xoves, 30 de xuño de 2005

Vacacións

Sigo a recoller tarecos. Fixen xa várias expedicións ao coche e isto parece non terminar nunca. O peor, de todos xeitos, fica para Agosto, cando veñan os homes da mudanza e carreguen cos móveis para o camión; pero daquela serán eles os que traballen, e iso é sempre un consolo.
Deixo Atenas: desde hoxe estou de vacacións. Lalalalalá.
Tamén esta é provavelmente a miña derradeira noite nesta casa.
Unha vez máis.

martes, 28 de xuño de 2005

Concórdia

Beber só, ainda que por tan boa causa, non é algo recomendável. Asi que aceito a invitación de Filosofia: sen tirar de min o chándal, marcho coa botella para case perder-me por camiños rurais sen luz dos que me resgatan co móbil.
A nova casa de Filosofia estaba mesmo aí, onde as luces anunciaban, a acoller onte a noite máis bela, a maior e máis intensa do calendário.
Coñecidos ou non, bebemos, rimos e cantamos baixo as estrelas, iguais a nenos; e transformados polo alcol e a esperanza, lonxe de calquer egoísmo, inocentes pois, bailamos collidos das maos arredor da oliveira centenária.
Como non sentir daquela que o país novo latexaba xa ao compás dos nosos corazóns, dos nosos pés a bateren na terra?


Pola mañá, como un símbolo, a choiva varreria as ruas e os tellados, calma e persistente.

luns, 27 de xuño de 2005

Nunc est bibendum


Gañamos, agora si...

E agora, agora brindaremos!

Mudanza

Unha última olladela ao livro de Vermeer que mañá volverei a Ilu basta para que a melancolia acuda.
Asoma a cara pola porta do estúdio, e esa luz dá-lle de cheo, envolvendo-a mentres camiña silenciosa até sentar aos meus pés.
Levanto o ollar e só vexo un cuarto que pronto deixará de ser meu.
Hai maletas abertas, bolsas de plástico e caixas a meio encher por toda a casa, e a zozobra xorde cando me deteño a mirar esta revolución que cada dia se deixa sentir máis polos cuartos.
Xoves marcharei á Comarca, co coche ateigado e o espírito lixeiro, pero, mentres, o corazón abafa: ao longo destes dias irán cortando luz, gas, auga e teléfono, e mañá será a cea de despedida do instituto.

domingo, 26 de xuño de 2005

Europa

Desde Venres ao serao as estatísticas contabilizan un novo matrimónio: Mirinda e Vladimir casaron, e arestora serán felices e, sen dúvida, comerán perdices ou lagosta nalgun lugar do Caribe. Se tirarmos a pesadez do oficiante, a cerimónia foi perfeita, aduviada por todas esas cousas que unha muller soña desde que naceu: traxes principescos para os noivos, unha cauda de dous metros que portaron duas infantas de poucos anos, as lágrimas da mai de Mirinda, un padriño que sóbria e emotivamente conduciu a noiva ao seu destino ao pé das enormes colunas do altar florido, a irmá de Mirinda actuando de madriña, o cosmopolitismo dos amigos do noivo, a emoción contida nos presentes, todo ideal como un formosísimo soño.
Vladimir non é galego, nen español, nen sequer é latino; Vladimir é un ruso de pel branquísima, de ollos claros e cabelos loiros; naturalmente, non se chama asi, pero nesta blog como se tal: Vladimir é profesor de música e toca o oboe; dá clases particulares e empeza a traballar na empresa do sogro, pero el e Mirinda coñeceron-se en Decembro, cando tocaba co seu grupo nalgunha das ruas de Íthaca.
O demais até aqui foi todo paixón.
As crónicas durante o banquete aclararon até os máis nímios detalles, como adoito sucede: Vladimir está tan namorado de Mirinda que até se fixo católico nestes ultimos meses: aprendeu o catecismo, bautizou-se Xoves pola mañá na mesma parróquia en que casaria, fixo a primeira comuñón na cerimónia do casamento, e agora está entre nós (desde logo con máis motivos ca nós) no seo da Igrexa Romana. A rapidez deste home é case épica: en menos de 1 ano cambiou de fe e de país, asumiu catro sacramentos, obtivo novo traballo, será marido, será pai, e obterá a nacionalidade española e comunitária.
Outros sentimo-nos fraquear á vista de menores mudanzas na nosa vida.
Pero é que o teu avó non morreu na defensa de Leningrado, susurra-me ao ouvido Polis mentres o noivo agarda a pé de altar a entrada de Mirinda no templo.


