xoves, 29 de abril de 2010

Pigeon: Impossible

Unha vez, en Washington D.C., o destino dun axente secreto en prácticas ou algo cruzouse cun pombo: unha frase tan sinxela dá para resumir a curta de animación que descubrín onte na bandexa do correo electrónico e que até me fixo rir un pouco; contan as crónicas que ao director, Lucas Martell, estes pouco máis de seis minutos lle custaron cinco aniños de vida.

sábado, 24 de abril de 2010

Menú do día

O menú do día que onte compartimos (callos, churrasco, tarta caseira de café) no da outra vez, nesta ocasión con Deni, non lembraba en nada o saltziki, a mousaka e as saladas con feta que barallábamos en Grecia o ano pasado, pero así e todo surxiron as anécdotas e os sucedidos da viaxe: os zombies de Praza Omonia, os apuros para pillar bus de regreso en Delfos, o inferno baixo as chicharras, as aventuras dos almorzos coa gobernanta-rottenmeier do hotel a percorrer o comedor con cara de can, a bonhomía de Nikos, de quen non temos noticias hai meses; Teddy e mais eu ben podíamos pasar por asesores do BCE para quen nos escoitase vencellar aqueles baixos prezos da comida do aeroporto e as tendas dos museos co enorme burato que agora rilla a economía grega e pon en perigo os salarios e as pensións e deus sabe que máis.
Deni soporta con paciencia a tortura dos recordos de vacacións alleas: sorrí mentres nós rimos con escándalo, de cando en vez revisa o móbil, comproba que hai vida nas outras mesas, énchenos as copas daquel mesto viño da súa terra que nos solta a lingua e a memoria, e até dá a impresión de nos escoitar con interese.
Antes de nos erguermos da mesa, o pirata Teddy dáme o seu botín: no dvd hai catro pelis enlatadas para min, e unha especialmente recomendada que lle prometo ver xa este finde.
Fóra, mentres esperamos que baixe Deni, Teddy aínda me lembra a mensaxe que lle enviei o Venres Santo, que cando sentamos a xantar non sabía se abordar e que logo acabei esquecendo entre as ruínas do Peloponeso. Cando se nos xunta Deni paréceme que debo incluílo no proxecto, máis por cortesía que por velo canda nós nun omnibus de cristiáns á conquista de Terra Santa.
Que se irá vendo, di Teddy mentres me acompañan ao coche; a tarde, pesadísima, invita máis a estomballarse para dixerir os callos que a facer de chófer das miñas vellas tías, que hoxe van ao oculista.
(Foto: detalle da porta da igrexa dos Santos Apóstoles, na Ágora Vella de Atenas)

mércores, 21 de abril de 2010

Salvación

Está cientificamente demostrado: canto máis tarde entro máis risco hai de que non chegue ao traballo á hora; se entro cedo non pasa nada, dez minutos antes de tocar o timbre xa estou eu na sala de profesores co xornal aberto e o ánimo disposto.
Pero se entro a media mañá, como sucede un par de veces por semana, é posible que me poña a ler na cama até minutos despois do último minuto, que almorce diante do ordenador para comentar blogues e reenviar mensaxes chorras aos amigos, que me dea por procesar a roupa limpa, por baleirar o lavalouza, e até pode suceder que me converta en obxectivo de estrañas visitas. Así foi hoxe cando estaba para saír e, moi xusto de tempo, chamaron á porta.
Ao abrir había no felpudo unha muller de cellas esculpidas e enormes aros nas orellas que me puxo diante dos ollos un folleto con figuras de colorín mentres me preguntaba con acento de telenovela se non me preocupaba a salvación da miña alma.
Debinlle dicir que se preocupase pola súa propia salvación porque a miña non lle importaba nada, pero fun cobarde e rosmeille que o único que me preocupaba daquela era chegar ao traballo; tirei a seguir da porta e a fume de carozo baixei polas escaleiras como se o demo me seguise os pasos.

