sábado, 31 de decembro de 2005

Tránsito

Xentilmente, Vapin cedeu a sua casa e o seu comedor para a cea de noitevella, e cun pouco de sorte e bon facer, en duas horas estará listo o paviño que aso no meu forno para ali levar.
Mentres escrevo aqui as interrupcións son constantes, pero docísimas: a cada pouco sobresalta-me o aviso do móbil con mensaxes inzados de felices desexos para o imediato futuro, ese que o tenriño 2006, nu e babeante gateador, pronto botará á miña porta para que me adentre nel; desde o Sul, escuito as palavras de lembranza de Ambece, e desde a saudosa Atenas é Ilu quen me susurra esperanzadoras notícias sobre a saúde do seu fillo.
Confirman asisténcia á cea case todos os indispensáveis: estarán Tere Holmes e Nican co cava insustituível; Ti e o irmao de Vapin, fornecedores de mariscos da ria; Estridente prometeu os turróns e, para alívio de muitos e tranquilidade da cristalaria, que non danzará sobre a mesa; Vladimir acudirá cos rusos, os instrumentos e un caldeiro de sopa tschi; tamén irá Pólis a quen, non podia ser doutro xeito, se encomendou a selección do viño nesta noite sen nengunha lua. Máis tarde, cando as nenas estean deitadas, virán Fesore e Xa para cerrar a listaxe de pasaxeiros.
Pero estarán tamén a quecer o meu corazón o mártir Rambaut, Morgana, Arín, o señor Pito, Cláudio, Willy, Laurindinha, a Pícara, Nona, Tz, Cesare, Teo, Velis, i.a., Plattdorf, Pawley, Peke, Dot, Artipractor, Regueifeiro, Aquí, Dolphins, Xanfarín e todos os que xunto a Kaplan forman a fecunda irmandade virtual que por Ithaca transita.

A todos, un mui feliz ano 2006!

luns, 26 de decembro de 2005

Divórcio

Cea de Noiteboa e xantar de Nadal na casa dos pais, mui familiar e cos temas de conversa e debate acostumados, pero este ano brillando especialmente a lei anti-tabaco. Da mao da nena, vou aborrecido onte ao serao para a nosa casa, sen esperar a que miña mai, que non fuma, concluíse a sua ponéncia anti-lei-anti-tabaco, consistente na enumeración de todos os fumadores coñecidos que non morreron de cancro, e viceversa, os mortos de cancro que non fumaron un só cigarro en toda a vida.
As temperaturas subiron muito, pero segue indo frio, e as ruas esmorecen baixo os pasos dos que, coma nós, van á procura do seu lexítimo lugar e abandonan a casa familiar onde pasaron, un ano máis, o dia de Nadal.
Na rua do Santo atopamos a Vladimir, aquecendo os dedos para poder tocar; un pouco máis adiante, nas Cortiñas de San Román, Mirinda pasea con Ti e as duas veñen a facer-lle grazas á nena, que lles ensina o meu neto, orgullosa e chea de meco. Calo que vin a Vladimir, ese obseso do cibersexo, porque temo botar leña ao lume, e porque no meu cerebro ecoa ainda o Maldito internet de Mirinda cando o Xoves, na inauguración da Cova, deu por morta e enterrada aquela unión, confirmando asi os informes de Polis.
Internet uniu-nos e internet separou-nos, e acabou por converté-los en personaxes dramáticos: coñeceron-se nun chat, e agora, separados, Mirinda confesa que segue a buscar naquel mesmo chat o home da sua vida, nunha procura pertinaz e deseperada; tamén os converteu en personaxes de serial televisivo: mentres el volveu ás ruas de Ithaca co clarinete, ela toma a decisión de adoptar un fillo, e soña xa cunha nena oriental adormecida no colo como adormecido vai, coa fofa pel de goma ao lentor da noite, o meu neto, ese boneco rosado e gordecho que a miña filla arrola.