Ausentes o caviar e a ensaladilla, o banquete tivo unha inequívoca presenza rusa: lagostinos, vieiras, centolas, cóctel de marisco e rabada, atendendo o soño de calquera invitado a unha boda desde que nace, pero a tacha foi a disposición dos comensais en mesas separadas, o que supuxo un límite da confraternización paneuropea, e que o destino sentase na miña a Nican, Vapin, Polis, Macer e Alice. En resume, salvo Nican, persoas coas que antes ou despois me tiña deitado máis dunha vez, e isto fixo que entre lagostino e centola Polis deixase cair sobre o mantel a fea palavra depredador.
Moralexa: ás veces pode ser bo que mesmo para os amigos máis íntimos a mao direita non saiba o que fai a esquerda... nembargantes, e pese a iso, todo foi mui agradável e, salvo os intentos frustrados de Macer de mudar-se a outra mesa, a convivéncia na nosa foi exemplar e fluidísima.


Cando os noivos se esfumaron, e pouco a pouco marcharon os convidados, a festa continuou entre vodka, danzas e cancións do Báltico no piso dos rusos.
Para daquela Macer desaparecera, Alice fixérase cargo dun Vapin mui bébedo co que bailou várias polkas, Nican berraba tobarich tobarich ancorada a un eslavo de ollos azuis e tan forte coma ela, que lle estaria a cantar (digo eu) belas baladas do Volga, e Polis e eu, arranxando o mundo como de cote, acabábamos coas reservas.
Como saímos dali é algo que nunca se dará sabido, pero ás once da mañá, buscando remédio no cuarto de baño de Polis, recordei que o serao antes casara Mirinda, e que Europa era algo máis grande desde habia poucas horas.
Polis nen se enteirou de que me ía para a casa dos meus pais.

xoves, 23 de xuño de 2005

Saudade

Con esta calor infernal que converte Atenas nun forno, sen apenas variación entre o día e a noite, o final das aulas chega coma un bálsamo.
As notas están prontas e as avaliacións non serán até mañá, así que desfruto dun día completo para non facer nada; mellor dito: para facer tan só o indispensable, sentindo sen desacougo que estou a perder o tempo.
Entre o indispensable, as mil pequenas cousas que atravancan o carro: limpo o baño, rego as plantas, vou pagar unha factura ao banco, envío a Teo a copia de HQB, levo vidro e cartón á reciclaxe, vou ao supermercado... e compro o cómic do xornal: unha aventura do Capitán Trueno en Grenlandia que me leva, dando un virtual pinchacarneiro, a unha época distante que sabe a cheiw de menta e a fanta de limón; corre á miña volta unha chea de nenos en calzón curto rindo e dando voces polo castiñeiro que talarán anos despois; vimos da fonte con cadanseu garrafón de plástico, que deixamos na casa; collemos a merenda e imos agocharnos na cabana que fixemos no pendello do Silvosa con caixas de Lagarto, latas da Giralda e tambores de deterxente.
Repito os seus nomes mentres os sinto xunto a min, todos bocabaixo, abafados baixo o toldo, lendo de dous en dous os Truenos e os Jabatos: Suso, Tito, Paco, Aleixo, Luís, Marquiños (o máis novo, que morrería con 20 anos e unha filla que non viu medrar).
Paso a man pola cara, e a aspereza da barba faime regresar: non sei onde está aquela Íthaca en que vivín, aqueles que foron meus pais, aqueles cativos meus amigos, os Veráns con aquel sol que enchía os días dunha luz branquísima.
Unha luz como non volverá haber.

