sábado, 3 de decembro de 2005

Tagine

Aquela cea con Polis e Tadsio-a-Lua, tantas veces anunciada e tantas outras adiada até mellores ventos, tivo lugar porfin onte á noite.
Ainda que a cociña marroquina non é o forte de Polis (o exceso de comiños arruinou o prato), e se esquecermos unha estraña escena de ciumes cando tomábamos unha copa nun local, de madrugada, todo correu fluidamente.
Pola tarde, cando pasei a deixar-lle o tagine, Polis andava á deriva pola cociña pelando cabaciños e cenoiras, pendente do año que dourava, e mui alterado. Era a primeira vez que el e Tadsio, a aquela hora en camiño desde Teucro, dormirian na casa en que Polis ainda non dera ben conxurado a presenza de sua mai.
Preocupado por muitas cousas (e non era a menor que o cheiro da pintura ainda fresca fose tóxico), levou-me a ver o seu novo cuarto, o dormitório principal, totalmente renovado.
Sorprendeu-me o estilo oriental, demasiado minimalista; provei o tatámi, o brando futón; fixen que non via a Polis espallar e desordenar os bambus decorativos tentando-os recolocar nun recanto; vin despois o vello cuarto adolescente, no sucesivo para invitados, en que tantos equilíbrios tíñamos feito para non caírmos da cama estreita. Nós daquela era diferente, miña mai podia pillar-nos e aí estaba a cousa, pero agora non sei que me dá facé-lo no mesmo cuarto en que morreu, por muito que cambiase os móveis e a pintura.
Cando pasadas as 10 me abre a porta, a cara de Polis reflicte unha mudanza no seu estado de ánimo; o dormitório fora estreado con éxito e Tadsio estava na ducha; Polis suliña cun sorriso a tenra obscenidade dos seus comentários e xestos mentres me serve unha copa de viño, e agardamos a que coza o couscous e A Lua saia esta noite.

6 comentarios:

Tongzhi dixo...

Tudo é bom quando acaba bem
:)))))

Morgana-desde-Ourense dixo...

E a cea, ben?

Marinha de Allegue dixo...

Todo prometía mais cuajou?
:)

Laurindinha dixo...

Encántame esa relación que tes cos antigos amantes e cos seus compañeiros actuais!!Valoro moitísimo á xente que deixa a un lado os prexuízos (e encántanme os labirintos de paixóns!)

bueno dixo...

os labirintos de paixões, me encantam também. Adoro um cous-cous bem feito. Tagine não é aquela panela de barro? Gosto de ler suas aventuras. Talvez assim minha vida pareça menos tediosa!

Moraima dixo...

Tamén eu adoro os labirintos de paixóns, e cada vez máis, o teu blog.