sábado, 24 de decembro de 2005

Feliz Nadal


Feliz nadal e paz para todos.
(mesmo para quen menos a merece por ser quen a bushca menos)

venres, 23 de decembro de 2005

Agoiros


Sucedeu esta mesma mañá, de camiño a Delfos para recoller a nena, e por segunda vez en poucos dias: despistado ou acróbata, un paxariño bate contra o cristal do coche; tras el deixa un resto de sangue e plumas antes de ser despedido, engulido pola névoa na mañá xeada.
Señores arúspices, será este un repetido aviso do destino?
Para vostedes, augures e sibilas, será que os deuses falaron novamente, que coas plumas desta segunda ave rescreven o meu fado?
Digan, pois.

mércores, 21 de decembro de 2005

Indícios

Non vou falar da rutina destes dias. Dos ires e chegares baixo a néboa destes dias á volta do feche do trimestre: pronto será Noiteboa, e un pobre animaliño, que non deu atopado caixa de relóxio en que acubillar-se, espera a sua hora, entre allos e erviñas, no frigorífico dos meus pais.
Un Papá Noel rosmón debulla as neuronas, sen carta orientativa e con poucos indícios sobre que xoguetes deixará baixo a árvore de Nadal para unha nena que acaba de enviar-me oito bicos telefónicos (iso foi o que ela dixo, exactamente oito).
Non vou falar tampouco de que os postais natalícios foxen do meu buzón como do lume, nen de que, separado dos informativos até hoxe por moreas de actas e exames sen corrixir, acabei tamén eu fuxindo en canto escuitei falar por rádio e televisión a patriotas de hojalata, bobos solemnes e canallas.
Iso si, antes de acabar o dia aprendo unha palavra, mui nova e mui vella ao mesmo tempo: camauro, e tamén que este ano non é que o vello dos regalos rapase a barba por ir de incógnito.
Ese é outro vello, tamén rosmón, que vive en Roma.
E que é papa, pero non papá.

sábado, 17 de decembro de 2005

Povo creador

Evidentemente, o falante é dono e creador da sua língua, e fai con ela o que quere.
Hai poucos meses, contava-me Vapin que alguén o puxera a pan parir, facendo unha sorprendente mestizaxe mui expresiva.
A semana pasada, unha aluna miña define a sífile como unha enfermidade penérea.
Onte mesmo, o meu cuñado, no seu castelán vallisoletano inzado de leísmos, conta que por veces hai que facer as cousas non a hurtadillas senón a octavillas.
E ámbolos tres ficaron tan anchos.

xoves, 15 de decembro de 2005

Abúlia

Inesperadamente, nun lamentável exercício de boicot e falta de colaboración, o ferro de pasar derrama todo o seu contido líquido sobre a camisa xacente, e entra en agonia. Vai-se con el unha tarde de traballo doméstico apenas iniciada, e un dos regalos do noso casamento.
As consecuéncias son as esperadas: deixo para mañá o que devia facer hoxe, e sucumbo ao inútil encanto de facer que fago para non facer nada finalmente: carguei a lavadora, pero poñerei-na mañá porque ainda non está chea.
Empecei a montar o belén coas figuras que comprei no finde coa nena, pero deixo-o porque a caixa de zapatos camuflada agora non me convence como sucedáneo de portal. Tampouco podo guisar: no fondo do tarro hai unha mísera puñada de lentellas que non abondaria nen para un petisco, canto máis para convidar a xantar a Polis mañá.
Iso si, existe a posibilidade de vestir-me, calzar-me e saír á rua a comprar as cousas necesárias, pero non: deixo-me ir tarde adiante como se un rio me levase cara ao mar da abúlia e a atonia.
Ao facer balance, o dia ofrece un saldo exíguo: apenas uns cantos exames corrixidos, unhas poucas páxinas lidas de 2666, a novela de Bolaño, e este mesmo post.
Tamén vários kilómetros en voltas pola casa.
E si: os cacharros de almorzo e cea ainda emiten sinais desde o limbo do vertedeiro.