Cadea

Ali estaremos, como non!

martes, 21 de xuño de 2005

Casamentos

Este Sábado casará Mirinda e hoxe, aproveitando a viaxe a Delfos para unha reunión nas alturas, quedo con Alice para comprar o regalo. Formamos parte da comisión designada polo grupo de Íthaca, que naturalmente nos endilgou o cometido aducindo toda espécie de pretextos; para ben ou para mal (sigo sen sabé-lo), Nona non comparece, e con Alice, que tan pronto estaba aquén como alén do ditosiño espello, as cousas derivaron en estrañas xustificacións sobre o pretérito imperfeito, o condicional e o futuro hipotético.
Acordáramos o encontro na terraza do Suso, e eu cheguei tarde; sen problemas: Alice acababa de chegar e case nen tivera tempo de alisar a bonita saia e abrir o livro que, ao aparecer eu, envorcou sobre a mesa.
Evidentemente, Alice estaba centrada na encomenda: cada vez que eu falaba de Íthaca (do noso sucedido en Íthaca), ela alisaba a bonita saia e daba en contar-me detalles da cerimónia. Asi souben que é normal que calquera muller queira casar nunha igrexa e cun vestido co que leva soñando desde que naceu, cun veo e unha cauda de dous metros.
Á vista das cousas, non resulta estraño que acabásemos comprando o xogo de café co que, ao parecer, calquera muller leva soñando desde que naceu; talvez por iso a miña ex muller quedou co que nos regalaron.
De camiño á Galeria atopamos a Charles, o meu compañeiro de pensión en 5º: vai collido a unha moza loira mui sorridente, e di que veñen de ver cociñas porque van casar, e sorrin sen soltar-se, tontamente: o casado, cociña quere, di a muller do sorriso.
Mentres eles dous seguen a bicar-se, e Alice alisa a saia perdendo a paciéncia e a vista rua adiante, conto-lles que me deron o traslado e que viverei en Íthaca no sucesivo; e ela?, pregunta Charles. Ela e eu estamos divorciados desde hai dous anos.
Dez segundos máis tarde, Charles regresa do mundo dos bicos á terra cun sobresalto: Divorciados? Divorciados, si, pero estas cousas non sempre rematan desta maneira, asi que ánimo, digo achegando-me a bicar á noiva, tendendo-lle a mao a el, reiterando-lles as felicitacións, recomendando-lles que escollan ben o monomando, a vitrocerámica, a cambota eléctrica.

Abafada, dorme a louza no maleteiro do meu coche e Alice e eu xantamos sen conversación, mirando os cisnes desde a xanela. Cando chega a sobremesa, un susurro corta o xelado: O outro dia en Íthaca non pasou nada...
Unha nuve embaza o espello do lago; un cisne nada tranquilamente.

luns, 20 de xuño de 2005

Família, etc.

Vexo por televisión imaxes da manifa de Madrid. En defensa da família convencional, pai+mai=fillo dician algunhas pancartas; outras tiñan escrito en caspa e sobre pergamiños resecos Família que reza unida permanece unida; incluso algunha esgrimia unha imaxe como a deste mesmo post que a man tenta escollo.
Nada que obxectar: é certo que frecuentemente pai+mai=fillo, pero non sempre. Tamén que as famílias que rezan unidas permanecen unidas, pero non sempre. Ás veces tamén sucede que as famílias rezan unidas, pero non permanecen unidas; ás veces nen sequer permanecen. E como non: tamén hai famílias que permanecen unidas e nen sequer rezan.
E logo esa imaxe, que cadra pouco co que eses están a defender e muito co que defendemos outros: un home que está por repudiar a muller que lle di que está preñe, a esperar un fillo extra-matrimonial, pero que ten dó dela, de botá-la á miséria dos camiños, e asi a acolle novamente, cornudo e doce; unha muller, que xura ser ainda virxe apesar do evidente, ao parecer un bon dia descobre que está encinta de quen non é o seu home, pero que é un e ademais trino; un fillo ilexítimo que sabe que non é fillo do humilde obreiro e aspira a algo máis; un anxo que aparece unha tarde a meio da costura (disque) para anunciar que o ADN que a mulleriña porta provén do Máis Alto; aquel marido, piadoso e crédulo, que traga que o mesmo Deus baixou á terra a expansionar-se precisamente na sua casa; e novamente o fillo, que se deixa matar por defender que é fillo de Deus, e que se deixa ver cun grupo de ghichos que á primeira de cámbio abandonan mullere, crio e casa só por segui-lo.
Logo tamén aparecen en todo isto unha puta chorona e simpática chamada Malena, e unha estraña pomba a mover as plumas in saecula saeculorum.
Que ademais o tal Galileo tontee coa Malena pero se vaia ás veces con Xan e ás veces con Pericán, recoñezamo-lo: ten graza.
Se isto é o que uns e outros defenden, eu aponto-me a todo. Estaríamos a defender a mesma trincheira da vida.
Amén.
(Entón a manifa sobraba)

