martes, 27 de xuño de 2006

Kit

Unha maldade: en lugar de aforrar os cartos para pagar o chapeado e a pintura, Incombustível empeña-se en facer-lle un presente de aniversário á miña filla, que desde onte está comigo en Ithaca.
Pola tarde, a nena abre un embrullo de papel coas caras de Mickey e Minnie, e os dous ficamos sen fala: trata-se dun blister de beleza tipo señorita Pepis, horrivelmente completo con uñas postizas, pendentes con diamantes de plástico, lápis de lábios cor de rosa, un bolso que polo tamaño parece para os pós e talvez o sexa, faíscas brillantes e rimmel...
A primeira en dicer algo é ela: Por que non o gardamos nalgun sítio até averiguarmos para que vale todo isto e se me vai gustar ou non?
Meu dito, meu feito: o kit de esteticienne xace sobre o teito do armário esperando ser esquecido para sempre.

sábado, 24 de xuño de 2006

Inventário

Da lumeirada de onte, pouco que dicer porque o importante nunha noite asi son as sensacións, e esas non faltaron; boa parte delas viñeron para a casa comigo e ainda non me dei librado dalgunhas: resaca, ou do resólio traído en duas botellas sen caveira indicando perigo ou do morápio procedente dalgun arsenal de armamento químico; peste na roupa de fume e sardiñas que enchia o cuarto esta mañá cando acordei; marcas de tisne e graxa nas maos, na cara e (sorprendentemente) no pescozo, que só puiden borrar esfregando a consciéncia baixo a ducha; e tal malestar de estómago e intestinos como non desexo ao pior dos inimigos.

Entre os asistentes, Ti, Vapin, Estridente (acompañada por un calvo de 55 tacos), Polis, Mirinda (afortunadamente para todos, Vladimir renunciou a vir no último momento), Constance con duas amigas alternativas, antiglobalizadoras e politicamente correctas, Cris, Incombustível no seu coche (para que bebas e non nos pase nada) e quen isto escreve.
Escusaron a asisténcia Tere Holmes (desde o exílio) e Nican.

No capítulo de perdas e desastres: o tacón roto de Estridente cando rendia homenaxe á diva falecida, o foulard de Ti abrasado mentres ela remexia no lume, a aleta traseira do coche de Incombustível rascada contra unha árvore ao aparcar, e a dignidade de Vapin, mui maltreita tras caír de cu nun rego enlamado cando viña de mexar.

venres, 23 de xuño de 2006

Solstício

A avaliación desta mañá fixo-se eterna: problemas informáticos e humanos converteron-a en interminável, e eu xa non via o momento de marchar, máis que nada porque temia que cando chegase á praza non houvese sardiña a prezo razoável, ou que, como algun outro ano, simplemente non quedasen, e tivese que dar-me á sua procura polos carrefures e os eroskis da contorna.
Nada disto sucedeu: 10 kilos de sardiñas por 40 euriños enchen co seu arrecendo marítimo a cociña, e converten a miña neveira nun Cantábrico.
Por 40 euros non vale a pena facermos contas nen a vaquiña polo seu: mentres as flores maceran co solstício, hoxe á noite, cos habituais do akelarre e algun espontáneo, asaremos as sardiñas nun lameiro que pronto deixará de ser da família de Ti para dar á luz unha urbanización de adosados xunto ao rio.
Pero esa é xa outra história.

xoves, 22 de xuño de 2006

Wilder

No centenário de Deus, porque ninguén é perfeito.

mércores, 21 de xuño de 2006

Fin de curso

A partir de mañá, o nefando vixia insubornável sobre a mesa de noite cesa nas suas funcións, e non volverá marcar as 7 en dous meses.
O papeliño do horário abandona xa o taboleiro de cortiza para ir entre salvas de ordenanza á bolsa da reciclaxe.
Os exames correxidos, o caderno de notas, os partes, as listas, esperan que o dia da avaliación os convirta en só papel escrito e rescrito en azul e vermello.
A partir de mañá as aulas, titorias e gardas de pátio, as idas e vindas ao toque feroz do timbre que nos mexava nos ouvidos desde o corredor, os duros combates coa indiferenza, os neanderthais, os dickies duas tallas máis, as berskas duas tallas menos, a partir de mañá, digo, tomarán contornos de recordo.
E eu, exausto, contarei un curso máis.

venres, 16 de xuño de 2006

Botadura

Hai tan só unhas horas, como quen visita un museu, visitei con Polis o novo cuarto de baño.
Armados con senllas cervexas, pasamos revista aos azulexos branquísimos, á torre de hidromasaxe, ao enorme espello, aos focos halóxenos, á pia encastrada en travertino, ao retrete de asépticas liñas, ao práctico toalleiro térmico...
Nun canto, pero non por iso deixando de ser o buque insígnia daquela estáncia, agardava o urinário imaculado que en poucos segundos, e cos meus desexos de eficácia, fluidez e abundáncia, declarei, coa axuda de Deus, solenemente inaugurado.
Para evitar calquer desgraza ou facilitar-me a tarefa, Polis apresou-se a coller-me o botellin da mao, non fora ser a botadura completa.