martes, 13 de decembro de 2005

Descubro

Descubro con estupor (é unha forma de falar) que tan só restan doce días para o Nadal, e nove para un sorteo do que aínda nen sei que número xogo cos meus amigos.
Descubro que tampouco enviei as felicitacións, a estas alturas, así que corro a comprar un lote de postais, que escribo un pouco a repelo, como fago sempre.
Descubro entre elas un formoso anxo tocador de laúde e, aínda que non pensara facelo por non tender pontes, decídome con rapidez e entusiasmo; rememoro escritor, número e piso, e envío a un diminuto apartamento de Atenas unha sincera e fraternal felicitación.

Agora só espero que Melómano recoñeza o remitente.

luns, 12 de decembro de 2005

Proxectos


Sigo xantando na casa dos meus pais case cada dia.
A dicer de Vapin, que estivo aqui Domingo ao serao, iso non ten xa remédio: seguirei e seguirei indo para sempre, di-me desde a sua experiéncia, e sinto que ten razón, como sinto que ir cada dia condiciona o meu horário, e, naturalmente, a miña autonomia.
Pero mentres certas cousas non muden, a cadea non romperá.
Domingo, pois, á volta de Delfos: vou gardar o coche no garaxe, e Vapin diante do portal, que ten que entrar en internet para mirar o correo e buscar información sobre móbiles.
Bebemos cola con whisky no salón, os pés sobre a mesiña e na tele sen voz a canle de cociña, e facemos proxectos: consegue alistar-me para a cea do amigo invisível, e sorprende-me con que espera livrar Sábado Santo, abrindo asi para os dous un belo panorama nos máis fastidiosos dias do ano.
Tamén falamos de Tere Holmes, que estivo na casa a véspera, cargando con lápis e un xogo magnético para a miña filla: Mentres a nena, indiferente a todo, facia polígonos e dodecaedros, Tere Holmes expoñia a nova versión d'Os amigos de Peter que podemos reeditar este Verao. Vapin está encantado coa idea e imaxino que Ti, cando llo digamos, tamén se anotará.
Dado que os recentes zurzidos cardíacos no sete emocional de Vapin poden non estar cicatrizados por completo, non puxen condicións: se Estridente vai e a de Peter se converter na casa de Gran Hermano, se en lugar de preocupar-nos polo tempo e a maionesa das tapas nos temos que preocupar de que Estridente non rompa a cabeza por imitar á Jurado, daquela eu lembraria algunha cousa urxente e daria-me de baixa.
A deus poño por testimuña. Amén.

venres, 9 de decembro de 2005

Sóbolos rios

A data exacta é imprecisa, pero esta blog fai un ano estes dias; nego-me rotundamente a empregar palavras manidas nas efemérides, asi que aqui non houvo parto nen criatura, nen haverá cabodano ou celebración.

Robinson deixou a desolación da illa e, feliz como Ulises, vive xa entre os seus parentes.
O mundo deu a volta a Kaplan en 227 post, pero o coitado segue indescifrável: Sóbolos rios de Babilónia sentou, e pena con saudades de Sión; mentres, pasma a mirar non sei ben o que, cousas penduradas nas árvores.

martes, 6 de decembro de 2005

De profundis

A tose, telúrica, que teño desde hai un par de días remexe agora non sei que seixos embolsados no meu peito.
Na gorxa medráronme silveiras que, con espiñas feroces, rabuñan a larinxe cada vez que trago o fluxo de areas en que se transformou a miña saliva.
Un alvanel minúsculo e incansable fura a cada pouco dentro do meu cranio: sen piedade nen festivos, hoxe concentra minuciosamente maza e cincel no parietal esquerdo.
Por nariz teño unha billa pingante e mal fechada; choromico dos ollos e apenas podo ouvir, e esta voz que sobrecolle a quen está ao outro lado da liña non é a miña, con certeza, porque eu aínda estou vivo.
Mañá, se algo resta de min, voltarei ao médico.