domingo, 19 de xuño de 2005

Náusea

Agora, máis que nunca!

xoves, 16 de xuño de 2005

Auséncia

Volvíamos a Manderley despois de vários dias, e a lavanda florecera na horta, diante da casa. Esa mesma noite naceu a miña filla.
Desde aquela pasaron cinco anos e muitas cousas, e hoxe, como cada mes de Xuño de cada ano, acudo onde sempre, e regreso cun ramallete de flores azuis que encherán a casa muitos dias co seu arrecendo intenso e limpísimo.
Paso a tarde a corrixir exames, tediosamente.
Todos estes dias tiven na cabeza muitas cousas relacionadas co final do curso, o traslado a Íthaca, a viaxe a Irlanda (para a que tan só resta un mes), o fin de semana pasado e o seu perigoso abismo, e entre tanto tampouco é menor o desacougo polos resultados do Domingo. Contrariamente ao consello do Santo, poño-me a facer mudanza en tempos de tribulación: cámbio-lle o look á blog, pero ao segundo dia asócio o novo fondo a mapas de tesouros e a xornais vellos, aborrezo de contado, e volvo ao verde inicial deixando polo camiño non sei cantas horas de traballosa esterilidade.

Eu xuraria que non estou aqui.

luns, 13 de xuño de 2005

Alicia

Non foi como nos tempos da historia con Macer: non houbo regreso furtivo de madrugada á casa dos meus pais polas rúas de Ithaca aínda escura.
Pero si a mesma clandestinidade: houbo nocturnidade, premeditación e aleivosía en pasar con Alicia ao outro lado do espello, ou iso ela teimou en transmitirme cando ben amencido, e co dia entrando, me fixo erguer de onda ela e marchar da rúa do Santo.
Todo para que M non sospeitase: debía quedar ben claro que se Alicia marchou das copas tras a cea foi por estar cansa, e que se o Sombreireiro marchou con ela foi para acompañala polas ruelas de Ithaca, e que se foi o Sombreireiro quen a acompañou e non o Coello é porque este pobre xa o coméramos durante a cea.
Todo isto cumpría deixármolo ben claro, supoño que para que a boa M non se esforzase en sumar dous mais dous, e obter como resultado que o pasado non sempre desaparece entre as follas do calendario, que moitas veces retorna coa forma dunha visita inesperada que invita un vello amigo a cear tras descubrir que escribe unha bitácora.
Por suposto, M seguiu coa copa e os amigos mentres Alicia e Kaplan marchaban para a casa: avivecía o lume antigo con leños novos, e as voces e os risos ecoaron até que os bicos os selaron polas Cortiñas de San Román arriba, polo Burgo Novo abaixo, e cantas parellas furtivas en noites coma esa se levarán bicado en vinte séculos, a percorrer este camiño.
Ao atravesarmos a porta do cuarto pasamos ao outro lado do espello, como dixen, pero apenas houbo vagar para ver como era o novo cuarto: as cousas desenvolvéronse con rapidez e tino, e en segundos (tras a rápida expedición de Alicia através do espello ao cuarto de M, para procurar neles), xa a luz da rúa que entraba reverberaba na láctea pel dela: nesa noite sen Lúa, dúas lúas branquísimas oscilaron con fereza sobre min.
Adormecemos entrelazados, en silencio. E houbo noite e mañá, dia primeiro.