xoves, 15 de xuño de 2006

Teste

Aceito a amável invitación da autora de Selva de Esmelle para responder ao cuestionário do seu blog, pero, como non quero dar de todo o brazo a torcer, responderei de forma negativa, a ver como resulta...
O que non sería eu se tivese sido...
* ... un mes: Agosto, coa calor implacável e esa sensación de que o mundo está a acabar.
* ... un dia da semana: Domingo (principalmente pola tarde).
* ... un momento do día: a hora de ir para a cama.
* ... un planeta: o planeta Agostini e as suas promocións absurdas adaptadas á ESO.
* ... un animal: calquer insecto ou arácnido.
* ... un móvel: unha desas estrañas mesiñas para o teléfono.
* ... unha bebida: a sangria (detesto-a) ou o cóctel de cava das bodas.
* ... un instrumento musical: o acordeón e a botella de anis rañada cun coitelo.
* ... unha froita: as mazás asadas (pobres, sen seren unha cousa nen outra).
* ... unha canción: Paquiño o chiculateiro.
* ... unha matéria: o metracrilato (sobretodo nos móveis).
* ... unha parte do corpo: un sobaco (unha axila, talvez).
* ... un obxecto: o 90% dos que se venden nun todo-a-cen.
* ... unha comida: calquer víscera cociñada, empezando polos sesos.
* ... un personaxe animado: sen dúvida Bob Esponxa, ese enxendro.
* ... un número: o 1, nunca, para que?
* ... un coche: un testarosa.
* ... unha cidade: Veneza, ese postal.
* ... unha dor: a dor de moas.
* ... un mar: o da Tranquilidade (demasiado enxoito e solitário).
* ... un idioma: o esperanto.
* ... unha flor: a couve (flor).
* ... unha cor: rosa.
* ... un verbo: abandonar, e os seus sinónimos.
* ... unha estación do ano: o Estio.
* ... unha prenda de vestir: un pixama (hai quen di que serven para deitar-se vestido).
* ... un libro: muitos, pero por seguir a moda o Código da Vinci.
* ... un país: calquer país musulmán, empezando polo Irán.
* ... un lugar: un campo de golf.
* ... un deporte: todos os que requiran altas doses de suor e testosterona.
* ... unha película: obviedades á parte, as de Almodóvar (vista unha, vistas todas).
* ... unha marca: Swarovski.
* ... unha série: Pratos combinados (devo acostumar-me: eu no asilo e seguirá en antena).
* ... unha páxina web: a do principal partido da oposición.
* ... un sabor: o das espinacas.
* ... un signo do zodíaco: Escorpión (o meu), un signo de pronóstico.
* ... un perfume: pachuli.

martes, 13 de xuño de 2006

Cine-forum

A tarde presentava-se pouco gratificante: unha humidade case tropical, o ceo de chumbo e ambiente de trevoada, e por diante, a escoller, un cesto de camisas para lles pasar o ferro ou un monte de exames por correxer.
Cando comezava a estar tan farto do ironing que até a perspectiva dos exames se tornava apetecível, aparece con ganas de ducha e de conversa un Polis paladin e liberador: pasea nu por toda a casa antes e despois de se duchar, deixa marcas dos pés mollados nas baldosas do corredor, deixa marcas de máis arriba cando senta sen toalla nunha cadeira da cociña donde o teño que botar, pide a merenda, propón que vexamos algunha peli, investiga polo estúdio.
Vén mostrando en triunfo unha fita de vídeo requetegravada: Testimuña de cargo, que vemos mentres comemos gorentosas cereixas coloradas, os pés sobre a mesiña de cristal, cuspindo as croias no cinceiro.
Pode ser esta unha imaxe da felicidade? Non.
En mala hora comentei que a enfermeira era na vida real a muller do avogado, e que no cine fora a noiva de Frankenstein; desde aquela, o siléncio que só rompian as croias ao caíren no cinceiro acabou. O avogado que tiña ao lado deu en guiar-me polo complexo mundo procesal: que se iso nunca o faria un fiscal, que vaia maneira de interrogar unha testimuña, que iso non se ve máis que no cine... e a tarde converteu-se nun cine-forum mentres ía escurecendo e volvia chover como pola mañá.
Por fortuna, non teño un amigo médico que me veña rebentar as séries.

