Amosando publicacións coa etiqueta Res doméstica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Res doméstica. Amosar todas as publicacións

sábado, 16 de setembro de 2017

Gorxa


Inauguro o curso cunhas molestias na gorxa.
Despois de tres días, asumo que isto non se irá así como así e onte vou ao médico da tarde (o das mañás ten as uñas roídas e sempre me gasta moitas receitas), que me ausculta, me calza o termómetro na axila e se asoma á miña boca. Di que a gorxa está irritada, pero non dá nome ao asunto. Placas? Non, placas non hai. De momento.
Á casa volto con ibuprofeno, unhas pílulas diminutas e moitas ganas de meterme na cama.

sábado, 21 de xaneiro de 2012

Robot

Xa está aquí, engulindo millas tobo adiante, e desde logo con bastante retraso por imponderables da oferta e a demanda, o último agasallo dos Reis Magos.
Non é un paxaro nin un avión, apesar das súas maneiras de mascota e a súa aparencia de ovni; ten un capó de liñas dinámicas, case felino, pero non deixo de achar en falta algún foco na proa, e a suavidade con que retorna á base para a recarga despois de cada expedición polos cuartos fai pensar en enterprises e nostromos.
Ten un mando para guialo, pero eu prefiro deixalo ao seu cando marcho para o traballo, así evito escoitar como ruxe polo corredor ou foza baixo as camas, como brúa ao se enfrontar ás alfombras, e como bate unha e outra vez, con teimosía de escaravello, contra paredes e obstáculos que se lle interpoñen.
Cando regreso, se a sorte permitiu que non se atascase baixo o sofá ou que non caese na rede de cabos que rodean a mesa do estudio, atópoo adormecido, acoplado á nodriza, coa luz intermitente do morro acendéndose e apagándose, coma un corazón.
Está claro que limpa pero tamén que somos pioneiros e que ao invento lle faltan algúns vraos: a caixa do estómago está rebordante de lixo e penuxes cada vez que a abro, pero el prefire as grandes extensións, coma os espíritos libres, e ignora os recantos, que logo hai que ir repasando.
O futuro xa está aquí e a vella aspiradora, chea de rancor, fai as maletas para emigrar ao rocho. Forever and ever.

luns, 9 de xaneiro de 2012

Locus iste

Primeiro enchinme de valor para ir buscar ao rocho esa especie de sartego de cartón branco e esmagado en que despois dos anos se converteu a caixa do tradicional abeto Douglas made in China.
Despois metinme en fariña media tarde, entre bólas brillantes, estrelas de purpurina e pastores variopintos; sen parar, coma un neno boíño.
Pero...
...tanto me custou desmontar a árbore e arrumar o nacemento... que até me deu por pensar se non habería por tras daquela desgana algo máis que preguiza.

luns, 9 de maio de 2011

Musgo

O proceloso asunto do contrabando de musgo solucionouse metendo no allo a Herg, que xentilmente se ofreceu a traerme algún do que lle medra no muro da parcela; o substituto de Ciencias, que casualmente escoitou o complot criminal, debullou para nós unha interminable listaxe de plantas, réptiles, anfibios, insectos e outras cousas protexidas, máis ou menos repugnantes, sen que polo momento nos teña denunciado.
Así que, desde este fin de semana, o bonsai, que sobreviviu á mudanza e aínda se repón do trauma, luce xa unha vistosa alfombra de estraperlo e saúda timidamente a primavera con broches de folliñas verde claro.

domingo, 24 de abril de 2011

Bonsai


Listo, aí o ven: Despois da desfoliación de onte e o transplante desta mañá, do que saíu cun aspecto de pito mollado pouco prometedor, o bonsai está convalecente e aparentemente mantén as constantes vitais na nova maceta que en tempos un pradairo deixou libre. Mañá, se non chove, irei buscar algo de musgo aos chantos que lindan Mouse Park ou polas lousas da Muralla para lle cubrir a terra arxilosa.
E logo a esperar: en poucos días saberemos se a carmona microphylla sobrevive ou se definitivamente acaba convertida, Deus non o queira, nunha árbore de enforcado.

