se no ambiente estrañamente outonal da cidade, con turistas e nativos a escaparen da choiva e o frio en pleno Agosto, ainda que si; nen tampouco para falar comigo de normativas ortográficas, de livros ou política, ainda que tamén.
Apenas entra, só con ve-lo mover-se pola cociña, comprovo que a tensión da outra vez cedeu en parte: os ombros non soportan xa a couraza, non hai xa pesadez no lombo, o torso non se abaixa, as palavras fluen e non choutan.
Con alívio, comprendo que o fardel que acompaña a Haddock é máis lixeiro que hai un mes. Nada desapareceu de todo, nen o fará en muito tempo, pero a cámbio as rabuñaduras que, escaldado, Haddock lambe, esas cicatrizarán sen dúvida.
No demais, efectivamente ainda resta camiño por andar.

E outra vez, como antano, dous amigos volveron correr xuntos, sen paraugas, polas ruas encollidas baixo a choiva, unha noite sen estrelas.

venres, 14 de abril de 2006

Sete

Tendo en conta que saíron de Ithaca ás 5 da tarde do Mércores, e que ás 10 da mañá de hoxe xa estava de novo aqui, se descontarmos as horas de viaxe, resulta que Polis estivo en Bilbo pouco máis de un dia.
Iso si, visitou o Museu, como demostra o catálogo que teño na mesa diante de min.
Pero volveu só, remoendo toda a noite kilómetros de rencor baixo as estrelas e a lua redonda como un queixo.
Agora dorme na miña cama, a casa silenciosa, ainda que eu duvido ter agullas e fio suficiente para axudar-lle a remendar o sete cardíaco e tremebundo cando desperte.
Doutor House, deixe-se de reproches e sarcasmos: a quirófano!

venres, 11 de novembro de 2005

Ventos


Non sei mui ben se traída polo vento do Leste ou polo vento do Norte, onde vive, pero mañá Nona chega a Ithaca e ameaza gastronomicamente con que as nosas cinturas rebasarán o seu limes, e o certo é que por unha boa conversa das nosas eu cederia até o meu direito de primoxenitura.

Non será necesário sen embargo que se afane nos lavores de costura; suturar un corazón a ponto de cruz é sempre un traballo ingrato, pero non é mester nesta ocasión, talvez por xa estar encalecido e cheo de cicatrices, ou porque ainda non percebeu toda canta desgana rezumava o móbil onte ao falar con Zara, ou porque na realidade o noso non foi máis do que un xogo falso e perigoso en que os dous acreditamos, ou non, pero que nen sequer foi necesário desfacer en alcol cando Polis ofreceu que nos emborrachásemos, pola noite, aqui mesmo.
Tampouco sei que vento o traeria a el, pero apareceu despois de cear, inesperadamente, e con el un relóxio de pulseira impresionista como presente de cumpreanos, unha lámina de Courbet que non poderei colgar en nengun lugar da casa, e unha alegria contaxiosa que funcionou como un bálsamo para este corazón cansado.
Esta noite, na nosa cea dos 11 ás 11 (que Ti travestiu inexplicavelmente en cea rusa), e á vista da situación fibrilar de Vapin, Estridente, Mirinda e Vladimir que Polis diagnostica, comprovarei se o que sucede é que zoan malos ventos para eles ou se se trata dunha epidémia.

xoves, 13 de outubro de 2005

Sesta


Por segunda tarde consecutiva engancho-me cos Soprano; tamén por segunda vez desfruto pero acabo adormecendo no sofá do salón; sen embargo, esta tarde acordo sobresaltado e cheo de malestar.
Morto de frio, marcho para a cama pero non durmo, tan só dou voltas na cabeza a várias cousas que non sei como encaixar: as confidéncias pericardíacas de Vápin onte ao serao, a desídia que me impide concluír de vez alguns asuntos no traballo, ou aquela tormentosa história dos rusos amigos de Mirinda e Vladimir que ainda non estalou.
Desde Sábado non teño notícias de Zara, e desde Martes tampouco as teño de Pólis. Por fortuna, onte volveron os vellos tempos, collidos das maos de Nican e Vápin, e eu a pouco me emborracho.

martes, 20 de setembro de 2005

Confidéncias

Dixen xa un destes dias que non paro de ver xente, e que toda esta vida social á que non estou acostumado chega mesmo a agobiar-me algunha vez. Confio en que o final de tantos encontros estea no comezo das aulas, principalmente porque terei que madrugar todos os dias da semana.
Onte á tarde fun recoller a Zara ao traballo; queixa-se de que vai frio, de que lle doen os pés de pasar tantas horas sen sentar, e que de non volveu ter notícias da entrevista da semana pasada. É como un prólogo: entramos nun bar dos Viños para que tome un café con leite e se abra en confidéncias. Está tan triste que me conta cousas que non deveria; a min, a quen coñece de hai só dous meses, de compartirmos banco no parque mentres os nosos fillos xogaban nos colúmpios e os pavóns ouveavan horrivelmente.
Asisto ao final do seu matrimónio, diso estou tan certo que até me sorprenden as coincidéncias do seu caso e doutros; tamén do meu caso, claro. Por iso e polo tremor da voz dela, case un susurro, acariño co ollar a morna crema da miña pinta en lugar de mirar-lle para os ollos: para que os vou mirar? para ve-los húmidos e profundos, como dous pozos até un corazón encollido que sabe xa o que a cabeza, obstinada, nega?
Camiño da sua casa, moi perto xa do portal, Zara deixa de falar e os dous camiñamos en siléncio uns anacos. E de súpeto salouca, e di que non está preparada para quedar soa. E quen o está, digo, pero a miña pregunta non é unha pregunta senón unha afirmación, ainda que trato de agochar-lle dentes e gumes, e engado que deveria ir asumindo o que salta á vista.
Zara abre a porta, volve-se para mirar-me mentres me aperta o brazo un segundo, e entra.

xoves, 7 de abril de 2005

Ermo

Quedo ao serao de onte con Ambece, na cervexaria das Mercedes, para irmos cear. E agora escrevo isto, canso, morto de sono, e atafegado de licor café; pero satisfeito e alegre como quen desfruta da amizade sen esperar máis cousa que uns risos, uns comentários, unhas frases próximas e cálidas.
Analisamos e psicoanalisamos, medimos e calibramos, e momentos houbo en que parecemos ser catro: dous matrimónios de convivéncia erma, sentados ainda a unha mesa como un deserto, como un abismo, como un seixal, sobre a que desfilan pasados desencontros, agrávios, rencores presentes, e a certa altura asoma-lle un par de lágrimas que Ambece limpa coa mao, para que eu non vexa que saíron, e non comprenda entón que está a chorar por min.
Pero eu agora non estou triste.
Unicamente son quen xa non chama na noite, pero tamén quen nunca renegou de esperar.