Amosando publicacións coa etiqueta Santoral. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Santoral. Amosar todas as publicacións

venres, 19 de agosto de 2016

54 horas

A señorita Kaplan voltou con súa mai e eu, unha vez máis, atopei unha silva chamada Venres e quedei en Delfos 54 horas: de Santa Atanasia a San Xacinto, pasando por Santa María e por San Roque, que alí este ano foi festivo. O pretexto era a visita aos tellados da Catedral, algo aprazado tantas veces que empezaba a parecer un imposible e a converterme a min nun bicho raro.
De resto houbo case de todo: un día ceamos nun xaponés completamente vacío e o outro preparou Venres para min un gorentoso revolto de gambas con canto achou naquela neveira revolta e ateigada, como de refuxio antiatómico; un día xantamos churrasco na longa mesa compartida dunha taberna ao pé do manicomio e o outro zorza e aquela estraña ensaladilla con gambóns nun bar cheo de phalaenopsis e deseño pola rúa de San Pedro.
As dúas primeiras noites fixemos cos amigos de Venres o acostumado viacrucis por antros e locais da zona vella; o novo día acompañounos á casa, borrachos como adolescentes, atesourando unha colección de etiquetas moi bonitas pero completamente absurdas; a gata Magui, adoecida polo abandono, miañou ao nos ver entrar e nunca máis se soubo. 
Se algo compensa en parte estas noitadas de cervexa, licorcafé e tabaco son os brunchs a base de café, melón e ibuprofeno por conta do voluntarioso Venres, que vai e vén en calzóns traendo cousas da cociña. Hai dous temas recorrentes: a moza que abriu a cabeza ou por esvarar bailando ou por ter subido a unha mesa para bailar nela a primeira noite, e o choque nun cruce do ensanche que vimos en directo a segunda noite.Tamén falamos do alcume que me vai quedando: Padre, máis que esperable tendo en conta que son unha década máis vello que os máis vellos dos amigos de Venres, e que cando subimos aos tellados da Catedral só esta era máis vella ca min.
E así foi como chegamos á tarde do martes e aos lexendarios tellados; cumpriunos gabear Torre da Carraca arriba e pastoreáronnos de aquí para acolá entre pináculos e andamios, facendo fotos compulsivamente mentres de fondo a paciente voz da guía nos inculcaba que cousa era a carraca que dá nome á torre, cando rematarán as obras na outra torre, cales son a da Vela e a do Tesouro, por que aquela cruz se chama dos Farrapos ou que é un Agnus Dei.
A Berenguela daba solemnemente as seis cando baixamos, e un novo rabaño ocupou o noso lugar; a visita seguiu polo claustro onde repousa, muda, a vella Berenguela, polo anodino panteón real, polo museo onde a escasa luz non deu atenuado o fulgor dourado dos tellados de Compostela.

sábado, 22 de maio de 2010

Santa Rita, Rita, Rita...

Estes días dixéronme dúas cousas relativas ao meu traballo: a primeira, que Santa Rita, padroeira de imposibles, tamén o é dos funcionarios; polo menos dos funcionarios da administración local, pero aos sindicatos iso dálles igual e convocan e apoloxizan e protestan na data da súa santa como se estivésemos no nacionalcatolicismo (que ao mellor o estamos).
A segunda, dita através de contundentes argumentos que van directamente á carteira e á nómina, é que o meu traballo vale menos pois me/nos van rebaixar o soldo, ninguén sabe aínda até onde, por facer o mesmo, e aquí non pasa nada.
Que non vaia á folga convocada para Xuño non significa que non me indigne o fácil camiño do medio que toman estes para tentaren salvar os mobles; así e todo, fago titánicos esforzos para non emitir sentencias cebolletas sobre este mar de expolios e recortes tras tanto alegre despilfarro, cousas como que xa o dicía eu ou que estaba visto ou, como diría miña mai, que de noites de moito rir veñen mañás de moito chorar.

venres, 4 de decembro de 2009

Ponte

Comezou o fin de semana interminable, a ponte de Santa Consti (como nos consta, pouco virxe xa e bastante mártir), e a señorita Kaplan voltou para atoparse co home máis nataleiro que, a dicir dela, coñece: seu pai, ou sexa, eu.
Espérannos os primeiros rituais deste mes tolo, e non sen tempo: a estas alturas aínda está a árbore desarmada no seu sarcófago no rocho e os adornos dentro dunha caixa no alto do armario, o nacemento segue sen montarse, as peúgas de feltro vermello de Papá Noel missing nalgunha gaveta, as felicitacións que con tanta preguiza e pouca orixinalidade enviaremos en poucos días agardan resignadas en Correos, a lotaría está sen pagar, e aínda nos cómpre ir ao supermercado por unhas cousiñas que esquecemos.
Estou algo estresado porque é que mañá xanta aquí media familia, como cada ano nestas datas, e todo está aínda patas arriba; o comedor está varrido e a mesa aberta, e xa están a mollo o lacón e as orellas, os morros e o touciño para o cocido, e a nena Kaplan, responsablemente, prometeu que ela se encargaba de lles dar de comer aos peixes e de poñer a mesa se eu me ocupaba de todo o máis, árbore incluída.

