venres, 31 de xullo de 2009

Ecuador

Esa noite non vimos a Nikos, pero Teddy desde a habitación do hotel falou con el durante horas, permítaseme a hipérbole, mentres eu me duchaba e me vestía, reorganizaba a roupa na maleta, descargaba as fotos da cámara ao pendrive, entraba clandestinamente neste blogue co pretexto de mirar as noticias e o correo, facía zapping polas cadeas da televisión, retomaba a lectura de Millenium e por último, vestido e aínda así deitado sobre os cobertores, adormecía baixo a novela e o ruxerruxe da BBC e a conversación inacabable.
As veces que abrín os ollos Teddy movíase polo cuarto todo o que o cabo do teléfono lle permitía, ás veces deténdose a falar co mando da tele ou o desodorante na man.
Cando acordei Teddy aínda estaba alí, xa vestido, preguntándome que facíamos.
Sobre o mantel de cadros do búlgaro da rúa Nikiforou, un local algo menos que restaurante onde xa ceáramos outra noite, á entrada dunha rúa escura próxima ao hotel, diante dunhas frías cervexas tracias e uns pratos de kebab, french chips e salchichas nacionais, organizamos os tres días que restaban.
É curioso como se asume que o tempo non dá de si, e que todos aqueles proxectos irrenunciables cando empezamos a viaxe certamente non se van realizar, polo menos nesta ocasión: adeus a Meteora cos seus mosteiros e paisaxes, adeus ao lindo e pintoresco Mikrolímano, ao canal de Corinto, a Micenas co seu círculo de tumbas, adeus a Olimpia e Epidauro, e adeus até a algunhas outras visitas irrenunciables na propia Atenas.
Para o día seguinte Teddy e eu programamos a visita a Kerameikos, na Cidade; para Mércores a visita a Delfos; e finalmente a escapada ao cabo Sunion, única con vistas ao mar, quedou marcada para o Xoves.
Volvendo para o hotel, cansos e pode que un pouco tocados pola cervexa macedonia, tamén acordamos facerlle a Nikos un agasallo, que ben o merecía.

xoves, 30 de xullo de 2009

Euríbor


Estou que non collo en min: comunícanme da Caixa para quen traballo que grazas a san Euríbor, patrón das hipotecas, o próximo ano pagarei 214'10 € menos cada mes.

mércores, 29 de xullo de 2009

Desastre rosa

Parece o título dun episodio da Pantera Rosa, pero en realidade é unha humillante catástrofe doméstica.
Balance: dúas toallas, un rodillo, tres camisolas e dúas bragas da señorita Kaplan, unha camisa, unha camisola e tres calzóns meus saíron esta mañá da lavadora pintados cunha insultante cor chicle de morango, e a esta hora están a mollo nun caldeiro, esperando acontecementos.
O presunto culpable de tal desastre: un pantalón vermello da señorita Kaplan, que desobedeceu esa regra non escrita segundo a cal a roupa de nenos non destinxe nunca.
E sen embargo, o que máis mal senta de todo isto é non ter a quen lle botar as culpas. Brrr

