mércores, 27 de agosto de 2014

Aulas

Que a volta ás aulas está perto non o indica só o calendario: desde hai varias noites indefectiblemente soño con voltar ás clases, e cando digo que soño con voltar ás clases enténdase que soño no significado máis amplo e freudiano do verbo soñar.

domingo, 3 de agosto de 2014

Hospital

A Sagrada Familia que visitei pola mañá e o Hospital de la Santa Creu i Sant Pau que visitarei pola tarde distan uns cinco centos metros nos que a avenida Gaudí se estira preguizosamente baixo os grandes tilos a esta hora dun Sábado de primeiros de Agosto; o turismo diminúe ao paso que avanzo, así como as tendas de souvenirs ceden lugar a bancos e oficinas, e así como van baixando os prezos nos taboleiros das cada vez máis escasamente ocupadas terrazas, até a avenida se transformar pouco a pouco nunha tranquila rúa con poucos coches pola que os viciños sacan tranquilamente os cans a pasearen.
Para recompoñerme e coller forzas, sento na terraza do camareiro cos ollos de Ricardo Darín: pido unha xerra de cervexa, unha estupenda ensalada, unha peituga de polo á pementa, e un café con xeo por toda sobremesa; leo as mensaxes do grupo de wassap que se amorearon durante a mañá (é certo que escriben como notarios), escoito unha conversa sobre precariedade laboral desde a mesa do lado, pago os 13'55 euros da conta e dispóñome a entrar no complexo do hospital, un pouco máis arriba.
Vaia por diante que o lugar é fermosísimo: escoito sen demasiada atención as instrucións da moza que vende as entradas, confiando máis no folleto con plano que me entrega, ansiando entrar, pero pronto se pega a min a melancolía (talvez xa nos primeiros pasos que resoan no vacío do túnel de acceso) que me vai acompañar no paseo polos pavillóns e o xardín. Pode que sexa a tarde morriñenta en que se agoira a trevoada que desabará despois, pode que o silencio que apenas rompen os pasos ao morderen na grava do terreo, pode que me habituase xa ás multitudes e os relativamente poucos visitantes que cruzo aumenten esta sensación de soedade. O certo é que a exuberancia daquelas formas neogóticas, os tellados multicolores, os azulexos decorativos que recobren torretas e cúpulas, as gárgolas, as lanternas, agullas e figuras aladas que rematan os edificios, as flores de pedra e os mosaicos que decoran as fachadas non deixan de destilaren unha tristeza que, aínda que non me dá vencido, percibo a cada paso.
Sen doentes agora, e aínda en proceso de restauro, o lugar segue impregnado da súa esencia de sufrimento, e hai que esforzarse para que os ollos da imaxinación non vexan as filas de camas que ocuparon o pavillón San Rafael, ou as cadeiras de rodas alineadas ao sol ao pé das das laranxeiras e as matas de lavanda xunto ás que acabo de pasar, ou as batas brancas do persoal apresado indo e vindo da Administración, ou os familiares que esperan a hora da visita diante do Pavillón Montserrat.
A evidencia dun século de dor aínda está gravada en cada rostro pétreo que nos mira pasar mentres agora os turistas facemos fotos do recinto, camiñamos descalzos sobre a capa de sal que cubre o chan dunha exposición de xardinaría xaponesa, e seguimos adiante, acompañados pola melancolía.

sábado, 2 de agosto de 2014

Sagrada Familia

É Sábado e acordo ás 8 dándolle voltas ao da Sagrada Familia. Non me atrevo a voltar á casa sen visitala, por moi dramáticos que sexan os pretextos, así que primeiro penso en aviarme rápido e ser o primeiro da bicha, pero na ducha decido regresar ao século XXI e comprar o billete por internet desde o portátil baby, que para algo o trouxen.
Que se trate dun templo votivo e que desde agora tamén sexa un pouco meu só atenúa en parte a sorpresa dos prezos, certamente espeluznantes aínda se non os convertermos a pesetas, que me fan aventurar no sucesivo moito bufé de ensalada e moito bocata nas ceas. 
Como aínda é cedo para entrar, detéñome a botar un ollo á Monumental seguindo recomendacións da moza do hostal, que me fala dun lugar precioso ao que ía de nena con seu pai; a min, por contra, paréceme un lugar sombrizo e triste, independentemente do seu antigo uso; nel existe un museo taurino sen visitantes contra o que me preveñen unha ducia de mensaxes de amigos como se me achegase á porta do Averno. É o que ten narrar en directo unha viaxe: non tiña pensado entrar, por moito que o home da billeteira se incorporase no seu cubículo sacudindo talvez o pó ao taco das entradas; por facer algo, envío un par de fotos daquela mole mudéjar de tixolo e azulexo que non me di nada.
A medio camiño tomo un na terraza non dun bar chinés senón dun castizo bar decorado con macarenas e cartaces de corridas de touros pero rexentado por chineses, que está ao lado dunha xenuína pizzaría italiana tamén rexentada por chineses, cousa que parece ser habitual en case todas as esquinas con pouco movemento do Eixample.
Entrar na Sagrada Familia foi chegar e bicar o santo, sen máis bicha que unha pequena espera pola audioguía que me colgan ao pescozo. Accedo pola fachada do Nacemento, a única que realizou Gaudí e tamén a máis fermosa. A outra, a da Paixón, é durísima na talla, como corresponde ao que representa, segundo me bisba ao ouvido aquela aséptica voz.
Só con entrar sinto unha gran emoción; tamén me atopo insignificante: o templo é de tales dimensións que os miles de persoas que o percorremos apenas nos interferimos. Só hai aglomeracións nas portas de acceso e na xirola, onde se restrinxe suavemente o paso a unha zona de oración na que non me resisto a entrar. Se eu tivese fe a festa sería completa, escribo despois por wassap na crónica da visita, e aínda que o pido tamén interiormente en segredo, o meu corazón debe estar tan endurecido que saio para a preciosa escoliña que ao lado acollía aos fillos dos traballadores igual que entrei: conmovido pola grandeza daquel bosque pétreo e inaudito, en que a luz (como a música) só fala de Deus a quen sabe escoitar.