luns, 5 de decembro de 2005

Ciúmes

E saíu.
Lucíu toda a noite con humor e esa apostura de quen está en casa própia. Todo se lembrava en binómios: recordos de Tadsio e eu nos tempos en que era meu aluno, as miñas clases, que foi dos seus e os meus compañeiros, o porqué do meu traslado; recordos de Tadsio e Polis no Marais e polo Soho; recordos de Polis e eu cando latábamos ao instituto para irmos aos billares, ou víñamos para aqui co pretexto de facer algun traballo e...
Creo que ti daquela inda non naceras, mira se non choveu. Isto foi Polis quen o dixo, e rimos todos, pero a primeira nuve escureceu o mantel imaculado e aquel sorriso lunar.
O segundo e definitivo eclipse viria despois, tomando unha copa; Polis e eu falávamos de calquera cousa; Tadsio, o sabuxo, rondava á nosa volta, ben cargado. Dá-me as chaves que te espero no coche, dixo para Polis, repetinamente: Pensei que tiñas ganas de estar comigo.
E marchou. E Polis atrás del.
E eu atrás de Polis, maldicendo a vida.

sábado, 3 de decembro de 2005

Tagine

Aquela cea con Polis e Tadsio-a-Lua, tantas veces anunciada e tantas outras adiada até mellores ventos, tivo lugar porfin onte á noite.
Ainda que a cociña marroquina non é o forte de Polis (o exceso de comiños arruinou o prato), e se esquecermos unha estraña escena de ciumes cando tomábamos unha copa nun local, de madrugada, todo correu fluidamente.
Pola tarde, cando pasei a deixar-lle o tagine, Polis andava á deriva pola cociña pelando cabaciños e cenoiras, pendente do año que dourava, e mui alterado. Era a primeira vez que el e Tadsio, a aquela hora en camiño desde Teucro, dormirian na casa en que Polis ainda non dera ben conxurado a presenza de sua mai.
Preocupado por muitas cousas (e non era a menor que o cheiro da pintura ainda fresca fose tóxico), levou-me a ver o seu novo cuarto, o dormitório principal, totalmente renovado.
Sorprendeu-me o estilo oriental, demasiado minimalista; provei o tatámi, o brando futón; fixen que non via a Polis espallar e desordenar os bambus decorativos tentando-os recolocar nun recanto; vin despois o vello cuarto adolescente, no sucesivo para invitados, en que tantos equilíbrios tíñamos feito para non caírmos da cama estreita. Nós daquela era diferente, miña mai podia pillar-nos e aí estaba a cousa, pero agora non sei que me dá facé-lo no mesmo cuarto en que morreu, por muito que cambiase os móveis e a pintura.
Cando pasadas as 10 me abre a porta, a cara de Polis reflicte unha mudanza no seu estado de ánimo; o dormitório fora estreado con éxito e Tadsio estava na ducha; Polis suliña cun sorriso a tenra obscenidade dos seus comentários e xestos mentres me serve unha copa de viño, e agardamos a que coza o couscous e A Lua saia esta noite.

venres, 2 de decembro de 2005

Canas


Aproveitando-nos do dia do espectador, vou con Ti ao cine.
Cando chego, xa ela me está a esperar no vestíbulo, xunto a un enorme cartaz de Harry Potter, como se ela mesma fose unha das profesoras de Hogwarts, a de História e Dialectoloxia da Adiviñación por exemplo.
Ao escuitar o meu saúdo, Ti volve-se e recebe-me cunha nuve de fume e un comentário que quixo ser construtivo pero foi demoledor: Vai con ollo cando te coces nalgun xersei de angora, que mira como ves.
Pero non. Os pelos brancos na barba non eran de nengun xersei; son todos meus.
E a película de Coixet, como era de esperar, resultou magnífica.