luns, 27 de xullo de 2009

Con Z de Zappeion

Onte á tarde chamou Teddy para falar das fotos; a Deni a camisola gustoulle tanto que aínda non a puxo, ironiza Teddy mentres sinto ao outro protestar; dígolle que teño xa a maioría das fotos clasificadas, e que teremos que falar porque hai cousas que non lembro ben: comidas e lugares, basicamente; dime que a el lle pasa igual, que un destes días descubriu no plano que a avenida Syngrou pasa a ser Amalias xusto diante da Porta de Hadriano, algo que ao parecer ten unha enorme importancia.
Despois de saírmos do Olimpeion acordamos voltar ao hotel apañando o metro en Syntagma, para o que atravesamos o noutrora parque real e hoxe xardín botánico, unha zona verde que rodea os edificios do Parlamento e o Zappeion, un palacio de congresos ao pé do cal hai unha sociedade recreativa con cine ao aire libre, pistas de tenis e unha cafetaría cunha terraza sensacional; a tal punto que a escollemos para facer as respectivas ablucións, rehidratármonos e telefonar a Nikos explicándolle que non daríamos chegado ao hotel á hora acordada, que era mellor vérmonos ao día seguinte.
A terraza estaba organizada de maneira que parecía un conxunto de salas de estar, con mesas baixas e butacas de vime con coxíns no asento; pedimos unha botella grande de auga ben fría e estivemos sentados e falando, rodeados pola crème de Atenas, máis dunha hora: non sei cal entre as historias que Teddy, un dos mellores contadores vivos que coñezo, me contou sería a daquel serán xunto ao Zappeion; pode que a da primeira vez que veu a Ithaca, de cativo, para coñecer a familia de seu pai, as tribulacións desa parella de maduros gays italianos ou o exorcismo en que colaborou unha tía del, misioneira no Brasil, a quen rindo bautizamos como irmá Merrick por razóns obvias.
Despois da historia, o mellor foi que non nos cobraron nada; non é que nos fósemos sen pagar (quero recalcalo) senón que é costume nos bares de Grecia servir auga aos clientes, independentemente do que fosen consumir, e nós, infelizmente, non consumimos, polo que o mozo se negou a cobrarnos outra cousa que a propina; e marchamos.
Ao pasarmos, os soldados de praza Syntagma, implacables, realizaban unha vez máis o cambio de garda.






Amnistía Internacional


A túa asinatura é máis poderosa do que pensas

domingo, 26 de xullo de 2009

Balance de lecturas

Despois dunha intensa convivencia de case tres meses coa señorita Salander, o señor Blomkvist e o resto da troupe do defunto Larsson (peli incluída), hei de anunciar a todos o final da nosa relación, que por certo durou máis e foi máis proveitosa que algunha que mantiven con persoas de carne e óso a quen considerei amigas.
Esta mesma mañá, coa señorita Kaplan ao lado facendo o propio con outro sueco, o noso acabou como acaba todo, e un destes días (cando Polis estea operativo tras a peregrinación) volvereille o libro ao seu lexítimo propietario.
Así que hoxe, dando un respiro á crónica helena, cómpre botar a vista atrás e facer o balance de lecturas deste último curso:
  1. Maurice, de E.M. Forster.
  2. Festina lente, de Marcos Calveiro.
  3. Infancia, de J. M. Coetzee.
  4. Nocilla dream, de A. Fernández Mallo.
  5. Memoria de mis putas tristes, de García Márquez.
  6. La quinta mujer, de Henning Mankell.
  7. Ollos de auga, de Domingo Villar.
P.D.: Por certo (para os que aínda non terminaron o libro de Larsson), ao final non casaron.

sábado, 25 de xullo de 2009

De lanternas, portas e templos

O resto do día a seguir ao xantar foi máis ben discreto e, como dixen, adicado ás compras de Teddy e a pasear por Plaka entre tendas de souvernirs, obradoiros, restaurantes e monumentos.
Ese Luns a esta distancia parece un compartimento estanco entre días ateigados de visitas a museos e ruínas memorables; se pola mañá visitáramos as diminutas igrexas bizantinas e o museíño da mesquita, para o serán quedaban a lanterna de Lisícrates e o templo de Zeus Olímpico, tras o Arco ou Porta de Hadriano.
A lanterna non é tal, e ao mellor por iso nos custou tanto atopala apesar de o plano dicir que estaba aí mesmo; prometo que preguntamos a varias persoas pola rúa, ao mozo dun bar e até algún turista, e ningún nos soubo dicir como chegar á teimosa columna que segue, tras dous milenios, salvando o nome dun autor de teatro do que non se sabe máis nada; por fin, cando xa dubidábamos de se a tal lanterna estaba en Atenas ou pertencía a algún outro tema da nosa Historia da Arte de COU, apareceu entre árbores e terrazas dispostas para a cea.
Máis adiante, descendo, está a avenida Amalias onde repentinamente nos devolve ao século o estrondo da circulación e o fume dos motores; ao outro lado desta avenida de varios carrís está a Porta de Atenas, descentrada e inútil, que un día mandou construír Hadriano e que hoxe non pode estar peor situada, obrigando os coches que van do Pireo a Syntagma a faceren un dramático xiro en ascenso para librala; Nikos xa nos advertira de que as autoridades non saben que facerlle, e o tempo pasa.
Alén da Porta está a zona arqueolóxica en que sobre todo destacan as columnas do arrasado templo de Zeus Olímpico; hai tan poucos visitantes, con esta calor e a esta hora, que os vixiantes desapareceron da vista como para lle facilitar a Teddy as cousas; aínda que ao final serei eu, menos pusilánime ao parecer, quen colla as pedras prohibidas: dous pequenos anacos brancos, renegridos por fóra, sen filiación coñecida nin desculpa.
A amplitude do terreo pelado adensa o silencio que raramente rompe algún claxon remoto; ao lonxe, a vista da Acrópole deste esta explanada, certamente, non deixa de conmover.



