luns, 9 de maio de 2011

Musgo

O proceloso asunto do contrabando de musgo solucionouse metendo no allo a Herg, que xentilmente se ofreceu a traerme algún do que lle medra no muro da parcela; o substituto de Ciencias, que casualmente escoitou o complot criminal, debullou para nós unha interminable listaxe de plantas, réptiles, anfibios, insectos e outras cousas protexidas, máis ou menos repugnantes, sen que polo momento nos teña denunciado.
Así que, desde este fin de semana, o bonsai, que sobreviviu á mudanza e aínda se repón do trauma, luce xa unha vistosa alfombra de estraperlo e saúda timidamente a primavera con broches de folliñas verde claro.

8 comentarios:

paideleo dixo...

O musgo ( protexido, ilegal ou de estraperlo ) faralle boa compaña ao bonsai. A carouca da imaxe ( tamén protexida e en perigo de extinción ) pode ser que rille as flores do bonsai coma un cortacéspede ecolóxico.
Sorte co bonsai que seica son difíciles de cuidar.

Chousa da Alcandra dixo...

Pregúntome se podería eu "reducir" a bonsai a ameixeira que teño na horta. A moi capulla o único que da son follas secas no outono; así que non me importaría ter que traficar con musgo se poidera acometer o traspaso de estado...

mariajesusparadela dixo...

Eu, señor Kaplan, non lle me fiaría moito dos "brotes verdes"...

mfc dixo...

E viva o bonsaï...

Sun Iou Miou dixo...

Agora que o musgo non lle encha a casa de seres repugnantes (vostede dixit). Queremos ver ese bonsai medrar... digo, non, quedar como está, pero verde, que te quiero verde.

Anónimo dixo...

alégrome ben polo bonsai e mais por ti... ¿por qué non nos pós unha fotiño del?

biquiños,.
Aldabra

Raposo dixo...

Contrabando de musgo??!! Como se entere Rubalcaba vai acabar vostede na cadea! E o que avisa non é traidor!

xenevra dixo...

Mais... o musgo que lle medra a un nas paredes da casa tampouco se pode coller?? Que ecosistema están protexendo aí?? Se cadra é por empatía, ou envexa que nunca se sabe.
Ben, agora o bonsai terá historias que contar aos seus fillos. esas historias entrañábeis dos tempos do estraperlo.