luns, 23 de agosto de 2010

Limpeza xeral

O día, chuviñoso e morriñento, parece máis axeitado para pintar que para limpar cristais: o teito da cociña espera, a aspiradora chama por min, os caldeiros e fregonas insinúanseme, nun recanto a mopa fai sinais de náufrago, no armario baixo o vertedoiro os botes de produtos de limpeza están dispostos, e na lavadora a roupa xira sen parar, talvez mostrando saudades do oceano profundo.

mércores, 21 de abril de 2010

Salvación

Está cientificamente demostrado: canto máis tarde entro máis risco hai de que non chegue ao traballo á hora; se entro cedo non pasa nada, dez minutos antes de tocar o timbre xa estou eu na sala de profesores co xornal aberto e o ánimo disposto.
Pero se entro a media mañá, como sucede un par de veces por semana, é posible que me poña a ler na cama até minutos despois do último minuto, que almorce diante do ordenador para comentar blogues e reenviar mensaxes chorras aos amigos, que me dea por procesar a roupa limpa, por baleirar o lavalouza, e até pode suceder que me converta en obxectivo de estrañas visitas. Así foi hoxe cando estaba para saír e, moi xusto de tempo, chamaron á porta.
Ao abrir había no felpudo unha muller de cellas esculpidas e enormes aros nas orellas que me puxo diante dos ollos un folleto con figuras de colorín mentres me preguntaba con acento de telenovela se non me preocupaba a salvación da miña alma.
Debinlle dicir que se preocupase pola súa propia salvación porque a miña non lle importaba nada, pero fun cobarde e rosmeille que o único que me preocupaba daquela era chegar ao traballo; tirei a seguir da porta e a fume de carozo baixei polas escaleiras como se o demo me seguise os pasos.

sábado, 9 de xaneiro de 2010

Definición

Normalidade. s.f. Forza poderosa que cada Xaneiro nos fai desmontar a estraña e ridícula árbore de plástico que durante un mes, cargada de cousas brillantes, presidiu a nosa vida desde un ángulo destacado do salón.

mércores, 2 de setembro de 2009

Ferro

Matemático: cada vez que teño que corrixir exames até os labores tradicionalmente máis odiados se me tornan actividades produtivas e moi agradables. Se onte foi limpar os cristais de toda a casa, hoxe foi pasar o ferro á roupa e mesmo a un pixama da señorita Kaplan que requiriu minuciosidade de ourive, desacostumado como estou a aviar esta roupa diminuta .
Caída a folla do calendario e co mes-luns aquí instalado a corpo de rei, na mesa de traballo os exames xa fermentan, as avaliacións agardan, retornan os amigos, teño que comprar agasallos de boda, señor como odio a secadora, non dou localizado os amigos, irei sen gravata á boda pero necesito unha camisa nova, non puxemos libro en bacharelato, sigo sen ter claro o do acuario, e o agasallo do neno, cómpre podar o bonsai, mañá han de estar as notas, quen me dera a min estar en Xullo.

venres, 6 de febreiro de 2009

De re domestica

Tal e como predixeron os meteorólogos, e por enésima vez este Inverno, Ithaca amenceu hoxe nevada.
A nova fronte, anunciada case como a apocalipse que acabará o que Klaus deixou a medias, vacíame a axenda e, sen visita da Señorita Kaplan, ponme diante un panorama doméstico e solitario: cómpreme limpar a casa, desde logo; montar unha estante que o outro día comprei para organizar o rocho; procesar a montaña de roupa que agarda no cestón; recortar os gomos aos bonsais; e ver algo do cine que estas últimas semanas me foi entrando polas comportas do tera a un ritmo inconstante de miles de fotogramas por minuto.
E é que, a estas alturas, no seu profundo estómago de cetáceo cibernético dormen xa máis estrelas que as que hai no firmamento.