luns, 12 de xuño de 2006

Negro

Papá, ti sabias que Duarte era negro?
Hai dous anos que son compañeiros de aula, e só agora, cando ouviu que outros nenos usavan a cor da pel del como insulto, a miña filla reparou en que o seu amigo non é branco.
Seguirán sendo amigos, sen dúvida, pero no mundo alguén xa comezou a erguer outra parede.

sábado, 10 de xuño de 2006

Urinário

O segundo tema das conferéncias é o das obras na casa, que, co dormitório, o salón e a cociña terminados, pasaron o ecuador: de momento, o despacho do pai, aquel cuarto lóbrego á vella usanza dos letrados, con móveis de carvallo figurando escenas do Quixote, non será tocado. Pero si o único cuarto de baño da vivenda: esta semana empezan os obreiros a renovación total, e Polis virá aqui a duchar-se.
Novidades, tres: haverá torre de hidromasaxe, desaparece por inútil o bidé, e (ó tempora, ó mores!) ademais do inodoro será tamén instalado un urinário de parede, naturalmente máis moderno e fashion que o de Duchamp.
Tal como o conta parece unha cousa lúdica, como se fose instalar un home-cinema ou un planetário en miniatura no salón; eu, que me sento hai anos, non comprendo a utilidade e o gasto parece-me inecesário: pero Polis, que até a morte de sua mai tamén se sentava, toma agora a revancha.

venres, 9 de xuño de 2006

Conferéncias

Mentres van e non van as obras na sua pirámide, Polis prodigou-se estes dias, abouxando-me cos proxectos que lle enchen a cabeciña; Luns pasei pola sua casa, entre o café con Ti e Vapin e o meu exame de inglés, pero os restantes dias da semana foi el quen desembarcou neste tobo ao serao, ou me veu buscar para xantarmos fóra.
Aproveitando que a miña vida está ralentizada ao máximo, Polis monopoliza a conversa e os seus temas das suas conferéncias veñen sendo tres, a saber: o traballo, a sua vida sexual e as obras intermináveis do seu escorial particular.
Deles falamos todos os dias, pero Xoves, xantando unha sabrosa rabada grellada e o consabido tinto, para horror de gourmets, Polis centra-se principalmente na sua cama, ultimamente máis frecuentada do que o vestíbulo dunha terminal; despois do rapaz do colacao, por ela levan pasado un oculista de Delfos, un camareiro arxentino, un repartidor de pizza en horas livres, un erasmus italiano e un funcionário de Pesca (creo que non deixo nengun no tinteiro).
Iso si, eu sigo a ser o ponto de referéncia de Polis (case me atraganto cando llo escuito dicer).

mércores, 7 de xuño de 2006

666

Onte, nas Cortes, foi o día da Besta... tricéfala!

martes, 6 de xuño de 2006

Incombustível

En dias asi (35º no termómetro da rua, ceo cuberto, bochorno, luz cegadora, o lombo pegado ao asento, o coche convertido en grella), un lembra incrédulo os dias do Inverno en que coas maos frias houvo de rascar o vidro conxelado.
No asento ao lado, de regreso do traballo, I. fai-me prometer que mañá iremos no seu coche: leva semanas facendo prácticas co novo coche, e porfin chegou o dia D. Non terás medo? Eu son incombustível. Verás como non nos pasa nada: nunca subo de cuarta!

sábado, 3 de xuño de 2006

Habilidades

Pede-me Vapin que lle piratee vários discos con música e pélis; unha vez que me vexo montando un taller clandestino de manta na casa, aproveito e collo no videoclube Brokeback Mountain, que non vira, e empezo a copiar, mui tarde, pasada a meia noite.
Para o meu desencanto, non son capaz, asi que esta mañá teño que tragar o meu orgullo: pido-lle socorro a Vapin e hei de escuitar como paternalmente me chama inútil e abandonado.
Volvo para a casa remoendo, como un neno, na procura de habilidades que eu teño e Vapin non: sei conducir e el non, podo dar unha clase a trinta neanderthais de 3º de ESO e saír indemne e el non, sei facer círculos concéntricos co fume do cigarro e el non, podo enumerar de memória todos os reis e presidentes de Portugal, de Afonso Henriques a hoxe e el non.
Estas son as catro que atopo, e con elas unha evidéncia: que a miña estupidez ás veces é infinita e a del tamén.

venres, 2 de xuño de 2006

Aparcamento

Non sei se está probado que o simple bater de ás dunha bolboreta en Pekín pode causar unha tempestade en Nova York.
Por contra, si podo demostrar que un fulano que aparcou diante da porta do meu garaxe cando eu volvía do traballo creou as tubulencias necesarias para que, dez minutos despois, fose eu multado pola policía municipal en plano centro de Ithaca con 90 eurazos por aparcamento indebido en zona proibida.
Cando terminei de falar co garda, ás 13'33, o banco xa fechara e o aluguer quedou finalmente sen pagar até o Luns.