A Porta de Hadriano, ou o que resta dela. Abaixo, a entrada ao recinto do templo de Zeus Olímpico

venres, 24 de xullo de 2009

5º día: con M de Monastiraki

O quinto día, cansos, decidimos baixar o ritmo e adicar a mañá a explorar a zona de Monastiraki á procura do correo; despois, visitar algún monumento, talvez unha igrexa bizantina, e facer as compras. No meu caso, este asunto era bastante sinxelo mercé a aquela lexendaria tacañaría dos Kaplan que me permite voltar sen sobrepeso na bagaxe e coa honra sempre a salvo.
Hai moitos anos que non traio recordos nin agasallos das miñas viaxes, como non sexa á miña filla, á miña sobriña ou, naturalmente, a min mesmo.
Nin sequera a Polis, que sempre se lembra de me traer algo.
Teddy, por contra, devecía por comprar agasallos, principalmente a Deni, a quen por forza debe querer moito xa que non houbo día que non o chamase ou lle mandase algunha mensaxe, algún postal, algunha foto vía móbil de si mesmo ou de nós os dous, como para que Deni comprobase o fraternal da nosa amizade e que, efectivamente, no noso cuarto de hotel reinaba unha castidade case monacal.
Nikos recomendáranos a véspera visitar certo museo de cerámica popular que hai xunto ás ruínas da Biblioteca de Hadriano, na mesma praza de Monastiraki onde campan os vendedores de froita, camisolas e gorros; o museo non ten máis interese que albergar nunha antiga mesquita cuberta por unha cúpula, que conserva intactos o mihrab e algunha decoración islámica.
Como resulta que os camiños do Señor son inescrutables, a nosa procura desesperada dunha estafeta acabou levándonos a visitar dúas preciosas igrexiñas bizantinas: primeiro a de Panagia Kapnikarea, en plena rúa Ermou, e despois de xantar, xunto á catedral ortodoxa na que non entramos, a vella catedral medieval, a Mikrí Mitropolí.

xoves, 23 de xullo de 2009

Con P de Panepistimiou

Que significa Universidade, e dá nome a unha das principais avenidas de Atenas, ateigada de hoteis, bancos e tendas de marca.
A ela ábrense, sucesivamente, os edificios da Biblioteca Nacional, a Universidade e a Academia, e aínda máis adiante, a praza Syntagma e o Parlamento; e por ela camiñamos no serán do Domingo mentres poñemos a proba a paciencia de Nikos parando a cada pouco a fotografar esa especie de decorado kitch creado no XIX para acoller as institucións da nova capital, segundo el mesmo nos explica.
Nada faltou que non viñese no manual do turista consumado: nin as fotos do cambio de garda dos evzones na praza Syntagma, nin a conversación sobre ecumenismo no adro de Agios Dyonysios, a catedral católica, nin asomarnos ao xardín enreixado da casa de Schliemann, hoxe convertida en museo numismático, nin, para rematar, unha cea opulenta e gorentosa nun restaurante de Plaka.
Por último, tras deixarmos a Nikos na acostumada boca do metro, Teddy e eu regresamos, máis zombis que nunca, ao hotel.