sábado, 3 de outubro de 2009

Festa

Supoño que o bendito santo vela pola cidade en que naceu, e que iso inclúe as xestións pertinentes para que chova cando e como é debido.
Certo que os campos necesitaban auga, certo que Mouse Park daba pena con aqueles cauces secos e aquelas tonas verdes, pero tampouco era necesario que desabasen os ceos precisamente o día antes de comezaren oficialmente as festas do patrón, porque non son formas.
Tampouco ninguén ía poñerlle en dúbida a Froilán que era el quen mandaba a choiva, pero en fin, que estábamos a comprar os churros antes dun preguiceiro retorno á casa desde a feira cando comezaron as pingas a pintar puntos nas beirarrúas e no asfalto resequido e, corazonadas, pedinlle á señorita Kaplan agarrar ben os gorilas albinos que nos tocaran na tómbola e tirarmos para a casa a golpe de churro, por se as moscas; mesmo ela, que é novata meteoroloxicamente falando, comprobara ao serán como as bocas de esgotos das Cortiñas de San Román cheiraban a peido, aviso inequívoco de trevón para os de Ithaca.
Agora a nena está a durmir no seu cuarto e o diluvio segue a caer fóra: antes de se deitar, ceando, lembrou os barraqueiros, os vendedores negros de pulseiras e esculturas, a señora das améndoas e o algodón, a tómbola dos gorilas brancos, a noria en que montamos hoxe á tarde, os cabaliños de madeira en que xa montaba eu de cativo, as estatuas humanas, os peruanos das frautas de pan, o home das xerras de barro, o das caricaturas, a barraca do saltón, as polbeiras e que sei eu que máis cousas expostas á choiva baixo as árbores.

xoves, 30 de xullo de 2009

Euríbor


Estou que non collo en min: comunícanme da Caixa para quen traballo que grazas a san Euríbor, patrón das hipotecas, o próximo ano pagarei 214'10 € menos cada mes.

luns, 16 de febreiro de 2009

San Valentín (I hate)


Non sei o dixen algunha vez, pero odio teimosamente o San Valentín; non o santo, que bastante ten o pobre, senón a histérica celebración dos corazóns hipertrofiados de todo tipo, das tarxetas con música, dos agasallos previsibles, das ceas románticas, das flores en celofán e demais arrepíos. Nunca deixei os cartos niso, así vai a economía, porque o amor, polo que recordo, hai que construílo cada día do ano, e non precisamente arranxalo nun Sábado de mediados de Febreiro, a golpe de bombóns e tal.
A miña filla resolveuno á súa maneira na tarxeta que, por non poder esperar ao Sábado, me entregou o Venres ao recollela: "Feliz día de San Valentín. O día de San Valentin non só é para querer os mozos senón tamén para querer aos pais, amigos, profes... Mándoche este postal porque che quero".

domingo, 24 de agosto de 2008

Santoral


24 de Agosto: San Bartolo.
(Un ano no tobo)

xoves, 17 de marzo de 2005

Primavera

É evidente que está xa aqui.
Desde hai vários dias, pero onte e hoxe, especialmente, se deixou sentir: no ar quente e aromático sobre os rostos, no sol case branco a bater contra as fachadas das casas e contra o chao reseco das ruas, magoando os ollos coa dura luz.
Na maleta van caíndo as cousas, roupas e livros sobre todo, algun disco, o cargador do móbil que sempre esquezo: mañá á mañá marcho para Ithaca; deixo Atenas por algo máis dunha semana, o que duran as vacacións, en que ademais nen sei se poderei bloguear. Explicación e aviso a navegantes: o kiosko non liquida, se acaso fecha só por vacacións...
Proxectos e obrigacións, mui poucos; pero o ánimo alto e ben disposto. Mañá pola tarde, cos meus pais á notaria, e despois agardan-me na Cova tres pintas de Guinnes para celebrar con retardo o San Patrício, saldar unha débeda e compartir con Ti e Vapin.
Levarei o portátil para que fosgalle Vapin nel, suprimindo excrecéncias e engadindo programas que só el cre indispensáveis; temo que na sua exploración e frótis dea con algunha pista desta blo, que descoñece.
No fundo sen embargo creo que preferiria que o descubrise dunha vez, ainda que non estou seguro de que vaia desfrutar lendo algunhas das cousas que escrevin sobre el, sobre el e mais eu, sobre todos. E non me estou a referir precisamente a armários e demais mobília: isto é algo do que nunca falamos (non sendo que a distáncia física entre os dous se reduza a milímetros e as voces a susurros).
Máis: o encontro con Pólis e a cara de susto ao ver que me trouxo de Londres, e unha etapa do Camiño en solitário, e unha chea de procesións esquivadas ou vistas coa miña filla, completarán unha semana santa sen arelas pero tamén sen derrota.
A segunda sedentária dos últimos anos.