venres, 1 de agosto de 2014

G de Güell

Hai dous puntos fracos nisto de viaxar só: as comidas e o momento de deitarse. Con algunha novela apetecible e, como reforzo, navegando através do portátil pequeno en que levo sempre un par de películas soluciono isto último. Pero nos xantares e nas ceas boto en falta a compañía, o que se disfraza de preguiza a entrar en locais que nunca son os ideais, ou de resistencia a comer cousas que non van coa dieta, pero que comería sen problemas noutra situación.
Antes de que isto suceda, entro nun self-service en que anuncian con moito colorín que por pouco diñeiro un pode comer canto queira de todas aquelas verduras requetefrescas e aquelas ensaladas en que o aceite brilla coma o ouro sobre tomates, leitugas e rodelas de cebola como recén traídos da horta. Por un euro máis, podo tamén engadir ao menú peixe ou churrasco, e escollo este último sen prever que é un pouco saudable pedazo cheo de graxa e cartilaxes que quedará en nada despois de sometelo á indispensable cirurxía.
Buscando certa casa modernista da primeira época de Gaudí na rúa das Carolinas que me recomenda Antoine por wassap chego á Praza Lesseps, onde tomo un té con limón diante doutra casa fermosísima, e tomo a decisión de me atrever co Parc Güell, que, a dicir dun mozo a quen pregunto, está relativamente próximo.
E así era desde o punto de vista do espazo, non do tempo. Os billetes véndense para tramos de media hora, e así a distancia que me separaba dos labirintos, grutas, miradoiros, salas hipóstilas, torres, chemineas e demais delirios era superior a dúas case interminables horas que investín, cigarro a cigarro e foto a foto, contemplando o devir das hordas multicolores de visitantes a entraren e saíren do recinto baixo un ceo en que se xestaba a trevoada que só ao día seguinte desabaría, e como, sobre a cidade.
Como era previsible, hai tanta xente a bulir polo parque que resulta imposible tirar ningunha foto sen alguén ou algunha parte de alguén engadido; tampouco é posible supoñer que eu ao algunha parte de min non estea en miles de fotos que serán reveladas para gardárense en álbums ou serán colgadas na rede por todo o mundo. De pouco consolo me serve este aceno de inmortalidade mentres agardo quenda para retratar o famoso lagarto de trencadís da escalinata, ou que acabe o interminable bico da parella que me rompe unha boa perspectiva entre as columnas da sala hipóstila, ou que algún grupo se erga para sentar eu na inmensa bancada da praza central e perder a vista, cidade adiante, até o Mediterráneo.

As casas modernistas

A primeira noite presentouse xa o meu acostumado problema co aire acondicionado.
Despois da cea pulp fiction e de tomarlle unha cervexa naquel local da rúa Diputació, e de pillar o último metro o que se di por segundos; despois de ducharme e de acomodar os meus ósos sobre o duro colchón, sentindo o alivio e a frescura do cuarto na pel recocida polo bochorno da noite, despois de adormecer felizmente coa lectura da noveliña de Dashiell Hammett que viaxa comigo, acordei ás 6 da mañá co aire a toda mecha, a habitación convertida en iglú e a banquisa avanzando en todas as frentes cara á cama.
Cumpriume rebuscar no armario unha manta e adormecín de novo, abrazado ao libro, até a hora do almorzo, esa celebración diaria: fatías de gorentoso melón, café con leite, torradas con manteiga; e a lectura do meu xornal favorito, que habitualmente estará libre porque a maioría dos hóspedes son estranxeiros, inaugura unha pequena cerimonia para o resto dos días: a de cederllo ao terminar á señora madura a quen llo pido esta primeira mañá. E así comeza o día.
Se onte foi o das aglomeracións, hoxe será o das bichas, que non son unha broma, como comprobo en canto asomo a cabeza pola boca do metro diante da Sagrada Familia. Tanto é así que renuncio por hoxe á visita e así o comunico urbi et orbi, aínda que para a miña sorpresa hai quen entende que volverei mañá significa que volverei a Ithaca. É certo que fun confiado e pouco previsor ao non comprar a entrada por internet, como farei pola noite, pero despois dun par de cigarros teño xa argallado o novo plan: subo por Passeig de Gràcia e retrato canta casa modernista atopo (Batlló, Amatller, Fuster, Milà), o cal non é difícil posto que están sitiadas por concentracións máis ou menos densas de guiris, principalmente orientais. 
O exterior de La Pedrera está en obras e cuberto con lonas, pero a casa está aberta e pódese visitar, e pagando un plus de tres euros incluso se evita a cola: sinto vértigo ao camiñar polos tellados entre aquelas tolas estruturas de formas brandas pintadas de ocre ou recubertas ás veces de trencadís de azulexo e ás veces de cristais rotos de botella. Admiro na penumbra do faiado as bóvedas de tixolo, como espiñazos macizos e lixeiros á vez. Gústame menos a visita ao apartamento familiar, que me fai sentir un intruso fuchicando os segredos dunha casa allea: a cociña e o cuarto de costura son fermosos, pero no cuarto dos nenos a tristeza flúe dos antigos xoguetes expostos e desvirtuados, polo comedor coa mesa posta deambulan os estraños, que se reflicten nos espellos e até se asoman (ou nos asomamos) impudicamente aos dormitorios e aos cuartos de baño.