mércores, 8 de xuño de 2005

Adeus

Despois da mensaxe telúrica, á que seguiron outras duas réplicas, vou para o encontro con Melómano non como año para o matadeiro, pero case. Copo con certo alívio á tediosa clase de informática, e emprendo o camiño polas tórridas ruas dunha Atenas agonizante baixo o sol impio.
Da rua do Pintor á rua do Escritor, provavelmente por última vez, vou pensando coa camisa pegada ao lombo que táctica adoptarei cando entre no salón diminuto, e chovan por riba de min reproches que a esta altura da película non penso aturar de ninguén.
Iso me vou dicendo mentres subo no ascensor e reviso baluartes e trincheiras.
En fin, previsións inúteis: Melómano, locuaz e divertido, esforza-se por demostrar que emprendeu unha órbita diferente, distante das sombras que o atenallaban ainda hai pouco. Está relaxado, sen que o salón cheire a maria, e cando rexeito tomar algunha cousa e vai para a cociña, en lugar de vir en slip coa temida cafeteira, reaparece cunha melancia aberta, rotunda, gorentosa, fresquísima.
Sentados no sofá de marras, cos pés sobre a mesiña baixa, comemos dela e cuspimos as pevides no cinceiro, e falamos do tempo, de Irlanda, das eleccións, da sua tese, do meu traslado, e aí minto eu: Tiña pensado chamar-te antes do final das aulas, para despedir-me. E aí mente el, provavelmente: Xa o sei, pero queria ser eu o primeiro que se despedise.
Compartimos un cigarro antes de ir-me, cando a conversa vai esmorecendo. Na porta damo-nos a mao, pero repentinamente solta-se; un segundo, di, e desaparece; cando regresa trai na mao o disco de Billie Holliday que agora está a soar mentres escrevo. Para que te acordes cando escuites Cheek to cheek, di; quero rexeitar o regalo, pero el insiste; oferezo-lle unha cópia, pero di que non: Asi, tamén me acordarei cando a bote de menos.
Pola rua do Papa abaixo, en dirección á casa, sinto un tasto muito máis amargo que o da nicotina: o da primeira despedida.

martes, 7 de xuño de 2005

Mrs Robinson


A señora Robinson (Anne Bancroft) desde onte descansa porfin en paz. STT Levis

Segredos

Algunhas das persoas que máis me importan en Atenas gardan segredos que pronto terán que desvelar, anuncios que cambiarán a vida doutras persoas. Ilu, segundo me conta esta mañá, revelou o seu este fin de semana.
Ambece terá que facer o propio en poucos días. Dóelle pensar que o seu ex-marido se vai vir abaixo cando saiba que ela marcha cos nenos para Andalucía, pero non muda a intención de explicarlle o motivo: daquela estaba farta de que te comportases como un fillo de puta, por iso pedin o traslado, dime que lle vai dicir.
Se eu fose facer o mesmo, con certeza non podería durmir.

Tómbola



En palavras da miña compañeira de Departamento, pouco a pouco vou conseguindo todos os prémios da tómbola. A última boneca chama-se Irlanda: é lindísima e leva un precioso vestido verde.