Os lugares de pedra 2: a Ágora

mércores, 22 de xullo de 2009

Ágora

Si, era preciso pasarmos ao pé da estatua do lexendario Teseo para entrar no recinto en que están as relativamente ben conservadas ruínas do Teseion, templo que, segundo lemos na guía, para uns é o lugar de enterramento dos ósos do heroe e para outros o templo consagrado a Hefesto, deus do lume e a metalurxia; hei de recoñecer que esta última postura nos convenceu máis, xa que a calor abafante só era comparable á que liberan as bocas dos fornos ou as forxas.
Para entrar no enorme recinto que reúne a Ágora Vella, o Teseion/Hefestion, a igrexiña bizantina dos Santos Apóstoles e a reconstruída stoa de Átalos serve o billete da Acrópole, o que non explica o aparente baixo número de visitantes e obriga a botar man de argumentos como a inmensidade do xacemento ou que a vexetación permite camuflarse.
Sexa como for, Teddy e eu fixemos cadanseu xantar de campaña á sombra dunha aciñeira que xa non sabía a idade: a consabida mazá do almorzo e a última das tres pequenas latas de promoción que unhas mozas enloitadas de fitness repartían polo mercado de Plaka adiante, e que conseguimos poñéndonos, cada un, tres veces na bicha.
Como era previsible, pouco ou nada restou do que alí había que non levásemos gardado nas cámaras: capiteis, bustos, pardaus, crismóns, arboriñas esqueléticas, columnatas dóricas, romaceiras, gatos, courazas pétreas, humildes lucernas de barro, estatuas mutiladas, kilix, peplos, e até vixiantes docemente adormecidos baixo unha sombra.
Tras visitar a stoa convertida en museo aproveitamos para facermos as nosas ablucións; na tenda compramos uns gravados, excelentes e a bon prezo, con vistas decimonónicas de templos e ruínas.
Do xantar nunha tasca achegada de Plaka, na que roubamos os lindos manteis de papel non ben os puxera o mozo sobre a mesa, o testemuño dunha foto:

martes, 21 de xullo de 2009

Lastros

Non sei se o parecerá con tanta actualización, pero a señorita Kaplan está comigo desde hai case unha semana e eu, atado a dous lastros, mórdolle tempo ao sono para pasar aquí as notas escritas na viaxe a Grecia, levedándoas con links e algo de sarcasmo.
Non sei se realmente interesan a alguén estes relatos, e o mesmo penso de tanta foto e tanto slide: é verdade que non hai cousa máis mala de aturar que sentar a ver as fotos das vacacións alleas, coa voz en off do teu cuñado, un amigo ou o teu colega do traballo resoando ao lado no seu salón ou no bar onde tomades café mentres explica detalles, rememora prezos ou pon os ollos en branco para que vexas o boa que estaba a paella aquela ou aquela inglesa que comeu tal noite.
Neste caso, hai unha gran diferenza: quen se sinta aborrecer non ten máis que saltar o post ou mesmo cambiar de blog, dito sexa isto con toda amabilidade e dozura.
O outro lastro é o terceiro volume da triloxía Larsson: tras levalo comigo de vacacións e pasealo por terminais e adormecer baixo el mentres Teddy ao lado argallaba nas fotos, empezo a sospeitar agora, a tres centas páxinas do final, que o melón non presta, que non madureceu ben ou algo e está insípido.
Pode que en realidade sexa eu o que está empachado; non sei.

luns, 20 de xullo de 2009

Retratos


Neil Armstrong retrataba a Edwin Buzz Aldrin na base lunar, pouco despois de ter pronunciado a famosa frase e antes do regreso; casualidades da vida, o propio Armstrong autorretratouse sen querer no cristal da viseira de protección de Aldrin. Collins, fóra do escenario, orbitaba.
Atrás, á esquerda, na pequena esfera branca a humanidade, coma un único home, aínda contiña o alento; aínda era posible que os astronautas desaparecesen na procelosa area do Mar da Tranquilidade, ou que a mala sorte os convertese para sempre nun satélite.
(Alleo a todo, eu, de só tres anos e medio, conta miña mai que a esa hora durmía coas meixelas inchadas polos orellóns).

