sábado, 21 de maio de 2011

Xornada de reflexión


Levo días sen actualizar, pero non foi por terme instalado nas Cortiñas de San Román esquecendo o portátil no tobo, como agudamente insinúa a amiga de Esmelle.
A miña xornada de reflexión (posto que xa teño decidido que votarei mañá) consistiu basicamente en atopar pretextos para non poñerme a corrixir os exames de sintaxe que me fermentan aquí ao lado, sobre a mesa.
Non sei canto me vai durar o entusiasmo pero estou completamente enganchado á novela negra nórdica, e teño o vento a favor: na Biblioteca Pública dei cunha mina de títulos dos que extraio os crimes con que me durmo polas  noites, entre fiordos, ventiscas e auroras boreais.
Despois do iniciático Mankell e despois dos Larsson, Stieg e Asa (apesar do último libro, un pouco coxo, desta última), pola miña cama agora van pasando sucesivamente autores e detectives de nomes impronunciables: o noruegués Jo Nesbo co inspector  Harry Hole, o matrimonio sueco Sjowall/Wahlöö, pioneiros nos 60 e redescubertos agora, co inspector Martin Beck, e, neste día de reflexión, o islandés Arnaldur Indridason co seu inspector Erlendur Sveinsson, túzaro entre os túzaros, e acosado por un pasado turbulento. Con el movinme polo Reikiavik do presente e o Leipzig da guerra fría sen percorrer máis distancia que a que vai da butaca á miña cama.
Vendo o telediario, faime sorrir que os indignados mudasen o nome dun sector da Praza de Cataluña en que están concentrados polo máis simbólico de Praza de Islandia. As imaxes impresionan e conmoven, e un comprende que, máis alá da inxenuidade organizativa dos campamentos, que lembran unha comuna hippy ou un campamento de escolares en colonias, ninguén con dous dedos de frente pode dubidar de estarmos diante dunha cousa completamente nova, inaudita e fermosísima.
Próeme a curiosidade: quero saber como evoluirá o movemento, como seguirán adiante, sen líderes, sen nomes nin siglas, e, sobretodo, sen se contaminaren co que combaten.

11 comentarios:

paideleo dixo...

É unha acción que fala marabillas da xente que vén.
Non todo vai ser pasotismos.

mariajesusparadela dixo...

Fermosísimo, ten razón. Os novos teñen varias cousas ó seu favor: aprenderon a xogar en equipo (lonxe do individualismo dos meus tempos), teñen a forza da xuventude e manexan as técnicas de comunicación sen filtros. E penso que ahí está a clave: fan unha proposta e sábese inmediatamente, non a manexa e peneira ó seu xeito a prensa, vendida ó capital. Ainda por riba, non teñen nada que perder nin que facer: non teñen bens nin traballo.

Chousa da Alcandra dixo...

Tamén a min me pasa que xa fai tempo (dende os mineiros chilenos, creo) que non disfruto tanto co telediario. Ogallá dure e saquen produto desta iniciativa.

Agora que iso de meter un matrimonio sueco na cama...non sei eu.

Apertas

mfc dixo...

A consciência da indignação e do desespero pode ser um primeiro passo para que tudo possa mudar!

Concha López Fernández dixo...

Sorprendente e marabillosa esta mobilización e o eco que está tendo en todo o mundo. Pero vistos os resultados electorais, dubido da eficacia, pois o país sigue sendo bicolor e lonxe de haber máis abstención, a participación foi moi grande, quedando as minorías ocultas.
Haberá que agardar para ver en que dá isto.

Un saúdo.

Bolboreteira dixo...

Pois xa estamos no "día despois" ..e eu algo decepcionada pero ainda esperanzada...
biquiños!

peke dixo...

Non sabe até que punto me encanta que se enganchase á novela negra. Por certo, unha das miñas última lecturas é dun nacional, J.M. Guelbenzu, con El hermano pequeño, protagonizado pola xuíza Mariana de Marco. Destino. Gañou o Torrente Ballester do ano pasado e é unha das mellores da serie.
De nada.

Xan dixo...

Ás veces os soños máis fermosos consómense en se mesmo, mentres os demais miramos ensimesmados como as chamas da monotonía derruban campamentos feitos de soños sen continuidade e os poderosos seguen ao seu.
Esperemos que non...

Anónimo dixo...

Eu tamén ando conmovida por toda esta historia do 15M. Onte milla filla contábame do que escoitara nunha desas asambleas (na Coruña) e eu vín algo novo nos seus ollos (aínda ten que madurar, é verdad pero está comezando a despertar -19 anos-). Ogallá todo isto cristalice en algo bonito.

E agora quero recomendarche un libro de Mankell, non é novela negra pero creo que pode gustarche. Eu o lín fai uns anos e quedei abraiada: "Viaje al fin del mundo"

Déixoche esta información:

"Este no es en realidad un libro: son cuatro. Pero si se puede decir que todo consiste en una misma historia desarrollada en “El perro que corría hacia una estrella”, en “Las sombras crecen al atardecer”, en “El niño que dormía con nieve en la cama” y en el propiamente dicho “Viaje al fin del mundo”.

¡Que curioso!:


"Mankell está casado con Eva Bergman; la hija de Ingmar Bergman; y según lo que he podido saber reparte su tiempo entre el país nórdico y Mozambike. Allí es Director del Teatro Nacional."

biquiños,
Aldabra

Anónimo dixo...

olvidouseme:

a información anterior saqueina de aquí:

http://www.leergratis.com/autores/viaje-al-fin-del-mundo.html

(por si queres leer todo o artigo)

bicos de novo.
Aldabra

zeltia dixo...

Canto añoro eu os tempos nos que me enganchaba coas novelas e quedaba abducida neses mundos ficticios voltando ás veces á realidade un pouco descolocada, arreglando a saia, que fago eu aquí.

E ese último párrafo, que comparto. moi ben expresa vostede o que eu sinto.