Amosando publicacións coa etiqueta Kevin Sloan ilustrou. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Kevin Sloan ilustrou. Amosar todas as publicacións

sábado, 26 de setembro de 2009

Natureza morta

Desculparán os que nesta última semana se achegaron a Ithaca e comprobaron, día tras día, que o blogue se convertera nunha natureza morta.
Como ben supuxeron, o comezo das aulas e o tsunami de papeis que cada ano o acompaña tiveron a maior parte de culpa: sempre que quixen entrar e contar algo había máis papeis, máis cambios na programación, máis asuntos descolgados, e cando non, o que había era esa lexendaria preguiza que, como negalo, aumenta en progresión directamente proporcional aos meus anos.
Evidentemente, non estiven enclaustrado, convertido tamén eu nunha natureza morta todo o tempo, e no camiño entre o instituto e o tobo houbo meandros e desvíos, e aínda que quixen contar e non contei, volvín indemne do casamento de Vapin, andei lerchando como é costume polas vidas de amigos e parentes (principalmente a de Polis, que abandonado xa pola vella señora que lle limpaba a casa, vive agora á beira da salubridade), dei baixado os Soprano ao completo, estou por terminar un libro altamente recomendable, asomeime a un episodio escuro do meu pasado ao recoñecer a nova profesora de lingua española, e até tomei dúas ou tres decisións de interese para os próximos meses.

luns, 10 de agosto de 2009

Deberes


Non fixen os deberes: a só dous días de rematar a crónica grega (para alivio de moitos, entre eles eu) marcho á Comarca; tentábame deixar os post listos e programados para os vindeiros días, pero disque quen moito abranxe pouco apreta e só dei feito o slide pítico.
Voltarei nun par de días, así que pórtense ben e sexan boíños.

xoves, 12 de marzo de 2009

Breves

  1. O 2 de Abril actúa aquí Serrat e acabo de comprar dúas entradas non moi boas; unha delas é para min e a outra para Herg, que quedou coas ganas a outra vez. Espero que un xesto de amizade cunha compañeira de traballo non se confunda co que non é; entre outras cousas, porque hai anos aprendín que mellor é un non cagar onde come.
  2. Se antes aínda me facía graza, agora empeza a fartarme que cada vez que falo de Haddock (onte comentei na casa dos meus pais que falamos por teléfono, e que máis ou menos está decidido que nos visitarán el e a súa filla na ponte da semana que vén) a miña mai pregunte se volveron e a seguir se laie do mona e simpática que era ela. Probablemente despois meu pai dirá que el é un túzaro. Probablemente eu despois non direi nada.
  3. Seguramente fun algo duro na entrada que dediquei a Pradolongo: películas coma ela fanse a moreas noutras filmografías e ninguén di nada. O problema está en que eu creo que para o pouco que hai no noso cine (e na nosa literatura, e na nosa música, e na nosa) deberíamos tentar atinxir coas mans as estrelas.
  4. Hoxe non fun traballar; tiña un imprevisto programado desde que hai uns días descubrín que non daría corrixido aquela montaña en tempo e forma se non facía algo. E fíxeno: onte á noite quedei traballando até que os ollos me caeron sobre os exames e o boli vermello fixo corpo coa miña falanxe. Polo demais, hoxe non fixen nada especial: acordei tardísimo, lin na cama, reguei e recortei algo os gomos dos bonsais, comín unha pizza caducada e pasei o resto do día a dar voltas pola casa, atónito pola luz do sol que me entraba polas ventás.