domingo, 19 de xullo de 2009

4º día: con D de domingo

Certo que Deus nunca nos chamou polo camiño da fe, que se lle vai facer, pero o Domingo erguémonos coa santa determinación de irmos á misa, máis por curiosidade do rito que por devoción, nesa igrexa de estraña aparencia que é Agios Konstantinos, situada xusto diante do noso hotel.
Se finalmente non asistimos non foi por falta de decoro na vestimenta (cos pantalóns por baixo do xoello digo eu que bastaría) ou porque dentro non fose fresco, senón porque a misa non empezaba nunca, a tal punto que Teddy me besbellou no ouvido que necesitaba saír. Pasaron minutos interminables antes de decidirme a seguilo e, ao ver a Teddy tomando un capuccino na praza, volvinme ver de rapaz, escapando da misa para os viños despois de saber como vestía o cura ou de que falaban as escrituras ese Domingo.
Trinta anos despois, en vez de cáusticas tazas de branco tomamos capuccinos fríos nas cadeiras de palla dunha terraza que en minutos se enche de vendedores indios e albaneses que pregoan e estenden as mercadorías no chan, diante dos nosos pés.
Non pasará moito tempo sen que a policía lles pida os papeis e lles mande levantar os postos; os axentes, secos e pouco amigables, sorprenden pola xuventude; recrutados seguramente para reforzar a seguridade no 2004, non abondan os mostachos nin as panzas, non son os esperables policías bananeiros pero presénteselles unha brutalidade moito máis escura e temible, que asoma cando un deles saca de porra telescópica e varre a praza de les a les.
Non ben marcha a forza pública, os vendedores regresan; nós, fartos de miseria, encamiñámonos ao barrio de Plaka, a seguir fotografando ruínas.

xoves, 16 de xullo de 2009

Disque

Do recén inaugurado Museo da Acrópole que Teddy e eu visitamos pola tarde direi que é inmenso, espectacular e suntuoso.
Algunha vez, sen embargo, disque a alfaia desmerece e perde valor se o estoxo é demasiado caro ou elegante ou requintado.
Pode que sexa o caso.
Paréceme lembrar o vello edificio de arriba coma un almacén no que o visitante paseaba abafado entre figuras amoreadas, sen luz natural nin espazo; aquí dá a impresión de os visitantes atenderen máis ao edificio e outros xogos que ás pezas que lles saen ao paso nas salas e corredores interminables, e entre as que destaca, máis que as cinco cariátides orixinais, o espazo reservado á sexta; máis que os anacos do friso de Fidias, os reivindicativos vaciados dos mármores de Elgin; máis que os restos conservados no adro de acceso, o chan de cristal que os cobre en parte, mollado tras a trevoada, polo que camiñamos con cautela.
Ao entrar informáronnos de que o billete custa un euro, disque até finais de ano, e de que non se poden tirar fotos de ningún xeito salvo na terraza e no terceiro andar, o dos mármores do Partenón ou o que resta deles..
Cando despois o comentamos, a Nikos pareceulle esta restrición un simple marketing.



Reconstrución do frontón, co friso ao fondo; disque as pezas máis claras son en realidade vaciados dos orixinais conservados noutros museos fóra de Grecia.
Advertencia
: dicir que as de enriba parecen fotos dunha carnicería ou relacionalas con Jack the Ripper, como eu fixen, pode ser considerado blasfemia.