Ferida


As feridas que non se cerran a tempo inféctanse e supuran.

martes, 20 de abril de 2010

Decidido

De mudar de coche, nanai.
Está claro que tanta desgana ao visitar portais de marcas pola Rede só pode vir da pouca ganiña que me dá comprar algo que xa teño e que me vale ben. Se un día me deixou tirado, agora que o mecánico lle puxo o novo condensador de fluzo, basta acendelo para comprobar que aínda nos agardan miles de kilómetros xuntos e poucos sobresaltos.
Así que por moito que no traballo a polémica da miña pota estivese a rentes de figurar na orde do día dun claustro, por moito que tantos teimasen en aconsellarme coches que me irían ben (todos en realidade me irían ben) e até me ofrecesen experimentarlles os coches para tentarme, por moito que todos sigan insistindo en que este é o momento de comprar, polo de agora non toca.

sábado, 17 de abril de 2010

Enterro

Semanas e semanas sen vernos, e acabamos coincidindo nun enterro a trinta kilómetros da cidade: o protagonista do acto fora colega de Polis na facultade e estaba casado cunha colega miña do traballo, co cal se demostra, máis que a teoría dos seis pasos, a de que Ithaca é só unha aldea un pouco grande e o rompeondas de toda a provincia.
Cando cheguei ao tanatorio, Polis xa estaba alí, con gafas de sol e enfundado nun traxe marengo, coma un modelo de Emidio Tucci; alegrouse de veme, axudoume na composición de lugar, volveu entrar comigo para dar pésames e mans á viúva e a unha morea de descoñecidos e, por último, evitando no posible sermos confundidos por parentes do defunto, saímos de novo á tarde soleada pero ventosa.
Consecuente até o fin, Polis non é dos que abandonan un enterro a medias, así que montei no batmóbil e deixei que me levase por entre as grandes árbores á pequena igrexa onde pronto traerían o cadáver; para cando chegou o cadaleito ao adro eu xa sabía case todo do finado e a doenza que acabara con el, pero case nada da vida actual do meu amigo, que parece correr entre EREs temporais, funerais e bachatas.
Abrín fogo con isto último, a academia, e se ben non o negou (como negalo, se lle falei de Erg, a súa parella de baile) púxoselle a cara de cando lle pillaban unha chuleta na escola e comezou a xustificarse cigarro tras cigarro ao pé do carballo aquel, mentres a igrexa se ateigaba e das cumbias pasábamos a Encantador, o manipulador, o argallante, coas súas mentiras e infidelidades que, unha vez máis a praga do noso tempo, un sms equivocado, acabaría delatando.
Desde aquela bailo para non acabar toleando, dixo aproximadamente Polis nunha frase peliculeira coa que afirmaba o celibato e a castidade que lle reinan hai moitos meses, ese deserto en que se converteron o tatami e o cuarto orientalizante de Polis.
Repentinamente ocorréuseme como pasarmos moi agradablemente un serán ventoso e desapracible de Mércores, e até notei como a idea me empezaba a encher de chumbo o baixo ventre. Mirei a Polis tirar o cigarro contra as herbas do muro do cemiterio e, cando lle ía falar, a misa terminou e a xente deu en saír da igrexa.
Só preguntei se despois tiña aulas de baile; si, respondeu el, e hoxe toca merengue.