sábado, 20 de setembro de 2008

Encomendas

(...ou Cousas que facer en Ithaca antes de comezar o Curso. )
  1. Chamar a R para celebrar un ano con Telefónica largándome, precisamente, de Telefónica.
  2. Alugar una furgona para ir reclamando por Ithaca e a contorna as aproximadamente dez mil películas, CDs e libros que teño prestados (cómpreme empezar pola casa da miña irmá, onde a miña sobriña non debe case caber no cuarto).
  3. Lembrar que a miña nova colega de departamento non se chama realmente Olivia, e que tampouco foi moza de ningún mariño chamado Popeye, como aseguraban os alumnos do século pasado, cando traballamos xuntos por primeira vez.
  4. Localizar para Ártabro certa figura coleccionable de Batman que ao parecer vendían nos quioscos hai unhas semanas tras a estrea da película, e que en Brigantia están esgotadas. Empezo a temer que Polis non é o único que comparte cama cun friqui.
  5. Quitarlle da cabeza a meu pai a teima de limpar o rocho. Sigo tan marcado polas limpezas de rocho da miña adolescencia (inesperadas, indiscriminadas e feroces) que aínda tremo cada vez que meu pai usa as palabras faiado e limpar na mesma frase: arramblaba co que lle parecía inútil, e logo a miña irmá e eu tíñamos que ir salvar do lixo o que podíamos, se podíamos; alá foron o Exin Castillos, moitos cómics do Capitán Trueno e o Jabato, a Nancy da miña irmá e nin se sabe cantas cousas máis.

xoves, 14 de abril de 2005

Desorientado

Dous dias con Melómano e a esta altura pregúntome se o problema, de haber algún, non estará en min. Se non virá deste puto terror a resultar magoado. Como na película, tamén eu teño unha cicatriz, que non se ve pero está.
Innegable que somos moi distintos, pero iguais niso de construír cada un súa propia illa na que se protexer a todo custo con arrecifes e rochedos, con falsos planos e almearas enganosas.
Morreron Drake e Hook, os tesouros non existen, e andar á súa procura só é un costume que é mester desaprender.
Mañá toca tregua: Melómano pasará o día na casa de súa mai e eu pensarei como recompor a miña illa despois da galerna. En canto saia do instituto adicareime en exclusiva a preparar clases, a poñer ao dia as tarefas domésticas e, se por acaso me asomar ao blogo, en ningún caso falarei de Melómano.
Mañá non toca.

mércores, 13 de abril de 2005

Reset

Dicía un santo guerreiro que en tempos de tribulación non cómpre facer mudanza, e eu, por seguir o seu consello, tornei aos meus labores máis domésticos.
Aproveitando que hoxe saio cedo, enchín o frigorífico, pasei o ferro a innúmeras camisas, cociñei para un batallón, organicei papeis, puxen a raia o correo, freguei o baño e, por último, pasei o pó e a aspiradora a toda a casa. Acabei tan canso que mesmo, na ducha, dei en pensar que os proxectos da ministra sobre as vivendas de 25 metros cadrados podian non ser ningunha parvada.
En minutos vestireime e irei tomar café como moitos mércores con Ambece; pode que sexa a falta de presión musicolóxica ou pode que as endorfinas tras o esforzo organizativo, pero o optimismo volveu instalarse aquí, e ilumina cada cuarto, cada obxecto e cada acción.
Vencida unha vez máis, a ciclotimia agacháse, envergoñada.

martes, 11 de xaneiro de 2005

Rutina

Regresa a rutina. Como un gatiño peludo a acomodar-se sobre as miñas pernas mentres os máis frios dias do ano desfilan, calendário adiante.
Reveladas as fotos deste Nadal: a nena co Rei Melchor, a nena coa miña sobriña, a nena pola Praza Maior, a nena coas fillas de Fesore e Xa, a nena...(Chama miña mai onte para saber como reaccionara a nena cando en Delfos lla entreguei a sua mai).
Tamén a foto tirada con Ti e Cinderella no pub; na foto sorrimos, e dá a impresión de sermos amigos de muito tempo, e lembro a Vapin cando volvendo da Aceña no coche de Nican me dixera bromeando que lle estaba a levantar a pandilla. Quero que sexa unha broma, pero non dou afastado a frase da cabeza: Será que Vapin cre isto realmente? Será por iso que me recomendou dar-lle a Atenas outra oportunidade?