 
Disque tamén nos seráns luminosos, a silueta do Partenón e a Acrópole se reflicte nas vidreiras do Museo como nun inmenso espello. Foi imposible comprobalo nun serán morriñento e de chumbo coma este.


mércores, 15 de xullo de 2009

3º día: con A de Acrópole



Todos queremos pensar que a Acrópole é permanente e inmutable, pero a realidade di que é cambiante e está en continua transformación, non hai máis que comparar as fotos coas da miña primeira visita. Nesta ocasión, por exemplo, o templo da Niké Áptera simplemente non estaba; un aviso in situ explicaba que fora totalmente desmontado para consolidalo e substituírlle as grampas de ferro por outras de titanio.
De resto, guindastre máis andaime menos, e co vello museo fechado, a sagrada colina encaixa coas lembranzas: as hordas de guiris fritíndonos ao sol nesta grella de mármore, os chifros dos gardas cada vez que alguén se pasa, a caza de encadres e fotógrafos, a procura de sombras magras que sempre están collidas por nórdicas incandescentes ou orientais impertérritos.
Erguéramonos con bon ánimo e todas as baterías recargadas (móbil, mp3, cámaras e a propia), deixáramos atrás o novo Museo da Acrópole, rodeado de palacetes e embaixadas, botáramos un cento de postais ao correo na mesma billeteira, e baixo un ambiente requentado e eléctrico que agoiraba xa o trevón que descargaría un par de horas despois, subíramos con paciencia a encosta poeirenta, resequida, ardente.
Trescentas fotos máis tarde, cando o ceo se volvía negro e os trevóns ruxían ao lonxe sobre o Filopappos, baixamos a colina a medio trote e non paramos até nos ver sentados a unha mesa baixo o toldo da taverna (turística) Plakiotissa, rodeados de guiris everywhere.
Abríronse daquela os ceos e choveu a deus dar; os deliciosos rabos de polbo na grella que nos serviron causaron admiración entre os nosos loiros viciños de mesa.

Nikos

Arroubados e mortos de fame (que apenas diminuiu coa mazá roubada do almorzo e devorada no lindo xardinciño do Museo), visitamos a tenda pero non a cafetaría; Teddy aínda comprou algunha lámina.
A fume de carozo, todo o que a temperatura permitía, fomos para o hotel, onde Nikos, un vello amigo de Teddy a quen eu non coñecía aínda, facía corpo coa butaca desde había máis de media hora.
Nikos é un profesor de grego que daba aulas, coma min, na secundaria; pola idade da xubilación calcúlolle máis de 60: é calvo, pulcro, gasta un bigote branco de avó bondadoso, e a artrose que o fai mover con certa lentitude dálle unha aparencia fráxil.
Lévanos alí perto, á cafetaría dun shopping center de Omonia, a praza á volta da cal xa orbitábamos. Non se diferenciaría do self-service de calquera outro centro comercial deste mundo se non é polas vistas ao Likavitos e, especialmente, á Acrópole; desde aquí, contarán un día os libros de texto, Teddy contemplou por vez primeira o Partenón.
Demasiado tarde para xantar e demasiado cedo para cear, optamos por senllas doses de apfelstrudel, industrial e envasado pero delicioso, non sei se porque tíñamos tanta fame que éramos capaces de comelo na cabeza dun tiñoso, como diría a miña mai.
A conversación desenvólvese en francés, laboriosamente pola miña parte, cómpre recoñecelo; cando Teddy vai ao wc e Nikos se dirixe a min, cústame explicarme nun rustrido de linguas que abranxe media Europa, pero cando Teddy volta do wc xa me teño feito unha idea do curriculum da secundaria en Grecia, do sistema de xubilacións dos docentes, e do peso da relixión ortodoxa na programación de liceos e ximnasios.
Despedímonos del no metro, pero é só un à demain: case todos os días, ao serán, este vello profesor en quen dalgún xeito me recoñezo volvería aparecer no hall do hotel para levarnos pacientemente dun lado a outro da cidade que mellor coñece.
A súa.