luns, 6 de xuño de 2005

Visita

Un compañeiro de meu pai, cando iniciaban a gloriosa carreira de armas en Cáceres, soubo polo comandante da base que a sua muller o abandonara polo domador dun circo; non vos riades, que o conto é triste.
Como consecuéncia do que hoxe chamaríamos stress post-traumático, ao alferes de poucos anos desencadeou-se-lle unha esquizofrénia latente que acabou con el e coa recén estreada vida castrense nunha clínica psiquiátrica. Naqueles tempos a medicina non era como hoxe, informa meu pai.
Desde aquela decorreu máis de meio século: o amigo de meu pai, declarado inútil para o servizo de armas, por contra ingresou no servizo secreto, onde continuou unha delirante carreira inzada de ascensos, méritos e condecoracións que o Exército garda e, por motivos de seguridade, non lle entregarán nunca.
Cada tres ou catro meses sai do hospital para ver envellecer as suas irmás e, antes de tornar aos seus lavores de información, visita a meus pais levando, inescusavelmente, unha bandexa pequena de cañas de crema.
Venres tocou visita, como anunciaba a peste dun habano por toda a casa cando chegamos. Na sala, coas persianas baixadas e as luces acesas en pleno dia, estaban meus pais co seu invitado; sobre a mesa, entre as cuncas do café e a bandexa de cartón da confeitaria, un embrullo de papeis de xornal. Tras os saúdos, meu pai, mui sério, indicou o vulto da mesa e mandou-me gardá-lo na caixa forte inexistente.
Podo confiar en ti, non si? Mira que a seguridade de todos vai nestas películas, murmurou o axente mentres me collia a mao. Sinto meter-vos nisto, pero van atrás de min.

Un destes dias, cando dea visionado a totalidade das caixas de Strepsils que habia no embrullo, estarei en condicións de revelar aqui quen asasinou ao Papa.
Se é que alguén está interesado.

domingo, 5 de xuño de 2005

Lamatumbá

Atendendo ao clamor recomendatório do blogomillo e dalguns colegas atenienses, acudo Venres á cervexaria sotarrega para comprar o Lume de Lamatumbá e emprendo o camiño de Delfos desfrutando das voces limpas e os acordes de persoas que desfrutan do que fan. E sobretodo, con muita alegria.
Parece-me que algo podemos ainda oferecer ao mundo, e fico completamente encantado, pero iso si, algo decepcionado comigo mesmo por non dar chorado ao pasar o Alto de Dozón, como esperaba e se cadra devia. Fago que a miña filla escuite aquela música pracenteira e limpísima, a mesma que soa mentres isto escrevo, e sorrio agora para min pensando nese futuro suntuoso e proletário que avanza cara nós con alvoroto.

xoves, 2 de xuño de 2005

Reaparicións

Agora que foron confirmadas a previsións de traslado, cando as temperaturas soben e o final das aulas está tan próximo que semella poder-se palpar coa mao, foxe dos mundos de Yupi e cai nesta blo unha vella amiga, disposta a acreditar nos fenómenos paranormais se non acerta co diagnóstico.
Para evitar maiores quebrantos, chamo-a polo móbil e falamos un pouco: tempo xusto para asegurar-lle o que ela sabe e combinarmos unha cita vis-à-vis en poucos dias en Íthaca. Sempre teño ganas de ve-la, pero case sempre sucede que entre nós os encontros son fugaces, apresados, como a inacabada conversa de dous viaxeiros con diferentes destinos que coinciden no mesmo andén.
Espero que desta vez a resaca que ela agoira non sexa nengun tren que parte e nos separa.

Mentres, nestes dias seguen a chegar mensas carregados de parabéns de case toda a xeografia afectiva (Nican, Polis, Aurora, miña irmá, Mer), e directas mensaxes de case todo o claustro. En realidade, non sei xa se alegrarme ou preocupar-me por tanta alegria coa miña marcha.
Entre as mensaxes enigmáticas, hoxe unha de quen hai semanas non sei: "Vexo que te vas. Cando podemos ver-nos? Se non respondes, borrarei este número".
E asina Melómano.

mércores, 1 de xuño de 2005

Teo

Hai demasiados dias que non falo con Teo.
Hoxe descubro a súa recén inaugurada blogue, e faime sentir incómodo o reproche; non por inxusto, que non o é, senón porque me enfronta cunha realidade persoal inexplicable. Non me xustifico: sinto que neste momento necesito perante todo a seguridade das persoas que vexo con frecuencia, que directamente coñezo, que son xa parte inescusable da miña vida.
Culpabilízome de non abranxer máis, pensando egoistamente, pero é certo que non debo desatender máis a quen me tende a man.
Aqui estarei, pois, desde hoxe mesmo, se ti queres.