venres, 9 de abril de 2010

mércores, 7 de abril de 2010

Colofón

Veño de terminar un curso, e perante Deus xuro que non me pillan noutro no que me resta de sexenio: foron tres horas seguidas durante oito días repartidos ao longo dun mes da miña vida os que pasei alí encerrado, cunha morea de mestras gritonas e petardas, idénticas a aquelas súas antecesoras que me ensinaron a ler e berraban comigo cando viña cos deberes sen facer e me poñían contas con decimais e copias en castigo, do mesmo xeito que farán estas aos seus alumnos nas modernas escolas que tentamos virar 2.0 empezando pola biblioteca.
Hoxe, colofón do curso, foi tamén unha das piores sesións, cunha seño fisicamente idéntica a Nelly Olesson en versión alternativa; dos tópicos que dixo naquel horror non lembro nada porque colocaba tan mal os pronomes e tiña a voz tan aguda que aos cinco minutos desconectei dela para concentrarme no mellor que podía ofrecer: o seu vestido azul lindamente decorado cun friso de casas de fachadas e tellados colorados e ocres, con árbores inexplicables cargadas de froitos redondos e multicolores; xiraba á volta do van da seño unha orla de nuves brancas e sobre elas, pracidamente durmidos, había grandes gatos ou acaso ratos xigantes de longas caudas (lamento non ser máis preciso coa fauna pero todo era demasiado naif).
Desde as alturas do peito, chovían margaridas lentamente sobre os tellados, as casas, as nuves, os gatos e a mesma saia da seño.
Ao parecer, nuns poucos días estará o diploma e con el as miñas cen horas conseguidas.

sábado, 3 de abril de 2010

Tentación

Desde que a semana pasada o coche me deixou tirado dúas veces, a sombra dun novo infarto da bomba da gasolina ou calquera outro colapso do motor sobrevóame cada vez que dou volta á chave.
Non é que sete sexan moitos anos para un coche, supoño, nin que non poida cos case cento cincuenta mil quilómetros; sucede como coa xente, que vai arrastrando amósegas, eivas e cicatrices até que un mal día algo repentino a deixa fóra de combate, e aí veñen os lamentos e aquí vén a tentación.
Comprar ou non comprar un coche novo, eis o dilema. Animarme agora, sen esperar a que o futingo me falle de novo, ou agardar a que feneza, fielmente, en acto de servizo?
Antes da avaría, a min gustábame cortar especulacións afirmando que esta pota aínda me tiña que durar cinco ou dez anos máis, que furrulaba ben e nunca me deixara tirado; agora as cousas mudaron (dúas avarías no mesmo órgano, dúas, e en cinco días), e na familia e entre os amigos xa hai quen presiona con que é o momento perfecto para comprar coche, coa subvención e antes da suba de impostos prevista para Xullo.
E mentres eu, hamletizado pero non tanto, me deixo tentar entrando e saíndo dos portais das grandes marcas, agregando complementos, pintando e despintando cores, escollendo tapizarías, comparando prezos e prestacións, cada vez que fago contas sinto no peto coma un proído disuasorio.

venres, 2 de abril de 2010

Semana santa

Marchou xa a señorita Kaplan. Atrás fican días grises de choivas e procesións, con eses valiosos momentos xuntos que atesouramos.
Non é fácil actuar, ser, sentirse pai cando se está divorciado e, sumando días e horas, non se pasa cos fillos máis de catro días ao mes, apenas dous meses por ano.
Hai moitos anos comprendín que o tempo que paso coa señorita Kaplan non ten que estar ateigado de cousas, de actividades, de sorpresas e de maravillosos momentos inesquecibles que un tira do sombreiro, coma un mago; a nena viviu agora a normalidade na casa e na cidade que tamén son dela, e iso supuxo, por ser vacacións, deixar que lese estomballada na cama, ir cos seus avós ás procesións e tirar fotos dos pasos, facer comigo a compra da semana no súper, apañarmos unha molleira de campionato unha mañá destas por saírmos sen paraugas, xantares na casa dos avós, visitas á biblioteca, vir cada día para a miña cama acordarme antes de tempo, cear (ela) sopa de estreliñas, vermos algunha peli de 007 despois da cea, visitar xuntos unha exposición sobre a hominización, e falar interminablemente por teléfono con súa prima dos negocios que a esperaban á volta.
Os días pasaron e esta vez, ao marchar ela, é verdade que a casa non ficou tan vacía.