martes, 14 de xullo de 2009

Os convidados de pedra

2º día: con M de Museo

Moitos pensarán que o lóxico é adicar o segundo día tras a chegada, primeiro completo en Atenas, á Acrópole, e que nada mellor tras a ducha e o espléndido almorzo do hotel que dirixir os pasos á colina sagrada.
Pois non: duchados e almorzados, collemos o metro de Omonia a Viktoria para unha cita co Museo Arqueolóxico Nacional e a súa colección de tesouros.
Quen se encarga das relacións públicas e o trato cos nativos é evidentemente Teddy, que á base de parakalós, evgaristós e kalispéras non só se fai entender senón que consegue mellor información e talvez mellores talladas que eu co meu inglés imperialista e lapidario; recoñézollo mentres toma un café grego e eu unha coke nunha mesa ao pé da que se ve na foto, diante da fachada mesma do Museo.
Dentro aprendo tres cousas fundamentais para o resto da estancia en Grecia, a saber:
  1. O carné de profesor que exhibo diante da señora da billeteira non vale máis que como marcapáxinas, por moi plastificado que mo desen, para gozo e esmendrellamento de Teddy.
  2. A batería do mp3 tamén se acaba, como todas as cousas, aínda que sexa á volta do Zeus de Artemisión e á soprano se lle quebre a voz en pleno arpexio.
  3. Non se poden tirar fotos con flash nos museos de Grecia, aínda que sexa sen querer; o ton e os xestos da funcionaria indicaban que a próxima implicaría a execución sumarísima ou algo aínda peor: a expulsión do Museo.


(Pórtico de entrada ao Museo Arqueolóxico Nacional. Detalle das columnas)

luns, 13 de xullo de 2009

Inferno

Voltar a pé de noite polas rúas de Atenas non ten por que supor ningún problema se un non confunde a dereita e a esquerda propias coas do mapa, e se os nomes das rúas coinciden coas do plano, por exemplo; se non é así, o paseante probablemente acabará perdéndose moi lonxe do hotel e expóndose ao que acertadamente se pode chamar o lado escuro da cidade.
Pouco importa que desen nome a aquelas rúas de Psiri algúns dos viciños máis ilustres, de Sófocles a Eurípides, e de Menandro a Aristófanes: sen Virxilio que nos guiase, atravesamos un inferno de bordeis con faroliño á porta, bazares indios, lixo, cheiro a mexos, liortas de borrachos, hoteis de medio pelo, gatos furtivos, solares mal valados, tipos ofrecendo cousas de toda caste, taxis que nunca paraban, até o horror dunha praza Omonia ('Concordia') ateigada de zombis noctámbulos.
E á vista daqueles rapaces fulminados que esnifaban sobre a baranda da boca do metro, que deixaban á vista do que pasaba a siringa chantada no brazo, que guindaban botellas perante a indiferenza da policía e os vendedores de porno, xurei que nunca máis perderíamos o último metro para Omonia.

domingo, 12 de xullo de 2009

1º día: Chegada

Chegamos a Atenas, sen retrasos e con toda a impedimenta, a media tarde; recóllenos John o taxista, con aspecto de non se ter deitado aínda, que nos fai esperar por un terceiro viaxeiro que finalmente non aparece; no monovolume no que nos asamos lentamente, John o taxista tórnase porteira e sométenos ao terceiro grao: estado civil, fillos, traballos, para acabar ofrecéndose a levarnos pola noite a un strip-tease, o que amablemente declinamos.
Teddy aproveita para practicar grego e acaban falando de fútbol, mentres eu ao lado vou caladiño coma un peto.
Non foi mala idea finalmente contratar o transporte, pensamos ao chegar ao hotel, que tampouco foi mala idea finalmente levar contratado: dánnos unha habitación con vistas, a 601, desde a que se enxerga unha igrexa desde hai moito en obras e unha cidade incansable.
Hai wi-fi no cuarto e Teddy trouxo o miniordenador, pero desde que o conectou souben que só lería o correo e as lamentables noticias pero non actualizaría, que unicamente me asomaría aquí a furto para ler os comentarios.
Tras a ducha e a reconstrución, a cea. Imos en metro a Monastiraki; eu, que estiven por aquí no século pasado, sei que algunhas das mellores cousas de Atenas poden obterse na terraza tranquila dun restaurante coma este, ao abeiro da Acrópole iluminada. Sérvennos satziki e pan torrado con allo, salada grega, mousaka e cervexa; na sobremesa, por xentileza da casa, senllas fatías grandes de sandía.
Seguimos abeirando a Acrópole: a fantasmal ágora romana e algunhas escuras ruelas que exploramos, con fermosas casas case sempre abandonadas; dámoslle unha moeda a un saxofonista que toca Moonriver; o cadelo del, ao lado, aborrece adormecido pola lúa.

sábado, 11 de xullo de 2009

Xa

Estamos de volta.
Iso si, convertidos en marmotas tras dez días e as súas noites por entre ruínas e museos, camiñando baixo soles implacables á procura de vellos templos cando non dunha sombra piadosa, dun lado para outro en tranvías e metro, en taxi e omnibus, a correr por inacabables terminais aéreas, esfolando os pés coas sandalias sobre mármores gastos ou polo humilde pó que, máis que á épica da historia e a lenda, pertencen hoxe aos turistas que o enchen case todo.
Atrás resta unha viaxe inesquecible por moitos motivos, todos eles bons; por diante, desfacer maletas, lavar roupa, procesar centos de fotos, limpar o tobo, avisar de que volvín.

xoves, 2 de xullo de 2009

Post Scriptum


P.S.: Se chegades a ler este post é que estou en plena fuga, e, se a sorte non for adversa, probablemente a esta mesma hora en pleno voo sobre o Mediterráneo.
Como non levo portátil e sigo movéndome na clandestinidade, non hai ningunha certeza de que este blogue se vaia actualizar; tentarei subir fotos e crónicas in situ, pero lembro as dificultades da viaxe a Roma e ao mellor ha de facerse en diferido: será todo o diferente que se queira nesta ocasión, pero eu sigo sen estar feito da pasta dos espías.

P.P.S.: Se ilustro isto cunha foto das ruínas da Acrópole é para que fique claro que xa estaba así cando chegamos, que eu non tiven nada que ver cos estragos do Partenón.
Logo ninguén se chame a engano.

Malden


Era o máis feo, o máis duro, e probablemente tamén un dos máis grandes.
Morreu hoxe aos 97 anos.

mércores, 1 de xullo de 2009

Preparativos


(ou Cousas Que Facer en Ithaca Antes da Partida)

  1. Decidir se comprar unha nova maleta ou se o meu temor de que esta non vai aguantar é infundado. Caso de comprala, lembrar que, sen pasarse, é mellor burro grande.
  2. Meter algo máis de música clásica e de jazz no flamante Mp3.
  3. Comprar unha bolsa cos caramelos de marras (asumamos que son un adicto e que no estranxeiro xa se sabe).
  4. Pedir cita na ITV (do coche) para cando volte (eu).
  5. Levar o coche ao mecánico aproveitando que aceptei, despois de un ano resistindo, que cómpre arranxar o chafarís do cristal dianteiro. Que lle cambie tamén o aceite.
  6. Despedirme da señorita Kaplan: outra que viaxa este ano.
  7. Ir cortar o pelo; antes, recortar a barba sen esquecer nariz, orellas e outras zonas abruptas.
  8. Procesar os víveres do frigorífico: comprobar caducidades e levar á de miña mai o que agoniza. Ao lixo cos pementos incendiarios e co alioli que trouxo meu cuñado.
  9. Carrexar as plantas todas da casa para a cociña e regalas. Deixar baixadas as persianas do salón e o estudio. Mudar a cama. Descartar poñer a lavalouza.
  10. Levarlle á miña sobriña os dous bonsais; insistir en que lles cómpre rega diaria e que non lles dea o sol directo.
  11. Consultar os partes meteorolóxicos dos próximos dias.
  12. Chamar a Haddock, Ambece e Nican: máis que por despedirme, para que non vaian aparecer por Ithaca contando con que estou. Pasar pola de Polis: despedirme, pedirlle a guía de viaxe e manter a boca selada.
  13. Na caixa, recoller a tarxeta, pagar a pensión da señorita Kaplan e retirar pocket money.
  14. Decidir se levo un libro manexable, pero novo, ou me arrisco a pagar un sobrepeso co libro que teño encetado.